venres, xullo 16, 2021

O Pleno de de Ferrol acorda a aprobación inicial do Orzamento Municipal para o exercicio 2021 que supera os 86,8 millóns de euros - O documento orzamentario foi aprobado cos votos dos grupos municipais do BNG, de Ferrol en Común e o do PSdeG-PSOE e os votos en contra do Partido Popular

Tags


En sesión extraordinaria semipresencial celebrou-se o Pleno, no Pazo Municipal onte día 15 de xullo, comezando pouco despois de pasadas as 6 da tarde, para debater e votar a "Proposta de aprobación inicial do Orzamento Municipal para o exercizo 2021". O primeiro orzamento, despois de dous anos do goberno en minoría, do mandato do Alcalde Ángel Mato. Uns orzamentos que o grupo do goberno, integrado só por membros do grupo do PSdeG-PSOE, pactou a dúas bandas, nun primeiro lugar co grupo do BNG e logo co grupo de Ferrol en Común que consensuaron os orzamentos nunha actitude xenerosa por todas as partes, dado a importancia de que o Concello conte cuns orzamentos municipais, ante a importante crise social e económica que estamos a vivir, achegando varias propostas e cedendo o grupo de goberno noutras, como as relacionadas co Convenio de Defensa, no que non hai acordo. O orzamento municipal para 2021, aínda que chega seis meses tarde, é un orzamento histórico que despois dos acordos superan os 86,8 millóns de euros.

O Pleno transcorreu aproximadamente durante tres horas onde, nun principio debateron-se as emendas do grupo do Partido Popular que foron rexeitadas.

O documento de orzamento 2021 que se levou a Pleno foi o que pasou, este luns 12 de xullo, pola Comisión de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos que como é preceptivo ditaminou o documento na citada sesión extraordinaria.

Na páxina web oficial do Concello relataba-se deste xeito os acordos da citada Comisión:
... Os representantes de FeC e BNG pronunciáronse a favor. Presidiu a reunión a concelleira Eva Martínez Montero. Trasladoulles aos grupos políticos as principais cifras dunhas contas que van chegar aos 86.869.243,11 euros, o que supón un incremento do 25,58 % respecto das do 2018. En números absolutos, un aumento de 17.696.981,29 euros sobre os 69.172.261,29 que acadaban os últimos presupostos aprobados polo pleno.

Martínez Montero destacou que a suba prevista nos ingresos derívase principalmente de endebedamento por algo máis de 14,6 millóns de euros destinados a investimentos reais, co que a débeda líquida do Concello se situaría en 26,24 millóns, dentro dos niveis legais permitidos. A edil destacou tamén o aumento do financiamento alleo, procedente da Edusi, a Agader, a Deputación ou o 1,5 % cultural do Ministerio de Transportes.

O Orzamento para este 2021 é “o máis elevado que presenta a cidade de Ferrol”, en palabras do alcalde, Ángel Mato, no día que se deu a coñecer o primeiro borrador. O rexedor afirmou naquel momento que as contas reflicten “o proxecto de cidade deste goberno”, nun documento “moi ambicioso, centrado nunha política anticíclica” e baseado no capítulo de investimentos “garantindo que o gasto ordinario se contén na medida do posible”, aínda que “contemplando sempre os fondos necesarios para garantir os servizos que o Concello ten pendente de contratar”. Mato destacou que a situación económica na cidade como consecuencia da pandemia require “un esforzo extraordinario” á hora de dinamizar a actividade, polo que a proposta “implica que o Concello asuma o mesmo esforzo económico que tamén lle está esixindo ao resto das Administracións”. Neste senso, puntualizou que é necesario levar a cabo unha “política económica expansiva para contribuír á saída da crise”, un obxectivo que “contempla o proxecto de orzamentos”.

Segundas contas elaboradas polo goberno local

O alcalde puntualizara tamén que é a segunda vez que o goberno local elabora uns Orzamentos, xa que os primeiros presentáronse a comezos do pasado exercicio, pero as negociacións para sacalos adiante paralizáronse co acordo de todos os grupos políticos ante a irrupción da pandemia mundial da covid-19. O anexo de investimentos recolle os proxectos que “queremos abordar de aquí ao final de mandato”, varios deles, pola súa envergadura, repartidos en varias anualidades. Entre eles está o proxecto para a reurbanización da rúa Igrexa, a humanización do primeiro quilómetro da Estrada de Castela, a rehabilitación de vivenda en Recimil e a dos catro inmobles que conforman a casa de Carvalho Calero; a rúa San Francisco; o derrubamento da nave provisional do mercado da Magdalena ou a reurbanización das rúas Manuel Belando e Nova de Caranza. Recolle tamén dotación económica para executar os proxectos de acondicionamento do parque de personaxes populares e o de Fontelonga e para continuar coa rehabilitación de Recimil, un proxecto que está en marcha dende hai varios anos e que “debe ter continuidade”.

Mato destacou naquel momento que a partida de Benestar Social pasaba de 4,9 millóns de euros a 5,2 e a de Cultura e Educación de 5,3 a 5,5, mentres que tamén se destinarán “importantes partidas” a eficiencia enerxética e mellora da Administración electrónica. E explicou que o Concello quere mobilizar arredor de 1.300 euros por habitante neste exercicio, unha proposta que convertería a Ferrol na cidade co maior gasto por veciño proporcionalmente. Vai ser o orzamento “máis alto das cidades galegas, e vai ser así porque Ferrol o necesita”, dixo.

Proxectos acordados durante negociacións

A estas grandes liñas sumáronse nas derradeiras semanas as acordadas polo goberno local e as forzas políticas e que están incluídas “de xeito específico” no documento, dixo hoxe Martínez Montero. No que se refire ao pactado con FeC, inclúense puntos tales como a execución da quinta fase de pasos de peóns accesibles, a instalación dun elevador no aparcadoiro do Cantón, o desenvolvemento de plans sociocomunitarios en Recimil e San Pablo, o estudo dunha renda municipal básica, o incremento dos fondos de emerxencia social de cara ao orzamento do 2022, a incoación do expediente dun novo regulamento de participación cidadá, un proxecto construtivo para a praza de Rosalía de Castro, un local social para o barrio de Ultramar, a reurbanización de Pardo Baixo, a rehabilitación de interiores de vivendas públicas de Recimil, un proxecto de nova urbanización para a praza Vella, a reconfiguración do proxecto da casa de Carvalho Calero, a redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patín, a posta en marcha dun servizo de rozas municipal cunha cuadrilla permanente, a inclusión do saneamento do río Sardiña e do inicio do saneamento do rural no orzamento do 2022, o desenvolvemento dun plan para a implantación de iluminación pública de baixo consumo no rural e o desenvolvemento dun proxecto integral para a zona deportiva marítima da Cabana nas contas do 2022, que tería como paso previo pequenas intervencións xa este ano.

O acordo co BNG recolle un incremento dos investimentos en varios barrios, como poden ser a recuperación e rehabilitación do mercado municipal de Recimil, distintas intervencións en Santa Icía e Brión, a mellora do parque infantil da praza do Inferniño, a recuperación da zona verde do parque do Montón, en Caranza, e converter a casa Carvalho Calero nun “referente” tanto para o barrio de Ferrol Vello como para a cidade e para Galicia. Tamén se incorpora unha partida para a prestación directa do servizo de rozas do rural, que realizarían durante todo o ano operarios municipais con maquinaria especializada.

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon