Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Entre hoxe e mañá, 24 e 25 de xaneiro de 2017, a actividade na defensa dos servizos públicos e pola remunicipalización, fai-se intensa.
Despois dos acordos previos sobre o saneamento da marxe norte da Ría de Ferrol, pactados na xuntanza celebrada en Santiago, este pasado venres 13 de xaneiro e na que participaron Roberto Rodríguez Martínez, director de Augas de Galicia e os alcaldes de Ferrol e Narón, Jorge Suárez e José Manuel Blanco; tivo lugar, o pasado mércores 18, unha Rolda de Prensa, na Casa do Concello de Ferrol, organizada por esta Plataforma, da que dimos conta no seu momento, sobre o Sistema de Saneamento e Depuración, coas nosas análises, denuncias, preguntas, propostas... Mesmo o BNG, despois de analizados os acordos previos da citada reunión de Compostela, fai hoxe martes 24, ás 8 da tarde, un acto público na Casa do Antigo Hospicio de Ferrol, nas inmediacións da Praza de Amboaxe. Acto onde pretenden respostar ás seguintes preguntas Quen vai pagar as obras? Quen vai xestionar a rede? É un modelo sustentábel? Que vai pasar coa Taxa? E ao día seguinte, mércores 25, ás 10 da mañá, o Alcade de Ferrol, convoca-nos a unha xuntanza que tiñamos solicitado desde o pasado 1 de decembro, día no que se aprobou en Pleno a Renuncia ao Contrato Eléctrico, petición que reiteraramos o pasado 16 de xaneiro. Pola tarde, do mesmo mércores, a Plataforma, ten convocado a súa Asemblea, ás 19:30hs, en Caranza, no local social de Fuco Buxán, onde está previsto abordar todos estes asuntos de interese.
Foto de Daniel Alexandre: A primeira reunión da plataforma tivo lugar no local da entidade vecinal de Recimil, o 24 de maio de 2016.
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode! Pódese, débese e precísase!
Un informe do Instituto Tecnolóxico de Galicia[1], fulmina a proposta da UTE SEFCON - FCC, a máis valorada, para acceder ao Contrato Eléctrico do Concello de Ferrol. Un Contrato Eléctrico polémico, que mantivo en tensión as relacións no grupo de goberno perante meses, dado que Ferrol en Común opuña-se á remunicipalización do servizo e do subministro, posición que si mantiña o PSOE, e o BNG desde a oposición. As diferencias por este asunto que transcenderon aos medios locais estiveron a punto de acabar co bipartito. Ferrol en Común fixo unha Asemblea Xeral especifica para conseguir o respaldo da mesma a súa posición de privatizar o servizo, entregando por 15 anos este contrato á UTE SEFCON - FCC. A formación política alegaba a imposibilidade de remunicipalizar o servizo sen ter que pagar unha indemnización millonaria e poñer en perigo a situación persoal e do patrimonio das concelleiras e concelleiros da súa formación, se apoiaban a anulación do Contrato, alegando acusacións penais de prevaricación, segundo o informe xurídico. O respaldo da Asemblea á privatización foi unánime con só cinco abstencións. Diante desta situación membros da citada formación e outras activistas constituíron a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, unha iniciativa cidadá que tiña como primeiro obxectivo "parar o
Contrato Eléctrico que tramita o Concello de Ferrol e iniciar unha loita
en defensa dos servizos públicos e municipais, e o rescate dos
privatizados".
O informe xurídico alegado por Ferrol en Común, e utilizado na mencionada Asemblea como argumento contra a remunicipalización, resultaron ser informes de parte, como así demostrou a Plataforma pola Remunicipalización, dado que o administrador único dunha das empresas que conforman a UTE, Borja Silveira Rey (SEFCON), é un dos socios e directores do despacho de avogados (Lama & Asociados) que emitiu o mencionado informe xurídico presentado á asemblea de Ferrol en Común.
Hoxe, 24 de Agosto de 2016, o grupo de goberno do Concello de Ferrol, realizou unha rolda de prensa para explicar o contido do último informe do Instituto Tecnolóxico de Galicia, sobre o Contrato Eléctrico. Onde se xustifica tecnicamente o porque de renunciar a el por interese público. Na Rolda de Prensa, participaron: Jorge Suárez, Beatriz Sestayo, Germán Costoya e Álvaro Montes.
[1] A Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) é Centro Tecnolóxico Nacional
recoñecido oficialmente desde o ano 2012 polo Ministerio de Economía e
Competitividade, Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e
Innovación. |
De carácter privado e situado na Coruña, ten como obxectivo mellorar a
capacidade competitiva das empresas, organizacións e profesionais a
través da investigación e prestación de servizos profesionais no ámbito
da enerxía e o medio ambiente, as telecomunicaciones e a construción
sostenible, sendo o organismo certificador en España do selo
internacional BREEAM®. | Ir á Web. ___________________
Os incorporados nesta lexislatura acabamos de descubrir que o tema eléctrico tamén esta a voltas en Narón. Soubémolo porque someteron a aprobación do Pleno darlle permiso ao alcalde para que pague facturas con atrasos e/ou irregularidades. Novamente encontrámonos con que o goberno saca do caixón facturas non pagadas. Pensamos que no mes de abril xa quitaran todos os “mortos” do caixón pero aínda lles quedaban, esperemos que estes sexan os últimos, pois xa estamos a falar de máis dun cuarto de millón de euros con moitas facturas irregulares, e isto tampouco é cousa de este ano senón que xa ven acontecendo en anos anteriores, pero parece que ninguén vai asumir responsabilidades.
Cando estamos asistindo a un triste debate sobre un contrato eléctrico ilegal en Ferrol, encontrámonos coa sorpresa de que en Narón lévase tempo esfollando a margarida para ver si se fai o mesmo, tanto tempo que isto xa ven da lexislatura pasada, e que se están a recibir presións por parte das eléctricas para que se contrate simultaneamente subministro e mantemento.
No informe do xefe da sección de contratación di que “Esta situación advertiuse con anterioridade, pero era interese da Corporación que este contrato fose asumido pola Mancomunidade de Municipios, para o que se encargaron os correspondentes estudos técnicos, o que atrasou considerablemente unha nova contratación”, e que: deberían, no menor prazo de tempo posible, proceder á licitación do correspondente contrato. Por outra banda a interventora (que vixía a legalidade das actuacións) di que: “debería tramitarse o correspondente expediente de contratación para dar cobertura a ditos gastos, favorecendo a pública concorrencia e a obtención de prezos máis vantaxosos economicamente” pois “O concello procedeu á contratación verbal e de modo fraccionado destes subministros, contratación que se atopa prohibida polo TRLCSP”.
Ante estas ilegalidades/irregularidades, Eliximos Narón presentou unha moción urxente no pleno co fin de liquidar a maior brevidade posible esta situación irregular, pero desgraciadamente foi rexeitada porque din que seguen a estudar o tema. Como xa levan máis dun ano de estudo, asústanos pensar o tempo que pode faltar para que resolvan algo.
Eliximos Narón Electores (ENE) Grupo Mixto do Concello de Narón Praza de Galicia s/n – Entrechán 15570 Narón (A Coruña) Telf.: 981337700 - Ext.: 1066 - Móbil: 673141822 / E-mail: grupomixto_ene@naron.es Grupo no facebook: https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/ Web: http://eliximos.esy.es/
Enviado por: ENE Eliximos Narón Electores -eliximos@gmail.com- 30 de junho de 2016 16:20
____________
Este xoves 30 de Xuño de 2016, Fernando Ramos Armesto, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, interveu no pleno do Concello de Ferrol, celebrado pola mañá, pedindo o desestimento do Contrato Eléctrico e a investigación da actuación do bufete asesor xurídico, do Concello, Lama&Asociados, por ser un dos seus socios parte interesada na adxudicación do contrato.
Texto da Petición:
Ao Pleno do Concello de Ferrol no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización.
Bo día, tomamos a palabra neste pleno municipal, en representación dun
grupo de veciñas e veciños, e de organizacións sociais, que ante a
inminente sinatura do contrato eléctrico para a nosa cidade, deciden
organizarse en plataforma para, nalgúns casos, incorporarse á defensa do
interese xeral da veciñanza, e noutros casos, para retomar a defensa
dos bens e servizos públicos.
Foi a posible sinatura deste
contrato o que mobilizou a este grupo de veciñas e veciños, que de
inmediato, comezamos analizar as características do mesmo, os seus
protagonistas e, o máis importante, as consecuencias que tiña para esta
cidade. Contamos para elo, co asesoramento de persoas expertas, tanto en
xestión local, como neste tipo de contratos. Esas conclusións son as
que queremos expoñer neste pleno para que se teñan en conta á hora de
decidir se debe ser asinado ou non.
1º Aprendemos que este
contrato é ilegal, porque se redacta como se fose un contrato de xestión
de servizos públicos, cando en realidade trátase de dous tipos de
contrato, un de subministro, que sería o caso do subministro eléctrico, e outro de servizo,
que sería o caso de servizos enerxéticos e o mantemento da instalacións
de alumeado público exterior e de edificios e dependencias municipais.
Polo tanto, a duración do mesmo, segundo a lexislación vixente [*], non
pode ser por máis de 4 anos, prorrogables a 2, e nunca por 15 como
propón o contrato que se nos oferta. Nós entendemos isto perfectamente
cando se nos preguntou se firmariamos un contrato de subministro de
bolígrafos por 15 anos. Así de sinxelo. Pois no caso do subministro
eléctrico, cun mercado e unha tecnoloxía en constante evolución, semella
unha loucura facelo, e só se mostra interesante para as empresas que o
propoñen para esta cidade. É por iso que o lexislador non pon limitación
temporal, ao sobreentender-se que o interese xeral recomenda unha
anualidade, só prorrogable por un ano máis.
2º Aprendemos que
hai alternativas, esta corporación pode realizar un desestimento do
contrato polas ilegalidades que presenta, ou tamén unha renuncia, por
interese público. Todo parece indicar que un desistimento é o máis razoable nestes momentos.
O desestimento permitiría abrir dun xeito rápido dúas liñas de
contratación, subministro e servizo, por separado e dun prazo de
duración dun ano, prorrogable a dous. Deste xeito sairiamos da
situación de ilegalidade que supón carecer dos contratos, como sucede
neste momento. Mentres, poderíanse iniciar un proceso de
municipalización que estudara as alternativas para a xestión pública,
tanto do subministro como do mantemento.
3º Non é de menor
interese o que temos que dicir das empresas que concorren a este
contrato. A Unión Temporal de Empresas que pretende que a cidadanía de
Ferrol lle paguemos ao longo de 15 anos máis de 41 millóns de euros, son
por unha parte FCC e pola outra SEFCON. No caso da primeira, Fomento de
Construcciones y Contratas FCC, unha grande corporación transnacional,
instalada na estratexia de converter en negocio o que pertence ao ben
común e ao espazo público, provocando unha descapitalización da nosa
cidade, pois levan fora a plusvalía o mesmo que as súas empresas
filiais, empobrecendo máis a cidade. A segunda empresa, Servicios
Eficientes de Control SL, é unha empresa que non ten nada que ver coa
enerxía, ou o mantemento eléctrico, senón que opera baixo a definición
de “conseguidores de negocio”. Pero é que no caso do noso concello,
resulta altamente preocupante que o administrador único desta empresa,
Francisco Borja Silveira Rey, sexa un dos socios, conselleiros e
directores do bufete que presta servizos de asesoramento xurídico a este
concello, Lama&Asociados, con o que o goberno do PP, presidido por
José Manuel Rey Varela, asinou un contrato de 180.000 euros, por
servizos xurídicos. Un bufete que se atreve a realizar un informe
contrario ao desestimento ou á renuncia do contrato eléctrico e a
ameazar veladamente co pago de fortes indemnizacións se se chegara a
desistir ou renunciar a dita contratación, sendo parte interesada na
sinatura deste contrato millonario.
4º Aprendemos que a
municipalización dos servizos, sempre que se faga con criterios de boa
xestión, transparencia, participación e racionalidade, resulta moi
beneficiosa para a institución que a aplica, e satisfactoria e
beneficiosa para a cidadanía que a percibe e goza. A recente
remunicipalización do servizo de socorrismo, é un pequeno exemplo de
aforro, mellora da calidade do servizo e da calidade das condicións de
traballo, que demostra que neste concello é posible arrancar con
procesos de municipalización.
Por todo o exposto, SOLICITAMOS a esta corporación,
PRIMEIRO.-
Que encargue un informe xurídico que valore a posibilidade de finalizar
o contrato con Lama&Asociados, tanto por abusivo no seu custe, como
por romper o principio de confianza e lealdade a institución, e á
defensa dos intereses xerais do pobo de Ferrol, ao actuar de mala fe no
caso do contrato eléctrico, sabendo do conflito de intereses que
representaba.
SEGUNDO.- Que aprobe o desestimento do contrato
eléctrico con FCC e SEFCON, e comece un proceso de municipalización
destes servizos.
Ferrol, 30 de xuño de 2016
[*] No caso do
contrato de subministro e mantemento eléctrico a ilegalidade está ben
clara, xa que polo seu obxecto e pola súa natureza xurídica, segundo a
Lei de Contratos do Sector Público, non cabe un contrato de duración
superior a catro anos, máis 2 de prórroga, é dicir de máis de 6 anos,
polo que o contrato pretendido de 15 anos é nulo de pleno dereito
segundo o art. 62.1.e) da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime
Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo
Común. É dicir, que o contrato de subministro e mantemento eléctrico do
PP, é absolutamente ilegal e ademais é lesivo para o interese xeral dos
cidadáns de Ferrol, ao hipotecalo por 15 anos nun sector tan volátil
como o da enerxía.
--
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode! Pódese, débese e precísase!
Na Rolda de prensa do mércores 8 de Xuño de 2016 que tivo lugar en Sargadelos, interviñeron Fernando Ramos Armesto, da Iniciativa Popular pola Remunicipalización da Xestión da Auga, Alexandre Carrodeguas, da mesma Iniciativa e da asociación ambientalista VERDEGAIA, Bernardo Rego da asociación sociocultural López Bouza e da Plataforma pola devolución do cobro indebido da taxa de saneamento e Pablo Portero da mesma Plataforma e da asociación Fuco Buxán. Que foron acompañados por numerosas persoas que participan no tecido asociativo da cidade.
Comunicado resumo de posicionamento da Plataforma.
As persoas e entidades promotoras da Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización, reunidas a 7 de xuño de 2016, queren manifestar publicamente as seguintes reflexións e pronunciamentos:
1º Que o concello de Ferrol está tramitando a sinatura dun contrato de subministro e mantemento eléctrico coa UTE da empresa SEFCON e a empresa Fomento de Construcciones y Contratas FCC. O procedemento está pendente de ser aprobado en Mesa de Contratación e sesión de Pleno Municipal. A duración do contrato é de 15 anos (12,5+prorroga), e alcanza os 41 millóns de euros (mínimo). Un diñeiro que a través destas grandes empresas, vaise fóra de Ferrol, empobrecéndonos, producindo só emprego de baixa calidade e hipotecando á cidade máis aló do ano 2030.
2º Que existen varios informes técnicos, municipais e extra-municipais que informan de problemas no procedemento, dado que non se trata dun contrato de servizos, senón de dous contratos, un de SUBMINISTRO e outro de PRESTACIÓN DE SERVIZO, polo tanto, incluílos nun mesmo contrato é algo irregular, e a duración de ambos, non pode ir mais aló dos catro anos, prorrogábeis a seis, segundo a lexislación en vigor para este tipo de contratos.
3º Que existe a posibilidade de desestimar e mesmo facer renuncia deste contrato, tanto polas irregularidades que presenta no procedemento de contratación, como nas condicións nas que se prestarían estes servizos aos veciños e veciñas de Ferrol. Para comezar, tal e como nos asesoran e informan os distintos técnicos cos que está en contacto esta plataforma, todos eles especialistas neste tipo de contratos nas administracións públicas, o primeiro que habería que facer, é separar o subministro eléctrico, que se podería xestionar directamente polo concello, como así sucede noutras institucións, do contrato de mantemento das instalacións eléctricas do concello.
4º Que todas estas xestións poderían ser levadas adiante nun curto prazo de tempo, saíndo así da actual situación de irregularidade presentando facturas por estes servizos, a aprobación ao pleno, fora de contrato.
5º A alcaldía solicitou un informe xurídico ao bufete co que ten asinado un contrato de servizos xurídicos (Lama&Asociados). Ese informe é radicalmente contrario á remunicipalización e tamén ao desestimento ou renuncia. Entre os argumentos do informe, destaca o pagamento de indemnizacións millonarias a ameazas de cárcere ou perda de patrimonio ao alcalde ou concelleir@s que asinen a renuncia ou o desestimento, e non adxudiquen o contrato.
7º No pasado pleno do xoves 26 de maio, na votación da moción que presentou o BNG, instando á renuncia do contrato, o Grupo Municipal Socialista (PSOE) votou a favor. Non así o seu socio de goberno, Ferrol En Común, que se abstivo xunto a Ciudadanos e o voto en contra do Partido Popular.
Por todo isto, quen asinamos, mostramos a nosa firme determinación para paralizar a adxudicación deste contrato ilegal e pernicioso para a cidadanía de Ferrol, e conseguir a municipalización destes servizos. Para o que nos conformamos en plataforma e levaremos adiante as iniciativas que consideremos ata lograr o noso obxectivo, que non é outro que a municipalización dos servizos públicos, que ademais de optimizar o servizo en función do ben común, e non do beneficio, supón un aforro que debera servir, a través da xestión municipal, para fixar capital na economía local que este non escape a través das corporacións transnacionais e creando emprego de calidade.
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN.
Nota.- É sintomático que ao día de hoxe o dominio en internet Sefcon.es da empresa Servicios Eficientes de Control S.L. da que é Administrador o citado Borja Silveira Rey (maximo beneficiario do asunto do contrato eléctrico, segundo se desprende do que di el mesmo nunha recente entrevista), desapareceu con toda a súa información, para poñer un simple: " Creando Web...". Casualidade? Mais gárdamo-nos esta que é o suficientemente ilustrativa.