Amosando publicacións coa etiqueta Caranza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Caranza. Amosar todas as publicacións

mércores, setembro 12, 2012

Asociacións de Caranza convocan Asemblea de Barrio para este 14 de Setembro, onde está previsto presentar e debater a proposta de rehabilitación do Mercado Municipal


Co obxectivo de presentar e debater o proxecto de rehabilitación do mercado municipal, que saíu das xornadas comunitarias desenvolvidas ao longo destes meses; de enquisas realizadas aos veciños e veciñas, e operadores/as do mercado, cinco asociacións do barrio convocan unha asemblea para este venres 14 de Setembro ás 7 da tarde, no Centro Cívico de Caranza.
As xornadas comunitarias estiveron apoiadas e asesoradas polo Colexio de Arquitectos e a Asociación de Operadores do Mercado. Agora trátase de celebrar unha asemblea para dar a coñecer e debater ese proxecto aos veciños e veciñas interesadas, antes de presentalo á institución municipal.

Estas asociacións cren que, despois de case 30 anos sen mantemento, e sen máis alternativas á vista, rehabilitar hoxe o mercado é a última oportunidade de salvar e ampliar a maior actividade económica do barrio, e un servizo necesario orientado ao consumo de proximidade.

 As liñas xerais desta proposta de rehabilitación do mercado, están definidas nos seguintes obxectivos:
- A recuperación como espazo público do terreo traseiro do mercado, hoxe abandonado, como espazo público, con uso de parque e campo da festa.

- A integración deste espazo coas parcelas do Centro de Saúde e o Instituto Carvalho Calero, eliminando as actuais barreiras que os separan.

- A apertura dun gran oco no mercado, en toda a súa altura, que dé entrada directa a este espazo dende a Avda de Castelao.

- Espazo adicado ao mercado, máis pequeno co actual (con menos postos, e agrupados na primeira planta)

- Manter os locais comerciais que dan á rúa Castelao.

- Un espazo para actividades socio-culturais, en planta baixa, que se poida abrir totalmente ao xardín traseiro.

- Un espazo para actividades socio-culturais, en planta alta.

Convocan esta asemblea: ANPA IES Carvalho Calero; ANPA CEIP Manuel Masdias; Asc. Cultural Fuco Buxán; Asc. Sociocultural López Bouza; Colec. Sociocultural A Revolta de Trasancos

Reivindicando os espazos públicos!!!

asociacionsdoba
rriodecaranza@gmail.com


http://barriodecaranza.blogspot.com.es/




_________________

martes, agosto 21, 2012

Xa son catro as xornadas de traballo na Horta Comunitaria de Caranza


Este Martes 21 de Agosto foi a cuarta xornada na Horta Comunitaria de Caranza. Desde as 6 da Tarde até pasadas as 9 da noite. Preparando a terra, cavando en profundidade e unha capa espesa de palla e herba, para facer unha cama baixo terra. A terra necesita mover-se despois de máis de trinta anos, logo poñer unha cama que garde un pouco de humidade cando se regue ou chova, onde podan ir as raíces. O vindeiro luns 27 de Agosto, nova xornada, mais desta vez @s comuner@s teñen previsto ir até as hortas comunitarias de Canido.

Fotos de Susete'70.

Enlaces relacionados:

___________

domingo, agosto 19, 2012

Terceira Xornada de Traballo na Horta Comunitaria de Caranza


III Xornada de Traballo na Horta Comunitaria de Caranza

O pasado Xoves 16 de Agosto de 2012, tiña lugar desde as 6 da tarde a terceira xornada de traballo na Horta Comunitaria de Caranza. Esta horta está promovida pola Asemblea de Desempregados da CIG, mais nela participan voluntaria mente quen quixer desenvolver este traballo comunitario. Polo de agora na horta participan dez comuner@s que están traballado en labouras de preparación da terra e probas de plantación.

Despois de tres horas de traballo comunitario, tivo lugar a Asemblea onde se falou dos traballo realizados, dos pasos futuros e da vindeira convocatoria de acción comunitaria que vai ter lugar o vindeiro Martes 21 de Agosto ás 6 da Tarde.

Ao final da Asemblea debateu-se sobre a situación da asociación Lazos Pro Solidariedade - Comité AntiSida de Ferrol, e decidiu-se apoiar a súa loita e participar na Rolda de Prensa do vindeiro Luns 20 de Agosto ás 11:30hs no seu Local Social.

Fotos Susete'70 e Ártabra21.


Enlaces relacionados: _____________

venres, agosto 10, 2012

Segunda xornada de traballo na horta comunitaria de Caranza


Realizada a segunda xornada de traballo na horta comunitaria de Caranza promovida pola Asemblea de Desempregad@s da CIG. Este xoves 9 de Agosto de 2012, nesta segunda xornada foi-se conformando un grupo de traballo comunitario que contiunua na plantación de hortalizas e preparación das bancadas de traballo. O pasado 3 de Agosto, na primeira xornada, comezaran os primeiros traballos comunitarios na horta que vai collendo forma.

Non fai falta estar afiliado á CIG para participar nesta Horta Comunitaria, toda persoa desempregada ou con emprego en precario (a tempo parcial, contratos curtos, pensionistas con  prestacións baixas, ..), poden achegar-se até as inmediacións da rúa Cartaxena, no Paseo Marítimo de Caranza, onde hai 5.353 m2 actos para o cultivo.

Contacto:

André - 605455340

andre.martinez.ces@gmail.com

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Moz@s desempregados que se rebelan contra o cliché de “parad@s”

Ártabra 21: Promovida pola Asemblea de Desempregad@s da CIG, comeza o cultivo da Horta Comunitaria de Caranza - Achega-te co teu sacho
___________________

domingo, agosto 05, 2012

Moz@s desempregados que se rebelan contra o cliché de “parad@s”


Reportaxe de Montse Mayoral publicado no 'Diario de Ferrol'

Todos poñen por diante “sen emprego, si, pero non parado”. E é que ademais de saír cada día á rúa a buscar traballo hai que loitar contra un estado de ánimo que ameaza con aniquilalos. Así, xa son uns cantos os que decidiron, sen patrón, contrato nin soldo, poñerse ao choio.

Autobautizados como “@s cidadáns”, un grupo de ferroláns sen emprego e outros en activo decidiron dedicar o seu tempo a mellorar a súa contorna. A súa primeira acción cívica foi ir rozar e limpar a contorna da antiga mina de ouro de Ponzos, unha tarefa que comezaron no fin de semana do 21 de xullo e que culminaron onte, deixando constancia da intervención cun particular “cartel de obra” no que consta que a intervención “non foi financiada polo PP”.

A “@s cidadáns” móvelles un espírito de rebeldía contra o mal funcionamento das administracións, en particular o Concello. Na súa declaración de intencións, de feito, fan constar que coa súa actividade queren denunciar o mal estado no que se atopan os espazos públicos, as zonas verdes, as estradas... e a ineficacia das empresas contratadas para o seu mantemento, no seu caso. De feito, no blogue do grupo recóllense outros exemplos de como os cidadáns suplen estes servizos, como o recente caso dunha octogenaria que se puxo a rozar unha estrada de Covas.

Ademais, o grupo declárase contrario á obra que o Concello de Ferrol vai executar para transformar a Praza de España “por innecesaria e de malgasto”. O grupo “@s cidadáns” queren que os 700.000 euros destinados a devandito proxecto se utilicen para contratar desempregados e a creación de cuadrillas para reparar, limpar e manter a cidade. “Reivindicar traballando que queremos traballar” é outro dos principios que os move e que, segundo anuncian, continuará sacándoos á rúa en próximas accións.

As portas de “@s cidadáns” están abertas para todo o que queira colaborar, como sucede coa Asemblea de Desempregados da CIG. O seu primeiro impulso foi contribuír a facer visible a lacra do desemprego, un problema que ás veces só vemos en cifras, e clamar por que a sociedade non os vexa como “parados”, un cliché do que queren escapar custe o que custe.

Esta mesma semana puxeron en marcha a que podería considerarse a súa primeira acción cívica en Ferrol. Trátase de cultivar unha horta comunitaria no paseo marítimo de Caranza, unha zona na que hai amplos terreos aptos para iso e que a miúdo están faltos de mantemento. “Recuperar ou ánimo do traballo, aprender unha profesión, axudar na casa con produtos de horta básicos e agrupar á xente para emprender mobilizacións de face a visualizar ou problema do desemprego”, explican os promotores. Do mesmo xeito que “@s cidadáns”, a Asemblea de Desempregad@s ve a cantidade de traballo que hai por facer na súa cidade e reclama ao Concello que cre cuadrillas e contribúa, con iso, a paliar dous problemas.

Este venres pola tarde tivo lugar a primeira reunión de traballo para poñer en marcha a horta en Caranza.

@s desempregad@s que o impulsan convidan a sumarse á iniciativa a quen o desexe e particularmente solicitan a axuda de persoas maiores que poidan guialos á hora de organizar os seus cultivos.

Fonte: Diario de Ferrol |05.08.2012|

Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, blogue:

recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com


Fotos de Susete'70.
________________

sábado, xuño 30, 2012

Este Sábado 30 de Xuño: Primeira Sesión das II Xornadas Comunitarias "Estamos proxectando o Mercado de Caranza", trae a túa idea


II Xornadas Comunitarias "Estamos proxectando o Mercado de Caranza", trae a túa idea - 30 de Xuño 1ª Sesión; 14 de Xullo 2ª Sesión e 28 de Xullo 3ª Sesión

O sábado 19 de Maio, celebrabamos a primeira Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza, foi a primeira cita para, dentro das propias instalacións do Mercado Municipal, celebrar unha primeira xornada comunitaria para a posta en valor do mercado e comezar a criar colectivamente o proxecto da súa recuperación, foi o primeiro obxectivo que nos marcamos. Desde aquela continuamos, as cinco asociacións do barrio, coa intención de seguir co proxecto comunitario de incentivar e dinamizar a participación veciñal nos problemas que nos preocupan e as necesidades colectivas do barrio. Consideramos no seu momento que o Mercado, a propia edificación depauperada e o espazo que o rodea, en especial a traseira totalmente infrautilizada e abandonada, merecían outro tratamento por parte das autoridades municipais e a propia veciñanza. E niso estamos.

A esa primeira Xornada, continuaron reunión e debates, recollida de información e reflexión sobre o a mesma. Fixemos unha enquisa a comerciantes; e as operadoras e opreradores do Mercado, da cal temos unha análise que debatiremos na primeira sesión deste Sábado 30 de Xuño.

Estas Segundas Xornadas que veñen, divididas en tres sesións que realizaremos os días 30 deste mes e os 14 e 28 do mes de Xullo, teñen o obxectivo de elaborar un anteproxecto no espazo público e un programa de intervención no Mercado, coa intención de presentar-llo ao Concello.

Veciña, veciño, persoa interesada no traballo comunitario de calquera barrio ou lugar, pode participar nestas xornadas que facemos con vontade construtiva, transformadora e coa participación cidadá.


Un obradoiro aberto (sen inscripción previa), mínimo 3 xornadas: 30 de xuño, 14 de xullo e 28 de xullo.

Obxectivos xerais:

    Elaborar un anteproxecto de intervención no espazo público.
    Elaborar un programa de intervención no mercado.
    (para presentarlle ao concello)


Sesión 1: día 30 de xuño


Obxectivos:
  • Presentación do obradoiro
  • Introducción á participación veciñal no urbanismo
  • Acordo sobre programa do mercado.

Programa

11.00 Presentación

11.15 Exposición doutras experiencias de proxectos participados.

12.00 Formación de equipas de traballo e entrega do material.

12.15 Traballo en grupo. Análise das enquisas, propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)

12.45 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.

13.15 Discusión do banco de propostas. Acordo sobre programa de usos.

13.45 Conclusións.

14.00 Remate.

Materiais necesarios:   
  • Pequeno dossier dando información sobre o mercado e o seu uso
  • Actual (1 por grupo)
  • Resume resultados das enquisas.
  • Presentación en powerpoint (automática) para explicar exemplos
  • De participación veciñal en urbanismo.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.


Sesión 2: día 14 de xullo

Obxectivos:

Acordo sobre programa do espazo público.


Programa:

11.00 Formación de equipas de traballo e entrega de materiais

11.15 Traballo en grupo. Análise das enquisas. Propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)

12.00 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.

12.30 Discusión do banco de propostas. Acordo.

13.15 Conclusións. Documento de programa para o mercado.

13.30 Remate.

Materiais necesarios:
  • Pequeno dossier dando información sobre o espazo (1 por grupo).
  • Planos do espazo público.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.


Sesión 3: día 28 de xullo


Obxectivos:

Anteproxecto do espazo público.

Programa:


11.00 Formación de equipas de traballo e entrega de materiais.

11.15 Traballo en grupo. Propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)

12.00 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.

12.30 Discusión do banco de propostas. Acordo.

13.15 Conclusións. Documento de programa para o espazo público.

13.30 Remate.

Materiais necesarios:
  • Documento do acordo de programa de intervención no espazo público.
  • Maqueta do terreo-espazo público.
  • Módulos-xogo de construcción.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.

Enlaces relacionados:   
Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza e os Espazos Públicos - Sábado 19 de Maio

Crónica - Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial - Xornada Comunitaria en Caranza: 19 de Maio de 2012

Enviado por:
Colectivo A Revolta
-a.revolta.de.trasancos@gmail.com-
30 de junho de 2012 01:12
http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com.es/
___________________

domingo, maio 20, 2012

Xornada Comunitaria en Caranza: Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial



Desde primeira hora do sábado a actividade do mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial. Moitas das grises persianas de ferro, que manteñen fechados máis do 80% dos postos, aparecían cubertas de cores, de debuxos infantís co colorido alegre que os caracteriza, e de propostas, moitas propostas para converter unha das zonas máis deterioradas do barrio, nun espazo útil, dinámico e con valor para a comunidade.

Cinco asociacións de Caranza, a ANPA do IES Carvalho Calero, a ANPA do CEIP Manuel Masdias, a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Asociación Sociocultural López Bouza e o Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, teñen trazado un camiño común para a posta en valor dun barrio que precisa dunha intervención comunitaria para mellorar a calidade de vida das persoas que o habitan.

O mercado de Caranza simboliza esa necesidade do barrio de reconstrución e rehabilitación. O abandono institucional que ven sufrindo este edificio público e o espazo que o circunda, decidiu a este grupo de asociacións a centrar a súa intervención comunitaria nel. Para iso contaron e contan co asesoramento e colaboración da delegación ferrolán do Colexio de Arquitectos de Galicia e da Asociación de Vendedoras e Vendedores do Mercado de Caranza.

Comezouse por realizar enquisas entre a veciñanza para recoller a súa opinión sobre a situación do mercado e coñecer as propostas e solucións que poden aportar.

Desde os centros públicos do barrio realizáronse visitas e traballos escolares sobre o mercado, animando á creación de ideas e solucións para este espazo público.

O sábado 19 foi a primeira cita para, dentro das propias instalacións do mercado, celebrar unha primeira xornada comunitaria para a posta en valor do mercado e comezar a criar colectivamente o proxecto da súa recuperación.

Unha das paredes do mercado proxectou imaxes de informativos onde os operadores e operadoras do mercado denunciaron en repetidas ocasións as condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo. Como contrapunto imaxes doutros mercados galegos, mostraban o que podería chegar a ser o noso.

A continuación, nun improvisado espazo entre dos postos de venda de froitas e verduras, Toni García, arquitecto, explicaba como barrios semellantes ao nosos en Europa, comezaron o camiño da rehabilitación con participación comunitaria hai xa varios anos. Explicou tamén como a arquitectura cambiou o camiño que tiña trazado até o século pasado, un camiño que comezaba por pensar os edificios, para ocupar espazos e posibilitar a vida. Agora o camiño recorrese á inversa, pensamos a vida e os espazos para decidir o tipo de edificio.

O arquitecto Miguel Raimúndez, encargouse da visita guiada polas instalacións do mercado, para ver, tanto os problemas derivados do paso do tempo e da falta de mantemento; aqueles problemas derivados dunha construción onde non se resolveron ben algúns problemas de permeabilidade; ou  aqueles outros que se derivaron de aplicar unha mala solución para os primeiros. Entrada de luz, ventilación, filtracións, evacuación de augas, cubertas... e unha viga exterior que precisa, xunto a esquina leste da cuberta, unha intervención urxente para evitar máis deterioro.

No espazo situado detrás do mercado improvisouse unha pequena asemblea onde se nos explicou as características das dúas parcelas que o conforman. Unha Casa da Mocidade, unha praza pública para celebrar as festas e o feirón, un espazo para o lecer e a convivencia... foron algunhas das ideas que comezaron a encher aquel espazo de soños que están chamados a converterse, na realidade dun barrio que desperta a unha nova etapa de construción comunitaria.

O acto nos medios:
Defenden a rehabilitación fronte á derriba nunha xornada sobre o mercado de Caranza [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 20.05.2012]

Rehabilitación [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 20.05.2012]

Saíu na Portada do Diario de Ferrol na edición impresa do Domingo 20 de Maio de 2012 [Acceder]

Cinco entidades de Caranza organizan unha xornada en torno ao mercado do barrio [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 17.05.2012]

Ferrol | Cinco asociacións de Caranza organizan unha xornada sobre o mercado do barrio | A cita é o sábado na propia praza de abastos [Ir ao xornal: La Voz de Galicia - 16.05.2012]

Enlaces de interese:

Blogues con información das actividades conxuntas das Asociacións do Barrio de Caranza - Ferrol.
http://barriodecaranza.blogspot.com.es/

http://caranza-ferrol.blogspot.com.es/


Fotos de Susete'70.
_ __________________