venres, marzo 04, 2022

Manuel Monge estivo no Ateneo Ferrolán, onde impartiu unha conferencia sobre 'Os restos do Franquismo en Ferrol e Galiza' - A denuncia polo negativa a retirar estes restos franquistas que hai en Ferrol chegou ao Tribunal Supremo - Texto da Denuncia


Onte xoves 3 de marzo tivo lugar, no Ateneo Ferrolán, unha conferencia de Manuel Monge, presentado polo presidente da entidade Xavier Montero Dongil, que versou sobre o contido do seu libro presentación do libro "Os restos do franquismo en Galiza: Exaltación, honras, privilexios e distincións a golpistas, franquistas e criminais"

Manuel Monge, mestre e sociólogo, é membro do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura. Estivo dous meses no cárcere da Coruña con motivo da mobilización en Ferrol contra o Proceso 1001 e despedido do Colexio Tirso de Molina.
 
Novamente despedido “por orden gubernativa”, cando traballaba como mestre no antigo Colexio Público Ibáñez Martín de Ferrol.
 
Nesta conferencia explicou o contido do seu libro OS "Os restos do franquismo en Galiza: Exaltación, honras, privilexios e distincións a golpistas, franquistas e criminais", que recolle máis de 600 símbolos franquistas en 90 concellos. Ferrol conserva hoxe 50 símbolos franquistas, que deberían estar xa retirados en aplicación da Lei de Memoria Histórica.
 
O Pleno da corporación de Ferrol de 2 de marzo de 1981 aprobaba a retirada de 61 rúas relacionadas co franquismo. Moitas delas consérvanse no Arsenal Militar de Ferrol a pesar de que o Pleno da corporación municipal aprobou en varias ocasións solicitar ao Ministerio de Defensa a retirada desas rúas. O colectivo de presas e presos políticos de Ferrol denunciou ao Ministerio de Defensa ante a Fiscalía de Galicía por este incumprimento da Lei de Memoria Histórica, que foi remitida recentemente á Fiscalía
do Tribunal Supremo.
 
Estas son as nove rúas que se conservan no Arsenal Militar: Salvador Moreno Fernández, José María González-Llanos, Soldado Lois, Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, Cándido Pérez, Crucero Baleares, Almirante Honorio Cornejo e Marqués de Alborán.
 
Aínda conservan a distinción de Fillos Adoptivos ou Predilectos de Ferrol os seguintes ministros de Franco: Pedro Nieto Antúnez, Gonzalo Fernández de la Mora y Mora, José María Martínez y Sánchez-Arjona, Manuel Lora Tamayo, Jorge Vigón Suerodíaz, Fernando Suárez de Tangil y Angulo, Pablo Martín Alonso, Salvador Moreno Fernández, Juan Antonio Suanzes Fernández. Tamén son Fillos Adoptivos o golpista Francisco Núñez Rodríguezalmirante da Armada e Capitan Xeneral da Zona Marítima do Cantábrico– e o falanxista Enrique Salgado Torres.
 
O militar golpista Juan Cardona dá nome a un hospital de Ferrol e no seu aparcamento consérvase unha escultura dedicada ao golpista Camilo Alonso Vega, coñecido na ditadura polo seu papel represor como Ministro de Gobernación. Sinala a placa: “Capitán General, hijo predilecto de la ciudad, soldado heroico, gobernante ejemplar”.
 
A Igrexa castrense de San Francisco é un auténtico museo de exaltación do franquismo cunha cruz “a los caídos por Dios y por España” e unha placa “a los gloriosos caídos del Baleares”.

A denuncia polo negativa a retirar estes restos franquistas que hai en Ferrol chegou ao Tribunal Supremo

Manuel Monge, do Colectivo de Presas e Presos Políticos de Ferrol na ditadura franquista, un dos promotores da denuncia contra o Ministerio de Defensa por incumprir coa Lei de Memoria Histórica.

A Fiscalía Superior de Galicia remitiu ao Tribunal Supremo a denuncia do Colectivo de Presos Políticos de Ferrol na Ditadura contra o Ministerio de Defensa por incumprir coa Lei de Memoria Histórica. O motivo: o Ministerio Público considera que é un caso que compete ao Supremo, segundo indicou o fiscal Fernando Suanzes Pérez nun decreto.

O colectivo defende que o Ministerio de Defensa está incumprindo coa Lei de Memoria Histórica, dada a súa reiterada negativa a "retirar a simboloxía franquista" na zona do Arsenal de Ferrol, parte da cal atópase en dependencias militares. Por isto, o grupo afirma que compete ao departamento de Margarita Robles.

A asociación de presos denunciou a Defensa o pasado catro de febreiro ante o fiscal xefe de Galiza. Unha acusación que chega despois de que o colectivo remitise á ministra Robles un comunicado no que se interesaba pola retirada destes símbolos, á que o ministerio respondeu con que non "consta que existan actuacións pendentes".

Documentación:

Denuncia ante o Fiscal Xefe de Galicia. | Do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura. | 02.02.2022 | 21 páxinas en formato pdf. | Ir ao Documento.

Novas relacionadas:

✔ En Público - 05.02.2022 | A denuncia contra Defensa por non retirar a "simboloxía franquista" das rúas de Ferrol chega ao Tribunal Supremo. | O Colectivo de Presos Políticos de Ferrol na Ditadura defende que se está incumprindo a Lei de Memoria Histórica e que é incongruente que se queira recoñecer ás vítimas de 'La desbandá' mentres se manteñen esas distincións. | Ir á Web.

✔ En Enfoques - 04.02.2022 | Os represaliados polo franquismo de Ferrol acoden á Fiscalía para que se cumpra a lei de Memoria Histórica. | Unha vintena de cidadáns e cidadás vítimas da represión durante a ditadura denunciaron a "pasividade" e "permisividade" do ministerio de Defensa para eliminar simboloxía franquista de espazos públicos | Ir á Web.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon