martes, setembro 28, 2021

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na dedensa dos dereitos de todos e de todas


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha moción, que será debatida o xoves 30 de setembro, na que propón que o vindeiro ano 2022 sexa declarado en Ferrol como o “Ano do Dia da Clase Obreira Galega” como xeito de comemorar o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Asi mesmo propón desenvolver un calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022 co obxecto de lembrar o esforzo desenvolvido en defensa da democracia e emancipación da Clase Obreira Galega así como o estabelecemento dun galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.

Unha loita que cómpre lembrar máis que nunca nunha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Ivan Rivas sinalou que o pasado debe servir de lembranza e recoñecimento para enfrontar o futuro e por iso desde o BNG consideramos oportuno que o próximo ano 2022 sexa declarado ano da Clase Obreira Galega, que desenvolvamos un premio que recoñeza o esforzo de persoas e colectivos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas e que ao longo de todo o ano 2022 se poidan desenvolver actividades relacionadas cos dereitos dos traballadores e traballadoras e das persoas que teñen e que están a buscar traballo nunha cidade que precisa de maneira clara e contundente un proxecto de futuro que debe pasar por desenvolver o noso principal sector produtivo que non é outro que os estaleiros da ría de Ferrol.

O BNG quer lembrar que o vindeiro ano conmemorase o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 1972 na nosa cidade que teñen o seu desencadeamento na loita dos traballadores/as da Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo e que deu lugar a que se recoñeza esta data como o Dia da Clase Obreira Galega. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosos feridos e dous mortos: Amador Rey e Daniel Niebla.

Esa tráxica data, o 10 de Marzo, pasou a historia do sindicalismo galego como "Día da clase obreira galega", e significou un novo e importante pulo de resposta á ditadura e o xermolo dun importante movemento sindical.

Igual que noutros países procúrase significar no calendario aquelas datas que lembran un fito importante da súa historia, o 10 de Marzo cumpre con estas características para a clase traballadora galega, para as súas organizacións é a referencia explícita da loita polas liberdades e polos dereitos laborais.

Consideramos que o Concello de Ferrol non debe deixar pasar a efeméride de conmemorar o 50 aniversario do Dia da Clase Obreira Galega, lembrando cunha serie de actividades os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

#diadaclaseobreiragalega

Ferrol a, 27 de setembro, de 2021

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de setembro de 2021 22:33

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon