Senra traerá a Santiago á vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo e eurodeputada do Die Linke alemán Sabine Lösing para falar do gasto militar na UE. | Senra traerá a Santiago á eurodeputada do Die Linke alemán Sabine Lösing para falar do gasto militar na UE. | Lösing é vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo e ofrecerá unha charla o 8 de novembro ás 19:00hrs na Facultade de Políticas da USC, presentada por Xavier Vence.
A eurodeputada galega Lídia Senra pretende coa organización deste acto dar a coñecer como as institucións europeas están reforzando a industria armamentística e comprometendo a paz dentro e fóra da UE
A vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo e eurodeputada do Die Linke alemán Sabine Lösing estará na Galiza a vindeira semana, para participar, convidada pola súa compañeira galega dentro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, nunha charla-coloquio titulada “Con esta Europa non hai paz. Non ao gasto militar”. O acto, ao que Lídia Senra anima a acudir a todas as persoas sensibles e comprometidas coa paz, terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Políticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o xoves 8 de novembro ás 19:00 horas, e será presentado polo catedrático de Economía Aplicada na USC Xavier Vence.
Senra, organizadora do evento, considera fundamental dar a coñecer como as institucións europeas “están comprometendo a paz na UE”. Así, a europarlamentaria galega denuncia que nestes momentos estase negociando o Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2027 e “as cifras destinadas á militarización e ao reforzo da industria armamentística non deixan lugar a dúbidas”. Así, a fronteiras exteriores e seguridade destinaranse 21.300 millóns de euros, fronte aos 5.600 millóns do período anterior. En seguridade e defensa, investiranse 27.515 millóns de euros e dentro desta partida hai 13.000 millóns para crear un fondo novo de Defensa. E o capítulo de infraestruturas para facilitar a mobilidade militar financiarase con 6.500 millóns de euros dentro do Mecanismo Conectar Europa.
“A Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, propón crear un ‘Mecanismo de Apoio á Paz’ para reforzar posibles accións conxuntas en países de fóra da Unión. Mal se pode apoiar a paz preparándose para intervir”, advirte Lídia Senra, que agarda que a charla-coloquio do 8 de novembro en Santiago sirva para informarse, debater e poñer en común a preocupación ante este escenario.
A eurodeputada do GUE/NGL polo Die Linke alemán Sabine Lösing é vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo e unha grande experta neste tema. Durante a charla, ofrecerá a súa visión crítica coas decisións que está a tomar a UE ao respecto dun maior gasto en militarización. Esta será a primeira vez que se poderá escoitar a Lösing na Galiza e a charla contará con servizo de tradución simultánea do alemán ao galego.
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu 1
http://lidiasenra.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
29 de outubro de 2018 11:34
___________________