mércores, outubro 06, 2021

Xubiladas e pensionistas da CIG sairán este xoves, 7 de outubro, ás rúas galegas por unhas pensións dignas - Denuncian que a reforma que está en marcha consolidará o peor das anteriores - En Ferrol ás 11 da mañá diante do edificio do INSS



O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG ten convocadas para mañá xoves, día 7 de outubro, concentracións nas 7 cidades e Bueu, para demandar unhas pensións públicas dignas e alertar das consecuencias da reforma que ten sobre a mesa o goberno e que está en trámite parlamentario neste intre.

MOBILIZACIÓNS
A Coruña - 11h, Subdelegación do Goberno
Ourense - 11h, diante do INSS
Ferrol - 11h, diante do INSS
Lugo - 12h, diante da Subdelegación do Goberno
Pontevedra - 12h, Praza da Peregrina
Vigo - 11h, Farol de Urzaiz
Bueu - 12h, praza do Concello
Santiago - 11h, Praza do Toural

O que nos din os datos

A pensión media en Galiza é de 865,94€ mensuais, 99 euros por debaixo do SMI coa última suba, mentres que a pensión media no Estado español é de 1.017,97€. Ademais, un total de 415.310 persoas pensionistas en Galiza teñen unha pensión inferior aos 736,34€.

A poboación con máis de 65 anos acada de media 28,9 anos cotizados, moi lonxe dos 36,9 anos necesarios para acceder á pensión máxima. A isto hai que engadir a enorme brecha de xénero que existe e que se comeza a xerar nos primeiros anos de cotización e que chega aos 11,1 anos a favor dos homes cando chegan aos 65 anos, en prexuízo das mulleres.

De feito, a pensión media dunha galega é case que 300 euros inferior que a pensión media dun galego, un 35% por baixo das pensións dos homes e das persoas con pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.

O novo pacto das pensións non garante unhas pensións dignas nin presentes nin futuras

O colectivo denuncia que o PP e o PSOE levan anos querendo reformar o sistema público de pensións. Considera que teñen medo á contestación popular e que, por iso, se apoian en CCOO e UGT para perpetrar o que cualifican de “novo roubo as clases populares”.

O colectivo sinala que o acordo asinado o pasado 1 de xullo súmase ao anterior, do 27 de xaneiro de 2011, cando o goberno español, xunto con CCOO e UGT asinaron un acordo no que se vendían as nosas pensións. “Neste acto vergoñento subían o período de cálculo de 15 a 25 anos; aumentaban a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e tamén aumentaban a idade mínima de xubilación dos 61 aos 63 anos e 33 cotizados”.

Por iso conclúen que “o goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais, co acordo do 1 de xullo deste ano, veñen de pactar a consolidación de todos eses recortes perpetrados no ano 2011” e chaman a mobilizarse nas concentracións convocadas contra esta reforma porque, afirman, “estamos a tempo de parala”.

Fonte: Avante.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
6 de outubro de 2021 12:33

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon