Centos de persoas piden "xustiza para Samuel" polas rúas da Coruña
A cidadanía xúntase para reivindicar que "non morreu, foi asasinado". Aliás, demanda pór fin ao discurso do "odio e a indiferenza".
Centos de persoas -mesmo perto de 3.000 segundo a organización-, con todo tipo de perfís pois o crime uniu a sociedade coruñesa baixo unha mesma demanda, volveron este domingo ás rúas da Coruña para reclamar xustiza para Samuel Luiz, o rapaz de 24 anos asasinado na madrugada do pasado sábado debido a unha brutal malleira.
Chamadas por entidades do colectivo LGTBQI+, concentráronse antes das 19.30 horas na praza da Palloza para amosar o seu rexeitamento ao crime, con independencia de que o móbil continúe sen ser aclarado polas autoridades nunha investigación baixo segredo.
Rieiros de veciñas e veciños -entre as que se atopaban caras coñecidas da política local e tamén profesionais de medios españois, ademais dos galegos, achegáronse ao punto de encontro até última hora levando con orgullo a bandeira do arco da vella.
Escoltada pola Policía Local e a Policía Nacional, a xente comezou a camiñar (máis tarde da hora estipulada) cara a praza de María Pita, que acolleu a concentración masiva da pasada segunda feira, ao grito de "Non son mortes, son asesinades" nunha linguaxe inclusiva.
Na pancarta que ía diante podíase ler "Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza. #XustizaParaSamuel" e nos carteis individuais deixáronse escritas mensaxes tan reveladoras como "Seguimos protestando porque seguennos matando" e "Os dereitos humanos non son obxecto de debate" e tan irónicas como "Ana Rosa. Cala parva".
Outras das consignas que berraba a cidadanía durante a manifestación, que no momento desta publicación aínda continuaba, foron "Se tocan a unhe, tócannos a todes"; "Rebelión, desobediencia"; "Samuel, irmán, non estás só" ou "Non morreu, foi asasinado".
Proba de que este tipo de accións aínda son necesarias na sociedade actual son anécdotas vividas na previa da marcha, pois familias consideradas normativas que querían participar da loita polos dereitos de Samuel indicaban ao mesmo tempo onde colocarse aos fillos afirmando "ti aquí, cos normais" impoñendo estar xunto a persoas que, quizais para esas unidades familiares, escapaban do arquetipo de persoa LGTBQI+.
Campañas a prol da xustiza e da lembranza
A concentración de protesta fora anunciada por varias agrupacións do colectivo LGTBQI+ en homenaxe a Samuel e para reclamar xustiza polo crime pero tamén coma unha reacción “ante o odio e a indiferenza”.
“A LGBTIfobia non só vén en grupo a dar malleiras, ás veces tamén actúa a porrazos, co uniforme e o casco posto, ou ninguneando e desprezando desde comisarías e xulgados ás vítimas de agresións LGBTIfóbicas por parte desta xustiza patriarcal e reaccionaria. Imos pelexar e organizarnos contra as agresións LGBTIfóbicas, non só a defendernos”, sinalaron nun comunicado para dar a coñecer a convocatoria.
Ademais deste tipo de actos reivindicativos tamén está en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para intentar que o Concello da Coruña mude o nome da avenida de Buenos Aires por Samuel Luiz, en lembranza deste traballador da residencia de maiores de Padre Rubinos que foi nesa rúa.
Fonte: Nós Diario - 11 de xullo de 2021.
Foto: Un momento da manifestación desta tarde. (Foto: Nós Diario)
Faite Asinante de Nós Diario
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon