xoves, setembro 23, 2021

Iniciativa sobre a situación da asistencia sanitaria na Atención Primaria, da organización política LiGanDo ao Concello de Ferrol


Iniciativa sobre a situación sanitaria da Atención Primaria, da organización política Ligando.


AO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

Iolanda Teixeiro Rei, veciña de Ferrol, en calidade de delegada da organización política LIGANDO,

EXPÓN:

Desde LGD temos falado con profesionais que coñecen e padecen de primeira man a situación case de colapso no que está inmerso o nivel primario de asistencia sanitaria. A súa percepción é, se cabe, peor que a que temos a maioría das persoas. Falan de colapso do sistema sanitario se non se modifica de xeito radical, o seu funcionamento.

Os cambios introducidos para facer fronte á pandemia fanlle crer á cidadanía que o deterioro é pasaxeiro e que todo volverá a unha certa normalidade unha vez teñamos saído da emerxencia sanitaria. Mais a realidade é ben distinta. O sistema sanitario galego e tamén o español, está preparado para ser altamente operativo atendendo aos doentes agudos, pero o principal problema da sociedade actual son os enfermos crónicos pois son os estes os que máis abundan. Unha mala atención dos enfermos crónicos fai que estes pacientes teñan episodios agudos, creando un círculo vicioso que se resume en mala atención de enfermos crónicos, provocando un incremento nas necesidades asistenciais que precisan atención sen demora e, polo tanto, sobrecarga o sistema, ao tempo que esta sobrecarga provoca unha mala atención dos crónicos.

A esta nova realidade social hai que engadir a mala xestión que se fixo nos últimos anos na captación dos profesionais recén formados para a súa incorporación no sistema de saúde galego. De pouco serve á sociedade formar novos médicos/as e enfermeiros/as de familia se a estes non se lles garante unhas condicións de traballo e remuneración competitivas co resto da Unión Europea. Non debemos esquecer que nos últimos anos, moitos contratos de médicos/as e enfermeiros/as de familia formalizáronse cun salario inferior ao existente nas zonas limítrofes ao tempo que estes se asinaron só polos días laborábeis da semana comezando o luns e rematando o venres. E volta a empezar. A baixa incentivación económica e a falla de continuidade laboral, provocou a marcha de numerosos profesionais cara outros territorios. Esta situación provocou e provoca que a día de hoxe se dea en Galiza unha forte fenda entre demanda de profesionais (médicos/as e enfermeiras/os) e a oferta real. Esta fenda de profesionais formados na Galiza e no resto da UE non é fácil de suplir coa incorporación de persoas procedentes de fóra da UE debido á dificultade a hora de homologar os estudos.

Se a todo o argumentado anteriormente engadimos que o modelo de atención primaria galega ten o concello como base territorial para a súa definición e que estes son amplamente diferentes dentro dunha mesma comarca, xeramos unha combinación explosiva que pode levar a situacións como que nun concello existan 3 médicos atendendo cada un deles máis usuarios que a poboación dun concello limítrofe con só 2 médicos.

En Galiza, o saldo vexetativo tende a ser negativo no seu conxunto, mais a realidade territorial está enmarcada polo contraste de que existe unha Galiza avellentada que recúa e unha nova que medra. O saldo migratorio é máis flutuante e todo fai pensar que a inmigración está e vai ir en aumento polas novas situacións aparecidas como son a pandemia e o cambio climático.

Esta nova realidade xa se espella en concellos cunha alta taxa de segundas residencias, ao decidir os seus propietarios, ficar todo o ano, aínda que sexa de xeito temporal. Este incremento poboacional durante todo o ano dáse na parte territorial turística. Son os concellos turísticos os que se atopan cunha situación de peor atención sanitaria primaria debido a que experimentan saldos vexetativos positivos, saldos migratorios positivos e unha flutuación de poboación entre o inverno e o verán que pode acadar ate o 100%.

A exposición dos feitos recollidos no anterior parágrafo podería ser distinta se nos últimos anos se tivera dado unha revisión e actualización no reparto dos médicos/as e enfermeiras/os asignados a cada centro de saúde (concello). Este novo reparto permitiría un maior equilibrio entre profesionais e usuarios/as da atención sanitaria primaria.

Na área de Ferrol, a presión sanitaria incrementouse malia as restricións. Médicos de urxencia quéixanse de saturación de traballo, esgotamento físico e mental polas duras condicións laborais chegando a darse abandono por parte de profesionais de Atención primaria. Pois os profesionais atende varias axendas, urxencias, domicilios, facendo seguimento de casos de covid. Por riba, o sistema de receitas de crónicos que é preciso activar cada certos meses, sobrecarga aínda máis estas axendas. De non lle dar solución xa, o persoal sanitario de Ferrol prognostica a fin da Atención primaria. Por todo o antedito:

SOLICITASE:

1º.- Que o concello de Ferrol se poña en contacto cos profesionais dos centros de saúde para recoller as súas demandas e inclúa as mesmas nas reivindicacións locais -a enviar á Consellería de Sanidade- para un correcto funcionamento deses centros.

2º.- Que o concello de Ferrol demande enerxicamente á Consellería de Sanidade o incremento de profesionais nos centros de Saúde de Ferrol ate chegar a un ratio razonabel para unha calidade asistencial digna. Sen tempos de espera de máis de dous día porque iso satura as urxencias. Así como tamén reclamar unha volta á asistencia presencial.

3º.- Que o concello de Ferrol solicite á Consellería de Sanidade unha remodelación da asistencia sanitaria primaria de Galiza, tendo en conta,entre outros factores:

A. A mellora das condicións sociolaborais (retribucións e contratación fixa, entre outras) para os distintos grupos profesionais de atención primaria de xeito que os esforzos educativos terminen recaendo en beneficio da sociedade galega. B. As modificacións de número de habitantes que se deron nos últimos anos.

C. As flutuacións estacionais de habitantes que se deron nos últimos anos.

D. A pirámide de poboación existente para cada centro de saúde. E. A apertura dun debate social e non partidario de cara a unha posibel modificación da asignación de usuarios de cada centro de saúde que teña como base territorial a parroquia e non o concello.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter

Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
22 de setembro de 2021 14:34

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon