mércores, febreiro 22, 2023

Deixou-nos Rafael Pillado, compañeiro e amigo, mais a súa luz sempre brillará para nós



Deixou-nos Rafael Pillado, compañeiro e amigo

Desde o Colectivo Ártabra 21, pensamos que podemos falar por todos os seus membros, sentimos con dor o seu pasamento. Para nós Rafael [*] sempre foi unha referencia, pola súa forza, ánimo e compromiso con todas as causas xustas, non só pola súa pegada na Historia deste pobo, en particular no mundo obreiro, senón pola súa actitude de dignidade, loita e solidariedade. Admirabamos e respectabamos a Rafael, porque del emanaban valores para facer o ben e evitar o mal. Era unha persoa que practicaba a ética na acción e non nos deixaba indiferentes. Construtor de pontes, creador de iniciativas, solidario, sempre no camiño de facer o ben común e compartir a felicidade coas persoas. Deixounos Rafael, mais a súa luz sempre brillará para nós. Unha forte aperta, compañeiro e amigo.

Todos os dias te penso. Todos os dias te aprendo. Cada palavra na que coincidimos, cada ato no que atuamos, cada ideia na que divergemos, cada alento que temos respirado juntos na luita.

Ouh capitam, meu capitam!

Armas de guindastre, chifres de liberdade, barcos e gente na dura luita.

Rafael Pillado digo, e ti dirás um de tantos, um de tantas.

Mestre sem escola, camarada sem partido, sindicalista sem mesa, congressista sem ordenado.

Ouh capitam, meu capitam!

Perseguidor de enfermedades que te atrapam sem remédio, mas sem medo.

Coletivista que até à morte sabes dar pulo de açom reivindicativa.

Aqui um soldado, meu capitam!

Um soldado que nom dou para sargento. Mas que te ama e respeita, mesmo na discussom sinceira.

Aqui na factoria da vida e na batalha pola história que nos alimenta.

Ferrol, a 7 de outubro, de 2022

Xam Tabia

Rafael Pillado en Ártabra 21.

#RafaelPilladoLista

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo), 12 de xuño, de 1942 - Ferrol, 20 de febreiro, de 2023.

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon