Por André Abeledo Fernández [*]
26.10.2022
Caeulles a torre aos de ENEL Green Power, os que ameazan a todo un pobo con montar o "Parque Eólico de Caaveiro" e destruír o noso entorno, a nosa forma de vida, e as nosas esperanzas dun futuro mellor para a nosa terra.
Querían medir a forza do vento, e o vento levoulles a canallada, agora si queren medir a forza da veciñanza defendendo a súa terra vainos levar o demo.
Caeulles a torreta de medición da velocidade do vento que todos os veciños podíamos ver como espada de Damocles sobre as nosas cabezas.
Vai ser que a natureza e o vento tamén están con nos na loita contra os muíños do espolio, da especulación e do desastre, vai ser que traballan con nos os elementos para defender a terra.
Ao día seguinte da caída da estrutura xigante, duns 100 metros, os veciños de Anca celebramos a caída do símbolo dos abusos do poder e das multinacionais do sector eléctrico na nosa parroquia.
Aplaudimos ao vento que levou o esperpento ameazante que nos miraba día e noite dende o noso monte.
Sabemos que a loita vai seguir, que volverán a levantar a torre da vergoña, será por cartos, pero esta vitoria do vento sobre os especuladores macroeólicos é a primeira de todas as que veñen detrás.
Porque non imos permitir que destrúan a nosa terra, o noso presente e hipotequen o futuro dos nosos fillos sen loitar.
Porque ata os elementos están berrando que a Galiza non se vende, se defende.
EÓLICOS AQUÍ NON!
[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.
Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
26 de outubro de 2022 12:01
_______