O mércores, 5 de maio, ADEGA dará comezo ao Ciclo de mesas redondas "Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza", que se celebrará todos os vindeiros mércores de maio, ata o 2 de xuño incluído. A través destas mesas de debate e reflexión ADEGA pretende analizar desde diferentes puntos de vista os impactos que poden carrexar para o noso territorio a actual enxurrada de proxectos eólicos que se está a tramitar tanto nos organismos da Xunta como do Estado. Arestora xa son máis de 130 proxectos eólicos, alén das súas infraestruturas de evacuación, os que se pretenden instalar en Galiza, e que en total suman máis de 10.000 MW de potencia en tramitación, case o triple do actualmente instalado.
Desde a asociación ecoloxista ADEGA rexeitamos este modelo de desenvolvemento eólico, entre outras razóns, por carecer dunha planificación racional e axeitada para afrontar o reto da descarbonización e do quecemento global, non ter en conta as necesidades enerxéticas de Galiza e reproducir o noso papel histórico como territorio colonizado e espoliado para a xeración de enerxía eléctrica en beneficio do grande capital e doutros territorios intensamente consumidores.
A actual carreira das empresas eólicas por chantar a súa bandeira en territorio galego está a poñer en risco, non só unha transición enerxética xusta, tamén a preservación do patrimonio cultural, da biodiversidade, a viabilidade dos sectores económicos primarios e estratéxicos, a nosa paisaxe, e demais, pode significar o golpe final para o futuro do rural galego. Todos estes impactos procedentes do actual modelo eólico serán tratados nas 5 mesas redondas previstas. Tamén se reservará espazo para coñecer e compartir as experiencias de colectivos e persoas directamente afectadas por esta nova e masiva vaga eólica que atenta contra os seus dereitos das persoas e a súa forma de vida.
Mesa 5 maio: Impactos sobre o Patrimonio
A primeira mesa redonda deste Ciclo de debate sobre a enerxía eólica e os seus impactos sobre o territorio celebrarase o mércores, 5 de maio, ás 19:30 horas e poderá visualizarse en directo desde a páxina web de ADEGA ou a súa canle de Youtube. As palestras desta mesa serán pronunciadas por:
✅ Xabier Moure, Patrimonio dos Ancares.
✅ Aurora Grandal, paleontóloga da UDC.
✅ Pilar Sánchez, O Sorriso de Daniel.
✅ Luis Leclere, Colectivo A Rula.
Modera: Xiana Iglesias, ADEGA.
Canle de Adega.
Programa Completo, información e enlaces. | Ir á Web.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza | Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela | Tlf/Fax: 981 570 099 | Email: adega@adega.gal
http://adega.gal/
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon