Amosando publicacións coa etiqueta Avante LGTB. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Avante LGTB. Amosar todas as publicacións

xoves, xuño 27, 2019

En Ferrol, como nas outras cidades da Galiza, o vindeiro sábado 29 de Xuño, a CIG chama a participar nas convocatorias do 28X, 'Día do Orgullo LGTBIQ: medio século de loita e reivindicación da diversidade' - Declaración da CIG


A CIG esixe equiparación de dereitos para as persoas LGTBIQ, rememorando a revolta de Stonewall, 50 anos despois

Sumámonos ao orgullo pola diversidade afectivo sexual e de xénero, e á loita LGTBIQ facendo un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos.

En Ferrol: Manifestación (o 29 de xuño) ás 12 horas desde a Praza Amada García (Organiza: Avante LGTB Apoia: Marcha Mundial das Mulleres)



28-X, Día do Orgullo LGTBIQ: medio século de loita e reivindicación da diversidade

A CIG reitera o seu compromiso e a súa aposta pola igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación. Ao tempo, a central sindical denuncia que de nada vale contar con lexislacións efímeras como a Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza, aprobada  hai cinco anos e da que só coñecemos o Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, recentemente constituído por tan só 3 colectivos LGTBI do total do 25 que o compoñen, ou a elaboración do Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, mais do que descoñecemos  a súa aplicación. De feito, se consultamos a información dispoñíbel na web da Consellaría de educación, comprobaremos como nin tan sequera contan con materiais didácticos propios para traballar na diversidade en educación primaria e secundaria, pendurando os elaborados por outras entidades, unha mostra clara do desleixo ante un tema que non foi nunca prioridade na súa actividade política, como se reflicte no rexeitamento da toma en consideración da lei trans no parlamento Galego no 2017.

DECLARACIÓN DA CIG

Hai 50 anos, na madrugada do 28 de xuño de 1969,  tivo lugar no Stonewall Inn, un bar do barrio Greenwich Village, de Nova Iorque, unha revolta levada a cabo por persoas negras, trans e migrantes, contra os abusos e persecucións das forzas policiais contra o movemento LGTBI, pola súa disidencia contra a heterosexualidade como norma, e que supuxo o inicio da visibilización das súas demandas nos espazos públicos, nas rúas.

Medio século dunha revolta nacida como loita de clase, antirracista e de xénero, que posibilitou a formación dunha comunidade unida e combativa contra todas as  barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, trans, bisexuais, intersexuais.... segue a ser necesario esixir o dereito das persoas a vivir en liberdade sexa cal sexa a súa opción afectiva e sexual, a identificación co rol de xénero ou a súa identidade.

Porque aínda que as imaxes que ao sistema capitalista lle interesa difundir da conmemoración do  28 de xuño é  a explotación económica da mobilización, reducidas a un formato estrictamente lúdico, desposuídas da súa carga reivindicativa, banalizando con demasiada frecuencia unha loita social, mesmo invisibilizando ou marxinando aos corpos que non responden ao patrón consumista que pretenden impoñer, cando segue a ser unha loita necesaria e urxente denunciar que as persoas que non encadran cunha identidade ou cunha opción afectiva sexual heternormativa seguen a sufrir hoxe en día diferentes opresións, acoso e mesmo agresións.

Porque debemos educar ás crianzas en liberdade. Aprenderlles que hai multitude de identidades, que poden ser cis, trans, heterosexuais, bisexuais, lesbianas, homosexuais, intersexuais, ou calquera outra coa que se sintan identificadas.

Porque tal e como pretenderon facer coa conmemoración do 8 de marzo, non debemos esquecer a orixe do 28 de xuño e renderlle homenaxe á denuncia, á reivindicación e á loita de moitas persoas que eran perseguidas polo propio sistema que debería protexer os seus dereitos.

Por iso, desde a CIG, ante a conmemoración dun novo 28X:

• Denunciamos as discriminacións, a vulneración de dereitos e as agresións contra as persoas que exercen unha disidencia de xénero, afectiva ou sexual diferente a heteronormativa nas escolas, nos xulgados, nos traballos, nas rúas ou nos lugares de ocio da Galiza.

• Denunciamos as discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, despedimentos...), como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas galegas e galegos pola súa opción afectivo-sexual ou pola súa identidade de xénero.

• Que a pesares das múltiples denuncias contra o Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2015-2018, por vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas ou cunhas prácticas sexuais proclives a contraer sida, o plan non foi modificado, e pese a chegar ao seu remate, non se redactou un novo libre da estigmatización e os estereotipos que contén o anterior, aínda vixente.

• Que a Carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde vincula  os  tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) á existencia dun trastorno documentado da capacidade reprodutiva, constatada tras un protocolo diagnóstico, ou tras a ausencia de consecución de embarazo despois dun mínimo 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos, excluíndo por tanto, ás mulleres lesbianas da posibilidade de ser nais.

• Que a pesares dos distintos cambios de goberno que tiveron lugar no estado español, seguimos a sufrir os efectos dunha lei educativa, a LOMCE, que impide termos un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático; imposibilita un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade.

Por todo o exposto, esiximos, un ano máis ao goberno da Xunta:

• Que  garanta o dereito á protección da saúde das persoas trans, incluíndo os tratamentos clínicos necesarios que así se soliciten, como a vaxinoplastia, glotoplastia, faloplastia, mamoplastia, masectomia, entre outras no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

• O respecto á diversidade das persoas cuxa identidade rexistral non coincide coa súa identidade de xénero.

• O acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego por parte daquelas mulleres que así o soliciten, teñan ou non parella, sexan lésbicas ou bisexuais.

• Dotación orzamentaria que permita poñer en marcha á Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza,  e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade do estado).

• Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.

• A promoción dun ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.

• Que se aprobe unha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta o recoñecemento e a existencia da comunidade trans, a través da posta en marcha de medidas no ámbito educativo, sanitario e xudicial.

• Programas de  prevención da LGTBIfobia, e de asesoramento LGTBI, dirixidos aos departamentos de orientación dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGTIfóbico.

• A nivel laboral, a erradicación das actitudes homo/lesbo/bifóbicas/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación no acceso e mantemento do emprego, que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todas e todos os traballadores. Para tal fin, promoverase a negociación dun protocolo de prevención e actuación ante o acoso por identidade afectiva ou sexual nas empresas.

Desde a CIG reiteramos un ano máis o noso compromiso e a nosa aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación e sumámonos ao orgullo pola diversidade afectivo sexual e de xénero, e á loita LGTBIQ facendo un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos en torno ao 28 de xuño.

A Coruña: Manifestación no Obelisco ás 20:30 horas (Organizan: Alas Coruña, Les Coruña, Orgullo Coruña, Casco)
Ferrol: Manifestación (o 29 de xuño) ás 12 horas desde a Praza Amada García (Organiza: Avante LGTB Apoia: Marcha Mundial das Mulleres)
Lugo: Concentración na Praza da Horta do Seminario ás 19:30 horas (Organiza: Avante LGTB)
Santiago: Manifestación ás 20 horas desde a Praza 8 de marzo  (Organizan: Avante LGTB, Arelas Asociación de familias de menores trans, AmiZando)
Ourense: Marcha do Orgullo desde a Praza de San Marcial ((Organiza: Asembleia Orgulho Ourense)
Pontevedra: Concentración ás 20 horas na Peregrina (Organiza: Avante LGTB)
Vigo: Manifestación (o 29 de xuño) desde a Praza da Pedra ás 20:30 horas (Organiza: Asociación NósMesmas)

https://www.cig.gal/

Enviado por:
Confederación Intersindical Galega
-cig@cig.gal-
27 de junho de 2019 18:00

_____________