Amosando publicacións coa etiqueta Acuicultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Acuicultura. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 28, 2016

Podemos Galicia expresa o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia por consideralo un intento flagrante de privatización das nosas rías


Podemos Galicia expresa o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia por consideralo un intento flagrante de privatización das nosas rías

Podemos Galicia, a través da Secretaría do Medio Rural, quere expresar o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia por consideralo un intento flagrante de privatización das nosas rías, e instamos a introducir mocións en contra da mesma nos plenos dos concellos da nosa costa.

O sector do mar de Galicia é estratéxico na economía local. O emprego directo e indirecto (empresas destinatarias dos nosos produtos, empresas provedoras de servizos e subministracións, actividades auxiliares de apoio, etc.) representa unha parte enorme e vital da economía galega. Únese a isto o valor social que adquire nos municipios costeiros pola capacidade de irradiar beneficios socioeconómicos a amplas capas da poboación, o que o converte nun mecanismo de distribución e reparto de riqueza no entorno local, que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios.

A baixada de cotas pesqueiras, o conflito das embarcacións do Cerco ou as distintas problemáticas relacionadas co marisqueo non son máis que diferentes patas dunha iniciativa central que é a privatización das rías galegas por parte da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

O Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia é un texto non consensuado, imposto dende a Administración co fin de implantar un sistema de cultivo industrial de peixe nas rías, aproveitando as súas características e deixando de lado ao sector pesqueiro e marisqueiro.

Para levar a cabo este proxecto é necesario desmantelar ante todo o tecido produtivo tradicional do mar. De aí os problemas que están a sufrir os mariñeiros, mariscadores e mariscadoras.

Queremos destacar que o que aquí se está a producir é un proceso de reconversión do sector do mar tan agresivo como o que se dera hai anos no sector naval. Lembremos os estaleiros e o sufrimento que todo aquelo provocou en moitas familias e démonos conta de que este contexto de crise faino aínda máis preocupante.

O problema medio ambiental que suporía a posta en vigor desta Lei non se avaliou. O tipo de industrias que permitiría son altamente contaminantes. Causan a eutrofización das zonas mariñas pola acumulación dos excrementos, do alimento non consumido, dos peixes mortos por confinamento ou enfermidade, etc., depositándose todo isto nos fondos e incrementando a concentración dos nutrientes da auga (nitróxeno e fósforo principalmente) durante a súa descomposición.

O incremento en nutrientes altera os ciclos naturais dando lugar a un descenso do osíxeno disolto que pode producir a morte de diversas especies que xa viven nestas rías. Esta eutrofización pode incrementar a presenza de dinoflaxelados nas augas, co que aumenta a probabilidade de ter mareas vermellas nas rías, máis das que estamos acostumados, producindo isto as alertas sanitarias conseguintes e a parada produtiva.

Tamén hai que ter en conta o uso de vacinas, antibióticos, funxicidas e bactericidas que se poden propagar na columna de auga, afectando iso ao resto de seres vivos que viven nas nosas augas e tamén aos usuarios das praias, co correspondente efecto no turismo.

Por si estas cousas fosen poucas, esta Lei non especifica se se poden ou non cultivar especies exóticas e incluso invasoras, o que pode producir danos irreversibles ao ecosistema mariño, dado que as especies foráneas poderían reducir e incluso aniquilar as especies naturalizadas das nosas rías. Tampouco parece que exista prohibición á hora de utilizar o espazo da Rede Natura, Parques Naturais, ZEPA, LIC, etc.

Non contentos con causar danos aos galegos e galegas que viven do mar, ás rías directamente, afectando á calidade da auga e á súa biodiversidade, este Anteproxecto de Lei ábrelle as portas completamente ao Tratado de Libre Comercio (TTIP), un escuro e clandestino tratado beneficioso para as multinacionais e prexudicial para a soberanía dos estados da Unión Europea. Por todo o exposto, Podemos Galicia dille NON ao Anteproxecto de Lei de Acuicultura proposto pola Xunta de Galicia.

Non estamos en contra da acuicultura, estamos en contra do modelo neoliberal que quere implantar o Partido Popular (PP), onde se poderá argallar un proxecto de acuicultura simplemente por desenvolvemento económico e xeración de emprego sen ter en conta o desenvolvemento social, as tradicións e xeito de vida e sen ter en conta o respecto polo medio ambiente e o entorno.

Podemos Galicia, preocupado ante esta situación, non só apoiará as mocións e propostas, que neste sentido presenten os nosos Círculos e Consellos Cidadáns Municipais (CCM) das zonas costeiras e agradece as xa introducidas nalgúns concellos, senón que propón a paralización inmediata de dita Lei e a constitución dunha mesa de diálogo entre todos os colectivos do litoral (pesca, marisqueo, turismo, sociedade civil).

Así mesmo pedir a protección para que non se poida instalar a acuicultura en espazos protexidos. Traballar en Bruxelas para declarar Galicia como Zona Dependente da Pesca e protexer os intereses dos nosos traballadores do mar.

Podemos Galicia mantén o seu posicionamento contrario ante calquera tipo de privatización na súa totalidade ou por partes do sector pesqueiro e marisqueiro.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2016

Luísa Vila Núñez
Responsable de Prensa Podemos Galicia
Contacto de prensa
prensa@galicia.podemos.info
https://galicia.podemos.info/

Enviado por:
Prensa Podemos Galicia
-prensa@galicia.podemos.info-
27 de janeiro de 2016 10:00

_________________