A ATENCIÓN DO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL
Iolanda Teixeiro Rei, e en calidade de delegada da organización política LIGANDO en Ferrol, con e-mail: correo@ligando.org
EXPÓN:
A dependencia económica de Galiza está sometida ás lóxicas dos grandes complexos empresariais con centros de decisión noutros países. Como exemplo temos o sector da metalurxia non férrea, eis, de transformación do aluminio, unha actividade que representa máis da cuarta parte de todo o consumo eléctrico galego e case a metade do consumo eléctrico industrial (INEGA, 2010c).
O 9% do consumo galego de electricidade e un 18% do consumo eléctrico industrial (INEGA,2010) vai para a industria siderúrxica e metalúrxica de Galiza (como as ferroaleacións). Estas industrias necesitan abundante enerxía eléctrica e portos mariños para o transporte de materia prima e do produto elaborado.
A especialización gandeira e a mecanización dos procesos agro-industriais e o cambio de uso dos solos tamén incrementou o consumo enerxético e de inputs industriais para fornecer de produtos cárnicos e lácteos ao resto da economía española.
A enerxía primaria autóctona foi en 2014 tan só o 61% da que había en 1981, malia o enorme esforzo realizado para desenvolver a enerxía eólica ou a hidráulica. O motivo principal foi o esgotamento do carbón autóctono. As únicas fontes propiamente autóctonas hoxe en día son as renovábeis. En 2015, un terzo correspondía á enerxía eólica que foi gañando peso desde 2019, un terzo á biomasa e case un 25% á enerxía hidráulica. Entre todas elas supoñen o 17,6% da totalidade da enerxía transformada en Galiza. O 82,4% restante é enerxía fósil importada.
A xeración con enerxías renovábeis multiplicouse por 4,3 desde 1981 malia o que apenas chegou a sobordar o 22% da enerxía primaria transformada en Galiza (en 2014).
Galiza é pois, desde hai décadas, centro de transformación de enerxía primaria, cubrindo tanto necesidades internas como externas á economía galega.
Como din os expertos, debido á composición da enerxía primaria utilizada, as perdas da súa transformación a unha enerxía dispoñíbel (derivados do petróleo, calor ou electricidade) son elevadas, entre o 25 e 30% do total transformada na maioría dos anos.
En 2015, as perdas superaron nun 42% ao total da enerxía primaria de orixe galega e equivaleron a máis da metade do consumo interno galego. Esta situación, xunto coas perdas derivadas do transporte de enerxía dispoñíbel, son ilustrativas da enorme ineficiencia do propio sistema enerxético galego, e toda esta disipación de enerxía maniféstase en gran parte en forma de polución atmosférica. Amais da ameaza ambiental constante que constitúe o sector enerxético debido a posíbeis accidentes. (Constantes mareas negras no litoral galego, por ex.) Alén das ameazas potenciais de instalacións enerxéticas en zonas densamente poboadas como son a refinería da Coruña ou no noso caso, a regasificadora de Mugardos na Ría de Ferrol.
A todo isto hai que lle engadir efectos como o desprazamento poboacional e a ocupación e destrución do territorio en forma de encoros -asolagando vales fluviais de altísima fertilidade- ou minas de carbón a ceo aberto. Así como outros impactos sociais e ambientais como os derivados do impacto visual de todo tipo de instalacións enerxéticas, incluída os parques eólicos, contaminación acústica ou efectos sobre a saúde das persoas. Amais dos impactos causados polas infraestruturas de transporte ou evacuación da enerxía secundaria obtida.
Ao ser unha actividade intensiva en capital e non en traballo, o emprego xerado é pouco e vaise reducindo ao longo do tempo. Realmente o peso no PIB do sector enerxético no mercado só é posíbel grazas a eses efectos sociais e ambientais negativos (externalidades).
As características do padrón enerxético galego son a non renovabilidade, a dependencia do exterior e a súa capacidade de polución e de agresión ambiental.
A dependencia enerxética galega, lonxe de diminuír, acrecentou. Mais a capacidade de adaptación do sistema enerxético galego, sen mudar a orientación exportadora, a cotío é confundido cunha suposta sobre-abundancia de recursos enerxéticos propios, unha bonanza enerxética ou unha ausencia de dependencia enerxética. E o que é peor, este carácter extravertido e dependente non desapareceu polo avance na explotación de recursos renovábeis.
O carácter de enclave do noso sector enerxético é máis evidente aínda por estar controlado por unha poucas empresas oligopólicas de capital non galego e mesmo non español. A nosa dependencia enerxética acada hoxe o 82% mentres que se eliminaramos a nosa dependencia enerxética reduciríanse a menos do 7%.
Por riba, estamos nunha situación mundial de emerxencia enerxética e seguimos sendo moi dependentes de determinados usos enerxéticos que requiren de combustíbeis fósiles e que non son substituíbeis por renovábeis a curto prazo como é o caso do transporte de viaxeiros e mercadorías ou o sistema de produción de alimentos.
O cambio climático está a provocar incerteza meteorolóxica extrema que vai traer necesidades vitais básicas descoñecidas. Neste escenario, o territorio vai ser primordial, polo que urxen políticas de conservación dos recursos do rural galego ao servizo da nosa supervivencia. Deixar que os nosos recursos sirvan para o crecemento do modo de vida urbano e de territorios afastados é permitir unha dobre colonización sobre a nosa sociedade, xa que, por unha banda, Galiza verá reforzada a súa función de colonia enerxética fronte a España e por outra banda, seguirase alimentando á nosa costa o modo de vida urbano cando este provoca o 70% das emisións de CO2, a industrialización e a globalización, verdadeiros culpábeis do cambio climático.
Por iso é necesario repensar o modelo enerxético galego cuestionando seriamente tanto o papel de intermediación enerxética fornecendo enerxía para o exterior como de lugar de asentamento de actividades intensivas en enerxía. Non abondan só as políticas de eficiencia das que hai que dicir que a maior eficiencia enerxética maior gasto de terras raras e as veces maior consumo por mor da paradoxo de jevons.
As situacións de emerxencia enerxética aumentan a vulnerabilidade enerxética das sociedades.
A suba constante da tarifa eléctrica nos fogares está a ocasionar un aumento alarmante da pobreza enerxética nas familias, moitas veces co resultado de mortes. Mentres asistimos a inacción política cando non ao mal gasto eléctrico por parte da propia administración con políticas que favorecen o gasto innecesario e provocan contaminación lumínica.
Calquera política enerxética debe garantir o acceso universal asegurando uns mínimos vitais. Así como políticas de redución nos consumos materiais e enerxéticos innecesarios para o mantemento da vida comezando polos máis superfluos. Encamiñándonos cara políticas decrecentistas.
Fronte ao modelo macro-eólico, redución e produción comunitaria e pública de proximidade. Fronte os grandes encoros e os mega-hortos solares en mans das grandes empresas, defendemos a pequena produción enerxética para cubrir os consumos de proximidade tanto de xestión pública comunitaria como de autoconsumo individual onde se vertan os excesos de produción a unha rede eléctrica 100% pública.
Por todo o antedito, desde Ligando
SOLICITAMOS:
1.- Que este concello se dirixa ao goberno central para lle reclamar a Nacionalización da totalidade da Rede Eléctrica Española e os tendidos eléctricos de alta, media e baixa tensión non incluídos na REE como único modo de abaratar os prezos. Así como solicitar que se regule un prezo de tarifa eléctrica acorde coa realidade eléctrica galega garantindo que todas as familias teñan un subministro eléctrico mínimo a un prezo axeitado, máis tendo en conta que Galiza é altamente produtora de electricidade.
2.- Que o concello de Ferrol reclame á Xunta de Galiza a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade co fin de abaratar os custes.
3.- Que se incida tamén na redución dos consumos enerxéticos poñendo en marcha a nivel municipal un plan de redución co fin de dar exemplo e así axudar a ser autosuficiente coas renovables para así axudar a abaratar o prezo ao ter que se producir menos electricidade e reducindo tamén as emisións de CO2 na loita contra o cambio climático.
4.- Elaborar un plano de usos da enerxía, determinando os usos básicos e os secundarios.
5.- Estabelecer un prezo básico da enerxía que garanta o acceso de todas as persoas.
6.- Estabelecer, de inmediato, criterios de carácter máis mercantil penalizando os consumos estragadores ou superfluos para todo tipo de enerxías, non só para a electricidade.
7.- Creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovábel onde se fomente e apoie o autoconsumo e o cooperativismo enerxético.
8.- Facilitar o desenvolvemento de sistemas de obtención de enerxía fóra das canles do mercado ou con fórmulas que permitan dispor dun mínimo de auto- abastecemento ás unidades de convivencia, a título individual ou colectivo (aldeas, comunidades de veciños, barrios).
9.- Políticas dirixidas cara un transporte colectivo eléctrico procedente de recursos propios renovábeis pois o transporte privado eléctrico é unha fantasía do mercado que non é viábel.
10.- Políticas decrecentistas no que ten ao cultivo alimentar referido á produción e conservación dos alimentos así como ao fomento dunha economía ecolóxica de proximidade que evite o despilfarro enerxético do transporte de alimentos así como o desabastecemento.
11.- Campañas educativas de concienciación na redución dos consumos nun escenario de escaseza enerxética nun mundo post-fosilista.
LIGANDO-LGD
http://www.ligando.org/
Facebook | Twitter
Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
6 de outubro de 2021 15:44
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon