O luns 30 de xullo de 2018, tiña lugar en sesión extraordinaria urxente a continuación do Pleno de fin de mes, que se estivo celebrando o xoves da pasada semana. Foron cinco horas de Pleno e entre os puntos que quedaban por tratar, estaba unha moción do grupo municipal de Ciudadanos que presentaba a concelleira Ana Rodríguez Masafret e que apoiaba a presidenta da "Asociación de Veciños de Caranza", Mapi Rodríguez Venancio, que ten unha teima desmesurada contra a horta comunitaria de Caranza. Horta que foi creada hai xa uns 7 anos nuns terreos da Autoridade Portuaria, por ser parte dun recheo da enseada que baña a ribeira leste do barrio, sobre uns 4.800 metros cadrados que están cultivando, na actualidade, sobre unhas 35 persoas.
Mesmo a presidenta da asociación veciñal, Mapi R. Venancio, chega a mentir no Pleno na súa intervención, vítima da súa obsesión, falando de problema, chabolismo e que lle constaba de que había persoas que vivían nas hortas.
Non é a primeira vez que a presidenta da asociación veciñal quere desfacer-se das hortas, xa hai uns anos que o intentara, mais daquela brotara, case de inmediato, a solidariedade da xente e de asociacións do barrio como López Bouza, Fuco Buxán, A Revolta, as ANPAs dos centros públicos, a da asociación de mulleres e a de operadores do Mercado Municipal. Con esta solidariedade e cos medios que expuxeron o que estaban a facer nas hortas, conseguiu-se paralizar a mala intención de Mapi R. Venancio.
Agora coa desculpa da moción din que pretende "poñer a disposición dos veciños un horto urbano dentro do Parque do Montón". Mapi R. Venancio, pretende destruír as actuais hortas urbanas de Caranza, coa desculpa de abrir uns hortos no Montón. Non só o descoñecemento da realidade de cada cousa leva á concelleira Masafret a propoñer tal cousa, senón a manipulación de Mapi é a que, de xeito oportunista, pretende con esta moción eliminar a iniciativa das hortas de Caranza. As instalacións municipais do Montón, albergan un parque botánico con decenas de especies catalogadas (e máis de 1.200 árbores), unha zona de descanso (con mesas e bancos), unha edificación e uns poucos bancais para hortos didácticos (para cursos e visitas escolares), nunca colleiteiros, como son os das actuais hortas de Caranza. Peor foi a actitude dos grupos políticos municipais que apoiaron o terceiro punto da moción, PP, Ciudadanos e o do Alcalde Jorge Suárez, Ferrol en Común, sen ter en conta a opinión das persoas que na actualidade están traballando nas hortas urbanas de Caranza. Desastrosa actuación deste goberno municipal que clamaban pola participación cidadá antes de ser goberno municipal e mesmo que levan no seu programa o apoio a estas iniciativas que se dan en Caranza e noutros barrios da cidade.
No parque botánico do Montón, na zona do mesmo nome, onde se chegaron a investir máis de 700 mil euros de diñeiro público, hai un abandono absoluto por parte do goberno municipal. Un parque onde non hai nin vixilancia, nin mantemento. No que roubaron as portas, cun absoluto deterioro do recinto de protección, onde prolifera un vertedoiro incontrolado e o deterioro da edificación rehabilitada é patente. Unha edificación obxecto de vandalismo, onde desapareceron as cañeiras, a instalación eléctrica, as portas e as contras e xanelas. Tal é o abandono que uns sen teito, fixeron da edificación a súa vivenda. Esta é a terceira moción que o Concello aproba para "recuperar" de novo O Montón. Unha nova función de hipocrisía. Para tapar a súa incapacidade e mal goberno, queren utilizar, de chibo expiatorio, ás persoas que desde hai tempo fixeron da explanada improdutiva da ribeira de Caranza, unha zona produtiva, de agricultura colleiteira, de lecer e didáctica, de aprendizaxe de cultivos, onde se plantaron máis de 40 arbustos e árbores froiteiras, da creación de sistemas de rego e recollida de auga da chuvia, cría de aves de curral e elaboración de compost a través de residuos orgánicos, e un verdadeiro recreo para moitas persoas que gozan vendo traballar e contribuíndo coas súas vivencias pasadas na aldea... As hortas urbanas de Caranza, son un exemplo de convivencia en relación coa natureza e de obtención de produtos do campo de xeito ecolóxico para o autoconsumo...
Pasado o verán de 2015, o Alcalde Jorge Suárez, recen estreado como tal, visitou as hortas de Caranza e fixo unha reunión coas persoas que nelas traballaban, comprometendo-se a súa regularización e dotar de auga ás mesmas. Cousa que non cumpriu até a data, até tal punto que despois se lle volveu requirir que cumprira os seus compromisos e mesmo desprazou-se unha comisión para falar co Concelleiro delegado Luís Victoria, para solictar-lle un punto de auga demanda que non se atendeu. Ao final desta primavera e principios de verán, as comunitarias recolleron máis de 1.500 sinaturas para solicitar unha fonte no paseo de Caranza e que esta puidera dar servizo ás hortas, demanda que segue sen resposta. Mais agora a resposta do goberno municipal, xa se ve cal é, actuar praticando unha política clientelar, favorecendo as obsesión dunha presidenta que teima con desfacer-se de todo o que non controla no barrio, nada se pode mover, nin iniciativa que saia adiante, sen a súa aprobación e consentimento, unha verdadeira actuación negativa para a participación e a felicidade das persoas que conseguen tirar uns poucos produtos da terra, sen facer dano a ninguén.
As hortas de Caranza, son un paso moi importante na autoxestión veciñal, o paso que ten que dar o goberno municipal é cumprir as súas promesas, axudar ás comuneiras e dotar de auga ás hortas, consensuar un regulamento coas persoas usuarias e facilitar máis espazos, mesmo no Bertón, para quen quixer cultivar en zona urbana.
---
O vídeo que segue é un detalle do Pleno, onde se tratou a moción citada, punto que durou case unha hora, os primeiros minutos son a intervención da presidenta da asociación veciñal Mapi R. Venancio.
https://youtu.be/DL-9unxAsMU
Manifesto da Horta Comunitaria de Caranza: Para que en Ferrol non falte o pan. | Acceder/Baixar. Este manifesto foi entregado por rexistro no Concello de Ferrol, logo de que o Alcalde visitara a Horta en Outubro de 2015.
Facebook da Horta Comunitaria de Caranza.
---
Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
https://artabra21.blogspot.com/
---
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon