Álbum Fotos Exposición "Rostros da Memoria Ferrol 1972" en Fene
Exposición en Fene : “ROSTROS DA MEMORIA FERROL 1972” de Xurxo Lobato.
O pasado 17 de agosto, na Praza 10 de Marzo de San Valentín, Perlío-Fene quedou inaugurada a Exposición Fotográfica “Rostros da Memoria Ferrol 1972” de Xurxo Lobato, realizada grazas ao apoio da Moncomunidade de Concellos de Ferrolterra, coa colaboración das Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, e outra das actividades que se inscriben na conmemoración do 50º Aniversario dos sucesos de Marzo de 1972 que deron lugar ao “Día da Clase Obreira Galega”.
Foi, esta de Fene, a primeira mostra da exposición, que rotará logo polos restantes Concellos da Mancomunidade e se inaugurou nun acto entrañable, coincidindo co “Día da Galicia Mártir”, rodeados os Rostros da Memoria de moitos rostros coñecidos, de protagonistas dos sucesos, de xentes daquela época e de moita xente máis nova preocupada por coñecer e porque a Memoria e os valores daqueles feitos se manteñan.
Interviron o Autor, o fotógrafo e académico Xurxo Lobato, Sari Alabau en nome das persoas represaliadas, especialmente de tantas mulleres que foron partícipes e sufriron aquel Marzo del 72, O Alcalde de Fene Xuventino Trigo e Rafael Pillado, tamén como protagonista e en representación das Asociacións citadas.
Os retratos de algúns dos protagonistas que aínda están presentes simbolizan a todas e todos os que participaron daqueles sucesos. Os acompaña unha relación de persoas feridas e represaliadas e uns fermosos textos de Ánxela Loureiro, escritora e profesora e de Lourenzo Fernández, catedrático da USC.
ÁLBUM FOTOGRÁFICO | Acceder/Baixar.
Rolda de Prensa
Exposición Fotográfica “OS ROSTROS DA MEMORIA” de Xurxo Lobato.
Celebrouse pola mañá do mesmo 17 de agosto, a presentación da Exposición coa comparecencia do Alcalde de Fene, o autor o fotógrafo e Académico Xurxo Lobato e Rafael Pillado representando aos retratados e as Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, promotoras dos actos de conmemoración do 50º Aniversario do Dez de Marzo de 1972.
O Autor agradeceu á Mancomunidade de Municipios de Ferrolterra que fixera posible esta mostra e ao Alcalde de Fene en particular, por ser este o primeiro Concello que a recibe, coincidindo ademais co “Día da Galicia Mártir”, sendo os protagonistas dos sucesos que esta exposición reflicte, verdadeiramente, mártires do franquismo. Continuará recorrendo a partir do día 31 os outros Concello da Mancomunidade.
O Alcalde Juventino Trigo amosou a súa satisfacción por ser este Concello e primeiro en acoller a mostra que será visible ademais no Barrio de San Valentín, tan vinculado á vida sindical e obreira, na praza Dez de Marzo. Un barrio que acaba de cumprir tamén o 50º aniversario da súa existencia. Agradeceu o fundamental apoio da Mancomunidade e lembrou a vinculación deste Concello á Recuperación da Memoria –onte mesmo celebraban un acto de homenaxe a Ramón Souto, o derradeiro alcalde da Republica no 86º aniversario do seu asasinato polos golpistas, xunto a outros veciños de Fene. Actos que agardan seguir facendo ao amparo da nova Lei da Memoria a punto de publicarse.
Rafael Pillado, en nome das dúas Asociacións citadas, felicitou ao Autor, á Mancomunidade e ao Alcalde de Fene que se empeñou no proxecto desde o principio e tamén as outras persoas colaboradoras con textos no evento, a escritora e profesora Ánxela Loureiro e o Catedrático da USC Lourenzo Fernández. Relatou que ambas Asociacións promoveron un Manifesto no que se explicaba a intención de facer actividades conmemorativas durante todo o 2022 e así se ven cumprindo e deixar claro que o 10 de Marzo non foi só una reivindicación laboral, senón que tivo una dimensión política, cultural, social de loita por recuperar a democracia, e máis aló dos sucesos locais repercutiu na Universidade, en Vigo, en toda Galicia.
Que los retratados son unha parte dos protagonistas que hoxe están vivos pero que a Exposición representa a todas e todos, cun recordo moi especial a cantas persoas quedaron no camiño, aos asasinados Amador e Daniel, a tantos feridos, a Xulio Aneiros, Paco Filgueira, Paco Balón, Amor, Riobó, a quen sufriron a represión: privación de liberdade, multas, torturas, exilio, despedimentos, problemas familiares… todas e todos conformaban un exército democrático que reivindicaba a loita polas liberdades, o fin da Ditadura e a volta a Democracia.
O día 31 de Agosto a exposición foi ate o Concello de Cedeira.
Visita a nosa páxina:
Dez De Marzo Cincuenta Aniversario, no facebook.
Enviado por:
10M72 50Aniversario
-10m72.50aniversario@gmail.com-
18 de agosto de 2022 21:51
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon