Amosando publicacións coa etiqueta #FicoNaCasaMaisConRendaBasica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #FicoNaCasaMaisConRendaBasica. Amosar todas as publicacións

luns, marzo 16, 2020

Ante a crise do coronavirus: #FicoNaCasaMaisConRendaBasica - Estamos moi inquedas por como van afectar as medidas tomadas polo goberno central a aquelas que malviven de “esmolas sociais”, de empregos precarios ou de pensións insuficientes


Ante a crise do coronavirus: #FicoNaCasaMaisConRendaBasica


Desde o punto información sobre dereitos sociais de Coia amosamos a nosa preocupación pola crise sanitaria e socioeconómica provocada polo Covid-19. Estamos moi inquedas por como van afectar as medidas tomadas polo goberno central a aquelas que malviven de “esmolas sociais”, de empregos precarios ou de pensións insuficientes.

As medidas de confinamento, engadidas a falta de previsión das diferentes administracións, están a afondar a crúa situación que vimos padecendo. Por iso, esiximos medidas urxentes para atender a aquelas persoas que ante a paralización da actividade causada por esta pandemia van ficar sen ingresos ou ver recortados os mesmos. A inquedanza na que están familias e persoas empobrecidas: as que dormen nas rúas, as que precisan de entidades sociais para sobrevivir; así como aquelas que agardan pola resolución de axudas sociais como a RISGA ten que ser respondida con medidas que aproveiten esta crise para redistribuír a riqueza e poñela así ao servizo daquelas que sofren a precariedade e pobreza. O coronavirus non pode engadir un novo castigo para as que malvivimos en medio da riqueza dunhas poucas.

Desde a ODS-Coia alertamos que o “estado de alarma” agrava os recortes sociais que as autoridades veñen aplicando sistematicamente, por iso facemos unha chamada para artellar respostas colectivas que nos permitan saír desta situación con máis dereitos. Moitas persoas e colectivos levamos anos defendendo que fronte as faragullas sociais como a RISGA cómpre organizarse para loitar por dereitos fortes como a Renda Básica das iguais. A RBis permitiría que todas as persoas puideramos vivir cuns mínimos de dignidade.

Cando volvamos ás rúas seguiremos a loitar pola renda básica das iguais e moito máis, pero polo momento aproveitamos para lanzar este lema:

#FicoNaCasaMaisConRendaBasica

Marzo 2020

ODS-Coia
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663
Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
16 de março de 2020 10:30

_______