luns, xaneiro 10, 2022

A CIG e o BNG coinciden na necesidade de que o trámite parlamentario sirva para derrogar a reforma laboral - Delegacións das dúas organizacións, cos seus máximos responsábeis á cabeza, mantiveron unha reunión para abordar a nova normativa - Vídeo


O que se aprobou non é unha reforma laboral, senón un cambio lexislativo co que se pretende consolidar a peor versión da reforma do PP

Carril denuncia que estes cambios laborais foron pactados de xeito antidemocrático e excluínte


A CIG e o BNG coincidiron hoxe na necesidade de que o trámite no Congreso dos Deputados/as sirva para lograr unha verdadeira derrogación das anteriores reformas laborais ao RD/Lei aprobado no Consello de Ministras/os o pasado 28 de decembro. Delegacións das dúas organizacións, encabezadas polos seus máximos responsábeis, Paulo Carril e Ana Pontón, mantiveron unha xuntanza para poñer en común os cambios introducidos na lexislación laboral polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos.

Ao remate do encontro -no que tamén participaron a secretaria de Organización e o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Susana Méndez e Paco Sío, así como o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego- tivo lugar unha comparecencia diante dos medios de comunicación na que o secretario xeral da CIG explicou que o reunión serviu para constatar que “estamos ante unha non derrogación da brutal reforma laboral” aprobada polo PP en 2012 e que xa fora iniciada en 2010 polo PSOE. Dúas reformas laborais que levaron mesmo convocar unha folga xeral polo que significaba de “golpe de estado” aos dereitos da clase traballadora.

Carril denunciou que pese a “todo o envoltorio e a propaganda” coa que a presentan non é non reforma laboral, senón unha modificación lexislativa “coa que se pretende consolidar a peor versión posíbel da reforma laboral de 2012”, tendo en conta que pivota sobre dous aspectos que a central considera moi negativos.

O primeiro, a pretensión de configurar un mercado laboral no que o despido camiña cara a ser case libre pola facilidade que o empresariado ten para levalo adiante e porque resulta absolutamente barato, “cuestión que esta non reforma non toca”. E en segundo lugar, o feito de que se avance cara a un marco no que se pretende crear unha realidade de permanente temporalidade, eventualidade e inseguridade laboral a través de diferentes cambios introducidos na tipoloxía de contratos, “o que agora se chama flexiseguridade, pero que non deixa de ser precariedade”.

Ademais, mantense o poder absoluto da patronal á hora de tomar decisións sobre despidos individuais e colectivos, modificacións substanciais das condicións de traballo e descolgues salariais. Así como a estrutura da negociación colectiva, na que a prevalencia dos convenios estatais significa impedir os marcos propios de relacións laborais a través dos convenios autonómicos ou provinciais, “que se teñen demostrado unha ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e de mellora das condicións laborais”.

Deste xeito o protagonismo directo dos traballadores/as vese completamente anulado nunha reforma que pretende facer prevalecer “de forma moi agresiva” os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos que contén para regular as condicións de traballo, como son os ERTE.

Ao mesmo, tempo continúan a prevalecer os convenios colectivos de empresa sobre os de sector. “Por iso a suba de salarios non é garantía de nada, xa que nos podemos atopar -como xa dicíamos cando a reforma de 2012- con dúas empresas do mesmo sector que aplican o convenio colectivo provincial pero que optan por descolgarse mediante un convenio propio, polo que pagarán o mesmo pero terán condicións laborais distintas. De xeito que nunha, por exemplo, o cadro de persoal traballará 50 horas máis que na outra”.

Por todo isto, Carril incidiu que esta reforma non se traduce en absoluto nunha restitución de dereitos nin tampouco no recoñecemento de novos dereitos ante unha situación tan grave como a que atravesa o mundo do traballo, especialmente en Galiza como consecuencia da crise industrial que padecemos polos procesos de dixitalización e robotización produtiva “ou pola mal chamada transición enerxética, que é máis un proceso de demolición”.

Fomento da precariedade

No que ten que ver cos aspectos referidos á contratación, o máximo responsábel da CIG censurou que a temporalidade “seguirá campando ás súas anchas” e fixo fincapé na fraude que significa o cambio na tipoloxía dos contratos sen pretender facer unha modificación lexislativa que permita erradicar a temporalidade e a precariedade.

Lamentou que apenas se incorpora á normativa o que xa se estaba a gañar mediante sentenzas xudiciais, así como que se pretenda tamén a universalización do fixo descontinuo e a ampliación das posibilidades das ETT, “que están no mundo do traballo dende 1994 e constitúan unha auténtico mercadeo de man de obra barata”. Neste senso, lembrou que durante a pandemia milleiros de traballadores/as de ETT foron vítimas do paro porque as medidas do “escudo social” non chegaron a eles/as.

Outra cuestión que criticou foi o fomento sa precariedade a través dos novos contratos formativos, polo que a pouca mocidade galega que non teña emigrado será “carne de canón” da explotación laboral, co complemento perfecto deste “cóctel molotov” que é a aprobación da lei orgánica de Formación Profesional. Xa que a través desa falsa formación dual para integrar a mocidade no mundo do traballo o que se busca é precarizar as condicións laborais da xente nova, que seguirá tendo baixos salarios.

Tampouco vemos que o convenio colectivo de actividade sexa un freo para a subcontratación, senón unha porta para que as empresas poidan seguir a cometer fraude e continúe a discriminación salarial e de condicións de traballo”. Porque as empresas subcontratas ou multiservizos que teñan convenio propio poderán manter esta situación discriminatoria.

En definitiva, para Carril os cambios introducidos son “insuficientes, inxustos ou inexistentes” e fan que se a anterior reforma “era mala” esta sexa “aínda peor”. Unhas modificacións feitas mediante actuacións “profundamente antidemocráticas e excluíntes”, tendo en conta que se pactaron no marco do chamado diálogo social e á marxe dos ámbitos institucionais aos que as organizacións sindicais máis representativas teñen dereito, entre elas a CIG.

Por iso cargou contra o feito de que se pretenda aprobar no Congreso dos Deputados/as sen posibilidade algunha de debate, “tendo en conta que xa naceu viciada porque se reduciu a unha negociación falta de transparencia e de participación democrática”. Por iso a semana pasada a CIG interpelou as forzas políticas soberanistas e de esquerdas a frear “este intento de golpe de estado ás relacións laborais”.

Finalmente, agradeceulle ao BNG que comparta a visión da central sindical a respecto da reforma e que apoie a reclamación de camiñar cara a unha “verdadeira e auténtica derrogación” das reformas anteriores “para recuperar os dereitos roubados e para conseguir novos dereitos”.

Fronte común no Congreso

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apelou á necesidade de derrogar a reforma do PP para recuperar dereitos, enfrontar as graves eivas que padece o mundo do traballo e camiñar cara a unhas relacións laborais “que deixen atrás problemas estruturais como o paro, a precariedade, a falta de dereitos ou a fenda salarial” e denunciou que o RD/Lei aprobado polo Goberno non cumpre a promesa de derrogala.

Por iso cualificou de “decepcionante” este cambio lexislativo e considerou que a derrogación da reforma depende do traballo que se faga nas vindeiras semanas no Congreso dos Deputados/as durante a tramitación do RD/Lei. “É moi grave que se manteña o despido barato e outros dos aspectos máis lesivos dunha reforma que supuxo máis precariedade, perda de dereitos e menos oportunidades”, sinalou.

En consecuencia, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apelou á necesidade de que as modificacións normativas se tramiten como proxecto de lei e non como real decreto para permitir un “cambio en positivo” que se traduza na completa derrogación da reforma, denunciou que supoñen un incumprimento tanto de promesas electorais das forzas que integran o Executivo español como de compromisos asinados por escrito e amosou a súa confianza en que a presión social obrigue o Goberno a derrogar a reforma do PP.

Finalmente, anunciou que a súa organización xa iniciou contactos con outras forzas soberanistas con representación no Congreso, como ERC ou Bildu, para facer unha fronte común contra un cambio normativo “lesivo para os intereses da maioría social”, tal e como a CIG reclamou publicamente a semana pasada.



Fontes: Avantar. - 03.01.2022 | Canle BNG. - 03.01.2022

Documentación

✔ Real Decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.  | Ir ao BOE.

Relacionado

Reforma laboral: consolida o modelo neoliberal. | Por Manuel Mera - 03 Xan 2022 | Ir á Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
5 de janeiro de 2022 14:53

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon