Amosando publicacións coa etiqueta Enerxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Enerxía. Amosar todas as publicacións

venres, febreiro 04, 2022

Gas ruso ou ningún - Apuntes da conxuntura do gas natural en Europa ante o aumento da tensión con Rusia


Gas ruso ou ningún

Apuntes da conxuntura do gas natural en Europa

O GNL/LNG

A pinza que Biden tentaba apertar no abastecemento de gas ruso a Europa, no caso de que Rusia invadise Ucraína, afrouxouse por completo cando a diplomacia estadounidense percibe que os países cos que contactou ofreceron só un apoio simbólico se Rusia (ou forzara a USA), pechara a billa do gas ruso.

As empresas produtoras de Qatar (país dos maiores provedores de GNL do mundo), aseguraban que era imposible prestar un apoio firme porque, debido aos altos prezos deste gas no último trimestre do ano pasado, prometéronse a ampliar o subministro aos seus clientes habituais, aínda que con todo, verían se entre todos eles, e os seus clientes poderían axustar estes subministros para trasladar algún gaseiro a Europa.

Por parte de Xapón, Corea e China, algo semellante. Din que non teñen gas suficiente pois os acordos feitos en vigor de GNL lles van moi xustos para satisfacer as súas necesidades. Todos os países están no mesmo. Pechar as centrais térmicas de carbón e substituílas por outras de ciclo combinado.

Foron a Australia, outro país que máis GNL produce do mundo, e tampouco pode subministrar gas adicional polos mesmos motivos que Qatar. Ademais, estando nas antípodas de Europa, a diplomacia USA intentou facer acordos a tres bandas: Australia vendería GNL a aqueles países asiáticos clientes de Qatar e Qatar á súa vez enviaríao a Europa. Este último tampouco cristalizou.

Europa recibe de Rusia 1/3 do gas natural que consume. Estados Unidos non pode substituír esta oferta por si só, e menos aínda neste momento no que Asociacións Civís e senadores demócratas advirten de que EEUU non pode facelo, xa que é posible que dada a demanda interna, non só non poida aumentar as exportacións, senón que poderían ter que reducilos. En resumo, o conflito de Ucraína converteuse nun conflito do gas máis que nun conflito bélico/defensa/estratéxico.

Que fará Europa ante estas circunstancias?

Exemplos destes días sobre os posibles recortes de gas USA

✔ Os demócratas piden aos funcionarios de Biden que limiten as exportacións de gas natural de EE. UU. debido ao aumento dos costos de calefacción do fogar. | Democrats call for Biden officials to limit US natural gas exports because of rising home heating costs. By Matt Egan, CNN Business - February 3, 2022.
     
✔ Os senadores estadounidenses queren poñer freo ás exportacións de GNL para frear as facturas de enerxía doméstica. | U.S. Senators Want To Put Brakes On LNG Exports To Curb Domestic Energy Bills. By Tsvetana Paraskova - Feb 03, 2022.

✔ Biden enfróntase a unha presión crecente para restrinxir as exportacións de GNL tralo aumento dos prezos. | Biden faces growing pressure to restrict LNG exports following price spike. By James Osborne - Feb. 3, 2022.
_______

mércores, outubro 06, 2021

Iniciativa de Ligando sobre a Tarifa Eléctrica ao Concello de Ferrol


A ATENCIÓN DO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

Iolanda Teixeiro Rei, e en calidade de delegada da organización política LIGANDO en Ferrol, con e-mail: correo@ligando.org

EXPÓN:


A dependencia económica de Galiza está sometida ás lóxicas dos grandes complexos empresariais con centros de decisión noutros países. Como exemplo temos o sector da metalurxia non férrea, eis, de transformación do aluminio, unha actividade que representa máis da cuarta parte de todo o consumo eléctrico galego e case a metade do consumo eléctrico industrial (INEGA, 2010c).

O 9% do consumo galego de electricidade e un 18% do consumo eléctrico industrial (INEGA,2010) vai para a industria siderúrxica e metalúrxica de Galiza (como as ferroaleacións). Estas industrias necesitan abundante enerxía eléctrica e portos mariños para o transporte de materia prima e do produto elaborado.
A especialización gandeira e a mecanización dos procesos agro-industriais e o cambio de uso dos solos tamén incrementou o consumo enerxético e de inputs industriais para fornecer de produtos cárnicos e lácteos ao resto da economía española.

A enerxía primaria autóctona foi en 2014 tan só o 61% da que había en 1981, malia o enorme esforzo realizado para desenvolver a enerxía eólica ou a hidráulica. O motivo principal foi o esgotamento do carbón autóctono. As únicas fontes propiamente autóctonas hoxe en día son as renovábeis. En 2015, un terzo correspondía á enerxía eólica que foi gañando peso desde 2019, un terzo á biomasa e case un 25% á enerxía hidráulica. Entre todas elas supoñen o 17,6% da totalidade da enerxía transformada en Galiza. O 82,4% restante é enerxía fósil importada.

A xeración con enerxías renovábeis multiplicouse por 4,3 desde 1981 malia o que apenas chegou a sobordar o 22% da enerxía primaria transformada en Galiza (en 2014).

Galiza é pois, desde hai décadas, centro de transformación de enerxía primaria, cubrindo tanto necesidades internas como externas á economía galega.
Como din os expertos, debido á composición da enerxía primaria utilizada, as perdas da súa transformación a unha enerxía dispoñíbel (derivados do petróleo, calor ou electricidade) son elevadas, entre o 25 e 30% do total transformada na maioría dos anos.

En 2015, as perdas superaron nun 42% ao total da enerxía primaria de orixe galega e equivaleron a máis da metade do consumo interno galego. Esta situación, xunto coas perdas derivadas do transporte de enerxía dispoñíbel, son ilustrativas da enorme ineficiencia do propio sistema enerxético galego, e toda esta disipación de enerxía maniféstase en gran parte en forma de polución atmosférica. Amais da ameaza ambiental constante que constitúe o sector enerxético debido a posíbeis accidentes. (Constantes mareas negras no litoral galego, por ex.) Alén das ameazas potenciais de instalacións enerxéticas en zonas densamente poboadas como son a refinería da Coruña ou no noso caso, a regasificadora de Mugardos na Ría de Ferrol.

A todo isto hai que lle engadir efectos como o desprazamento poboacional e a ocupación e destrución do territorio en forma de encoros -asolagando vales fluviais de altísima fertilidade- ou minas de carbón a ceo aberto. Así como outros impactos sociais e ambientais como os derivados do impacto visual de todo tipo de instalacións enerxéticas, incluída os parques eólicos, contaminación acústica ou efectos sobre a saúde das persoas. Amais dos impactos causados polas infraestruturas de transporte ou evacuación da enerxía secundaria obtida.

Ao ser unha actividade intensiva en capital e non en traballo, o emprego xerado é pouco e vaise reducindo ao longo do tempo. Realmente o peso no PIB do sector enerxético no mercado só é posíbel grazas a eses efectos sociais e ambientais negativos (externalidades).

As características do padrón enerxético galego son a non renovabilidade, a dependencia do exterior e a súa capacidade de polución e de agresión ambiental.
A dependencia enerxética galega, lonxe de diminuír, acrecentou. Mais a capacidade de adaptación do sistema enerxético galego, sen mudar a orientación exportadora, a cotío é confundido cunha suposta sobre-abundancia de recursos enerxéticos propios, unha bonanza enerxética ou unha ausencia de dependencia enerxética. E o que é peor, este carácter extravertido e dependente non desapareceu polo avance na explotación de recursos renovábeis.

O carácter de enclave do noso sector enerxético é máis evidente aínda por estar controlado por unha poucas empresas oligopólicas de capital non galego e mesmo non español. A nosa dependencia enerxética acada hoxe o 82% mentres que se eliminaramos a nosa dependencia enerxética reduciríanse a menos do 7%.
Por riba, estamos nunha situación mundial de emerxencia enerxética e seguimos sendo moi dependentes de determinados usos enerxéticos que requiren de combustíbeis fósiles e que non son substituíbeis por renovábeis a curto prazo como é o caso do transporte de viaxeiros e mercadorías ou o sistema de produción de alimentos.

O cambio climático está a provocar incerteza meteorolóxica extrema que vai traer necesidades vitais básicas descoñecidas. Neste escenario, o territorio vai ser primordial, polo que urxen políticas de conservación dos recursos do rural galego ao servizo da nosa supervivencia. Deixar que os nosos recursos sirvan para o crecemento do modo de vida urbano e de territorios afastados é permitir unha dobre colonización sobre a nosa sociedade, xa que, por unha banda, Galiza verá reforzada a súa función de colonia enerxética fronte a España e por outra banda, seguirase alimentando á nosa costa o modo de vida urbano cando este provoca o 70% das emisións de CO2, a industrialización e a globalización, verdadeiros culpábeis do cambio climático.

Por iso é necesario repensar o modelo enerxético galego cuestionando seriamente tanto o papel de intermediación enerxética fornecendo enerxía para o exterior como de lugar de asentamento de actividades intensivas en enerxía. Non abondan só as políticas de eficiencia das que hai que dicir que a maior eficiencia enerxética maior gasto de terras raras e as veces maior consumo por mor da paradoxo de jevons.

As situacións de emerxencia enerxética aumentan a vulnerabilidade enerxética das sociedades.

A suba constante da tarifa eléctrica nos fogares está a ocasionar un aumento alarmante da pobreza enerxética nas familias, moitas veces co resultado de mortes. Mentres asistimos a inacción política cando non ao mal gasto eléctrico por parte da propia administración con políticas que favorecen o gasto innecesario e provocan contaminación lumínica.

Calquera política enerxética debe garantir o acceso universal asegurando uns mínimos vitais. Así como políticas de redución nos consumos materiais e enerxéticos innecesarios para o mantemento da vida comezando polos máis superfluos. Encamiñándonos cara políticas decrecentistas.

Fronte ao modelo macro-eólico, redución e produción comunitaria e pública de proximidade. Fronte os grandes encoros e os mega-hortos solares en mans das grandes empresas, defendemos a pequena produción enerxética para cubrir os consumos de proximidade tanto de xestión pública comunitaria como de autoconsumo individual onde se vertan os excesos de produción a unha rede eléctrica 100% pública.

Por todo o antedito, desde Ligando

SOLICITAMOS:

1.- Que este concello se dirixa ao goberno central para lle reclamar a Nacionalización da totalidade da Rede Eléctrica Española e os tendidos eléctricos de alta, media e baixa tensión non incluídos na REE como único modo de abaratar os prezos. Así como solicitar que se regule un prezo de tarifa eléctrica acorde coa realidade eléctrica galega garantindo que todas as familias teñan un subministro eléctrico mínimo a un prezo axeitado, máis tendo en conta que Galiza é altamente produtora de electricidade.

2.- Que o concello de Ferrol reclame á Xunta de Galiza a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade co fin de abaratar os custes.

3.- Que se incida tamén na redución dos consumos enerxéticos poñendo en marcha a nivel municipal un plan de redución co fin de dar exemplo e así axudar a ser autosuficiente coas renovables para así axudar a abaratar o prezo ao ter que se producir menos electricidade e reducindo tamén as emisións de CO2 na loita contra o cambio climático.

4.- Elaborar un plano de usos da enerxía, determinando os usos básicos e os secundarios.

5.- Estabelecer un prezo básico da enerxía que garanta o acceso de todas as persoas.

6.- Estabelecer, de inmediato, criterios de carácter máis mercantil penalizando os consumos estragadores ou superfluos para todo tipo de enerxías, non só para a electricidade.

7.- Creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovábel onde se fomente e apoie o autoconsumo e o cooperativismo enerxético.

8.- Facilitar o desenvolvemento de sistemas de obtención de enerxía fóra das canles do mercado ou con fórmulas que permitan dispor dun mínimo de auto- abastecemento ás unidades de convivencia, a título individual ou colectivo (aldeas, comunidades de veciños, barrios).

9.- Políticas dirixidas cara un transporte colectivo eléctrico procedente de recursos propios renovábeis pois o transporte privado eléctrico é unha fantasía do mercado que non é viábel.

10.- Políticas decrecentistas no que ten ao cultivo alimentar referido á produción e conservación dos alimentos así como ao fomento dunha economía ecolóxica de proximidade que evite o despilfarro enerxético do transporte de alimentos así como o desabastecemento.

11.- Campañas educativas de concienciación na redución dos consumos nun escenario de escaseza enerxética nun mundo post-fosilista.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
6 de outubro de 2021 15:44

_______

sábado, setembro 18, 2021

NON á estafa da luz ! - Este domingo 19 de setembro, ás 11 da mañá na Praza de Armas, en Ferrol - A CIG convoca 20 concentracións en cidades e vilas e propón 8 medidas a adoptar de forma inmediata para garantir o acceso á electricidade como ben básico


A CIG convoca 20 concentracións en cidades e vilas, o 19 de setembro, para dicir NON á estafa da luz. | Propón 8 medidas a adoptar de forma inmediata para garantir o acceso á electricidade como ben básico.

NON á estafa da luz ! -

Este domingo 19 de setembro, ás 11 da mañá na Praza de Armas, en Ferrol


A CIG ten convocadas para o vindeiro domingo, día 19 de setembro, un total de 20 concentracións en cidades e vilas de toda Galiza baixo o lema “NON Á ESTAFA DA LUZ, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega”. A central sindical fai un chamamento a participar nestas mobilizacións diante do imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, tal e como denunciou o secretario xeral, Paulo Carril, diante do “nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións accesíbeis”.

Carril fai este chamamento “coa lexitimidade e autoridade das moitas propostas e iniciativas que desde a CIG levamos anos facendo, para poñer fin ao réxime de oligopolio, á mafia das empresas eléctricas, que por decisións de todos os Gobernos españois gozan dun marco regulatorio e tarifario acorde aos seus exclusivos intereses”.

Especialmente “lamentábel e desprezábel” considera o papel do PP e da Xunta. Máis despois das súas políticas en favor das mesmas, “nomeadamente as que explotan os nosos ríos”, matizou, e da súa “permanente oposición a que en Galiza puideramos dar solucións como as que a CIG ten defendido e levado ao Parlamento Galego”.

A este respecto lembra as diferentes ILP promovidas pola central sindical nos últimos anos -que o PP no Parlamento Galego rexeitou-, como a da tarifa eléctrica galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas ou as propostas da CIG para dar solución á industria electrointensiva. Así como na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e nas propostas feitas en outubro do ano pasado para “Unha saída galega xusta da crise”.

Propostas que demostran que “existen mecanismos legais, que é posíbel se hai vontade política, garantir prezos xustos da enerxía”, afirma. Un ben de consumo de primeira necesidade que, ao seu entender, “obriga aos poderes públicos a recoñecer a enerxía como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social e a adoptar medidas de intervención no sector eléctrico para garantir unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo”.

Colonización enerxética

Carril denuncia ademais que toda esta gravísima situación de alza nos prezos da electricidade, ten lugar nun momento no que Galiza se atopa diante dun novo proceso de “colonización enerxética” que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes, “mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización”.

Canda isto advirte que as grandes empresas eléctricas “están a aproveitar a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado”.

Por iso demanda unha verdadeira transición ecolóxica galega “ordenada, xusta, ao servizo do País, cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas”.

Sector estratéxico para Galiza

O secretario xeral da CIG fai especial fincapé no valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, polo que representa no seu PIB e por ser un factor relevante para a produción industrial. Denuncia que, porén, ao longo dos anos, “por decisión políticas, Galiza foi especializándose na xeración de electricidade con enormes custes socias e medio ambientais e sen poder tirar proveito desta actividade”. Nese sentido lembra que “en Galiza exportamos, nos últimos anos, unha media do 30% en favor doutros territorios e do seu desenvolvemento económico, social e industrial mentres en Galiza, pechan empresas, medra o desemprego e continua a emigración”.

Ademais critica ao Goberno español do PSOE e UP por trasladar toda solución “ao xogo do puro e duro do libre mercado, confiando que con máis renovábeis en produción, o prezo baixará”.

Propostas de actuación inmediata

Sobre a mesa pon unha serie de medidas a adoptar por parte dos gobernos español e galego, no marco das súas competencias, vía Decreto e outras ferramentas legais para levalas adiante. Propostas que a CIG ten presentado en numerosas ocasións, que non foron atendidas polos distintos gobernos e cuxa aplicación tería evitado chegar á actual situación:

1.- O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental a unha vida digna que obriga ás Administracións Públicas a desenvolver e fomentar políticas públicas de intervención no sector eléctrico coas que garantir o aceso de todas as persoas á mesma.

2.- Reversión das instalacións hidroeléctricas que teñan rematado e rematen a concesión, destinado os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custe da electricidade.

3.- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.

4.- Fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor de acordo á lexislación de augas vixente en Galiza e no Estado español a fin de garantir que a enerxía reservada en favor das Administracións Públicas se destina a baixar o prezo da electricidade.

5.- Modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, coa produción de electricidade: primas renovábeis, custes extrapeninsulares...

6.- Retirada do pool, do mercado maiorista, para fixar o prezo da electricidade, as centrais hidráulicas e as nucleares.

7.- Modificar transitoriamente os impostos que actualmente están presentes na tarifa eléctrica e que pagan inxustamente as persoas consumidoras mentres non entren en vigor as medidas anteriores, reducindo o tipo máximo de IVE actual, do 21%, ao 4% que se aplica aos produtos básicos e, así mesmo, que as empresas deixen de repercutir nas usuarias e usuarios o 7% do imposto á xeración.

8.- Implantación da tarifa eléctrica galega, dunha tarifa eléctrica máis baixa en Galiza, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.

Pola súa banda, Fernando Branco, responsable do sector de Enerxía da CIG explica que destas medidas, hainas de impacto inmediato na factura da luz e medidas a máis longo prazo. A curto prazo salienta a redución da fiscalidade ao 4%, que está agora no 21% para empresas, PEMES e consumos comerciais e, temporalmente no 10% para consumo doméstico, que teñen menos de 10 kw de potencia contratados. E limpar da factura aquelas peaxes que non teñen a ver co propio sistema eléctrico: as primas de renovábeis, que son 6.000 millóns de euros ao ano e os extra custos extrapeninsulares para compensar solidariamente o alto prezo da xeración de electricidade que teñen en Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, uns 750 millóns de euros ao ano. Ambas partidas que “deberían de estar en orzamentos do Estado” e non na factura. “Sería máis xusto socialmente porque ao estar no recibo afecta tanto a unha traballadora de Citröen como a Florentino, pero se está en orzamentos do Estado quen máis contribúe é quen máis gaña”.

Medidas para mudar o sistema eléctrico

Respecto das outras medidas subliña que, aínda que non teñen impacto inmediato “hai que facelo xa”, como a recuperación das centrais hidroeléctricas, que considera que teñen que ir a unha empresa pública galega de electricidade que as xestione. “Non hai ningún motivo para que esas centrais sigan sendo xestionadas por mans privadas, algunhas desde hai máis dun século, forzando ao límite a Lei de Augas”.

Tamén reclama a modificación do sistema de casación de prezos no mercado maiorista, o chamado pool, que pagan todas as tecnoloxías por igual e sempre a custo da máis cara. “Iso é un disparate xa de presente, pero máis de futuro, porque sempre imos ter algunha tecnoloxía cara que vai entrar a producir pola propia demanda enerxética que se prevé no futuro”.

Sobre esta cuestión demanda que se saquen do mercado dúas tecnoloxías que “están súper amortizadas e que non emiten CO2”, como as nucleares e as hidroeléctricas. Tecnoloxías que, casualmente, están en posesión de Naturgy, Iberdrola e Endesa e que teñen unha posición de forza no mercado. “Por iso hai que retiralas do mercado maiorista e ir a un sistema de fixación de prezos”, conclúe.

Fonte: Avantar.
_______

xoves, xullo 22, 2021

ADEGA, xunto con Greenpeace, FACUA, Transición Verde e Economistas Frente á Crise, esixe ás eléctricas ante os tribunais que devolvan o cobrado en exceso (entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros), polos Custos de Transición á Competencia - Este proceso presentouse o mesmo día no que o prezo medio da luz no mercado maiorista foi un dos máis altos da historia


ADEGA, xunto con Greenpeace, FACUA, Transición Verde e Economistas Frente á Crise iniciaron os trámites para reclamar diante dos tribunais a débeda pendente de liquidar das empresas eléctricas cos consumidores/as que pode oscilar entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros, derivada dos Custes de Transición e Competencia (CTC). Este proceso presentouse no día de onte, o mesmo día no que o prezo medio da luz no mercado maiorista foi un dos máis altos da historia, unha situación que vai seguir producíndose mentres non mude o actual sistema de mercado, e do que as grandes beneficiadas son as compañías eléctricas.

Gabeiras & Asociados representa a ADEGA no recurso ordinario sobre o Incidente de Execución da Sentenza de 18 de xullo de 2005 da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional -confirmada por sentenza do Tribunal Supremo de 8 de maio de 2008- en canto ao importe das plusvalías obtidas por Endesa pola venda de Electra de Viesgo a ENEL. Este é o primeiro paso deste procedemento xurídico, no que se pide que se proceda a liquidar os CTC tecnolóxicos das instalacións referidas en dita Sentenza. O exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas desde 1998 ata 2006 pode cifrarse nun importe global que oscila entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros. Para determinar a cantidade exacta é necesaria a execución da Sentenza da Audiencia Nacional mencionada. As organizacións reclaman que este exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas debe ser reintegrado ao sistema eléctrico co destino que determinen as autoridades reguladoras, restituíndo ás persoas consumidoras de forma directa ou indirecta este exceso dos custos pagados.

Unha lei derrogada porque esixía ás eléctricas devolver os cartos cobrados en exceso

En 1997, o Goberno de Aznar aprobou a Lei do Sector Eléctrico, unha profunda reforma para incorporarse ao mercado europeo, abandonando o Marco Legal Estable e iniciando o camiño da liberalización e da competencia. Ante a posibilidade de que non se puidesen recuperar os investimentos realizados debido ás variacións da retribución con este novo sistema, creáronse os “Custos de Transición á Competencia” (CTC). O novo sistema de mercado fixo que, non só non perderan diñeiro, senón que gañaran máis do previsto e, ademais, cobraran CTC en exceso. Ningún dos distintos gobernos esixiu a devolución destes pagos, e en 2006 derrogouse a norma que obrigada a tal cumprimento. Porén, este dereito non prescribiu e polo tanto é plenamente esixible.

Lamentablemente, de novo, temos que ser a sociedade civil e as consumidoras as que reclamemos os nosos dereitos fronte os abusos das compañías eléctricas mentres as administracións públicas lles conceden inmunidade e numerosos privilexios que sitúan a cidadanía na total indefensión. Todo isto nun momento no que o prezo da luz é cada vez máis elevado e no que están inzando o noso territorio de proxectos eólicos ao máis puro estilo colonial e coa escusa (...unha delas) de abaratar os custos da electricidade para o consumidor/a... Non hai dereito!

Descargas


Execución sentenza CTC
Solicitude liquidación CTC no MITECO
Solicitude liquidación CTC no CNMV

Delegación de ADEGA
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

_______














domingo, xuño 27, 2021

Novo Boletín Informativo Ambiental: A eólica mariña e os proxectos de Iberdrola de San Cibrao e San Brandán no mar galego tópanse de fronte coa repulsa do sector pesqueiro...


Boletín informativo ambiental 25/06/2021

A eólica mariña e os proxectos de Iberdrola de San Cibrao e San Brandán no mar galego tópanse de fronte coa repulsa do sector pesqueiro; o Ministerio de Transición Ecolóxica segue admitindo novos macroproxectos eólicos tamén en terra e ADIF queda exonerada de toda culpa por verter ao río Sil dous vagóns de tren o pasado verán. Estas e outras novas ambientais da semana no presente boletín informativo de Radio Cerna. Escóitao! .

Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!
[Boletín informativo ambiental 25/06/21]



Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#EolicaAsiNon
#MoratoriaEolica
#PorUnNovoModeloEolico
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
25 de junho de 2021 11:52

_______

sábado, maio 01, 2021

ADEGA promove un Ciclo de 5 mesas redondas sobre enerxía eólica e os seus impactos na Galiza que comezará o vindeiro mércores 5 de maio, seguirá o resto dos mércores do mes de maio, finalizando o 2 de xuño - As tres primeiras mesas dos impactos sobre o Patrimonio, a Biodiversidade e o Socioeconómico, a cuarta coa participación dos colectivos de afectadas e a última coa participación das organizacións políticas


O mércores, 5 de maio, ADEGA dará comezo ao Ciclo de mesas redondas "Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza", que se celebrará todos os vindeiros mércores de maio, ata o 2 de xuño incluído. A través destas mesas de debate e reflexión ADEGA pretende analizar desde diferentes puntos de vista os impactos que poden carrexar para o noso territorio a actual enxurrada de proxectos eólicos que se está a tramitar tanto nos organismos da Xunta como do Estado. Arestora xa son máis de 130 proxectos eólicos, alén das súas infraestruturas de evacuación, os que se pretenden instalar en Galiza, e que en total suman máis de 10.000 MW de potencia en tramitación, case o triple do actualmente instalado.

Desde a asociación ecoloxista ADEGA rexeitamos este modelo de desenvolvemento eólico, entre outras razóns, por carecer dunha planificación racional e axeitada para afrontar o reto da descarbonización e do quecemento global, non ter en conta as necesidades enerxéticas de Galiza e reproducir o noso papel histórico como territorio colonizado e espoliado para a xeración de enerxía eléctrica en beneficio do grande capital e doutros territorios intensamente consumidores.

A actual carreira das empresas eólicas por chantar a súa bandeira en territorio galego está a poñer en risco, non só unha transición enerxética xusta, tamén a preservación do patrimonio cultural, da biodiversidade, a viabilidade dos sectores económicos primarios e estratéxicos, a nosa paisaxe, e demais, pode significar o golpe final para o futuro do rural galego. Todos estes impactos procedentes do actual modelo eólico serán tratados nas 5 mesas redondas previstas. Tamén se reservará espazo para coñecer e compartir as experiencias de colectivos e persoas directamente afectadas por esta nova e masiva vaga eólica que atenta contra os seus dereitos das persoas e a súa forma de vida.

Mesa 5 maio: Impactos sobre o Patrimonio

A primeira mesa redonda deste Ciclo de debate sobre a enerxía eólica e os seus impactos sobre o territorio celebrarase o mércores, 5 de maio, ás 19:30 horas e poderá visualizarse en directo desde a páxina web de ADEGA ou a súa canle de Youtube. As palestras desta mesa serán pronunciadas por:

Xabier Moure, Patrimonio dos Ancares.
Aurora Grandal, paleontóloga da UDC.
Pilar Sánchez, O Sorriso de Daniel.
Luis Leclere, Colectivo A Rula.

Modera: Xiana Iglesias, ADEGA.



Canle de Adega.

Programa Completo, información e enlaces. | Ir á Web.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza | Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela | Tlf/Fax: 981 570 099 | Email: adega@adega.gal

http://adega.gal/

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

_______

venres, abril 16, 2021

Na defensa da Serra da Groba (Baixo Miño) contra a Ameaza Eólica - Colaboración audiovisual IEM e Tino Baz - A política enerxética da Xunta de Galicia é a barbarie contra o rural e o medio ambiente galego


Na defensa da 'Serra da Groba' (Baixo Miño) contra a Ameaza Eólica. Colaboración audiovisual do Instituto de Estudos Miñoráns IEM e Tino Baz - Baixo Miño.

Na Galiza esta-se producindo unha invasión eólica sen precedentes, irracional, desordenada e inxusta social e ecoloxicamente, necesitamos un modelo eólico racional, planificado sustentábel e ao servizo da sociedade.
 

Canle do Instituto de Estudos Miñoráns.

#GalizaContraAmezaEolica

#NonInvasionEolica

Relacionado en Ártabra 21

✅ Actúa contra a invasión eólica! - Enlace ao formulario para participar - Loita con nós por un modelo eólico racional, planificado sustentábel e ao servizo da sociedade - E axúdanos a parar esta barbarie contra o rural e o medio ambiente galego. | Ir á Web.

✅ Comuneiros do Cha de Brión-Doniños convocan ao tecido asociativo da Comarca ante o anuncio da instalación dun parque eólico no Monte do Cha - A reunión será o martes día 16 de marzo, ás 5 da tarde nos baixos do local da Xunta Veciñal de Doniños. | Ir á Web.
_______