Por David Rodríguez [*]
24.05.2015
Estou agradecido de estar hoxe en Gondomar, unha vila na que teño vínculos familiares e de colaboración con algunas iniciativas socioculturais presentes na súa vizosa sociedade civil.
Gústame o nome que escollestes para a vosa candidatura de unidade, Gondomar Concello Aberto, porque evoca a aqueles concellos abertos de orixe medieval que tiñan lugar na Galicia labrega, nos que os habitantes dunha parroquia se reunían a golpe de campá diante da igrexa para tomaren as súas decisións en asamblea.
Estou aquí como membro e candidato da Marea de Vigo, proceso de unidade popular e radicalmente democrático semellante ao voso, para enviarvos o noso apoio fraterno.
Pero quixera tamén compartir con vós algunhas reflexións, e para iso botarei man da caixa de ferramentas conceptual de Antonio Gramsci, un home que, sendo pequeno en estatura, foi un xigante en capacidade intelectual, malia ter a desgraza de pasar boa parte da súa vida nos cárceres de Mussolini.
Os conceptos de Gramsci que quero empregar son os de crise orgánica, revolución pasiva e guerra de trincheiras.
Crise orgánica. Celebramos no medio desta campaña electoral o cuarto aniversario do 15M. Un fenómeno que mostrou con gran claridade que ao estado español do réxime do 78 lle estaban a saltar as costuras, que estaba a vivir a súa crise orgánica, un momento en que o groso da xente perde a confianza nas institucións do estado (pero tamén en mediadores como o bipartidismo quendista) e no que se produce un baleiro de lexitimidade. Como unha consecuencia da crise económica, e malia o seu carácter pouco articulado e mesmo contraditorio nalgúns aspectos, o 15M alertou de que algo non estaba a funcionar ben.
Esta crise orgánica afectou tamén ás organizacións da esquerda. Non é casual que fose despois do 15M cando a esquerda nacionalista, tradición da que eu procedo, tivese a súa escisión. Tampouco é casual o nacemento de AGE, un proxecto que tivo as súas luces e sombras (pero ollo, que ninguén se leve a engano no futuro, non hai procesos perfectos, sempre aparecen friccións e problemas e é bo asumilo e dalo por descontado). AGE foi a Unidade Popular posible e concreta nese momento e neste lugar; e ter sido iso, non é pouca cousa.
Tampouco é casual o nacemento recente das chamadas Mareas, de Compostela Aberta, ou do voso Concello Aberto. Estes procesos seguen a estela dun camiño xa iniciado no pasado e que debería ter continuídade no futuro.
Coa perspectiva que nos dá o tempo, podemos analizar xa con máis tino o 15M. Resumiría en dous o tipo de reaccións que suscitou o 15M no seu momento de auxe: a reacción que eu chamaría ilusionismo, a crenza inxénua de que o cambio xa estaba aí, de que non se necesitaba, practicamente, máis nada que ocupar as prazas para mudar o mundo, e, por outra banda, o que poderiamos chamar a reacción do dogmatismo, a dalgunha esquerda partidaria que viviu coma unha ameaza esa irrupción das masas na escena política e que decidiu repregarse nas súas siglas e certezas.
Hoxe podemos ver xa con claridade que o cambio anunciado nas asembleas do 15M non foi tan grande como se pensaba e tamén podemos percibir con nitidez que o repregamento no patriotismo de siglas non serviu para canalizar todo ese descontento.
O seguinte concepto gramsciano é o de
revolución pasiva. Gramsci chamaba revolución pasiva á capacidade da vella orde para rexenerarse, para conseguir que o malestar deveña en Restauración, en reforma feita desde arriba. A aparición do fenómeno Ciudadanos debería facernos tomar consciencia de que a vella orde ten múltiples recursos para sobrevivir. Que mudar esa vella orde non é tan fácil e que non existen os milagres. Do mesmo xeito que na transición o PSOE encarnou no campo partidario a revolución pasiva da oligarquía (coa onda “modernizadora” do PSOE o estado español homologouse como economía capitalista inserida na globalización) hoxe tamén corremos o risco, se non estamos alerta e nos deixamos obnubilar pola euforia e o ilusionismo do que falaba antes, de que as ansias de cambio deveñan nunha revolución pasiva, nun novo fracaso colectivo.
Outro concepto gramsciano: a
guerra de trincheiras. O vello Gramsci soubo cedo que a guerra de movemento como a que levou ao poder aos bolxeviques rusos non era viable na Europa occidental. Aínda hoxe temos que aprender disto. O cambio en sociedades complexas, nas que o poder non está ubicado nun único punto, senón que se reparte en diferentes escalas institucionais e penetra en toda a sociedade civil debe producirse mediante unha guerra de trincheiras, mediante o lento e paciente furar. Furar dentro das institucións, pero, tamén, e con igual importancia, fóra das institucións, na sociedade civil. Non hai atallos.
Tendo isto presente, considero que unha folla de ruta necesaria no futuro inmediato debería pasar pola profundización da Unidade Popular e pola Ruptura:
Unidade popular. Somos débiles. Moito máis do que ás veces, en momentos de euforia, queremos crer e, como dixen máis arriba, a orde vella ten múltiples recursos para perpetuarse. A unidade popular, como a xa encetada nestes comicios municipais no noso país e en todo o estado español, debería continuar e profundizarse.
Ruptura. As institucións están capadas. Da lei de réxime local do PP, coa súa voracidade privatizadora, á reforma do artigo 135 da constitución, que afecta a todas as escalas institucionais e que prioriza o pagamento da débeda sobre calquera outra cuestión, pasando polo dogma da austeridade da UE e por tratados coma o TTIP que, por exemplo, contén unha clásula que pretende impedir que o servizo de abastecemento de auga nos concellos poida ser xestionado por unha empresa pública… conforman unha trama legal, froito de todos estes anos de esmagante hexemonía neoliberal, que deixa moi pouca marxe nas institucións para facer políticas transformadoras.
Observemos, para facernos unha idea cabal do contexto no que nos movemos, o que está a suceder en Grecia onde, un goberno dun estado-nación supostamente soberano, é incapaz de levar a cabo o programa polo que saíu elexido en eleccións. Un programa que non é especialmente radical, un programa socialdemócrata bastante razonable que hoxe en día o goberno grego, en permanente ameaza de que a UE lle corte o financiamento, non pode implementar.
A ruptura e transformación deste marco que actúa coma un corsé non é un capricho, é unha necesidade. E quen non contribúa a esta ruptura formará parte da revolución pasiva da que falei máis arriba.
Remato xa e recapitulo.
Agardo que este discurso pouco habitual en tempo electoral non vos deprima ou desanime. Nada máis lonxe das miñas intencións. Pero son dos que pensan que é bo coñecer o tamaño e a forza do inimigo como paso previo para ter alguna capacidade de vencelo.
Igual que no caso do 15M falei de dúas reaccións que non conducen a nada, tamén de cara ao futuro compre evitar o ilusionismo e o dogmatismo. O ilusionismo de quen pense que o cambio é automático. Que basta con gañar unas eleccións para que todo mude. O dogmatismo de quen considere que é o momento do patriotismo de partido, do esencialismo de siglas, da autosuficiencia.
O cambio irase producindo, pero máis lentamente do que pensamos e coa concorrencia de todas as nosas forzas xuntas. Non hai outra. E non estamos como para desperdiciar enerxía ningunha.
Polo tanto: unidade, forza e moito ánimo!
Adiante Gondomar Concello Aberto!
Nota.- Intervención pronunciada o 21 de maio no acto de peche de campaña da candidatura de unidade popular Gondomar Concello Aberto.
O Funambulista Coxo
Publicado o 22 de Maio de 2015 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.
[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975), deseñador gŕafico, activista social, escritor e articulista. Membro do Consello Editorial de Altermundo. Mantén o blogue Ofunambulistacoxo desde o ano 2005. Militante de Anova-IN. É autor das
obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti'
(gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro
Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias. Os
versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados.
Argumentos para a resistencia cultural'. E a escolma 'Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro'.O 17 de xaneiro de 2015, abre un novo blogue baixo nome de Lecturas Coxas que son traducións propias de textos interesantes ... @Ofunambulista, podese-lle contactar en ofunambulista[arroba]gmail.com.
_________________