Ante as recentes informacións difundidas polo SERGAS de que xs profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria poderán solicitar directamente consultas ao persoal de Psicoloxía que traballan nas Unidades de Saúde Mental e que a poboación en xeral poderá tamén solicitar consulta directa cos Servizos de Fisioterapia do SERGAS a través da Plataforma XIDE, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública queremos informar o seguinte:
1.- Que a incorporación de especialistas en Psicoloxía e Fisioterapia aos Centros de Saúde é unha reivindicación que a nosa Asociación leva anos solicitando e é unha esixencia que expuxemos no Consello Técnico de AP de Galicia, fai mais de dous anos.
2.- O SERGAS, lonxe de responder a estas demandas, adoptou unha decisión que só podemos cualificar de cínica e destinada a enganar á poboación e aos profesionais sanitarios de ap, dado que estas medidas non van acompañadas da creación das novas prazas necesarias, nin do incremento orzamentario necesario para a súa creación.
3.- No caso da Psicoloxía Clínica o cociente de especialistas por 100.000 habitantes en Galicia é de 3,5, fronte a 5,7 no resto do Estado e de 18 na Unión Europea. A media de agarda, antes da pandemia, era de máis de tres meses, cifra que se multiplicou tras a mesma (coa nova medida do SERGAS, sin orzamento, crecerán de forma exponencial). Unha de cada tres consultas en Atención Primaria teñen que ver coa saúde mental.
4.- En Fisioterapia o cociente actual é de 1 por 8.300 habitantes, cando a Organización Mundial da Saúde indica que debería ser 1 por cada 1.200. As listas de agarda oscilan entre 2 e 8 meses (coa medida anunciada serán de anos). O envellecemento da poboación, condiciona que entre o 30% e o 40% das consultas de Atención Primaria precise dalgún tipos de tratamento fisioterapéutico.
Desde a AGDSP ademais de denunciar este engano, esiximos ao SERGAS un incremento orzamentario do 11,9% actual ao 25% do total sanitario, para dotar realmente destes recursos aos Centros de Saúde, realizar xa o cumprimento acordado nas 15 Comisións Técnicas do Consello Técnico de AP de Galicia, sobre a dotación de novas categorías profesionais aos equipos e un calendario para a súa entrada en vigor.
É necesario desmasificar as consultas médicas e os Centros de Saúde, acabar coas inaceptables listas de agarda e atender as lexítimas e necesarias demandas de atención psicolóxica e fisioterapéutica da poboación.
19 de abril de 2022
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública
Enviado por:
PLATAFORMA FERROLTERRA
-plataformasosanidadepublica@gmail.com-
20 de abril de 2022 13:12
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon