domingo, xullo 17, 2022

Recurso contra a Providencia de Prema, co obxectivo de opoñer-se ao acto administrativo sinalado e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento dos recibos da taxa de depuración do período onde non se prestaba o servizo - Modelo en diferentes formatos e con documentación anexa.


SR. ALCALDE PRESIDENTE  DO CONCELLO DE FERROL

TESOURERÍA MUNICIPAL

D/Dna:


Con DNI Nº


maior de idade e veciño/a de Ferrol, co enderezo a efectos de notificación na rúa / praza / lugar:
                                                                                                                  Nº       ,     .  C.P.


EXPÓN:

Que recibiu Notificación de Providencia de Prema, o pasado ___, de __________ deste ano 2022, remitida polo Concello de Ferrol, polo concepto de AUGA LIXO E OUTROS DO EXERCICIO 2015, PERÍODOS: XANEIRO - XUÑO 2015 E XULLO - SETEMBRO 2015, POR UN IMPORTE TOTAL DO PRINCIPAL E RECARGA DE _________ EUROS.

Que non está de acordo coa PROVIDENCIA DE PREMA recibida, polo que ao abeiro do disposto no artigo 123 e dentro do prazo que establece o artigo 124, ambos da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, como dispón expresamente o art. 52.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, formula RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento en base ás seguintes

ALEGACIÓNS:

Primeira.- Recibos satisfeitos en período voluntario ou errónea sinalización do concepto.

Que todos os recibos sinalados na Notificación de Providencia de Prema, neste acto recorrida, co concepto de “Auga, Lixo e outros. ...” correspondentes ao exercicio 2015 que se xiran en períodos bimensuais, están satisfeitos en período voluntario, o que poden comprobar coa revisión dos ingresos efectuados ou dando audiencia no expediente, para achegar os xustificantes de abono, citando lugar, data e hora.

Segunda.- Acto administrativo prescrito (presunta débeda reclamada prescrita).

Que se do que se trata é dun erro na notificación, é onde se puxo como concepto “Auga, Lixo e outros. ...” , esa Tesourería Municipal refírese ao concepto de “Facturación Servizo Depuración - Cota Fixa e Cota Variábel”, de carácter semestral, polos períodos sinalados na notificación (de xaneiro a setembro de 2015), manifestar que a suposta débeda reclamada está prescrita, dado que xa transcorreron case 7 anos desde que presuntamente se xerou a débeda, segundo o disposto no “artigo 66 e no artigo 167, da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria”. Dado que a presunta prestación do servizo de depuración que xerou a factura, agora reclamada en débeda, é anterior á data de suspensión da Taxa de depuración das augas residuais que foi no Pleno Municipal celebrado o 18 de setembro de 2015, polo que non lle afectaría unha presunta suspensión do prazo de prescrición, nin polo acordado no citado Pleno, nin polas actuacións e resolucións administrativas e xudiciais, posteriores ao presunto feito impoñíbel.

Terceira.- Pretende-se cobrar unha taxa sen se producir, no período reclamado, o feito impoñíbel.

Que o de aquela Alcalde Jorge Suárez, xunto a membros do goberno e técnicos municipais, realizaron unha inspección á Depuradora de Cabo Prioriño. A raíz da citada inspección realizada o 25 de agosto de 2015, constatou-se que non se depuraba, nin sequera estaba en funcionamento o sistema; non había persoal contratado, só unha persoa ao cargo das instalacións en xornada de mañá; non había enerxía eléctrica, tampouco fora contratada (utilizaba-se un grupo electróxeno); balsas e tanques estaban con fisuras e filtracións en muros e canles, parte sen utilizar, provocando inundacións de estancias; o laboratorio sen estrear, e un baipás desviaba as augas residuais sen depurar deitándoas directamente ao mar. Ante estes feitos o propio goberno municipal manifestaba que “se estaba cometendo unha fraude no servizo de saneamento e depuración, pois non se prestaba o servizo. Un relatorio do Enxeñeiro Municipal (DOC-1) deu conta da Inspección e tamén tres comparecencias públicas do goberno municipal os días 28 e 31 do mesmo mes de agosto e 28 de setembro de 2015 (DOC-2). Mesmo as dúas consultoras de enxeñería (PW Advisory & Capital Services e Applus Norcontrol, das que solicita se una ao expediente) contratadas polo Concello, nos seus informes, inspeccións e conclusións, deixaron constancia de que en xaneiro de 2016, non se procedera á reparación das fisuras e defectos construtivos na EDAR e que a esas alturas aínda as poucas augas residuais que eran bombeadas desde a EBAR non se estaban depurando.

Que a continuación transcribe e sinala detalles de documentos que achega anexos, como proba de que non se daba o feito impoñíbel, no período sinalado que xera a presunta débeda reclamada por vía de prema polo Concello de Ferrol:

<<Informe Enxeñeiro Industrial de Urbanismo...  “CONCLUSIÓN: Nesta visita de inspección puidemos comprobar que a empresa Emafesa non está a xestionar o sistema  de saneamento e depuración de augas residuais EDAR, de cabo Prioriño, xa que as augas residuais saen da planta sen depurar... Ferrol, 27 de agosto de 2015”>> (DOC-1).

<<Todo o Goberno local, os once concelleiros, compareceron esta mañá no salón de recepcións do Concello de Ferrol nunha rolda de prensa de carácter extraordinario para denunciar uns feitos que o alcalde, Jorge Suárez, cualificou como de extrema gravidade, e que teñen a corporación perplexa e indignada polo engano e a estafa que sería para os usuarios que se lles estea a cobrar (entre 40 e 70 euros semestrais no recibo) en concepto de taxa de saneamento por un servizo que non se presta e que supuxo un engano á cidadanía prolongado durante meses... “Temos que dicir que na EDAR de Cabo Prioriño desde agosto do 2014, cando Emafesa se fixo cargo por unha encomenda de xestión do Concello de Ferrol, que previamente autorizou a Xunta mediante un convenio, non se depurou integramente e absolutamente nin un só metro cúbico de auga”, afirmou Súarez... Nas imaxes tomadas polos técnicos pódese observar os laboratorios sen uso, manuais de instrucións dentro dos aparellos e teas de araña, e a auga completamente negra, sen tratar integramente, que directamente vai ao mar. Desde xaneiro, a Edar só funcionou de 8 a 15:00 horas en momentos moi puntuais, segundo as insuficientes explicacións achegadas por Emafesa, e para eliminar os residuos sólidos sen decantación nin filtrado... Web Oficial do Concello de Ferrrol – 28.08.2015>> (DOC-2).

<<O Goberno local de Ferrol ofreceu este martes unha rolda de prensa para valorar a extensa visita realizada na tarde do luns a EDAR de Cabo Prioriño, cos responsables de AEOPAS, a Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento, que asesoran ao Concello de Ferrol no proceso para remunicipalizar o ciclo integral da auga... Participaron o alcalde, Jorge Suárez, os edís de Servizos e Participación Cidadá, Bruno Díaz e Álvaro Montes, o enxeñeiro e secretario xeral de Aeopas, Jaime Morell. A primeira conclusión que extrae AEOPAS do percorrido polas instalacións de Prioriño é que a EDAR de Ferrol, en palabras do seu máximo responsable, non funcionou como tal nunca, a pesar de tratarse dunha obra “de primeiro nivel tecnolóxico” na que se investiron millóns de cartos públicos. Web Oficial do Concello de Ferrol – 22.09.2015. >> (DOC-3)

Que as cifras comparativas amosan grandes diferencias entre os consumos estimados que se utilizaron para o cálculo da Taxa (Informe de AUDIGAL 2014), 10.934.188 Kwh/ano e os consumos reais do exercicio 2015, 405.252 KWH/ano (só o 11% do previsto),  e augas residuais que chegaron ao EDAR (aínda que non foron depuradas), 2.486.265 m3/ano (só o 9,6% do previsto que eran 25.771.190 m3/ano), segundo cifras de Emafesa no seu informe de xestión de 2015, que tivo lugar no exercicio dese ano. Situación que se mantivo até que o sistema comezou a funcionar, coa conexión e posta en funcionamento (3 de abril de 2017) dos “Interceptores Xerais da marxe dereita da Ría de Ferrol”, por parte da sociedade estatal pública Acuaes, situación posta de manifesto na xuntanza da Comisión de Seguimento das Obras, celebrada o 14 de xuño de 2017 (Acuaes, Augas de Galicia, Concello de Narón e Concello de Ferrol). (DOC-4)

Que outra proba é a enorme diferencia na recollida de lodos e outros residuos, 135 toneladas en 2015, cando o sistema estaba en probas, e 4.883,62 toneladas en 2018, cando todo o sistema xa estaba conectado e en funcionamento, a diferencia está máis que clara (informes de xestión de Emafesa do 2015 e o do 2018 que pide que se engadan ao expediente).

Que mesmo se pode comprobar na diferencia en gastos de persoal, que en 2015 foron 1.892.940 euros, onde se sitúa o período que pretende cobrar Emafesa, e en 2018 foron 2.293.592 euros, cando o sistema funcionou conectado, cunha diferencia de 400.652 euros (informes de xestión de Emafesa do 2015 e o do 2018).

E o que, se cadra, é máis significativo, pola súa ausencia, é a falta de gasto en mantemento nin en explotación do sistema de interceptación a facer, pois este aínda non estaba nin contratado, nin licitado, nin entregado, nin rematado (ate febreiro/marzo de 2017).

Queda constatado, que a non prestación efectiva do servizo no exercicio 2015, supuxo un custe moi inferior ao da posta en funcionamento real e efectiva do mesmo, exercicio 2018. Senón, que os informes de xestión amosan que ese período non foi de posta en servizo, nin de prestación do mesmo, foi un período de arranque ou fase de proba, mentres non se puxo a funcionar o sistema de saneamento, interceptación e depuración, que a todos os efectos, comezou o 3 de abril de 2017.

Que na xa citada xuntanza da Comisión de Seguimento das Obras, celebrada o 14 de xuño de 2017 (DOC-4), deixouse constancia da posta en funcionamento do sistema de saneamento e depuración coa conexión do sistema de interceptación (colectores xerais, interceptores, tanques de tormenta, aliviadoiros,... ) o 3 de abril do mesmo ano.

<<Durante o encontro informouse da recente posta en marcha dos colectores e tanques de tormentas dos tramos xa finalizados da Malata-Gándara, A Gándara-Cadaval e Cadaval-Neda. Ademais púxose en servizo a parte das obras do Tramo Rio Inxerto concluída, que transporta máis do setenta e cinco por cento do caudal que recolle este tramo.

Grazas a iso, desde o pasado mes de abril (2017) comezáronse a conectar ás novas infraestruturas á rede de sumidoiros municipal que recollen as augas residuais urbanas dos barrios ferroláns de Esteiro, Caranza, Ensanche-A, Ultramar, Recimil, San Xoán, Sta Cecilia e unha parte importante de San Pablo e Sta Mariña, e os barrios naroneses de Alto do Castaño, O Couto, A Solaina, A Gándara e Freixeiro, Piñeiros e Xubia, xunto coa parte da zona rural correspondente ás parroquias de Castro, San Mateo, O Val e San Xiao.
>> (DOC-4)

Que no artigo 2 da ordenanza municipal Nº 17 que regula o servizo de depuración das augas residuais, indícase que a Taxa será exixible a partir da recepción, posta en servizo e explotación. Do mesmo xeito, o artigo 7 desta ordenanza establece que nace a obrigación de pago cando se inicie a actividade que constitúe o “Feito Impoñible”, entendéndose iniciada a mesma, desde que teña lugar a efectiva posta en servizo das instalacións de recollida e depuración das augas residuais, nos termos establecidos no artigo 3.

Por outra parte, o artigo 26, parágrafo 1, parte b) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, Lei Reguladora das Facendas Locais, establece que o “Devengo da TAXA” producirase cando se inicie a prestación do servizo.

Para o caso é oportuno ter en conta a sentenza do Tribunal Supremo (Contencioso), sec. 2a, S 20-02-1996, rec.3377/1992, onde se aclara que “ . . . . a efectiva prestación dun servizo municipal é presuposto imprescindíbel para que poda exixirse taxa por tal concepto, por canto o feito impoñible no mesmo, ven constituído pola efectiva prestación dun servizo que beneficie ou afecte de modo particular ao suxeito pasivo, sen que a mera existencia do servizo municipal sexa suficiente para constituír a unha persoa en suxeito pasivo da taxa establecida para a seu financiamento, si o servizo non se presta en forma que aquela poda considerarse especialmente afectada por aquel, en forma de beneficio efectivo ou provocación da actividade municipal”.

Como sinala anteriormente no artigo 2 da citada ordenanza, pola prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida e depuración de augas residuais. Este servizo inclúe (sic) os conceptos de “mantemento e explotación da EDAR de Cabo Prioriño e do emisario submarino” e de “mantemento e explotación da EBAR de A Malata, emisario terrestre de Brión, emisario submariño de A Malata, colector-interceptor cos seus bombeos intermedios, tanques de tormentas e alivios (servizo de interceptación)”.

Pois ben, o colector-interceptor cos seus bombeos intermedios e os tanques de tormenta non estaban finalizados (aínda tardarían 18 meses en estar operativos), nin a empresa pública ACUAES os tiña concesionados, feito que aínda se produce o 28 de febreiro de 2017, adxudicando o contrato a VIACUA (DOC-5). Polo que a prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida e depuración de augas residuais non se estaba producindo e, polo tanto, o feito impoñíbel non estaba a ter lugar. Así pois, a taxa non se podía cobrar, tal e como se indica no artigo 15 da citada Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, e no fundamento de dereito 4 da Sentenza do Tribunal Supremo 4106/2014, do 16 de outubro de 2014, que resolve o recurso 818/2013.

Que mesmo en novembro de 2020, nunha queixa/reclamación dirixida ao Sr. Alcalde, Ángel Mato, xunto a centos de veciñas e veciños, solicitou que o Concello de Ferrol emitira unha Certificación fundada, coa data de inicio da prestación efectiva do servizo de depuración da súa vivenda (conexión ao sistema de interceptación), de acordo coa xa nomeada ordenanza Nº 17 e a lexislación vixente, co obxecto de poder facer efectivo, no seu caso, o pago do agora requirido. Mais o Concello nunca respondeu a tal solicitude.

Que mesmo o Consello de Administración de Emafesa (solicita inclusión da acta no expediente), recoñece a falta de funcionamento do sistema de depuración, na xuntanza do mesmo celebrada o 12 de xullo de 2016: “Os representantes do goberno local no Consello de Administración de Emafesa, reunido na mañá deste martes, acordaron co socio privado da Empresa mixta de augas, que é Socamex-Urbaser, que non se impoñerá ningunha taxa aos veciños e veciñas ata que haxa un saneamento efectivo e real”. (DOC-6)

Que na web oficial de Augas de Galicia, figura o ano 2017 como o ano no que se puxo en funcionamento a EDAR de Prioriño en Ferrol. (DOC-7)

Polo que, ao non se prestar o servizo, o feito impoñíbel non se produce, segundo o disposto nos artigos 13 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos. A prestación do servizo de recepción obrigatoria que especifica a ordenanza, non se produce, o feito impoñible non está a ter lugar, polo tanto non se devenga, artigo 15 da citada Lei 8/1989.

Cuarta.- Un acto administrativo de discriminación, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei.

Que o sistema de saneamento e depuración da zona norte da Ría de Ferrol, supón unha infraestrutura supramunicipal que tanto vai beneficiar á veciñanza de Ferrol, como á de Narón, e nun futuro á de Neda. Polo tanto, non pode ser sufragada a súa posta en marcha, arranque e probas, só por unha parte da veciñanza de Ferrol e sobre todo, cando a grande maioría dos abonados de Ferrol, foron conectados ao sistema o mesmo día que os de Narón. A unha parte da veciñanza de Ferrol exíxeselle o pago de 7.129.145,59 euros (Incluído IVA), cousa que aos veciños e veciñas de Narón non, como tampouco á veciñanza ferrolá da “Conca do Río Sardiña e Mandiá. e das Concas Atlánticas e da bocana da Ría: A Cabana, A Graña, Valón, San Felipe, San Cristóbal, Cariño, Confurco, Doniños, San Xurxo-A  Mariña, O Pieiro, Covas-Esmelle) – Artigo 9. b) b-1) da Ordenanza”. Unha parte da veciñanza de Ferrol, non podemos costear, un período de 31 meses desde setembro de 2014 a marzo de 2017, cando a depuradora non funcionaba como tal, e o sistema non estaba conectado. Uns custos dun período que tería que ser contribuído pola Administración Central, a Xunta de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón. Considera este, un acto administrativo discriminatorio, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei. Vulnerando co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e de toda a normativa que deles emana.

En virtude do exposto,

SOLICITA, que se teñan por realizadas as anteriores manifestacións e, en consecuencia, admítase a trámite o presente escrito, dando por interposto Recurso, proceda-se á anulación da Providencia de Prema e que se deixe sen efecto o Requirimento de Pagamento, dando por prescrita a presunta débeda, ou no seu caso proceda-se á anulación da débeda por tratar-se dun cobro dunha taxa sen que se dera o feito impoñíbel e por ser un acto administrativo de discriminación, pois toda a actividade administrativa debe estar inspirada na igualdade de todos ante a lei. Nos tres casos por ser contrarios a dereito tal e como foi exposto.

En Ferrol, a 15 de xullo, de 2022

Asinado.-

Nota.- No caso de que non se queira pagar voluntariamente co 10% de recargo e agardar ao que se decida no recurso (no prazo dum mes), sempre sabendo que poda que non se conceda a suspensión do pago e que continúe a vía executiva, pasando a ser o recargo do 20%, máis xuros e custes do procedemento. Debe-se de engadir este paragrafo:

"OTROSI DI: Solicita a suspensión cautelar do pagamento da presunta débeda en tanto se resolva este recurso, para o cal, baixo a súa responsabilidade, declarase plenamente solvente para facer fronte á presunta débeda reclamada, ou se o considera esa Tesourería Municipal e se así o reclamara compromete-se a presentar aval suficiente de acordo co establecido no artigo 224 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria".

Importante: Pode-se ir directamente pola vía do contencioso-administrativo, sen pasar polo recurso, mais si se presentase o Recurso, hai que agardar a súa resolución ou no seu caso o prazo dun mes. Outro asunto é se paga a pena recorrer no xulgado por unha cantidades pequenas. | Xustiza Gratuíta.

DOCUMENTACIÓN ANEXA QUE SE ACHEGA XUNTO AO RECURSO

DOC-1.- Informe do Enxeñeiro Industrial de Urbanismo (Municipal), sobre carencia de depuración das augas residuais que saen da EDAR de Cabo Prioriño. En relación coa inspección xirada o 25 de agosto de 2015. | Asinado en Ferrol, a 27 de Agosto de 2015. | Acceder/Baixar.

DOC-2.- Novas publicadas na Web Oficial do Concello de Ferrol, os días 28 e 31 de Agosto e 28 de setembro de 2015, sobre a fraude da EDAR que non funcionaba. | Acceder/Baixar.

DOC-3.- Nova publicada na Web Oficial do Concello de Ferrol: "O Goberno local convida a AEOPAS a inspeccionar a Edar e conclúen que nunca funcionou para depurar as augas negras". | 22 de setembro de 2015. | Acceder/Baixar.

DOC-4.- Nota do Gabimete de Prensa do ministerio: "A través de la sociedad estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), el Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente pone en funcionamiento la actuación: Interceptores generales de la margen derecha de la Ría de Ferrol” (A Coruña) | 5 de abril de 2017. | Acceder/Baixar.

DOC-5.- Anuncio de adxudicación “Número de Expediente ACE/802.01-02-03-04-05/ 16/EXPL/01”, publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público o 28-02-2017 ás 13:03 horas, onde o “Consejo de Administración de Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (ACUAES)”, adxudica o contrato "Servicios de explotación de los Interceptores generales de la margen derecha de la Ría de Ferrol" a “VIAQUA, GESTIÓN INTEGRAL DE AGUAS DE GALICIA, S.A.U.”| Data do acordo: 27/02/2017. | Acceder/Baixar.

DOC-6.- Nova na Web Oficial do Concello de Ferrol: "Os representantes do goberno local no Consello de Administración de Emafesa, reunido na mañá deste martes, acordaron co socio privado da Empresa mixta de augas, que é Socamex-Urbaser, que non se impoñerá ningunha taxa aos veciños e veciñas ata que haxa un saneamento efectivo e real. Ferrol, a 12 de xullo de 2016”. | Acceder/Baixar.

DOC-7.- Información pública na Web Oficial de Augas de Galicia (Xunta de Galicia), sobre datos administrativos - económicos e características técnicas da EDAR de Cabo Prioriño (Ferrol), onde figura entre outros datos o de INICIO DE FUNCIONAMENTO: 2017. | Acceder/Baixar.

O RECURSO EN DIFERENTES FORMATOS:

En formato PDF cos anexos incluídos. | "RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento". | Acceder/Baixar.

En formato ODT (libre), os anexos hai que baixalos aparte. | "RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento". | Acceder/Baixar.

En formato DOC (de Microsft), os anexos hai que baixalos aparte. | "RECURSO contra o acto administrativo sinalado, co obxectivo de opoñer-se á Providencia de Prema e que quede sen efecto o Requirimento de Pagamento". | Acceder/Baixar.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon