Amosando publicacións coa etiqueta Acceso ferroviario ao Porto Exterior. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Acceso ferroviario ao Porto Exterior. Amosar todas as publicacións

sábado, abril 24, 2010

Os grupos municipais de EU e BNG presentan unha moción conxunta para que o Pleno de Ferrol se pronuncie contra a "alternativa sur" que figura no estudo informativo de Fomento dos accesos ferroviarios ao Porto Exterior que contempla un viaducto sobre a Ría na zona da Malata


[Un dos planos do estudo previo realizado pola Autoridade Portuaria onde se mostran diversas alernativas de trazado para o novo acceso ferroviario ao Porto Exterior de Caneliñas - En vermello a chamada Alternativa Sur]

OS GRUPOS MUNICIPAIS DE ESQUERDA UNIDA E BLOQUE NACIONALISTA GALEGO PRESENTAN UNHA MOCIÓN PARA QUE O PLENO DESBOTE A ALTERNATIVA SUR AO PORTO EXTERIOR

OS DOUS GRUPOS SALIENTAN O SEU COMPROMISO COAS DEMANDAS VECIÑAIS,ECOLOXISTAS, DEPORTIVAS E CULTURAIS E COA SALVAGARDA DA MALATA

Os Grupos Municipais de Esquerda Unida e do Bloque Nacionalista Galego veñen de impulsar a presentación dunha moción conxunta ao obxecto de conquerir un pronunciamento do Pleno do concello de Ferrol que desbote a Alternativa Sur, que se contempla no estudo informativo dos accesos ferroviarios ao porto exterior.

Ámbolos dous Grupos manifestan a súa máis decidida vontade de salvagardar a ensenada da malata dunha nova agresión medio ambiental, que se perpetraría mediante a proposta de tender un viaducto sobre a rada ferrolá.

EU e BNG afirman o seu compromiso para garantir que na decisión que finalmente se adopte pesen de maneira decisiva as consideracións medio ambientais á hora de decidir o traxecto ferroviario ao porto exterior, e non as de carácter economicista.

As dúas organizacións comparten o valor e necesidade de garantir uns accesos ferroviarios ao porto exterior, que faga deste espazo un polo económico e de diversificación industrial para a nosa cidade e bisbarra. Mais entenden que nesta ocasión se poden conxugar a as consideracións ambientais e económicas, preservando en primeiro lugar a riqueza e o ben público que supón a nosa ría. Os mariscadores son un colectivo que ten no traballo no mar un ben a preservar e que se verá gravemente comprometido coa proposta sur.

EU e BNG subliñan o valor de traballar de maneira colectiva e xunto aos movementos sociais e entidades veciñais para acadar unha proposta alternativa que garanta a preservación da Malata e o interese xeral.

As razóns nas que se basea a proposta pola que se decanta o Ministerio de Fomento, a alternativa sur, son de orde económico (aforrar cartos) e en atención a que o trazado ten uns 5 kilómetros menos. EU e BNG temos que replicarlle ao Ministerio que ese aforro menor se faría sobre os custos ambientais e económicos da nosa cidade.

As nosas dúas organizacións esixen do Goberno Municipal que defenda os intereses da nosa cidadanía e non sexa obediente aos intereses do Ministerio. EU e BNG demandan ao Goberno Municipal que atenda, xa que logo, o contido da nosa proposta.

EU e BNG van traballar nesta datas para completar as alegacións ao estudo informativo en período de exposición público.


Moción

Á ALCALDÍA DE FERROL

Os Grupos Municipais de Esquerda Unida e Bloque Nacionalista Galego, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Os Grupos Municipais que asinan esta Moción conxunta comparten a preocupación que está a expresar un amplo e variado grupo de entidades e asociacións cidadás, diante do proxecto contido no Estudo Informativo sobre os accesos ferroviarios ao porto exterior, polas consecuencias negativas que aparellaría unha ulterior intervención na ensenada da Malata.

Queremos manifestar, asemade, o noso apoio para acadar un acceso ferroviario, que faga crible e posible o desenvolver todas as potencialidades do porto exterior. O ferrocarril supón o medio de transporte axeitado para minimizar as servidumes derivadas dos tráficos de mercadurías e os impactos enerxéticos, constituíndo o medio de transporte sustentable idóneo para atender a demanda xerada ao redor do porto exterior.

O Estudo Informativo que se atopa en fase de exposición pública non pode agochar o interese das administracións públicas promotoras en apostar polo alternativa sur, a pesares de supor a intervención máis agresiva na ría. Non é casual entón que falle información relevante en relación aos aspectos que atinxen ao medio físico e ao medio humano; trátase de producir unha impresión, errada, que favoreza a alternativa sur.

O Grupos Municipais de Esquerda Unida e Bloque Nacionalista Galego comparten o sentir de numerosas entidades e asociacións que len na proposta da alternativa sur unha agresión inaceptable sobre un espazo natural, a ensenada da Malata, que conta cuns valores naturais, paisaxísticos, económicos e históricos que a fan merecente dun tratamento que preserve e afiance as súas condicións actuais.

Os Grupos Municipais asinantes coidan necesaria unha acción conxunta das forzas políticas e sociais da nosa cidade conducente a garantir un pronunciamento do noso concello no sentido de expresar con contundencia e determinación que desbotamos a alternativa sur polos custos medio ambientais que se derivan dela.

Para nós, o guieiro para acordar favorablemente o acceso ferroviario ten que ser a minimización do impacto medio ambiental. Non outras poden ser as razóns que guien a actuacións dos poderes públicos na realización desta necesaria infraestrutura. O custo económico non pode prevalecer sobre o interese xeral da nosa cidadanía, que para o caso que nos ocupa consiste en preservar a riqueza do noso medio físico.

Xa que logo, os Grupos MunicipaL de EU e BNG propoñen ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDOS:

1.- O concello de Ferrol acorda presentar un conxunto de alegacións para que se desbote a proposta coñecida como alternativa sur, que implica a construción dun novo viaducto na Malata.

Ferrol, 23 de abril de 2010.

Asdo. Yolanda Díaz
Voceira do Grupo Municipal de EU

Asdo. Xoán Xosé Pita
Voceira do Grupo Municipal do BNG

Enviada por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
23 de abril de 2010 14:23
_____________

Enlaces de interese:
________________________

venres, abril 16, 2010

Encontro de Esquerda Unida coa xente do mar para analizar o proxecto de acceso ferroviario ao porto exterior


  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA MANTIVO UN ENCONTRO DE TRABALLO COA CONFRARÍA DE MARISCADORES
  • ESQUERDA UNIDA VAI CONTINUAR A TRABALLAR PARA GARANTIR QUE NON HAXA DANO NA MALATA
  • PREOCUPACIÓN NOS MARISCADORES ACERCA DAS REPERCUSIÓNS DO PROXECTO
O Grupo Municipal de Esquerda Unida mantivo un encontro de traballo coa confraría de mariscadores ao obxecto de facer unha primeira avaliación do proxecto contido no estudo informativo dos accesos ferroviarios ao porto exterior.

A preocupación preside as primeiras impresións acerca das repercusións negativas que poida xerar o proxecto sobre unha zona, a ensenada da Malata, que xa ten sufrido abondo coas sucesivas actuacións nela.

O Grupo Municipal salientou no encontro cos mariscadores a nosa decidida vontade de achegar propostas no tempo de exposición pública que garantan a salvagarda da ensenada tanto polo seu valor produtivo canto pola importancia histórica do que acubilla ( caso do dique ) e o seu valor para a práctica das actividades náuticas.

A actividade marisqueira e a fonte de riqueza que supón a ría esixen a máis esixente protección do espazo no que o estudo formula unha intervención en forma de ponte.

A nosa organización comezou con esta xuntanza a xeira de xuntanzas con diferentes colectivos para acadar, de resultas das mesmas e xunto co nosa análise propia, a elaboración dunhas achegas que sirvan para preservar a riqueza e ben que supón para a nosa cidadanía a zona da Malata. En datas próximas terá continuación con outras reunións.

Ferrol, venres 16 de abril de 2010
Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
16 de abril de 2010 15:48
Benquerid@s amig@s: achegamos un Informacións dando conta do encontro de traballo tido na mañá de hoxe cos mariscadores, ao obxecto de avaliar as repercusións que ten o proxecto contido no estudo informativo dos accesos ferroviarios ao porto exterior para a ensenada da Malata. A preocupación dos mariscadores, compartida pola nosa organización, marcou a reunión. Esquerda Unida amosou a súa decidida vontade de achegar propostas nos vindeiros días que permitan garantir a preservación e navegabilidade da Malata. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________