O estudantado da Coruña e Ferrol convocan unha nova xornada de mobilización no marco do #FridaysForFuture para o vindeiro xoves 25 de abril na cidade da Coruña. A convocatoria está fixada ás 18:00h no Obelisco para marchar todas xuntas cara a praza de María Pita, e rematar cunha concentración diante do concello ás 19:00h.
O obxectivo desta convocatoria é esixir políticas reais e efectivas ás administracións ante o paradigma actual de Cambio Climático. Desde ADEGA apoiamos tódalas as convocatorias do estudantado galego nesta alianza global da mocidade para esixir ás administracións competentes, e á sociedade en xeral, un cambio de políticas e de comportamento para frear o proceso de cambio climático que está acontecer, garantindo así o futuro da terra, das especies e dos recursos ecosistémicos necesarios para vida. Porque ao ritmo actual de emisións, quedan apenas 11 de anos de marxe de actuación para evitar un incremento da temperatura global superior a 1,5ºC para 2100, o cal xa tería consecuencias irreversibles nos ecosistemas.
O Antropoceno e o Cambio Global
A perda de biodiversidade, a fragmentación dos hábitats, o quecemento global, o Cambio Climático, a acidificación dos océanos, os desxeos dos polos, etc, son só algúns dos exemplos do Cambio Global que está a experimentar o planeta por mor da influencia das actividades humanas. Estas influencias teñen un impacto de tan elevada magnitude nos ecosistemas que xa a comunidade científica definiu unha nova era xeolóxica denominada Antropoceno. Esta nova era reflicte que as actividades antropoxénicas foron o motor e o vector que modificaron e transformaron moitos procesos naturais e ecolóxicos do planeta, até o punto de que a súa restitución é case irreversible a día de hoxe. Cun escenario de Cambio Global inequívoco, constatado pola comunidade científica a través dos últimos informes do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC nas súas siglas en inglés), é hora de que as administracións públicas e a sociedades civil fagan súas tamén as demandas da mocidade que loita polo futuro da terra e da vida.
O tempo esgótase, por iso é hora de actuar!
Vémonos nas rúas.
ADEGA
https://www.fridaysforfuture.org/
#FridaysForFuture
Enviado por:
adega.gal
-adega@adega.gal-
23 de abril de 2019 19:17
_______________