luns, decembro 20, 2021

Rolda de prensa da Plataforma sobre a xestión do sistema de saneamento e depuración da marxe norte da Ría de Ferrol - Vídeo


Hoxe pola mañá, 20 de decembro, membros da Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización realizaron unha rolda de prensa nas escaleiras exteriores do Palacio Municipal de Ferrol sobre a xestión do sistema de saneamento e depuración da marxe norte da Ría. Lupe Ces foi a encargada de falar no nome da Plataforma.

A razón de convocar esta rolda de prensa é o feito de que a encomenda de xestión das instalacións EBAR, EDAR, emisario terrestre e emisario submarino, do sistema de saneamento e depuración, caduca o 31 de decembro deste ano 2021, e esta Plataforma quere facer pública a súa posición ao respecto. Na actualidade estas instalacións están xestionadas por EMAFESA como encargada final dun encadeamento de encomendas de xestión por convenios, entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Augas de Galicia, entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol e un caducado Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e Emafesa.

Outra das razóns é que chegou a coñecemento desta Plataforma a existencia dun documento elaborado pola propia Augas de Galicia (Xunta de Galicia) para dar unha saída a esta situación que mantén ademais en conflito aos concellos de Narón e Ferrol. Tratado nunha reunión a tres bandas (o martes 26 de outubro), polo que sabemos, sen chegar a ningún acordo. Un documento onde se ofertan tres saídas diferentes para a xestión das infraestruturas:

    • A primeira, que a xestión das instalacións sexa devolta a Augas de Galicia e que ACUAES siga xestionando os tanques de tormenta, colectores e interceptores.
     
    • A segunda saída proposta é a creación dun ente supramunicipal que se encargue da xestión de todo o sistema, coa participación das empresas mixtas (EMAFESA e COSMA) e que dentro de 6 meses asuma a xestión do sistema de interceptores que leva ACUAES con VIAQUA.
     
    • A terceira é manter por separado a xestión de cada concello, cunha maior asunción de carga por parte do concello de Ferrol, como viña sendo até agora.

    • O concello de Narón manifestou xa o seu rechazo á terceira opción, apoiando a primeira, que a xestión sexa asumida por Augas de Galicia, mentres non se crea o ente supramunicipal necesario para darlle unha xestión de ámbito local.

    • A postura desta Plataforma coincide con devolver a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías, e porque non se pode confiar na empresa que o ven xestionando ao longo destes anos pola cantidade de irregularidades e incumprimentos que desde hai anos ven realizando: lecturas estimadas abusivas para facerse con liquidez a consta das abonadas; facer definitivo o que era provisional, aplicando consumos lineais por non instalar contadores nos barrios de Recimil e San Pablo; cobro de depuración sen que existise o servizo enganando ate o mesmo goberno municipal; non facendo ningún investimento no rural, sendo este un dos compoñente para o cálculo do prezo da taxa que se nos cobra; retención e non pago do canon concesional; retención despois de telo recadado do canon da auga... E apoiamos a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais. Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros  que constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto a depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.

    • Nese sentido tamén queremos engadir que Augas de Galicia debe asumir a xestión do sistema para transformalo conforme a criterios de sustentabilidade, respecto ao medio e optimización de custos. Asistimos a unha suba do custe eléctrico exponencial. O modelo imposto ao concello de Ferrol é un modelo insostible, que non só é unitario (eliminando a separación de augas pluviais e residuais), senón que ademais, ten unha estación de bombeo para lanzar as augas residuais a case 50 metros de altura para que completen o seu camiño ate a EDAR de Prioriño. Un despropósito que cada día sae máis caro e que se debe transformar inspirándose nos modelos antes citados de aproveitamento enerxético e redución de custes ambientais de EDAR BENS.

    • O goberno municipal de Angel Mato, ante esta situación actúa con total falta de transparencia, ocultando o documento e sen dar conta do acontecido nas reunións a tres bandas, sen dar conta nas comisións informativas municipais, nin convocar xunta de portavoces, ... Actuando así para continuar na sua liña de favorecer o aumento de negocio da empresa mixta EMAFESA e o seu socio privado SOCAMEX, que nestas alturas non deberan xestionar ningún servizo municipal, dadas todas as  irregularidades e incumprimentos que como mínimo deberan estar recollidos nun expediente administrativo por incumprimento de contrato.

A Plataforma reiteramos:

Que Augas de Galicia debe asumir a xestión do servizo de saneamento e depuración no seu conxunto mentres non se cree o ente supramunicipal que se faga cargo da xestión a nivel local.

Que Augas de Galicia debe asumir as transformacións necesarias do sistema para facelo máis sostíbel (transformación gradual nun sistema separativo, innovación tecnolóxica, aproveitamento das augas residuais -biogás-  e  a súa caída polo emisario terrestre como fonte de enerxía, turbinas eólicas, enerxía solar, optimización e redución dos custes eléctricos...) seguindo o modelo da nomeada empresa supramunicipal pública EDAR BENS.

Exiximos transparencia e compromiso na defensa dos intereses das veciñas e veciños de Ferrol, por parte do Alcalde, señor Mato e o seu goberno, facendo fronte común co concello de Narón, poñendo punto e final aos abusos da empresa EMAFESA no noso concello, impedindo que aumente de xeito irregular o seu volume de negocio .

O fin último desta Plataforma é recuperar para a xestión pública os servizos básicos agora privatizados... Sabemos que a maioría da representación política no Concello non está pola labor, mesmo no caso da limpeza viaria e recollida de residuos sólidos, que terían agora a oportunidade, prefiren estar cunha prorroga ilegal dun contrato caducado hai 7 anos, a rescatar o servizo para a xestión pública. No caso concreto do servizo de saneamento e depuración estaría complicado porque neste momento, na corporación cohabitan o alcalde e dous ex-alcaldes, cuxa política propiciou a posición de abuso e impunidade da empresa EMAFESA e o seu socio privado SOCAMEX,  que cobrou á veciñanza máis de 7 millóns de euros por un servizo que non prestaba. Cobrando-nos como se foran máis de 67 millóns de m³ de augas residuais as que pasaron pola depuradora, cando na realidade só foron pouco máis de 9 millóns e cobrando como si se consumiran máis de 37 millóns de Kw/h cando en realidade só foron pouco máis de 7 millóns. Cargando deste xeito os falsos custes, de 31 meses do período (setembro de 2014 a marzo de 2017) que durou a reparación, arranque, posta en marcha e probas do sistema, a unha parte da veciñanza de Ferrol.


#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon