Amosando publicacións coa etiqueta LiGanDo-LGD. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LiGanDo-LGD. Amosar todas as publicacións

domingo, outubro 09, 2022

Ligando denuncia o abandono do barrio de Caranza




ABANDONO DO BARRIO DE CARANZA

O 22 de agosto deste ano celebrouse o 50 aniversario da inauguración do barrio de Caranza. Un barrio ben deseñado en canto a dotación de zonas verdes e servizos tendo en conta a época en que foi construido.

Medio século despois, asistimos a un deterioro preocupante. Hai poicos días retiráronse as cabinas telefónicas públicas. Hai unha escaseza de fontes públicas repartidas polo barrio. Do Parque do Montón xa nin falamos. Seguimos sen comedor senior e os parques presentan un aspecto de abandono e destrozo abraiante que incluso, nalgúns casos, pode resultar perigoso para a veciñanza.

Aquí enviamos fotos do Parque Fontelonga, para mostra.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Fotos: Vai para tres meses, ao pouco tempo de comezar, do abandono das obras de nova construcción do Parque de Fontelonga, adxudicada por máis de 528.000 euros, ao renunciar a empresa contratista por problemas económicos.

Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
8 de outubro de 2022 18:05

_______

xoves, agosto 11, 2022

LiGanDo contra a aplicación da Lei mordaza contra a protesta da veciñanza d'A Graña na reivindicación dun estacionamento para o barrio


COMUNICADO DE LIGANDO

Desde Ligando queremos facer público o noso apoio á veciñanza do barrio de A Graña, en Ferrol, diante da multa de 601 euros enviada pola Subdelegación do Goberno a un veciño, identificado pola policía local sen información das razóns, durante un acto de protesta veciñal reclamando aparcadoiros en superficie no barrio.

Este non é un caso puntual do goberno Mato senón que vimos asistindo, durante toda a lexislatura, a unha bunkerización do concello, pechado a cal e canto á cidadanía.

Non só o concelleiro de Seguridade, Julián Reina, non responde á solicitude de xuntanza coa veciñanza senón que reprime o dereito de manifestación enviando á policía local como medida coercitiva. O mesmo que aconteceu nos actos de inauguración da derradeira Poesía Salvaxe. E, por riba, desvincúlase da actuación policial como se a concellalía de seguridade non fora da súa responsabilidade.

Denunciamos que o goberno Psoe, tanto desde o goberno local de Ferrol como desde a Subdelegación do Goberno adícase a aplicar, sistemáticamente, medidas coercitivas que coartan os dereitos fundamentais da cidadanía, aplicando esa Lei Mordaza do PP que o propio Psoe ía derogar axiña chegara ao goberno central.

Asimesmo, criticamos a FeC e ao BNG por seren cómplices da situación e apoiar agora un acto diferenciador preeleitoral pretendendo marcar as diferencias nun último momento cando, por inacción ou omisión, eles tamén foron responsabeis de que en toda a lexislatura o goberno Mato poidera amosar unha gobernanza tan déspota coa cidadanía.

Iolanda Teixeiro Rei
Portavoz de Ligando Ferrol


LiGanDo-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
10 de agosto de 2022 11:50


_______

sábado, agosto 06, 2022

LiGanDo ante as restricións de auga potábel en Miño


Restricións de auga potable en Miño

Diante do bando da Alcaldía de Miño, emitido no día de hoxe, no que anuncia medidas de restrición no uso da auga da traída municipal desde LiGanDo Miño temos que manifestar que o mesmo chega tarde. Desde LGD-Miño levámos desde o mes de Maio alertando sobre a situación de baixo caudal no que se atopa o Río Lambre así como do informe da empresa de Espina & Delfin sobre a situación de estres na que se atopa todos os anos a traída municipal de auga. Este informe esta incluído no proceso de consultas para a construción de máis de 300 vivendas en Monte Piñeiro e está sendo sistematicamente ocultado a veciñanza de Miño.

Aledamos que Faraldo teña entrado en razón e anuncie medidas para intentar garantir o subministro de auga para as vindeiras semanas e meses. Entendemos que as mesmas van tardar un tempo en ser asumidas polo conxunto da veciñanza, debido as inercias no comportamento e que por iso chegan tarde.

Aproveitamos para RECLAMAR ao concello explicacións claras e detalladas dos planos que ten para que nos vindeiros anos sexa compatible a construción das macrourbanizacións promovidas polo goberno local como as de Monte Piñeiro a vez que garante o subministro da auga potable para o conxunto da veciñanza.

Miguel Anxo Abraira.

LiGanDo-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
5 de agosto de 2022 17:56

_______

xoves, maio 12, 2022

Ante o inminente peche de PanNosco en Ferrol


PECHE DE PANNOSCO EN FERROL

Ante o inminente peche de PanNosco en Ferrol, a emblemática cooperativa de traballadores do pan, cunha forte implantación tanto na distribución a supermercados como a pequenas tendas de barrio, deberían estar saltando todas as alarmas políticas.

Desde a organización política Ligando non entendemos como as institucións non están apoiando esta cooperativa alimentaria. Botando man, por exemplo, das axudas dos fondos Next Generation, creados precisamente para fortalecer a resiliencia e a transición ecolóxica nun escenario de suba de prezos dos cereais, da enerxía e do transporte. Situación que pode pór en risco a seguridade alimentaria.

Desde Ligando, reclamamos da Xunta e do goberno local de Ferrol que senten a falar cos cooperativistas así como cos traballadores asalariados para buscar unha saída economicamente viábel para o futuro de Pannosco.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
11 de maio de 2022 21:46


_______

xoves, xaneiro 27, 2022

Ligando amosa a súa oposición rotunda á guerra


COMUNICADO DE LIGANDO

CONFLICTO OTAN-RUSIA

Desde a formación política Ligando queremos amosar a nosa oposición rotunda á guerra non só polo noso ideario pacifista senón tamén porque ante unha posibel guerra contra Rusia e a intervención militar de España, a cidade de Ferrol estaría no punto de mira.

O feito de que este conflicto espelle un trasfondo enerxético na guerra polos recursos (gasoducto de Rusia) e que Reganosa estea na nosa ría, xunto ao feito de que teñan saído de Ferrol as dúas das fragatas F-100, a Blas de Lezo e a Juan de Borbón, cara este conflicto armado, pon en perigo a nosa cidade ante un posibel contraataque ruso.

Desde Ligando, facemos un chamamento a toda a cidadanía de Ferrol para que se posicione contraria á guerra e que estea aberta a participar en mobilizacións.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter



Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
27 de janeiro de 2022 16:11

_______

mércores, outubro 06, 2021

Iniciativa de Ligando sobre a Tarifa Eléctrica ao Concello de Ferrol


A ATENCIÓN DO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

Iolanda Teixeiro Rei, e en calidade de delegada da organización política LIGANDO en Ferrol, con e-mail: correo@ligando.org

EXPÓN:


A dependencia económica de Galiza está sometida ás lóxicas dos grandes complexos empresariais con centros de decisión noutros países. Como exemplo temos o sector da metalurxia non férrea, eis, de transformación do aluminio, unha actividade que representa máis da cuarta parte de todo o consumo eléctrico galego e case a metade do consumo eléctrico industrial (INEGA, 2010c).

O 9% do consumo galego de electricidade e un 18% do consumo eléctrico industrial (INEGA,2010) vai para a industria siderúrxica e metalúrxica de Galiza (como as ferroaleacións). Estas industrias necesitan abundante enerxía eléctrica e portos mariños para o transporte de materia prima e do produto elaborado.
A especialización gandeira e a mecanización dos procesos agro-industriais e o cambio de uso dos solos tamén incrementou o consumo enerxético e de inputs industriais para fornecer de produtos cárnicos e lácteos ao resto da economía española.

A enerxía primaria autóctona foi en 2014 tan só o 61% da que había en 1981, malia o enorme esforzo realizado para desenvolver a enerxía eólica ou a hidráulica. O motivo principal foi o esgotamento do carbón autóctono. As únicas fontes propiamente autóctonas hoxe en día son as renovábeis. En 2015, un terzo correspondía á enerxía eólica que foi gañando peso desde 2019, un terzo á biomasa e case un 25% á enerxía hidráulica. Entre todas elas supoñen o 17,6% da totalidade da enerxía transformada en Galiza. O 82,4% restante é enerxía fósil importada.

A xeración con enerxías renovábeis multiplicouse por 4,3 desde 1981 malia o que apenas chegou a sobordar o 22% da enerxía primaria transformada en Galiza (en 2014).

Galiza é pois, desde hai décadas, centro de transformación de enerxía primaria, cubrindo tanto necesidades internas como externas á economía galega.
Como din os expertos, debido á composición da enerxía primaria utilizada, as perdas da súa transformación a unha enerxía dispoñíbel (derivados do petróleo, calor ou electricidade) son elevadas, entre o 25 e 30% do total transformada na maioría dos anos.

En 2015, as perdas superaron nun 42% ao total da enerxía primaria de orixe galega e equivaleron a máis da metade do consumo interno galego. Esta situación, xunto coas perdas derivadas do transporte de enerxía dispoñíbel, son ilustrativas da enorme ineficiencia do propio sistema enerxético galego, e toda esta disipación de enerxía maniféstase en gran parte en forma de polución atmosférica. Amais da ameaza ambiental constante que constitúe o sector enerxético debido a posíbeis accidentes. (Constantes mareas negras no litoral galego, por ex.) Alén das ameazas potenciais de instalacións enerxéticas en zonas densamente poboadas como son a refinería da Coruña ou no noso caso, a regasificadora de Mugardos na Ría de Ferrol.

A todo isto hai que lle engadir efectos como o desprazamento poboacional e a ocupación e destrución do territorio en forma de encoros -asolagando vales fluviais de altísima fertilidade- ou minas de carbón a ceo aberto. Así como outros impactos sociais e ambientais como os derivados do impacto visual de todo tipo de instalacións enerxéticas, incluída os parques eólicos, contaminación acústica ou efectos sobre a saúde das persoas. Amais dos impactos causados polas infraestruturas de transporte ou evacuación da enerxía secundaria obtida.

Ao ser unha actividade intensiva en capital e non en traballo, o emprego xerado é pouco e vaise reducindo ao longo do tempo. Realmente o peso no PIB do sector enerxético no mercado só é posíbel grazas a eses efectos sociais e ambientais negativos (externalidades).

As características do padrón enerxético galego son a non renovabilidade, a dependencia do exterior e a súa capacidade de polución e de agresión ambiental.
A dependencia enerxética galega, lonxe de diminuír, acrecentou. Mais a capacidade de adaptación do sistema enerxético galego, sen mudar a orientación exportadora, a cotío é confundido cunha suposta sobre-abundancia de recursos enerxéticos propios, unha bonanza enerxética ou unha ausencia de dependencia enerxética. E o que é peor, este carácter extravertido e dependente non desapareceu polo avance na explotación de recursos renovábeis.

O carácter de enclave do noso sector enerxético é máis evidente aínda por estar controlado por unha poucas empresas oligopólicas de capital non galego e mesmo non español. A nosa dependencia enerxética acada hoxe o 82% mentres que se eliminaramos a nosa dependencia enerxética reduciríanse a menos do 7%.
Por riba, estamos nunha situación mundial de emerxencia enerxética e seguimos sendo moi dependentes de determinados usos enerxéticos que requiren de combustíbeis fósiles e que non son substituíbeis por renovábeis a curto prazo como é o caso do transporte de viaxeiros e mercadorías ou o sistema de produción de alimentos.

O cambio climático está a provocar incerteza meteorolóxica extrema que vai traer necesidades vitais básicas descoñecidas. Neste escenario, o territorio vai ser primordial, polo que urxen políticas de conservación dos recursos do rural galego ao servizo da nosa supervivencia. Deixar que os nosos recursos sirvan para o crecemento do modo de vida urbano e de territorios afastados é permitir unha dobre colonización sobre a nosa sociedade, xa que, por unha banda, Galiza verá reforzada a súa función de colonia enerxética fronte a España e por outra banda, seguirase alimentando á nosa costa o modo de vida urbano cando este provoca o 70% das emisións de CO2, a industrialización e a globalización, verdadeiros culpábeis do cambio climático.

Por iso é necesario repensar o modelo enerxético galego cuestionando seriamente tanto o papel de intermediación enerxética fornecendo enerxía para o exterior como de lugar de asentamento de actividades intensivas en enerxía. Non abondan só as políticas de eficiencia das que hai que dicir que a maior eficiencia enerxética maior gasto de terras raras e as veces maior consumo por mor da paradoxo de jevons.

As situacións de emerxencia enerxética aumentan a vulnerabilidade enerxética das sociedades.

A suba constante da tarifa eléctrica nos fogares está a ocasionar un aumento alarmante da pobreza enerxética nas familias, moitas veces co resultado de mortes. Mentres asistimos a inacción política cando non ao mal gasto eléctrico por parte da propia administración con políticas que favorecen o gasto innecesario e provocan contaminación lumínica.

Calquera política enerxética debe garantir o acceso universal asegurando uns mínimos vitais. Así como políticas de redución nos consumos materiais e enerxéticos innecesarios para o mantemento da vida comezando polos máis superfluos. Encamiñándonos cara políticas decrecentistas.

Fronte ao modelo macro-eólico, redución e produción comunitaria e pública de proximidade. Fronte os grandes encoros e os mega-hortos solares en mans das grandes empresas, defendemos a pequena produción enerxética para cubrir os consumos de proximidade tanto de xestión pública comunitaria como de autoconsumo individual onde se vertan os excesos de produción a unha rede eléctrica 100% pública.

Por todo o antedito, desde Ligando

SOLICITAMOS:

1.- Que este concello se dirixa ao goberno central para lle reclamar a Nacionalización da totalidade da Rede Eléctrica Española e os tendidos eléctricos de alta, media e baixa tensión non incluídos na REE como único modo de abaratar os prezos. Así como solicitar que se regule un prezo de tarifa eléctrica acorde coa realidade eléctrica galega garantindo que todas as familias teñan un subministro eléctrico mínimo a un prezo axeitado, máis tendo en conta que Galiza é altamente produtora de electricidade.

2.- Que o concello de Ferrol reclame á Xunta de Galiza a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade co fin de abaratar os custes.

3.- Que se incida tamén na redución dos consumos enerxéticos poñendo en marcha a nivel municipal un plan de redución co fin de dar exemplo e así axudar a ser autosuficiente coas renovables para así axudar a abaratar o prezo ao ter que se producir menos electricidade e reducindo tamén as emisións de CO2 na loita contra o cambio climático.

4.- Elaborar un plano de usos da enerxía, determinando os usos básicos e os secundarios.

5.- Estabelecer un prezo básico da enerxía que garanta o acceso de todas as persoas.

6.- Estabelecer, de inmediato, criterios de carácter máis mercantil penalizando os consumos estragadores ou superfluos para todo tipo de enerxías, non só para a electricidade.

7.- Creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovábel onde se fomente e apoie o autoconsumo e o cooperativismo enerxético.

8.- Facilitar o desenvolvemento de sistemas de obtención de enerxía fóra das canles do mercado ou con fórmulas que permitan dispor dun mínimo de auto- abastecemento ás unidades de convivencia, a título individual ou colectivo (aldeas, comunidades de veciños, barrios).

9.- Políticas dirixidas cara un transporte colectivo eléctrico procedente de recursos propios renovábeis pois o transporte privado eléctrico é unha fantasía do mercado que non é viábel.

10.- Políticas decrecentistas no que ten ao cultivo alimentar referido á produción e conservación dos alimentos así como ao fomento dunha economía ecolóxica de proximidade que evite o despilfarro enerxético do transporte de alimentos así como o desabastecemento.

11.- Campañas educativas de concienciación na redución dos consumos nun escenario de escaseza enerxética nun mundo post-fosilista.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
6 de outubro de 2021 15:44

_______

xoves, setembro 23, 2021

Iniciativa sobre a situación da asistencia sanitaria na Atención Primaria, da organización política LiGanDo ao Concello de Ferrol


Iniciativa sobre a situación sanitaria da Atención Primaria, da organización política Ligando.


AO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

Iolanda Teixeiro Rei, veciña de Ferrol, en calidade de delegada da organización política LIGANDO,

EXPÓN:

Desde LGD temos falado con profesionais que coñecen e padecen de primeira man a situación case de colapso no que está inmerso o nivel primario de asistencia sanitaria. A súa percepción é, se cabe, peor que a que temos a maioría das persoas. Falan de colapso do sistema sanitario se non se modifica de xeito radical, o seu funcionamento.

Os cambios introducidos para facer fronte á pandemia fanlle crer á cidadanía que o deterioro é pasaxeiro e que todo volverá a unha certa normalidade unha vez teñamos saído da emerxencia sanitaria. Mais a realidade é ben distinta. O sistema sanitario galego e tamén o español, está preparado para ser altamente operativo atendendo aos doentes agudos, pero o principal problema da sociedade actual son os enfermos crónicos pois son os estes os que máis abundan. Unha mala atención dos enfermos crónicos fai que estes pacientes teñan episodios agudos, creando un círculo vicioso que se resume en mala atención de enfermos crónicos, provocando un incremento nas necesidades asistenciais que precisan atención sen demora e, polo tanto, sobrecarga o sistema, ao tempo que esta sobrecarga provoca unha mala atención dos crónicos.

A esta nova realidade social hai que engadir a mala xestión que se fixo nos últimos anos na captación dos profesionais recén formados para a súa incorporación no sistema de saúde galego. De pouco serve á sociedade formar novos médicos/as e enfermeiros/as de familia se a estes non se lles garante unhas condicións de traballo e remuneración competitivas co resto da Unión Europea. Non debemos esquecer que nos últimos anos, moitos contratos de médicos/as e enfermeiros/as de familia formalizáronse cun salario inferior ao existente nas zonas limítrofes ao tempo que estes se asinaron só polos días laborábeis da semana comezando o luns e rematando o venres. E volta a empezar. A baixa incentivación económica e a falla de continuidade laboral, provocou a marcha de numerosos profesionais cara outros territorios. Esta situación provocou e provoca que a día de hoxe se dea en Galiza unha forte fenda entre demanda de profesionais (médicos/as e enfermeiras/os) e a oferta real. Esta fenda de profesionais formados na Galiza e no resto da UE non é fácil de suplir coa incorporación de persoas procedentes de fóra da UE debido á dificultade a hora de homologar os estudos.

Se a todo o argumentado anteriormente engadimos que o modelo de atención primaria galega ten o concello como base territorial para a súa definición e que estes son amplamente diferentes dentro dunha mesma comarca, xeramos unha combinación explosiva que pode levar a situacións como que nun concello existan 3 médicos atendendo cada un deles máis usuarios que a poboación dun concello limítrofe con só 2 médicos.

En Galiza, o saldo vexetativo tende a ser negativo no seu conxunto, mais a realidade territorial está enmarcada polo contraste de que existe unha Galiza avellentada que recúa e unha nova que medra. O saldo migratorio é máis flutuante e todo fai pensar que a inmigración está e vai ir en aumento polas novas situacións aparecidas como son a pandemia e o cambio climático.

Esta nova realidade xa se espella en concellos cunha alta taxa de segundas residencias, ao decidir os seus propietarios, ficar todo o ano, aínda que sexa de xeito temporal. Este incremento poboacional durante todo o ano dáse na parte territorial turística. Son os concellos turísticos os que se atopan cunha situación de peor atención sanitaria primaria debido a que experimentan saldos vexetativos positivos, saldos migratorios positivos e unha flutuación de poboación entre o inverno e o verán que pode acadar ate o 100%.

A exposición dos feitos recollidos no anterior parágrafo podería ser distinta se nos últimos anos se tivera dado unha revisión e actualización no reparto dos médicos/as e enfermeiras/os asignados a cada centro de saúde (concello). Este novo reparto permitiría un maior equilibrio entre profesionais e usuarios/as da atención sanitaria primaria.

Na área de Ferrol, a presión sanitaria incrementouse malia as restricións. Médicos de urxencia quéixanse de saturación de traballo, esgotamento físico e mental polas duras condicións laborais chegando a darse abandono por parte de profesionais de Atención primaria. Pois os profesionais atende varias axendas, urxencias, domicilios, facendo seguimento de casos de covid. Por riba, o sistema de receitas de crónicos que é preciso activar cada certos meses, sobrecarga aínda máis estas axendas. De non lle dar solución xa, o persoal sanitario de Ferrol prognostica a fin da Atención primaria. Por todo o antedito:

SOLICITASE:

1º.- Que o concello de Ferrol se poña en contacto cos profesionais dos centros de saúde para recoller as súas demandas e inclúa as mesmas nas reivindicacións locais -a enviar á Consellería de Sanidade- para un correcto funcionamento deses centros.

2º.- Que o concello de Ferrol demande enerxicamente á Consellería de Sanidade o incremento de profesionais nos centros de Saúde de Ferrol ate chegar a un ratio razonabel para unha calidade asistencial digna. Sen tempos de espera de máis de dous día porque iso satura as urxencias. Así como tamén reclamar unha volta á asistencia presencial.

3º.- Que o concello de Ferrol solicite á Consellería de Sanidade unha remodelación da asistencia sanitaria primaria de Galiza, tendo en conta,entre outros factores:

A. A mellora das condicións sociolaborais (retribucións e contratación fixa, entre outras) para os distintos grupos profesionais de atención primaria de xeito que os esforzos educativos terminen recaendo en beneficio da sociedade galega. B. As modificacións de número de habitantes que se deron nos últimos anos.

C. As flutuacións estacionais de habitantes que se deron nos últimos anos.

D. A pirámide de poboación existente para cada centro de saúde. E. A apertura dun debate social e non partidario de cara a unha posibel modificación da asignación de usuarios de cada centro de saúde que teña como base territorial a parroquia e non o concello.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter

Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
22 de setembro de 2021 14:34

_______