Amosando publicacións coa etiqueta Auga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Auga. Amosar todas as publicacións

venres, setembro 02, 2022

Auga, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
02.09.2022


AUGA

Agora que chegaron os meniños saharauhis a pasar o verao con familias galegas para sacalos da calor abafante dos acampamentos, onde os voitres xeopolíticos os teñen acornellados, agora podiamos aprender a economizar a auga. Economizar, isto é, usala racionalmente, que non mercantilizala. Para iso xa están as empresas mixtas.

Imaxino que deve pasar polo caletre destes pequenos cando abren a billa e faise a milagre. Cando ven as mangueiras a toda presión derrochando auga potavel para limpar vehículos, azoteas ou encher piscinas en cada urbanización costeira. Eles si poderíannos aprender a sobriedade porque nos educaron no derroche como amósega de éxito social. O de burro grande, ande ou non ande abranguendoo todo.

Os romeiros a Compostela visitan a cidade asolagada no encoro estiñado de Belesar cal nova Lucenza ou Valverde e nos medios parece un acontecemento trivial para divertimento de turistas. Ninguén relaciona a seca coa política pantanosa da dictadura e o desenrolismo que provocou a España vaciada coa apropiación estatal dos montes comunais, o monocultivo alóctono e a agrogandeiría intensiva. Nesta sociedade de datos combustibeis bradburiáns poucos teñen tempo ou azos para atar cabos. E por iso asistimos sen pestanexar ás imaxes do telexornal onde a xente desfruta en piscinas costeiras de luxosos aloxamentos mentres en Ribadavia o concello reparte botellas para beber, noutros concellos restrinxen o consumo ou curtan o suministro polas noites a salto de mato como se non houver responsabilidade política perante esta previsible seca e a falla de planificación ou da máis mínima política hídrica.

A mesma falla de prevención que cos incendios forestais. Lume e auga, as dúas caras da mesma moeda, a moneda da mercantilización dos recursos territoriais. Hai décadas, non lembro cantas, que saía do prelo un inquietante livro de Joaquín Araújo que era toda unha advertencia, España hacia la desertización. Mais decidimos darlle as costas a un grave problema e seguir coas abraiantes políticas de trasvases onde a agricultura do norde tiña que ceder auga á economía do boom turístico e dos campos de invernadoiros da España máis seca. Enfrontando povos acusándoos de insolidarios e esquecendo que os ecosistemas distintos necesitan distintos recursos hídricos e que a agricultura sempre ten de primar sobre o turismo. Aínda há moita xente que pensa que en Galiza chove dabondo, ignorando que o clima atlántico non é igual co mediterráneo e non precisan do mesmo rexime de chuvias.

Os concellos seguen desentendéndose da boa saúde dos ríos e da conservación das fontes. Non parece ir con niguén que os puríns rematen eutrofizando ríos ao punto de que as plantas non deixen ver a auga. Cando se abre outra pista, tantas veces innecesaria, desaparecen as fontes sen que ninguén reclame.

Na terra da auga daquel spot onde unha ra brincava detrás do camión da auga embotellada, quen ousa beber nas poucas fontes que quedan? Na fonte do santoandré de Teixido hoxe a auga da fecundidade só serve para saber se a miga aboia e a parella casa. Na fonte da Moura da miña parroquia, Santa Mariña do Vilar, o acceso norde ao porto, deixounos sen unha auga que tantos veciños iamos procurar. Montes e fontes sobrevivirán somentes na acordanza daquel fermoso livro. E na terra da auga, teremos de mercala ás corporacións que se apropiaron dos nosos mananciais como fixeron as hidroeléctricas co consentimiento dos nosos políticos.

Mais isto non é máis que o principio comparado co que as nosas empresas están a facer cos acuíferos arxentinos, coas terras dos aimara ou dos mapuches chilenos. Aquí aínda non matan Bertas Cáceres ou contaminan acuíferos a mantenta para saquear os recursos como fan na África.

No mundo pospetróleo, co derretemento dos polos e os glaciares e a suba dos océanos, a auga será o ouro dos mercados bursátiles.

Cando nenos, no tempo das fresqueiras, cando case que ninguén vira unha neveira e pasava o camión que vendía o xelo cunha pedra tamaña un iceberg, quen nos ía dicir, mentres cazavamos ras na pucharca do barrio, que aquel iceberg algún día sería un enorme lingote de ouro.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
15 de agosto de 2022 03:28

_______

Imaxe: Concello de Valdoviño - Encoro d'As Forcadas.
_______

sábado, agosto 27, 2022

A Plataforma no Pleno do 25 de agosto onde se pretendian aprobar 6 anos das contas irregulares de Emafesa e eximir a Emafesa da súa respondabilidade polo incumprimento das súas obrigas respecto ao saneamento do rural - O Pleno visto polos medios locais


Intervención de Lupe Ces no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, no Pleno Municipal do Concello de Ferrol

Sr Alcalde, concelleiras e concelleiros:

O goberno municipal trae a pleno a aprobación das contas de EMAFESA dos anos 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021, sen explicar por que non se tiñan aprobado, e que foi o que cambiou para que agora haxa que aprobalas. Cando a propia auditoría que acompaña esas contas di que non se realizaron as Xuntas de Accionistas correspondentes para aprobalas e a Interventora xeral do Concello, anima á aprobación das mesmas dicindo aos concelleiros e concelleiras que “non xera ningún tipo de responsabilidade, e que tampouco significa estar de acordo coa xestión da empresa”, como se as cantidades e partidas reflectidas nas mesmas, non responderan a actuacións concretas tantas veces denunciadas neste pleno por, cando menos, irregulares. Isto ben reflectir, non só unha mala xestión dos diferentes gobernos municipais, senón que tamén toda unha mala xestión da parte privada Socamex que controla Emafesa, sen apenas fiscalización. Parte privada que impón ao Concello de Ferrol un xerente, Alejandro Pisa Jaraba, que amosa incompetencia na xestión de Emafesa, e ao noso entender só responde aos intereses de Socamex, sen importarlle a calidade do servizo, nin os intereses da veciñanza de Ferrol.

Tamén leva a aprobación unha Addenda 1ª ao Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e EMAFESA para a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración. Proposta acompañada por un informe de motivación asinado polo alcalde Ángel Mato, e o xerente de EMAFESA, Alejandro Pisa. Un informe que intenta xustificar a mala xestión da empresa, ao abeiro das distintas sentencias xudiciais que lle foron favorábeis ao longo destes anos, e que chega ao delirio cando asegura que o saneamento da zona rural non se puido realizar pola suspensión da taxa ou os problemas derivados da pandemia, cando este compromiso estaba recollido no Protocolo de Execución Concertada desde o ano 2014, ou como se EMAFESA non facturara mais de 7 millóns 129 mil euros cobrando unha taxa, á veciñanza, cando non se prestaba o servizo, polo tanto tampouco se realizou o gasto previsto. Agora pretenden eximir a EMAFESA e aos tres gobernos municipais de non ter acometido o saneamento do rural. Coa aprobación desta addenda pretenden fuxir de calquera responsabilidade e condicionar a súa aprobación coa execución do saneamento do rural, que tamén vai estar xestionado por EMAFESA. Temos que dicir á veciñanza do rural, que este goberno vai poñer ao raposo a coidar do galiñeiro do saneamento no rural, e aí nos van ter á Plataforma para apoiar, denunciar e mobilizar, pero hoxe non podemos máis que mostrar o noso desacordo con esta addenda e con esta aprobación de contas.

Neste informe, o Sr Mato e o Sr Pisa, botan balóns fora, que se Narón porque non acepta a cantidade do que se lle pide, que se a suspensión da taxa, que se o COVID19... todo menos asumir que houbo e hai unha mala xestión por parte de EMAFESA e os distintos gobernos municipais que manteñen abertas moitas vías por onde se desangra unha e outra vez a esta cidade. E non falamos só da xestión da depuración, tamén falamos dos contadores, das facturación de caño libre, das lecturas estimadas irregulares e avultadas, da non retirada de tramos de tubaxe de fibrocemento, da non retirada dos emisarios sumarinos como o que emerxe na praia de Caranza, do impago do Canon Concesionario ao Concello, do cobro por duplicado de parte da xestión da rede de saneamento que agora xestiona Acuaes e Viaqua, de financiar-se co diñeiro que se lle cobra ás veciñas e veciños pola recollida e transporte do lixo e do Canon da Auga, ...

Vémonos na obriga de vir de novo ante este pleno para asegurar que este intento de legalizar e branquear a mala xestión de EMAFESA e o mal goberno de Rey Varela, Jorge Suárez e Ángel Mato, non queda sen  oposición por parte da veciñanza que levamos anos intentando defendermo-nos de todos estes abusos, aos que haberá que somar, tal e como informa a Interventora Xeral no seu “Informe de control financeiro”, o aumento exponencial dos custes eléctricos do sistema que superaron para o ano 2021 o millón de euros. As perdas deste exercicio de 2021, pretende a empresa, como así o expón no informe de xestión, que sexan compensadas mediante subvención ou o mesmo canon concesional. Un sistema de saneamento insostíbel, e a mala xestión outra vez a costa da veciñanza de Ferrol. Un canon concesional que debera ser usado para a mellora do sistema ou para abaratar o servizo e investir en eficiencia enerxética, até agora usado para financiar á empresa mediante a falta de pago do mesmo, e agora xa abertamente se solicita o seu uso para tapar a mala xestión.

A outra grande desculpa en canto á situación das contas de EMAFESA, o conflito veciño concello de Narón, volve a situarnos nunha situación produto do electoralismo e da incompetencia dos gobernos desta cidade, que non admitiron a posibilidade de colaboración e unha xestión conxunta do que é unha infraestructura supramunicipal, por máis que estea localizada na sua maior parte en territorio do Concello de Ferrol. EMAFESA non pode admitila polo que implica de control e rendición de contas a outras instancias que non sexan gobernos ben atados a través dos seus representantes nos consellos de administración.

Queremos que a depuradora volva a mans de Augas de Galicia, mentres non haxa unha xestión mancomunada; queremos a apertura dun expediente administrativo a EMAFESA; queremos unha auditoria integral, tantas veces anunciada; queremos a apertura dunha oficina municipal para recoller directamente as queixas da cidadanía polo mal servizo, abusos e incumprimentos; queremos a recuperación da xestión 100% pública destes servizos básicos.

 Sabemos que hoxe se pretende pechar a posibilidade de que todo iso aconteza, mais esta Plataforma vai seguir pelexando, porque como di a frase que se atribúe a Abraham Lincoln, “Podes enganar a todo o mundo algún tempo. Podes enganar a algúns todo o tempo. Pero non podes enganar a todo o mundo todo o tempo”.

Aproveitamos tamén para amosar a nosa solidariedade cos traballadores de parques e xardín, dicindo que hai servizos públicos que hai que remunicipalizar de maneira urxente.

Ferrol, a 25 de agosto, de 2022


O Pleno nos Médios:

💧 La Voz de Galicia. | O pleno de Ferrol tomba as contas de Emafesa e apraza a votación do saneamento rural. | Rocío Pita Parada - Ferrol - La Voz - 25 ago 2022 . Actualizado ás 23:15 h. | O goberno retirou o punto da orde do día para evitar que fose rexeitado. | O alcalde, Ángel Mato, aceptou retirar o punto. Pero antes tivo que escoitar á representante da Plataforma pola Remunicipalización, Lupe Ces, que o advertiu de que «vai poñer ao raposo a coidar do galiñeiro do saneamento no rural», en alusión ao socio privado de Emafesa, Socamex. | Ir á Web.

💧 Diario de Ferrol. | El pleno rechaza las cuentas de Emafesa y el rural debe postergar el saneamiento. |   Redacción 26 de agosto de 2022, 00:03 | La gestión de la empresa mixta de aguas –Emafesa–, las cuentas, el saneamiento o los cobros a ciudadanos y Concellos vecinos volvieron a centrar un pleno que, pese a celebrarse en el mes de agosto, fue tan o más denso que los de los meses más laborables por execelencia. | Como en todo debate relativo a la gestión del servicio del agua, la Plataforma pola Remunicpalización, con Lupe Ces como representante, intervino en el pleno reclamando una auditoría integral, una oficina para recoger demandas cidadanas, una gestión 100% pública del servicio, la apertura de un expediente administrativo a Emafesa y que la depuradora vuelva a manos de Augas de Galicia, entre otras cuestiones. | Ir á Web.

💧 Enfoques. | El pleno de Ferrol aprueba reclamar a Narón 3,5 millones por el saneamiento. | PP y BNG rechazaron aprobar las cuentas de Emafesa de los ejercicios 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 y 2021. |  Autor Redacción
25 agosto, 2022. | El pleno ordinario de Ferrol, correspondiente al mes de agosto y celebrado esta mañana, dio luz verde esta mañana a varios asuntos relacionados con el sistema de saneamiento de la ría. Uno de los puntos más importantes se retiró del orden del día. Se trata de la propuesta de aprobación de la adenda 1ª al Protocolo de Ejecución Concertada (PEC), de 2014, entre el Ayuntamiento de Ferrol y Emafesa para la gestión, explotación, mantenimiento y conservación del sistema de saneamiento y depuración, se retiró de la orden del día. | Ir á Web.

💧 Radio Cope. | La oposición “acorrala” al gobierno de Mato. | El PSOE no logró aprobar las cuentas de seis años de Emafesa, retiró del orden del día el proyecto para el saneamiento de la zona rural y pierde la votación de las zonas verdes. | Ir á Web.

💧 Ferrol 360. | PP y BNG tumban en el pleno de Ferrol las cuentas de Emafesa de los últimos seis años. | Viernes 26 agosto 2022 | 11:31 | Nuevo pleno tensionado este jueves en el Concello de Ferrol. Casi cinco horas de debate ―que puede visualizarse en este enlace de nuevo― en las que se ha abarcado la gestión de la empresa mixta de aguas Emafesa y una vez más el pliego al que están esperando los trabajadores de Parques y Jardines. Con instantes de nerviosismo y faltas de respecto, lo cierto es que ha sido nuevamente una sesión especialmente complicada para la edil de Servizos, Ana Lamas. | Tomó la palabra Lupe Ces como representante de la Plataforma pola Remunicipalización, acompañada de un nutrido grupo que sujetaba pancartas en las que se pedía que Emafesa fuera un servicio público al 100 %. El colectivo también solicitó una auditoria a las cuentas de la empresa mixta y la apertura de un expediente administrativo, además la apertura de una oficina que atienda a las demandas de la ciudadanía y que la depuradora vuelva a ser gestionada por Augas de Galicia, entre otras. | Ir á Web.


✅ Enlace ao Texto da intervención da Plataforma no Pleno | Acceder/Baixar.

✅ Vídeo da Intervención de Lupe Ces no Pleno. | Ir á Canle da Plataforma.

✅ Vídeo do Pleno que comeza no minuto 17. | Ir á Canle do Concello de Ferrol.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN

Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com

_______

venres, agosto 26, 2022

Intervención da compañeira Lupe Ces, no Pleno celebrado o 25 de agosto, onde o Goberno Municipal quixo dar carpetazo á xestión do saneamento, sen que ninguén asuma responsabilidades e ocultar o mal goberno e a mala xestión en todo o referente ao sistema de saneamento e depuración - Vídeo da intervención e enlace ao texto - Enlace ao vídeo completo do Pleno


Intervención da compañeira Lupe Ces, portavoz da Plataforma, no Pleno Ordinario celebrado o 25 de agosto de 2022, onde o Goberno Municipal quixo aprobar, entre outros asuntos, tres de suma importancia, para deste xeito dar carpetazo á xestión do saneamento, sen que ninguén asuma responsabilidades e ocultar o mal goberno e a mala xestión en todo o referente ao sistema de saneamento e depuración que vimos padecendo, durante mais dunha década, confiando en que a veciñanza, nos esquezamos do mal que xestionaron todo este asunto, tanto os diferentes gobernos municipais, como Socamex que é a parte privada que leva o temón e controla a xestión da Empresa Mixta de Augas de Ferrol e como Augas de Galicia (que a responsábel é a Xunta de Galicia).

Chama a atención que coa aprobación da 1ª Addenda ao Protocolo de Execución Concertada queiran eximir a EMAFESA de toda responsabilidade por non ter investido nin un só euro no saneamento do rural, investimento ao que estaba comprometido desde xuño de 2014, fai xa oito anos.

Estes asuntos que se trataron no Pleno foron:

 ✔ En primeiro lugar o goberno municipal do alcalde Ángel Mato, leva ao Pleno a proposta de aprobación das contas de EMAFESA dos exercicios 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021. | Este punto foi rexeitado polo Pleno, cos votos do PP e o BNG.

  ✔ En segundo lugar leva a proposta de aprobación da addenda 1ª ao Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e EMAFESA para a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración. | Este punto foi retirado polo Alcalde, a petición do PP para chegar a un acordo co goberno Municipal.

  ✔ E en terceiro lugar, a proposta de aprobación das reclamacións ao Concello de Narón por débedas contraídas co Concello de Ferrol, en concepto de saneamento. | Este punto foi aprobado polo Pleno, cos votos do PP e o PSOE.


✅ Enlace ao Texto da intervención da Plataforma no Pleno | Acceder/Baixar.

✅ Vídeo do Pleno que comeza no minuto 17. | Ir á Canle do Concello de Ferrol.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com

_______

sábado, agosto 06, 2022

LiGanDo ante as restricións de auga potábel en Miño


Restricións de auga potable en Miño

Diante do bando da Alcaldía de Miño, emitido no día de hoxe, no que anuncia medidas de restrición no uso da auga da traída municipal desde LiGanDo Miño temos que manifestar que o mesmo chega tarde. Desde LGD-Miño levámos desde o mes de Maio alertando sobre a situación de baixo caudal no que se atopa o Río Lambre así como do informe da empresa de Espina & Delfin sobre a situación de estres na que se atopa todos os anos a traída municipal de auga. Este informe esta incluído no proceso de consultas para a construción de máis de 300 vivendas en Monte Piñeiro e está sendo sistematicamente ocultado a veciñanza de Miño.

Aledamos que Faraldo teña entrado en razón e anuncie medidas para intentar garantir o subministro de auga para as vindeiras semanas e meses. Entendemos que as mesmas van tardar un tempo en ser asumidas polo conxunto da veciñanza, debido as inercias no comportamento e que por iso chegan tarde.

Aproveitamos para RECLAMAR ao concello explicacións claras e detalladas dos planos que ten para que nos vindeiros anos sexa compatible a construción das macrourbanizacións promovidas polo goberno local como as de Monte Piñeiro a vez que garante o subministro da auga potable para o conxunto da veciñanza.

Miguel Anxo Abraira.

LiGanDo-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
5 de agosto de 2022 17:56

_______

martes, xullo 19, 2022

Membros da Plataforma comezan a entregar os recursos contra a Providencia de Prema, co obxectivo de opoñer-se á mesma e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento dos recibos da taxa de depuración do período onde non se prestaba o servizo


Hoxe pola mañá, membros da Plataforma comezaron a entregar os recursos contra a Providencia de Prema, co obxectivo de opoñer-se á mesma e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento dos recibos da taxa de depuración do período onde non se prestaba o servizo.

A Plataforma, despois de celebradas as diferentes asembleas coa veciñanza, onde se acordou facilitar un modelo de recurso, para manifestar a oposición ao cobro dos recibos da taxa de depuración, correspondentes ao exercicio 2015, cando o Concello non prestaba o servizo.

O recurso vai dirixido á Tesourería Municipal, como órgano encargado do cobro pola vía executiva destes recibos. As veciñas e veciños formulan o recurso contra a Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento dos recibos en base ás seguintes alegacións:

Que son recibos correspondentes ao exercicio 2015, polo que o acto administrativo de reclamación da presunta débeda está prescrito, dado que a lexislación prevé que as débedas prescriben aos 4 anos e xa van case 7 anos desde que se xerou a mesma entre xaneiro e setembro de 2015.

Que a taxa de depuración das augas residuais que se pretende agora cobrar, corresponde a un período onde non se producía o feito impoñíbel que é a prestación do servizo, dado que as poucas augas residuais que chegaban non se depuraban e ademais que a grande maioría dos barrios estaban sen conectar ao sistema, pois as obras estaban sen rematar, nen entregar, e polo tanto o servizo de interceptación (colectores, rexistros, interceptores, tanques de tormenta e aliviadoiros) estaba sen contratar, feito que se produzo aínda, despois da licitación, o 28 de febreiro de 2017.

Que é un acto administrativo de discriminación, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei, dado que a unha parte da veciñanza de Ferrol non se lle esixiu o pago, como tampouco á veciñanza de Narón, cando o sistema de depuración beneficia por igual a toda a poboación de Ferrol e de Narón, e este comezou a funcionar o 3 de abril de 2017.

A veciñanza solicita no citado Recurso a anulación da Providencia de Prema e que se deixe sen efecto o Requirimento de Pagamento, dando por prescrita a presunta débeda, ou no seu caso proceda-se á anulación da débeda por tratar-se dun cobro dunha taxa sen que se dera o feito impoñíbel e por ser un acto administrativo de discriminación, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei. Nos tres casos por ser contrarios a dereito tal e como expoñen.

Relacionado:

✔ Recurso contra a Providencia de Prema, co obxectivo de opoñer-se ao acto administrativo sinalado e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento dos recibos da taxa de depuración do período onde non se prestaba o servizo - Modelo en diferentes formatos e con documentación anexa. | Acceder.

✔ Lupe Ces da Plataforma, entrevistada en TV Ferrol onde falou diante da situación creada a raíz da vía executiva iniciada polo Concello de Ferrol, para o cobro dos recibos da taxa de depuración do, período onde non se prestaba o servizo - Vídeo | Acceder.

✔ A Plataforma realizou asemblea veciñais en Caranza e no Inferniño diante da vía executiva iniciada polo Concello de Ferrol para o cobro dos recibos da taxa de depuración | Acceder.

✔ A Plataforma convoca dúas asembleas veciñais, unha en Caranza e outra no Inferniño, ante o inicio do cobro dos recibos non pagados da taxa de depuración, por vía executiva, notificación que o Concello de Ferrol, está enviado ás casa estes días  | Acceder.

✔ Ante o inicio da vía executiva, por parte do Concello de Ferrol, para o cobro dos recibos non pagados da taxa de depuración que están chegando ás casa estes días: a Plataforma informa | Acceder.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
___ ___

Lupe Ces da Plataforma, entrevistada, en TV Ferrol, onde falou diante da situación creada a raíz da vía executiva iniciada polo Concello de Ferrol para o cobro dos recibos da taxa de depuración do, período onde non se prestaba o servizo - Vídeo


Lupe Ces da Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización, entrevistada, o pasado martes 12 de xullo, pola xornalista Natalia Anguita, no programa da Televisión de Ferrol "Espacio Abierto", onde falou pola situación creada a raíz da vía executiva iniciada polo Concello de Ferrol para o cobro dos recibos da taxa de depuración do exercicio 2015, período onde non se prestaba o servizo, dado que as poucas augas residuais que chegaban non se depuraban e ademais que a grande maioría dos barrios estaban sen conectar ao sistema, pois as obras estaban sen rematar, nen entregar, e polo tanto o servizo de interceptación (colectores, rexistros, interceptores, tanques de tormenta e aliviadoiros) estaba sen contratar, feito que se produzo aínda, despois da licitación, o 28 de febreiro de 2017.


Emitido no Canle da TV Ferrol.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______

domingo, xullo 17, 2022

Recurso contra a Providencia de Prema, co obxectivo de opoñer-se ao acto administrativo sinalado e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento dos recibos da taxa de depuración do período onde non se prestaba o servizo - Modelo en diferentes formatos e con documentación anexa.


SR. ALCALDE PRESIDENTE  DO CONCELLO DE FERROL

TESOURERÍA MUNICIPAL

D/Dna:


Con DNI Nº


maior de idade e veciño/a de Ferrol, co enderezo a efectos de notificación na rúa / praza / lugar:
                                                                                                                  Nº       ,     .  C.P.


EXPÓN:

Que recibiu Notificación de Providencia de Prema, o pasado ___, de __________ deste ano 2022, remitida polo Concello de Ferrol, polo concepto de AUGA LIXO E OUTROS DO EXERCICIO 2015, PERÍODOS: XANEIRO - XUÑO 2015 E XULLO - SETEMBRO 2015, POR UN IMPORTE TOTAL DO PRINCIPAL E RECARGA DE _________ EUROS.

Que non está de acordo coa PROVIDENCIA DE PREMA recibida, polo que ao abeiro do disposto no artigo 123 e dentro do prazo que establece o artigo 124, ambos da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, como dispón expresamente o art. 52.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, formula RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento en base ás seguintes

ALEGACIÓNS:

Primeira.- Recibos satisfeitos en período voluntario ou errónea sinalización do concepto.

Que todos os recibos sinalados na Notificación de Providencia de Prema, neste acto recorrida, co concepto de “Auga, Lixo e outros. ...” correspondentes ao exercicio 2015 que se xiran en períodos bimensuais, están satisfeitos en período voluntario, o que poden comprobar coa revisión dos ingresos efectuados ou dando audiencia no expediente, para achegar os xustificantes de abono, citando lugar, data e hora.

Segunda.- Acto administrativo prescrito (presunta débeda reclamada prescrita).

Que se do que se trata é dun erro na notificación, é onde se puxo como concepto “Auga, Lixo e outros. ...” , esa Tesourería Municipal refírese ao concepto de “Facturación Servizo Depuración - Cota Fixa e Cota Variábel”, de carácter semestral, polos períodos sinalados na notificación (de xaneiro a setembro de 2015), manifestar que a suposta débeda reclamada está prescrita, dado que xa transcorreron case 7 anos desde que presuntamente se xerou a débeda, segundo o disposto no “artigo 66 e no artigo 167, da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria”. Dado que a presunta prestación do servizo de depuración que xerou a factura, agora reclamada en débeda, é anterior á data de suspensión da Taxa de depuración das augas residuais que foi no Pleno Municipal celebrado o 18 de setembro de 2015, polo que non lle afectaría unha presunta suspensión do prazo de prescrición, nin polo acordado no citado Pleno, nin polas actuacións e resolucións administrativas e xudiciais, posteriores ao presunto feito impoñíbel.

Terceira.- Pretende-se cobrar unha taxa sen se producir, no período reclamado, o feito impoñíbel.

Que o de aquela Alcalde Jorge Suárez, xunto a membros do goberno e técnicos municipais, realizaron unha inspección á Depuradora de Cabo Prioriño. A raíz da citada inspección realizada o 25 de agosto de 2015, constatou-se que non se depuraba, nin sequera estaba en funcionamento o sistema; non había persoal contratado, só unha persoa ao cargo das instalacións en xornada de mañá; non había enerxía eléctrica, tampouco fora contratada (utilizaba-se un grupo electróxeno); balsas e tanques estaban con fisuras e filtracións en muros e canles, parte sen utilizar, provocando inundacións de estancias; o laboratorio sen estrear, e un baipás desviaba as augas residuais sen depurar deitándoas directamente ao mar. Ante estes feitos o propio goberno municipal manifestaba que “se estaba cometendo unha fraude no servizo de saneamento e depuración, pois non se prestaba o servizo. Un relatorio do Enxeñeiro Municipal (DOC-1) deu conta da Inspección e tamén tres comparecencias públicas do goberno municipal os días 28 e 31 do mesmo mes de agosto e 28 de setembro de 2015 (DOC-2). Mesmo as dúas consultoras de enxeñería (PW Advisory & Capital Services e Applus Norcontrol, das que solicita se una ao expediente) contratadas polo Concello, nos seus informes, inspeccións e conclusións, deixaron constancia de que en xaneiro de 2016, non se procedera á reparación das fisuras e defectos construtivos na EDAR e que a esas alturas aínda as poucas augas residuais que eran bombeadas desde a EBAR non se estaban depurando.

Que a continuación transcribe e sinala detalles de documentos que achega anexos, como proba de que non se daba o feito impoñíbel, no período sinalado que xera a presunta débeda reclamada por vía de prema polo Concello de Ferrol:

<<Informe Enxeñeiro Industrial de Urbanismo...  “CONCLUSIÓN: Nesta visita de inspección puidemos comprobar que a empresa Emafesa non está a xestionar o sistema  de saneamento e depuración de augas residuais EDAR, de cabo Prioriño, xa que as augas residuais saen da planta sen depurar... Ferrol, 27 de agosto de 2015”>> (DOC-1).

<<Todo o Goberno local, os once concelleiros, compareceron esta mañá no salón de recepcións do Concello de Ferrol nunha rolda de prensa de carácter extraordinario para denunciar uns feitos que o alcalde, Jorge Suárez, cualificou como de extrema gravidade, e que teñen a corporación perplexa e indignada polo engano e a estafa que sería para os usuarios que se lles estea a cobrar (entre 40 e 70 euros semestrais no recibo) en concepto de taxa de saneamento por un servizo que non se presta e que supuxo un engano á cidadanía prolongado durante meses... “Temos que dicir que na EDAR de Cabo Prioriño desde agosto do 2014, cando Emafesa se fixo cargo por unha encomenda de xestión do Concello de Ferrol, que previamente autorizou a Xunta mediante un convenio, non se depurou integramente e absolutamente nin un só metro cúbico de auga”, afirmou Súarez... Nas imaxes tomadas polos técnicos pódese observar os laboratorios sen uso, manuais de instrucións dentro dos aparellos e teas de araña, e a auga completamente negra, sen tratar integramente, que directamente vai ao mar. Desde xaneiro, a Edar só funcionou de 8 a 15:00 horas en momentos moi puntuais, segundo as insuficientes explicacións achegadas por Emafesa, e para eliminar os residuos sólidos sen decantación nin filtrado... Web Oficial do Concello de Ferrrol – 28.08.2015>> (DOC-2).

<<O Goberno local de Ferrol ofreceu este martes unha rolda de prensa para valorar a extensa visita realizada na tarde do luns a EDAR de Cabo Prioriño, cos responsables de AEOPAS, a Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento, que asesoran ao Concello de Ferrol no proceso para remunicipalizar o ciclo integral da auga... Participaron o alcalde, Jorge Suárez, os edís de Servizos e Participación Cidadá, Bruno Díaz e Álvaro Montes, o enxeñeiro e secretario xeral de Aeopas, Jaime Morell. A primeira conclusión que extrae AEOPAS do percorrido polas instalacións de Prioriño é que a EDAR de Ferrol, en palabras do seu máximo responsable, non funcionou como tal nunca, a pesar de tratarse dunha obra “de primeiro nivel tecnolóxico” na que se investiron millóns de cartos públicos. Web Oficial do Concello de Ferrol – 22.09.2015. >> (DOC-3)

Que as cifras comparativas amosan grandes diferencias entre os consumos estimados que se utilizaron para o cálculo da Taxa (Informe de AUDIGAL 2014), 10.934.188 Kwh/ano e os consumos reais do exercicio 2015, 405.252 KWH/ano (só o 11% do previsto),  e augas residuais que chegaron ao EDAR (aínda que non foron depuradas), 2.486.265 m3/ano (só o 9,6% do previsto que eran 25.771.190 m3/ano), segundo cifras de Emafesa no seu informe de xestión de 2015, que tivo lugar no exercicio dese ano. Situación que se mantivo até que o sistema comezou a funcionar, coa conexión e posta en funcionamento (3 de abril de 2017) dos “Interceptores Xerais da marxe dereita da Ría de Ferrol”, por parte da sociedade estatal pública Acuaes, situación posta de manifesto na xuntanza da Comisión de Seguimento das Obras, celebrada o 14 de xuño de 2017 (Acuaes, Augas de Galicia, Concello de Narón e Concello de Ferrol). (DOC-4)

Que outra proba é a enorme diferencia na recollida de lodos e outros residuos, 135 toneladas en 2015, cando o sistema estaba en probas, e 4.883,62 toneladas en 2018, cando todo o sistema xa estaba conectado e en funcionamento, a diferencia está máis que clara (informes de xestión de Emafesa do 2015 e o do 2018 que pide que se engadan ao expediente).

Que mesmo se pode comprobar na diferencia en gastos de persoal, que en 2015 foron 1.892.940 euros, onde se sitúa o período que pretende cobrar Emafesa, e en 2018 foron 2.293.592 euros, cando o sistema funcionou conectado, cunha diferencia de 400.652 euros (informes de xestión de Emafesa do 2015 e o do 2018).

E o que, se cadra, é máis significativo, pola súa ausencia, é a falta de gasto en mantemento nin en explotación do sistema de interceptación a facer, pois este aínda non estaba nin contratado, nin licitado, nin entregado, nin rematado (ate febreiro/marzo de 2017).

Queda constatado, que a non prestación efectiva do servizo no exercicio 2015, supuxo un custe moi inferior ao da posta en funcionamento real e efectiva do mesmo, exercicio 2018. Senón, que os informes de xestión amosan que ese período non foi de posta en servizo, nin de prestación do mesmo, foi un período de arranque ou fase de proba, mentres non se puxo a funcionar o sistema de saneamento, interceptación e depuración, que a todos os efectos, comezou o 3 de abril de 2017.

Que na xa citada xuntanza da Comisión de Seguimento das Obras, celebrada o 14 de xuño de 2017 (DOC-4), deixouse constancia da posta en funcionamento do sistema de saneamento e depuración coa conexión do sistema de interceptación (colectores xerais, interceptores, tanques de tormenta, aliviadoiros,... ) o 3 de abril do mesmo ano.

<<Durante o encontro informouse da recente posta en marcha dos colectores e tanques de tormentas dos tramos xa finalizados da Malata-Gándara, A Gándara-Cadaval e Cadaval-Neda. Ademais púxose en servizo a parte das obras do Tramo Rio Inxerto concluída, que transporta máis do setenta e cinco por cento do caudal que recolle este tramo.

Grazas a iso, desde o pasado mes de abril (2017) comezáronse a conectar ás novas infraestruturas á rede de sumidoiros municipal que recollen as augas residuais urbanas dos barrios ferroláns de Esteiro, Caranza, Ensanche-A, Ultramar, Recimil, San Xoán, Sta Cecilia e unha parte importante de San Pablo e Sta Mariña, e os barrios naroneses de Alto do Castaño, O Couto, A Solaina, A Gándara e Freixeiro, Piñeiros e Xubia, xunto coa parte da zona rural correspondente ás parroquias de Castro, San Mateo, O Val e San Xiao.
>> (DOC-4)

Que no artigo 2 da ordenanza municipal Nº 17 que regula o servizo de depuración das augas residuais, indícase que a Taxa será exixible a partir da recepción, posta en servizo e explotación. Do mesmo xeito, o artigo 7 desta ordenanza establece que nace a obrigación de pago cando se inicie a actividade que constitúe o “Feito Impoñible”, entendéndose iniciada a mesma, desde que teña lugar a efectiva posta en servizo das instalacións de recollida e depuración das augas residuais, nos termos establecidos no artigo 3.

Por outra parte, o artigo 26, parágrafo 1, parte b) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, Lei Reguladora das Facendas Locais, establece que o “Devengo da TAXA” producirase cando se inicie a prestación do servizo.

Para o caso é oportuno ter en conta a sentenza do Tribunal Supremo (Contencioso), sec. 2a, S 20-02-1996, rec.3377/1992, onde se aclara que “ . . . . a efectiva prestación dun servizo municipal é presuposto imprescindíbel para que poda exixirse taxa por tal concepto, por canto o feito impoñible no mesmo, ven constituído pola efectiva prestación dun servizo que beneficie ou afecte de modo particular ao suxeito pasivo, sen que a mera existencia do servizo municipal sexa suficiente para constituír a unha persoa en suxeito pasivo da taxa establecida para a seu financiamento, si o servizo non se presta en forma que aquela poda considerarse especialmente afectada por aquel, en forma de beneficio efectivo ou provocación da actividade municipal”.

Como sinala anteriormente no artigo 2 da citada ordenanza, pola prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida e depuración de augas residuais. Este servizo inclúe (sic) os conceptos de “mantemento e explotación da EDAR de Cabo Prioriño e do emisario submarino” e de “mantemento e explotación da EBAR de A Malata, emisario terrestre de Brión, emisario submariño de A Malata, colector-interceptor cos seus bombeos intermedios, tanques de tormentas e alivios (servizo de interceptación)”.

Pois ben, o colector-interceptor cos seus bombeos intermedios e os tanques de tormenta non estaban finalizados (aínda tardarían 18 meses en estar operativos), nin a empresa pública ACUAES os tiña concesionados, feito que aínda se produce o 28 de febreiro de 2017, adxudicando o contrato a VIACUA (DOC-5). Polo que a prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida e depuración de augas residuais non se estaba producindo e, polo tanto, o feito impoñíbel non estaba a ter lugar. Así pois, a taxa non se podía cobrar, tal e como se indica no artigo 15 da citada Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, e no fundamento de dereito 4 da Sentenza do Tribunal Supremo 4106/2014, do 16 de outubro de 2014, que resolve o recurso 818/2013.

Que mesmo en novembro de 2020, nunha queixa/reclamación dirixida ao Sr. Alcalde, Ángel Mato, xunto a centos de veciñas e veciños, solicitou que o Concello de Ferrol emitira unha Certificación fundada, coa data de inicio da prestación efectiva do servizo de depuración da súa vivenda (conexión ao sistema de interceptación), de acordo coa xa nomeada ordenanza Nº 17 e a lexislación vixente, co obxecto de poder facer efectivo, no seu caso, o pago do agora requirido. Mais o Concello nunca respondeu a tal solicitude.

Que mesmo o Consello de Administración de Emafesa (solicita inclusión da acta no expediente), recoñece a falta de funcionamento do sistema de depuración, na xuntanza do mesmo celebrada o 12 de xullo de 2016: “Os representantes do goberno local no Consello de Administración de Emafesa, reunido na mañá deste martes, acordaron co socio privado da Empresa mixta de augas, que é Socamex-Urbaser, que non se impoñerá ningunha taxa aos veciños e veciñas ata que haxa un saneamento efectivo e real”. (DOC-6)

Que na web oficial de Augas de Galicia, figura o ano 2017 como o ano no que se puxo en funcionamento a EDAR de Prioriño en Ferrol. (DOC-7)

Polo que, ao non se prestar o servizo, o feito impoñíbel non se produce, segundo o disposto nos artigos 13 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos. A prestación do servizo de recepción obrigatoria que especifica a ordenanza, non se produce, o feito impoñible non está a ter lugar, polo tanto non se devenga, artigo 15 da citada Lei 8/1989.

Cuarta.- Un acto administrativo de discriminación, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei.

Que o sistema de saneamento e depuración da zona norte da Ría de Ferrol, supón unha infraestrutura supramunicipal que tanto vai beneficiar á veciñanza de Ferrol, como á de Narón, e nun futuro á de Neda. Polo tanto, non pode ser sufragada a súa posta en marcha, arranque e probas, só por unha parte da veciñanza de Ferrol e sobre todo, cando a grande maioría dos abonados de Ferrol, foron conectados ao sistema o mesmo día que os de Narón. A unha parte da veciñanza de Ferrol exíxeselle o pago de 7.129.145,59 euros (Incluído IVA), cousa que aos veciños e veciñas de Narón non, como tampouco á veciñanza ferrolá da “Conca do Río Sardiña e Mandiá. e das Concas Atlánticas e da bocana da Ría: A Cabana, A Graña, Valón, San Felipe, San Cristóbal, Cariño, Confurco, Doniños, San Xurxo-A  Mariña, O Pieiro, Covas-Esmelle) – Artigo 9. b) b-1) da Ordenanza”. Unha parte da veciñanza de Ferrol, non podemos costear, un período de 31 meses desde setembro de 2014 a marzo de 2017, cando a depuradora non funcionaba como tal, e o sistema non estaba conectado. Uns custos dun período que tería que ser contribuído pola Administración Central, a Xunta de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón. Considera este, un acto administrativo discriminatorio, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei. Vulnerando co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e de toda a normativa que deles emana.

En virtude do exposto,

SOLICITA, que se teñan por realizadas as anteriores manifestacións e, en consecuencia, admítase a trámite o presente escrito, dando por interposto Recurso, proceda-se á anulación da Providencia de Prema e que se deixe sen efecto o Requirimento de Pagamento, dando por prescrita a presunta débeda, ou no seu caso proceda-se á anulación da débeda por tratar-se dun cobro dunha taxa sen que se dera o feito impoñíbel e por ser un acto administrativo de discriminación, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei. Nos tres casos por ser contrarios a dereito tal e como foi exposto.

En Ferrol, a 15 de xullo, de 2022

Asinado.-

Nota.- No caso de que non se queira pagar voluntariamente co 10% de recargo e agardar ao que se decida no recurso (no prazo dum mes), sempre sabendo que poda que non se conceda a suspensión do pago e que continúe a vía executiva, pasando a ser o recargo do 20%, máis xuros e custes do procedemento. Debe-se de engadir este paragrafo:

"OTROSI DI: Solicita a suspensión cautelar do pagamento da presunta débeda en tanto se resolva este recurso, para o cal, baixo a súa responsabilidade, declarase plenamente solvente para facer fronte á presunta débeda reclamada, ou se o considera esa Tesourería Municipal e se así o reclamara compromete-se a presentar aval suficiente de acordo co establecido no artigo 224 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria".

Importante: Pode-se ir directamente pola vía do contencioso-administrativo, sen pasar polo recurso, mais si se presentase o Recurso, hai que agardar a súa resolución ou no seu caso o prazo dun mes. Outro asunto é se paga a pena recorrer no xulgado por unha cantidades pequenas. | Xustiza Gratuíta.

DOCUMENTACIÓN ANEXA QUE SE ACHEGA XUNTO AO RECURSO

DOC-1.- Informe do Enxeñeiro Industrial de Urbanismo (Municipal), sobre carencia de depuración das augas residuais que saen da EDAR de Cabo Prioriño. En relación coa inspección xirada o 25 de agosto de 2015. | Asinado en Ferrol, a 27 de Agosto de 2015. | Acceder/Baixar.

DOC-2.- Novas publicadas na Web Oficial do Concello de Ferrol, os días 28 e 31 de Agosto e 28 de setembro de 2015, sobre a fraude da EDAR que non funcionaba. | Acceder/Baixar.

DOC-3.- Nova publicada na Web Oficial do Concello de Ferrol: "O Goberno local convida a AEOPAS a inspeccionar a Edar e conclúen que nunca funcionou para depurar as augas negras". | 22 de setembro de 2015. | Acceder/Baixar.

DOC-4.- Nota do Gabimete de Prensa do ministerio: "A través de la sociedad estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), el Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente pone en funcionamiento la actuación: Interceptores generales de la margen derecha de la Ría de Ferrol” (A Coruña) | 5 de abril de 2017. | Acceder/Baixar.

DOC-5.- Anuncio de adxudicación “Número de Expediente ACE/802.01-02-03-04-05/ 16/EXPL/01”, publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público o 28-02-2017 ás 13:03 horas, onde o “Consejo de Administración de Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (ACUAES)”, adxudica o contrato "Servicios de explotación de los Interceptores generales de la margen derecha de la Ría de Ferrol" a “VIAQUA, GESTIÓN INTEGRAL DE AGUAS DE GALICIA, S.A.U.”| Data do acordo: 27/02/2017. | Acceder/Baixar.

DOC-6.- Nova na Web Oficial do Concello de Ferrol: "Os representantes do goberno local no Consello de Administración de Emafesa, reunido na mañá deste martes, acordaron co socio privado da Empresa mixta de augas, que é Socamex-Urbaser, que non se impoñerá ningunha taxa aos veciños e veciñas ata que haxa un saneamento efectivo e real. Ferrol, a 12 de xullo de 2016”. | Acceder/Baixar.

DOC-7.- Información pública na Web Oficial de Augas de Galicia (Xunta de Galicia), sobre datos administrativos - económicos e características técnicas da EDAR de Cabo Prioriño (Ferrol), onde figura entre outros datos o de INICIO DE FUNCIONAMENTO: 2017. | Acceder/Baixar.

O RECURSO EN DIFERENTES FORMATOS:

En formato PDF cos anexos incluídos. | "RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento". | Acceder/Baixar.

En formato ODT (libre), os anexos hai que baixalos aparte. | "RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento". | Acceder/Baixar.

En formato DOC (de Microsft), os anexos hai que baixalos aparte. | "RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento". | Acceder/Baixar.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______