venres, abril 29, 2022

Día Mundial da Terra: Camiñando cara a sexta extinción, ... Por Miguel Anjo González Garcia


Por Miguel Anjo González Garcia [*]
29.04.2022


O planeta Terra está a vivir un momento histórico, no que a vida nel como a entendemos desde fai milleiros de anos, está sobre pasando o límite de destrución dos seus ecosistemas, os cales son os que a diferencian do resto de planetas coñecidos, pola acción do ser humano e do seu sistema de vida, por mor do seu sistema económico. Un sistema económico que basease no consumismo como motor de crecemento da economía o cal, está a depredar os recursos naturais de xeito totalmente desbocado, co resultado que estamos a vivir (cambio climático-contaminación-desertificación- aparición de novos virus etecetera) Segundo a ONU o ano 2020 foi o máis cálido da historia desde que se teñen rexistros. O nivel do mar esta a subir máis rápido do que se esperaba así como, o quecemento e a acidificación o que esta a facer é que moitas especies mariñas emigren cara os polos. Na próxima década senón facemos algo 2/3 dos bosques tropicais desapareceran, por non poder soportar o aumento das temperaturas. Por mor da agricultura e gandería intensiva, estamos a acabar cos bosques tropicais, coa auga fresca e os sistemas de polinización o que vai traer consigo, que moitas especies vexetais e os seus depredadores estean en risco de desaparecer, alterando con isto a cadea trófica natural, ademais de por en xaque a produción de moitos alimentos para humanos. Tamén estase a comprobar que por mor do cambio climático, esta a repuntar a fame, estase a propagar certas doenzas que estaban mais ou menos controladas ademais de ter récords de concentracións de dióxido de carbono na atmosfera. Ademais da COVID, África e unha parte de Asia están a sufrir máis do que antes era normal praga de langostas co espécimes de máis tamaño do normal, que están a devorar a maior parte dos cultivos co conseguinte risco de fame negra nestes países. A destrución da natureza a nível mundial e dos servizos ecosistémicos que presta, xunto coa desaparición das especies correspondentes, esta a custar entre o 10-20% do PIB mundial ano tras ano.

Desde a asociación ecoloxista ADEGA queremos facer un chamamento ás autoridades este 22 de abril Día Mundial da Nai Terra e tamén a poboación en xeral de que se seguimos co noso sistema de vida baseado no consumismo e se non aceleramos o abandono dos combustíbeis fósiles, estamos poñendo ao planeta e sobre todo a nós mesmos, ante o inicio do que moitos científicos chaman a Sexta Extinción. Desde ADEGA-FERROLTERRA creemos que as nosas autoridades deben empezar a traballar xa en serio en temas como:

✅ A mobilidade onde a poboación coa axuda das autoridades debemos apostar por modelos sostíbeis aínda que o carro sexa eléctrico.

✅ Reducir o consumo de enerxía en todo o que sexa posíbel e camiñar cara a un modelo extensivo na súa produción.

✅ Apostar por reducir o noso consumo polo menos de unha gran parte do que sexa superfluo.

✅ Apostar polos produtos locais e feitos con materiais sostíbeis.

✅ Apostar polos produtos a granel como se fixo nunha gran parte da nosa historia.

✅ Apostar polo compostaxe esixindo as nosas autoridades municipais que o favorezan e promovan nos barrios.

✅ Apostar por produtos de mais duración e sempre que sexa posíbel volver a cultura da reparación como sempre se fixo neste país.

✅ Educar as nosas rapazas no consumo responsábel e nos perigos da obsolescencia percibida para o medio ambiente.

✅ Intentar abandonar a cultura do avión e apostar polo tren nas cortas e medias distancias etcétera.

En resumo, desde ADEGA pensamos que debemos empezar a camiñar cara outro sistema de vida acorde coa natureza, a cal é con certeza, a que nos permite vivir e sen ela, a vida dos humanos tal como a coñecemos é imposíbel.

Foto: Un día calquera na praia de Caranza (Ferrol) | 7 de Xaneiro de 2022.

[*] Miguel Anjo González Garcia, é o Coordinador da Delegación Comarcal de Ferrolterra - Trasancos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). E condutor do programa "Residuo Cero" en Rádio Filispim (93.9 da FM). | Artigos no Diario de Ferrol | OllaparoÁrtabra 21.

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon