sábado, xullo 03, 2021

O boom do hidróxeno: conto de fadas ou pesadelo climático?- Presentamos un informe sobre o papel das empresas gasísticas no auxe do hidróxeno


"O boom do hidróxeno: conto de fadas ou pesadelo climático?"

Presentamos un informe sobre o papel das empresas gasísticas no auxe do hidróxeno

· Ecologistas en Acción e o Observatorio da Débeda na Globalización facemos pública a tradución dun informe de Corporate Europe Observatory, Food and Water Action Europe e Re:Common.

· O estudo advirte dos intereses económicos e corporativos das multinacionais do gas detrás do impulso do hidróxeno.


Nos últimos meses, e cos plans europeos para a recuperación económica e a transición enerxética sobre a mesa, xurdiu con forza un novo protagonista: o hidróxeno. Segundo eses plans, o hidróxeno será a clave na transición para un futuro verde. As dúbidas ambientais, sociais e económicas tras este sector son numerosas. Que intereses hai detrás de que esta fonte de enerxía tan pouco coñecida se promova como a salvación para a urxencia climática?

No informe "O boom do hidróxeno: conto de fadas ou pesadelo climática" se destapan algunhas incógnitas: o lobby do hidróxeno ten como actores principais ás empresas do gas, que atopan neste elemento químico o seu mercado de futuro para continuar promovendo un modelo enerxético baseado nos proxectos insostíbeis e de excesivas dimensións, así como as colaboracións público-privadas.

A campaña da industria do hidróxeno está en pleno apoxeo. Unha análise de máis de 200 documentos, obtidos grazas ás normas sobre transparencia e liberdade de información, deixou ao descuberto unha intensa campaña de presión organizada pola industria do gas natural na Unión Europea. O lobby do hidróxeno declarou un gasto anual conxunto de 58,6 millóns de euros en intentar influír nos procesos de decisión e elaboración de políticas de Bruxelas. Representantes da industria do hidróxeno reuníronse con comisarios europeos e os seus equipos en 163 ocasións para tratar temas enerxéticos entre decembro de 2019 e setembro de 2020. Esta cifra contrasta coas 37 reunións mantidas polos altos cargos da Comisión Europea con ONGs.

Para dar resposta a esta situación, o informe conclúe con cinco recomendacións que a UE debería ter en conta para evitar a chamada "burbulla do hidróxeno" e camiñar cara a propostas realmente sostíbeis:

1. Un cambio de apoio político e financeiro: os fondos públicos deben dedicarse a apoiar á enerxía eólica, solar e outras fontes renovábeis, con plans de aforro enerxético e cun enfoque que priorice infraestruturas e proxectos comunitarios e públicos.

2. Fin do acceso privilexiado da industria do gas: a inclusión da industria no proceso de elaboración de políticas obstaculiza gravemente o proceso de cambio. Necesítase unha devasa entre os responsábeis políticos e a industria do combustíbel fósil nos niveis nacionais, rexionais e nos espazos de Nacións Unidas.

3. Un cambio de cultura das relacións cos grupos de presión: é necesaria unha total transparencia na elaboración dun rexistro de grupos de presión legalmente vinculante e plenamente complementado e unhas políticas encamiñadas ao interese xeral en lugar das que se fan para beneficiar á industria.

4. Deixar de poñer a investigación financiada con fondos públicos en mans das empresas: no seu lugar, utilizar o diñeiro das persoas contribuíntes para investigacións que aborden adecuadamente os desafíos sociais, como é o caso da urxencia climática. É preciso o apoio do sector público a proxectos comunitarios renovábeis de produción a pequena escala, descentralizados, para a mellora da eficiencia e o aforro enerxético.

5. Non máis infraestrutura fósil: Hai que descarbonizar o sistema mediante unha transición adecuada e xusta, coa eliminación gradual e ben planificada de todos os combustíbeis fósiles e dos seus infraestruturas. Debe facerse conforme á ciencia e tecnoloxías dispoñíbeis, ao mesmo tempo que se protexe ás comunidades e aos seus traballadores antepoñendo os seus dereitos e benestar ao das ganancias corporativas.

A publicación, adaptada e traducida por Ecoloxistas en Acción e o Observatorio da Débeda na Globalización foi elaborada por Corporate Europe Observatory, Food and Water Action Europe e Re:Common en decembro de 2020.

✔ O BOOM DO HIDRÓXENO: CONTO DE HADAS OU PESADELO CLIMÁTICO? A Comisión Europea e o seu obxectivo de permitir que a industria do gas dite as normas sobre o hidróxeno en Europa. |  8 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Fonte: Observatorio da Débeda na Globalización. | 6 de maio de 2021

Baixo licenza Creative Commons by-nc 4.0.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon