xoves, xullo 22, 2021

ADEGA, xunto con Greenpeace, FACUA, Transición Verde e Economistas Frente á Crise, esixe ás eléctricas ante os tribunais que devolvan o cobrado en exceso (entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros), polos Custos de Transición á Competencia - Este proceso presentouse o mesmo día no que o prezo medio da luz no mercado maiorista foi un dos máis altos da historia


ADEGA, xunto con Greenpeace, FACUA, Transición Verde e Economistas Frente á Crise iniciaron os trámites para reclamar diante dos tribunais a débeda pendente de liquidar das empresas eléctricas cos consumidores/as que pode oscilar entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros, derivada dos Custes de Transición e Competencia (CTC). Este proceso presentouse no día de onte, o mesmo día no que o prezo medio da luz no mercado maiorista foi un dos máis altos da historia, unha situación que vai seguir producíndose mentres non mude o actual sistema de mercado, e do que as grandes beneficiadas son as compañías eléctricas.

Gabeiras & Asociados representa a ADEGA no recurso ordinario sobre o Incidente de Execución da Sentenza de 18 de xullo de 2005 da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional -confirmada por sentenza do Tribunal Supremo de 8 de maio de 2008- en canto ao importe das plusvalías obtidas por Endesa pola venda de Electra de Viesgo a ENEL. Este é o primeiro paso deste procedemento xurídico, no que se pide que se proceda a liquidar os CTC tecnolóxicos das instalacións referidas en dita Sentenza. O exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas desde 1998 ata 2006 pode cifrarse nun importe global que oscila entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros. Para determinar a cantidade exacta é necesaria a execución da Sentenza da Audiencia Nacional mencionada. As organizacións reclaman que este exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas debe ser reintegrado ao sistema eléctrico co destino que determinen as autoridades reguladoras, restituíndo ás persoas consumidoras de forma directa ou indirecta este exceso dos custos pagados.

Unha lei derrogada porque esixía ás eléctricas devolver os cartos cobrados en exceso

En 1997, o Goberno de Aznar aprobou a Lei do Sector Eléctrico, unha profunda reforma para incorporarse ao mercado europeo, abandonando o Marco Legal Estable e iniciando o camiño da liberalización e da competencia. Ante a posibilidade de que non se puidesen recuperar os investimentos realizados debido ás variacións da retribución con este novo sistema, creáronse os “Custos de Transición á Competencia” (CTC). O novo sistema de mercado fixo que, non só non perderan diñeiro, senón que gañaran máis do previsto e, ademais, cobraran CTC en exceso. Ningún dos distintos gobernos esixiu a devolución destes pagos, e en 2006 derrogouse a norma que obrigada a tal cumprimento. Porén, este dereito non prescribiu e polo tanto é plenamente esixible.

Lamentablemente, de novo, temos que ser a sociedade civil e as consumidoras as que reclamemos os nosos dereitos fronte os abusos das compañías eléctricas mentres as administracións públicas lles conceden inmunidade e numerosos privilexios que sitúan a cidadanía na total indefensión. Todo isto nun momento no que o prezo da luz é cada vez máis elevado e no que están inzando o noso territorio de proxectos eólicos ao máis puro estilo colonial e coa escusa (...unha delas) de abaratar os custos da electricidade para o consumidor/a... Non hai dereito!

Descargas


Execución sentenza CTC
Solicitude liquidación CTC no MITECO
Solicitude liquidación CTC no CNMV

Delegación de ADEGA
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

_______















Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon