Amosando publicacións coa etiqueta Caranza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Caranza. Amosar todas as publicacións

domingo, outubro 09, 2022

Ligando denuncia o abandono do barrio de Caranza




ABANDONO DO BARRIO DE CARANZA

O 22 de agosto deste ano celebrouse o 50 aniversario da inauguración do barrio de Caranza. Un barrio ben deseñado en canto a dotación de zonas verdes e servizos tendo en conta a época en que foi construido.

Medio século despois, asistimos a un deterioro preocupante. Hai poicos días retiráronse as cabinas telefónicas públicas. Hai unha escaseza de fontes públicas repartidas polo barrio. Do Parque do Montón xa nin falamos. Seguimos sen comedor senior e os parques presentan un aspecto de abandono e destrozo abraiante que incluso, nalgúns casos, pode resultar perigoso para a veciñanza.

Aquí enviamos fotos do Parque Fontelonga, para mostra.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Fotos: Vai para tres meses, ao pouco tempo de comezar, do abandono das obras de nova construcción do Parque de Fontelonga, adxudicada por máis de 528.000 euros, ao renunciar a empresa contratista por problemas económicos.

Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
8 de outubro de 2022 18:05

_______

xoves, decembro 16, 2021

Foliada do Galicia, este domingo 19 de decembro en Caranza, desde as 12:30hs - Coa participación de Lenda Ártabra, Maghúa, Quenindiole, Pan sen fron, Foliada libre, Donas e galáns, No Cómbaro, As mozas das voltas, Cantos de taberna das Pontes, Ghaldaripas, Xoldaina, Cantos de taberna do Galicia e Son D'aquí


FOLIADA DO GALICIA

Grande Foliada en Caranza, coa participación de Lenda Ártabra, Maghúa, Quenindiole, Pan sen fron, Foliada libre, Donas e galáns, No Cómbaro, As mozas das voltas, Cantos de taberna das Pontes, Ghaldaripas, Xoldaina, Cantos de taberna do Galicia e Son d'aquí.

Día: domingo 19 de decembro.
Hora: 12:30hs.
Lugar: SCDR. Galicia de Caranza (Avenida de Castelao, 36 - Ferrol).

_______

venres, abril 26, 2019

Marea de Ferrol mantivo unha xuntanza coa AA.VV. Caranza, seguindo coa súa rolda de comunicación e diálogo co tecido asociativo ferrolá - O soterramento das liñas de alta tensión, as dificultades de aparcamento na zona do Auditorio, a recuperación do xardín botánico como zona verde pública, as melloras nos accesos e dotacións da praia...


MAREA DE FERROL MANTÉN UNHA XUNTANZA COA AA.VV. CARANZA


O pasado mércores 24 de abril, Marea de Ferrol mantivo unha xuntanza coa AA.VV. Caranza, seguindo coa súa rolda de comunicación e diálogo co tecido asociativo ferrolá.

O soterramento das liñas de alta tensión, as dificultades de aparcamento na zona do Auditorio, a recuperación do xardín botánico como zona verde pública, as melloras nos accesos e dotacións da praia, a falta de instalacións deportivas axeitadas, ou a necesidade dun centro social para as persoas maiores do barrio, foron algunhas das preocupacións e problemas específicos do barrio que as veciñas de Caranza nos trasladaron.

Desde Marea de Ferrol volvemos a constatar a necesidade de recuperar os programas de participación cidadá como mecanismo imprescindible para convivir en verdadeira democracia na cidade, construíndo unha muralla cidadá que permita frear o avance das políticas de dereitas, e fomente a unidade estratéxica das forzas progresistas da cidade.



Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
https://twitter.com/FerrolMarea
https://facebook.com/mareadeferrol


Manifesto. | Acceder/Baixar.

Marea de Ferrol ten un protocolo de colaboración con En Marea.

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
25 de abril de 2019 20:10

_________

En Marea

info@enmarea.gal

https://enmarea.gal/

Facebook | Twitter | Telegram
______________________

martes, xullo 31, 2018

Unha vez máis a Horta Comunitaria de Caranza en perigo. A presidenta da asociación veciñal volve á carga, na súa teima obsesiva contra as hortas urbanas do barrio - Mesmo o Alcalde, Jorge Suárez e Ferrol en Común, votaron con Ciudadanos e o Partido Popular, facendo gala dunha política clientelar, para contentar a Mapi Rodríguez Venancio, na súa cruzada particular contra toda iniciativa que no controla.


O luns 30 de xullo de 2018, tiña lugar en sesión extraordinaria urxente a continuación do Pleno de fin de mes, que se estivo celebrando o xoves da pasada semana. Foron cinco horas de Pleno e entre os puntos que quedaban por tratar, estaba unha moción do grupo municipal de Ciudadanos que presentaba a concelleira Ana Rodríguez Masafret e que apoiaba a presidenta da "Asociación de Veciños de Caranza", Mapi Rodríguez Venancio, que ten unha teima desmesurada contra a horta comunitaria de Caranza. Horta que foi creada hai xa uns 7 anos nuns terreos da Autoridade Portuaria, por ser parte dun recheo da enseada que baña a ribeira leste do barrio, sobre uns 4.800 metros cadrados que están cultivando, na actualidade, sobre unhas 35 persoas.

Mesmo a presidenta da asociación veciñal, Mapi R. Venancio, chega a mentir no Pleno na súa intervención, vítima da súa obsesión, falando de problema, chabolismo e que lle constaba de que había persoas que vivían nas hortas.

Non é a primeira vez que a presidenta da asociación veciñal quere desfacer-se das hortas, xa hai uns anos que o intentara, mais daquela brotara, case de inmediato, a solidariedade da xente e de asociacións do barrio como López Bouza, Fuco Buxán, A Revolta, as ANPAs dos centros públicos, a da asociación de mulleres e a de operadores do Mercado Municipal. Con esta solidariedade e cos medios que expuxeron o que estaban a facer nas hortas, conseguiu-se paralizar a mala intención de Mapi R. Venancio.

Agora coa desculpa da moción din que pretende "poñer a disposición dos veciños un horto urbano dentro do Parque do Montón". Mapi R. Venancio, pretende destruír as actuais hortas urbanas de Caranza, coa desculpa de abrir uns hortos no Montón. Non só o descoñecemento da realidade de cada cousa leva á concelleira Masafret a propoñer tal cousa, senón a manipulación de Mapi é a que, de xeito oportunista, pretende con esta moción eliminar a iniciativa das hortas de Caranza. As instalacións municipais do Montón, albergan un parque botánico con decenas de especies catalogadas (e máis de 1.200 árbores), unha zona de descanso (con mesas e bancos), unha edificación e uns poucos bancais para hortos didácticos (para cursos e visitas escolares), nunca colleiteiros, como son os das actuais hortas de Caranza. Peor foi a actitude dos grupos políticos municipais que apoiaron o terceiro punto da moción, PP, Ciudadanos e o do Alcalde Jorge Suárez, Ferrol en Común, sen ter en conta a opinión das persoas que na actualidade están traballando nas hortas urbanas de Caranza. Desastrosa actuación deste goberno municipal que clamaban pola participación cidadá antes de ser goberno municipal e mesmo que levan no seu programa o apoio a estas iniciativas que se dan en Caranza e noutros barrios da cidade.

No parque botánico do Montón, na zona do mesmo nome, onde se chegaron a investir máis de 700 mil euros de diñeiro público, hai un abandono absoluto por parte do goberno municipal. Un parque onde non hai nin vixilancia, nin mantemento. No que roubaron as portas, cun absoluto deterioro do recinto de protección, onde prolifera un vertedoiro incontrolado e o deterioro da edificación rehabilitada é patente. Unha edificación obxecto de vandalismo, onde desapareceron as cañeiras, a instalación eléctrica, as portas e as contras e xanelas. Tal é o abandono que uns sen teito, fixeron da edificación a súa vivenda. Esta é a terceira moción que o Concello aproba para "recuperar" de novo O Montón. Unha nova función de hipocrisía. Para tapar a súa incapacidade e mal goberno, queren utilizar, de chibo expiatorio, ás persoas que desde hai tempo fixeron da explanada improdutiva da ribeira de Caranza, unha zona produtiva, de agricultura colleiteira, de lecer e didáctica, de aprendizaxe de cultivos, onde se plantaron máis de 40 arbustos e árbores froiteiras, da creación de sistemas de rego e recollida de auga da chuvia, cría de aves de curral e elaboración de compost a través de residuos orgánicos, e un verdadeiro recreo para moitas persoas que gozan vendo traballar e contribuíndo coas súas vivencias pasadas na aldea... As hortas urbanas de Caranza, son un exemplo de convivencia en relación coa natureza e de obtención de produtos do campo de xeito ecolóxico para o autoconsumo...

Pasado o verán de 2015, o Alcalde Jorge Suárez, recen estreado como tal, visitou as hortas de Caranza e fixo unha reunión coas persoas que nelas traballaban, comprometendo-se a súa regularización e dotar de auga ás mesmas. Cousa que non cumpriu até a data, até tal punto que despois se lle volveu requirir que cumprira os seus compromisos e mesmo desprazou-se unha comisión para falar co Concelleiro delegado Luís Victoria, para solictar-lle un punto de auga demanda que non se atendeu. Ao final desta primavera e principios de verán, as comunitarias recolleron máis de 1.500 sinaturas para solicitar unha fonte no paseo de Caranza e que esta puidera dar servizo ás hortas, demanda que segue sen  resposta. Mais agora a resposta do goberno municipal, xa se ve cal é, actuar praticando unha política clientelar, favorecendo as obsesión dunha presidenta que teima con desfacer-se de todo o que non controla no barrio, nada se pode mover, nin iniciativa que saia adiante, sen a súa aprobación e consentimento, unha verdadeira actuación negativa para a participación e a felicidade das persoas que conseguen tirar uns poucos produtos da terra, sen facer dano a ninguén.

As hortas de Caranza, son un paso moi importante na autoxestión veciñal, o paso que ten que dar o goberno municipal é cumprir as súas promesas, axudar ás comuneiras e dotar de auga ás hortas, consensuar un regulamento coas persoas usuarias e facilitar máis espazos, mesmo no Bertón, para quen quixer cultivar en zona urbana.

---
O vídeo que segue é un detalle do Pleno, onde se tratou a moción citada, punto que durou case unha hora, os primeiros minutos son a intervención da presidenta da asociación veciñal Mapi R. Venancio.


https://youtu.be/DL-9unxAsMU


Manifesto da Horta Comunitaria de Caranza: Para que en Ferrol non falte o pan. | Acceder/Baixar. Este manifesto foi entregado por rexistro no Concello de Ferrol, logo de que o Alcalde visitara a Horta en Outubro de 2015.

Facebook da Horta Comunitaria de Caranza.

---

Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
https://artabra21.blogspot.com/
---

sábado, abril 18, 2015

A Marea Ártabra convoca este sábado, 18 de Abril, ás seis da tarde o seu primeiro acto público no barrio de Caranza - A Marea Ártabra contra o TTIP, vai participar ás 12:30 no acto unitario da Praza de Armas de Ferrol


A Marea Ártabra convoca este sábado, 18 de Abril, ás seis da tarde o seu primeiro acto público no barrio de Caranza. No local social do Galicia de Caranza. Trátase dunha Asemblea Aberta onde se van explicar as liñas básicas deste movemento cidadá e presentar as persoas que conforman a súa candidatura para as próximas eleccións municipais. O debate aberto a continuación abordará cales deben ser as liñas prioritarias de actuación da Marea Ártabra no barrio.


A  MAREA  ÁRTABRA  APOIA  A  MOBILIZACIÓN  INTERNACIONAL  CONTRA  O TTIP


Desde a Marea Ártabra queremos convidar a todos e todas as nosas veciñas, a mobilizarse o próximo 18 de abril en contra do Tratado de Libre Comercio da UE con EE.UU.
Este tratado contradí todos os valores e principios nos que se basea a Marea Ártabra para construír a súa alternativa municipal.

Na Marea Ártabra queremos transparencia e democracia participativa. O TTIP estase negociando con total escurantismo. A cidadanía non ten aceso aos documentos, e non vai ser consultada, vía referendo, por exemplo, para a súa aprobación.

Na Marea Ártabra consideramos que a defensa dos servizos públicos, e a remunicipalización dos servizos agora privatizados (auga, recollida de lixo, dependencia, apoio familiar, menores...) é fundamental para poder exercer dereitos fundamentais, asegurar a igualdade no seu aceso e optimizar recursos. O TTIP vai significar a privatización dos servizos públicos para seguir converténdoos en niño de negocio das grandes empresas.

Na Marea Ártabra entendemos que o dereito á saúde de todas e todos, debe ser un eixe vertebrador das políticas municipais. O TTIP vai representar a quebra constante dese dereito, non só pola privatización da sanidade, senón pola desregularización do comercio de produtos tranxénicos, a legalización de sustancias non autorizadas ata agora para uso alimentario, o levantamento da cláusula de prevención, e a distribución e control de fármacos.
Na Marea Ártabra queremos recuperar o concello para as veciñas e veciños, para que exerzamos nel a soberanía, con responsabilidades e dereitos. O TTIP vai colocar ás multinacionais por riba da soberanía dos estados, de maneira que calquera conflito entre unha destas grandes empresas e os gobernos europeos, vaise resolver ante entidades de mediación privadas. As normativas laborais, o salario mínimo, a normativa sobre produtos financeiros... vanse adaptar á baixa, collendo de Europa ou de EE.UU., aquelas normativas que máis favorezan aos intereses das grandes empresas.

A cidadanía de Ferrol ten que tomar conciencia urxentemente, da necesidade de participación e de resposta colectiva e organizada, para enfrontar todos estes plans que desde os poderes económicos, collidos da man do poder político, están intentando impoñernos.

Marea Ártabra estará o sábado 18 de abril mobilizándose na praza do concello de Ferrol, ás 12:30hs, na concentración convocada pola Plataforma Ferrolá contra o TTIP, para unirse ao clamor europeo contra esta ameaza.


Mareaartabra.gal | #MareaArtabra | @mareaartabra | info@mareaartabra.gal | Facebook

A Marea Ártabra é un proceso asambleario para acadar unha maioría social ferrolá, unha candidatura de unidade popular para as eleccións municipais.


Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

WEB: Mareaartabra.gal
TWITTER: @mareaartabra | #MareaArtabra
E-MAIL: info@mareaartabra.gal
FACEBOOK: Marea Ártabra
YOUTUBE: Marea-Ártabra

Local electoral:

Rúa Rochel, nº5 e Magdalena nº14.
Teléfono: 633 352 131

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
17 de abril de 2015 22:45
_____________

martes, maio 13, 2014

Salvemos a Horta Comunitaria de Caranza


A A.VV. de Caranza, leva tempo cunha acción veciñal ao servizo do Partido Popular. Ten-nos acostumad@s a propostas moi reaccionarias e só se dedican a pasear-se cos concelleir@s de quenda, para xustificar a súa inoperancia, apego ao cargo e clientelismo a máis non poder. Unha asociación veciñal que non representa os intereses da veciñanza do barrio, mais preocupada polos intereses do partido que goberna hoxe no Concello de Ferrol, con José Manuel Rey Varela como Alcalde.

Nos últimos días centos de veciñ@s xunto con varias asociacións do barrio mobilizaron-se para denunciar ao Concello de Ferrol, polo abandono ao que está sometido o Mercado Municipal. A citada asociación veciñal que non é digna de levar o nome de "Cuco Ruíz de Cortazar", é cómplice deste abandono. Moitas veciñas e veciños, amosan o rexeitamento ante a actitude de comandita entre dirixentes veciñais da citada asociación e os dereitistas membros do goberno municipal. Actuan como se foxen os vicerreis do barrio, por exemplo nos últimos meses dando permisos para utilizar prazas públicas como estacionamentos (caso inauguración do Auditorio); a tala de ducias de árbores porque supostamente molesta a algún veciñ@; a colocación de boloardos sen contar coa veciñanza; encher de terra sen prensar a explanada da traseira do Mercado, sen proxecto, nen seguridade, que tivo que denunciar o Colexio Público do barrio, polo perigo que corrían as crianzas, polo transito continuado de camións, ..., unha obra que carecia do letreiro correspondente co número de licencia e nome de quen a facia. E xa non falemos do acordo coa dereita para enterrar a participación cidadá e os orzamentos participativos. Favor que aínda lles debe o Sr. Vilariño (actual Presidente da Autoridade Portuaria) e daquela Concelleiro de "Participación" Cidadá.

Destacados directivos desta asociación veciñal, non soportan que haxa vida social no barrio que eles non autoricen. É por iso que todo o que escape ao seu control hai que destruír-lo e agora dan-se conta que hai veciñanza que está disposta a defender o seu Mercado Municipal, fronte a especulación e o abandono. Mobilizacións e denuncias que cuestionan o seu poder e ideoloxía caciquil. Non o poden permitir.

Agora inventan-se denuncias de veciñ@s contra a Horta Comunitaria de Caranza (os denunciantes son eles mesmos claro). A quen lle facían dano un grupo de parad@s que hai dous anos decidiron traballar unhas parcelas desocupadas e poñelas a producir de xeito ecolóxico? Que fácil é ir a polo máis débil!

Correo-e:
comunitariadecaranzahort@gmail.com

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/HortaComunitariaDeCaranza

Albúns de fotos:
https://www.facebook.com/HortaComunitariaDeCaranza/photos_albums
__________

mércores, setembro 11, 2013

Companheiras adeus!, ... Por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
11.09.2013


Pecharom a minha rua. Os sinais e as barreiras cortam a Avenida do Mar em Caranza. O passeio segue acolhendo os passos de moita gente que busca neste caminho a paisagem, a tranquilidade, a brisa e também as sombras dos prádios que abeiram longos tramos deste caminho ao pé da Ria. Umha ria castigada durante tantos anos pola inconsciência das administraçons e a falta de compromisso da cidadania para preservar e defender o território que habita.

Manhá começa a desfeita. Um bom número dessas companheiras de passeio vam ser sacrificadas para a construçom dum tanque de tormentas. Umha obra obsoleta, que em pouco tempo quedará fora da legislaçom europeia. Europa vai proibir este tipo de saneamento que mistura augas pluviais com augas residuais.

Estas companheiras nada podem aguardar das instituiçons que apuram estas obras num caminho cara nengures para encher este bairro de infraestruturas fantasmas, inecessárias, perigosas ou obsoletas (depósito de propano, linhas aéreas de alta tensom, auditório municipal, “tanques de tormentas”, ...). Tampouco podem aguardar nada dumha associaçom vizinhal, a AAVV de Caranza, que devera representar os interesses do bairro, incluindo vizinhos e vizinhas e defensa do território, totalmente alinhada coas decisons das instituçons que promovem este modelo irracional e destrutivo para o território. E nós, o resto de habitantes deste bairro, também daremos as costas, nem estamos nem se nos aguarda.

Só quedaram as perguntas das crianças. Ante os seus olhos as árvores derribadas. E nós que nom poderemos dizer que foi para beneficio da Ria, que foi para benefício da comunidade..., só poderemos explicar e escusar-nos “fam-no para ganhar dinheiro, e nom pudemos fazer nada”.

[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1953, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres e da Rede Social de Ferrol Terra. Forma parte do Consello Editorial de Altermundo e do Colectivo Ártabra 21.

Blogue persoal: Caranza free opiniom

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
11 de setembro de 2013 00:01
________________