mércores, xuño 23, 2021

O 'Golar Frost' é un buque gaseiro que estivo cargando GNL en Reganosa durante catro días, para o negocio especulativo do gas, unha planta subsidiada con diñeiro do Tesouro Público, que pagamos a través dos recibos da luz e do gas - Unha operación especulativa que durante catro días aumentou de xeito exponencial, o perigo para a poboación que mora na contorna da Ría


O pasado domingo 13 de xuño, o buque gaseiro "Yakov Gakkel",  descargaba as miles de toneladas de GNL para Reganosa, fixo-o perante 24 horas que é o que dura o transvase do gas natural licuado do buque aos tanques. Segundo os datos do Xestor Técnico do Sistema, foron 164.173 m3, os que deixou na planta de gas. Este proceso de descarga aumenta exponencial o perigo que xa de por si supón a localización da planta de gas no corazón da Ría de Ferrol, para as miles de persoas que moran na súa contorna. Mais desta vez, o GNL que descargou o "Yakov Gakkel", durou pouco nos tanques de Reganosa, pois o venres 18 deste mes de xuño, arribaba ao porto de Mugardos o LNG Tanker "Golar Frost", procedente de Mina' al Ahmadi, Kuwait, para desta vez cargar 150.532 m3 de GNL. O proceso de carga desde os tanques ao buque gaseiro, é moito máis lento, dura uns catro días, polo que o exponencial perigo para a poboación que mora na contorna da Ría é moito maior.

O "Golar Frost", é un buque de grande porte, con 281 metros de eslora e 44 de manga, actualmente navegando baixo bandeira de conveniencia das Marshall Islands, construído en 2014. Arribou ao porto de Mugardos sobre as 21:30hs do pasado 18 de xuño e puxo rumbo a alta mar, na madrugada deste martes 23. Na actualidade, atopa-se navegando fronte as costas de Portugal en situación de "for orders" (espera de pedidos ou dirixirse a novos pedidos). Podemos concluir, segundo a información pública que hai, que este buque cargou GNL en Reganosa, agardando un cliente que pague ben polas miles de toneladas que leva nos seus tanques. Non deixa de ser un negocio especulativo, co gas natural licuado procedente dunha planta subsidiada polo diñeiro do Tesouro Público, que pagamos a cidadanía a través das peaxes e impostos nos recibos da luz e do gas. O que queda demostrado é que ese gas que se leva o "Golar Frost", non era  tan estratéxico para Galiza, com así se nos ten dito unha e outra vez, para xustificar a construción da planta.

E todo isto sucede en Reganosa, no corazón da Ría de Ferrol, onde está situada a regasificadora a poucos metros de núcleos de poboación (Unhas 45.000 persoas nun radio de 3 Km); á beira dun complexo petroquímico que pode almacenar 300.000 m3 de produtos tóxicos e perigosos (Forestal del Atlántico e Imegasa) e dunha planta térmica de coxeración eléctrica (De 28,8 MW de potencia e que funciona a base de queimar fuel-óleo); a pouco máis de 2 Km da Base Naval d'A Graña; a pouco máis de 1 Km dun grande estaleiro (Navantia), e a 1,5 Km do Arsenal Militar e da Base de estacionamento das Fragatas F-100.

E para finalizar non podemos perder de vista que a estas alturas Reganosa aínda non ten concedidos os correspondentes permisos de construción e funcionamento que foran tumbados polas cinco sentenzas do Tribunal Supremo e que na actualidade segue en proceso de trámite. Situación que amosa as ilegalidades continuadas, cometidas por gobernos e administración, na tramitación dos diferentes permisos e concesións. A construción de Reganosa deu comezo hai 18 anos (2003) e comezou a funcionar hai 14 (2007) e aínda segue sen ter os correspondentes permisos.

Foto do "Golar Frost", no peirao de Reganosa. | 19.06.2021

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon