luns, novembro 29, 2021

ADEGA presentou a través do grupo municipal do BNG unha moción relativa ao consumo alimentario que foi aprobada por unanimidade polo Pleno Municipal do Concello de Ferrol - Agora falta que o acordado se leve a cabo


Esta moción foi aprobada por unanimidade no pleno municipal celebrado o xoves 25 de novembro de 2021, agora falta que se leve a cabo.

Nesta iniciativa proponse que o concello de Ferrol desenvolva unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria. Que se dirixa aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector. E promova que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

MOCIÓN DO BNG RELATIVA AO CONSUMO ALIMENTARIO E ACORDOS COMPLEMENTARIOS

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción, para o seu debate no Pleno da Corporación

Exposición de Motivos

A delegación comarcal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA-Trasancos queremos trasladar ao pleno municipal de Ferrol as seguintes propostas diante da situación actual en relación coa problemática alimentaria.

O informe de “Unidos Na Ciencia 2021” elaborado pola comunidade científica conclúe, que A Covid-19 non foi quen de diminuír o cambio climático, senón pola contra, tras unha baixada provocada pola paralización da economía, o cambio climático está a crecer, debido ao aumento de novo das emisións de GEI. A ecoloxía segue a estar case desaparecida do noso sistema de vida e da nosa economía e xunto coas concentracións cada vez maiores de gases de efecto invernadoiro, están condenando ao planeta e as súas moradoras a un escuro futuro, aínda que, en moitas partes do mundo esta escuridade xa é palpábel desde fai tempo.

Hai uns días a ONU por medio das súas axencias facía público un informe “O estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo" elaborado polas FAO-OMS-FIDA-UNICEF-PMA, que concluía, que 1/3 dos alimentos que producimos van parar ao lixo. Isto significa 1.300 millóns de Tm de comida ao ano. Por facernos unha idea isto ven a supor, perto do 30% dos cereais, o que equivale a 763 millóns de paquetes de pasta, ou o 20% da carne vermella que equivale a 75 millóns de vacas. Tamèn a estudo concluía que se tira o 45% das froitas e vexetais que se colleita, unha cantidade equivalente a 3.700 millóns de mazás.

Ao mesmo tempo perto de 820 millóns de persoas pasan fame, case 3 mil millóns de persoas no mundo non poden acceder a dietas saudábeis moitas delas na Galiza e millóns de crianzas sofren atraso no crecemento por falta de alimentos. Coa Covid-19 isto agravouse, xa que, perto de 140 millóns de persoas sumáronse aos conxunto de persoas que pasan fame e teñen carencias nutricionais.

Un informe sobre a Galiza concluía, que perto da metade das familias galegas teñen problemas para chegar a fin de mes, o que con certeza está a influír na súa alimentación imposibilitándoas a levar unha dieta saudábel e o acceso a alimentos de calidade. O acceso a alimentos de calidade frescos e locais, está a ser unha das novas desigualdades na nosa sociedade, nas que por un lado temos un grupo de xente que pode levar unha alimentación saudábel e de alto valor, mentres outro grupo, este cada vez máis numeroso, non pode acceder a este tipo de alimentación. Cabe sinalar que este estudo demostra, que é un 10% máis alto a inseguridade alimentaria moderada nas mulleres que nos homes, aumentando en comparación co 2019 en case 4 puntos a nivel global.

Ao mesmo tempo o desperdicio de alimentos nas súas diferentes etapas (produción - transporte - almacenamento - venda e consumo) está a ser un factor decisivo no cambio climático. O informe constata que este desperdicio de alimentos supón, case o 10% das emisións de GEI a atmosfera, ademais de aumentar a contaminación de augas e terras, por uso dos agro-tóxicos e outros insumos e tamén está a aumentar o estrés hídrico en moitas partes do planeta, xa que, en moitas zonas onde se producen alimentos, xa por natureza sofren de este estrés, mais co cultivo de alimentos estase a agravar o problema. Segundo o informe na UE e na América do Norte, desperdiciase por persoa aproximadamente entre 100-120 Kg de alimentos ao ano. Na Africa Subsahariana e Asia, pérdense por persoa non máis de 13 Kg ao ano de alimentos. No estado Español a media é que cada habitante tira ao lixo uns 80 Kg de alimentos por ano. Segundo as axencias da ONU o custe económico deste desperdicio supera os 400 mil millóns de dólares.

Segundo lnger Andersen, directora executiva do PNUMA "Diminuír o desperdicio de alimentos reduciría as emisións de gases de efecto invernadoiro e a velocidade de destrución da natureza que resulta da conversión da terra e a contaminación. Ao mesmo tempo, melloraría a dispoñibilidade de alimentos e, polo tanto, reduciría a fame e aforraría diñeiro nun momento de recesión mundial".

Cómpre sinalar que este desperdicio de alimentos está a causar na maioría dos concellos, sobre todo na Galiza e máis concretamente no noso, o encarecemento da factura polo tratamento e recollida deste lixo, xa que a fracción orgánica ven a supor o 40% do peso da bolsa que xeramos diariamente co cal, ven a supor o 40% da factura que o concello de Ferrol paga pola recollida e tratamento do lixo cada ano.

Por todo isto solicitamos ao Concello de Ferrol a adopción dos seguintes acordos:

1.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a desenvolver unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria que contemple:

1.1- Dirixirse aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector.

1.2- Promover que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

1.3- Actividades de concienciación dirixidas á: centros de ensino, entidades veciñais, e movemento asociativo e veciñanza en xeral sobre a problemática alimentaria, a importancia de planificar as compras e as comidas, para deste xeito evitar o desperdicio de alimentos e o que isto supón.

2. O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a promover e favorecer o estabelecemento de cadeas agro alimentarias curtas que eliminan intermediarios e, polo tanto, reducen a perda e o desperdicio de alimentos durante a colleita, o transporte e a venda,

3.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a potenciar os mercados municipais de Recimil, Caranza e A Madalena como centros de venda de produtos locais, frescos e de tempada.

4.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a implantar na cidade o sistema de compostaxe comunitaria tanto na zona urbana como na rural, xunto con campañas de concienciación dos beneficios, económicos, sociais e medio ambientais desta forma de tratar o lixo.

Ferro1, 22 de novembro de 2021

Iván Rivas Rico
Portavoz municipal do BNG

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

https://ferrol.bng.gal/

https://adega.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
29 de novembro de 2021 12:05

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon