Amosando publicacións coa etiqueta Democracia Participativa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Democracia Participativa. Amosar todas as publicacións

venres, decembro 25, 2009

Constitúen a Comisión de Seguemento dos Orzamentos Participativos


CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DO CONCELLO DE FERROL

Constitúen a Comisión de Seguemento dos Orzamentos Participativos.

Está integrada por 12 persoas, representantes dos 5 barrios e parroquias nos que se executarán os proxectos elixidos e da Comisión Provisional de control de Participación Cidadá.

O concelleiro Manuel Santiago explica que realizará o seguimento e control de expedentes e das obras executadas con cargo aos Orzamentos Participativos,pioneiros en Galicia.


As 16 propostas xa aprobadas se entregarán ao alcalde, Vicente Irisarri, no pleno que se celebrará o 29 de decembro.


Ferrol, 23 de decembro de 2009.-

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, deu conta esta mañá da constitución dun novo espazo de participación: a Comisión de Seguemento dos Orzamentos Participativos, proceso pioneiro en Galicia que convirte a Ferrol na primeira cidade da Comunidade Autónoma na que os veciños e veciñas do municipio teñen a oportunidade de elixir os proxectos que serán financiados con cargo a unha partida dos orzamentos municipais, de 350.000 euros.

A dita comisión, tal e como indicou o edil, foi constituída onte no Teatro Jofre, nunha reunión na que participaron o Grupo Motor, as Mesas de Propostas e a Comisión provisional de control de Participación Cidadá.

Este novo órgano está integrado por un total de 12 persoas: 2 representantes, xa nomeados paritariamente, de cada barrio e parroquia no que se estivo executando o proceso (Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán de Filgueira-Bertón, no caso da zona urbana, e San Xurxo e Doniños, no ámbito rural) e outros 2 representantes que formaban parte da comisión provisional de control -estes serán seleccionados proximamente-.

As súas funcións, segundo explicou o concelleiro de Participación Cidadá, é a definición das actuacións que se levarán a cabo relativas ás 16 propostas que foron aprobadas recentemente nas asembleas urbana e rural celebradas os pasados 12 e 20 de decembro, respectivamente, toda vez que estas precisan da redacción concreta de proxectos de intervencións (obras e actividades).

Neste senso, Manuel Santiago subliñou que está prevista a creación dun espazo de encontro co persoal técnico e iniciar un diálogo entre a cidadanía. Así mesmo, esta Comisión de Seguemento terá como cometidos o seguemento e control de expedentes e das obras e actividades realizadas, unha vez sexan executadas.

A Comisión de Seguemento dos Orzamentos Participativos continuará funcionando baixo os criterios deste proceso participativo, xa que será o enlace cos veciños e veciñas en cada un dos barrios e parroquias obxecto das actuacións seleccionadas, recollendo información sobre o terreo dos avances destas propostas e informando á cidadanía do estado dos correspondentes expedentes, así como do nivel de implementación destes programas.

Unha vez iniciada a avaliación do proceso, en xaneiro de 2010, irase perfilando o novo modelo de Orzamentos Participativos para o vindeiro ano, no que se incorporarán máis zonas ao proceso.

Para esta avaliación serán convocados os membros do Grupo Motor, Mesas de Propostas e Comisión Provisional de Control dos procesos de participación cidadá. Neste senso, o equipo técnico encargarase da preparación de toda a información recollida desde o pasado mes de xullo nas numerosas xuntanzas de traballo -charlas informativas, sesións de elaboración do regulamento co Grupo Motor, reunión das Mesas de Propostas ou a celebración das asembleas-.

Outro dos aspectos que se tratou na reunión deste martes foi a valoración das asembleas de votación de propostas e o seu nivel de participación, ademais da preparación do acto de entrega das propostas cidadás ao equipo de goberno, previsto para o vindeiro martes, 29 de decembro.

Este celebrarase inmediatamente antes do inicio da sesión plenaria -ás 18.00 horas- na que se aprobarán os proxectos por parte da corporación municipal. A este respecto, o edil Manuel Santiago avanzou que dúas persoas, representantes do proceso participativo na zona urbana e rural, farán entrega dun dossier coas 16 propostas aprobadas nas asembleas co obxecto de que o alcalde, Vicente Irisarri, o presente á corporación.

O montante total destas ascende a 347.803 euros, dos cales 200.616 euros corresponden aos barrios de San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira e Santa Mariña, e 147.187 ás parroquias de San Xurxo e Doniños.

Participación Cidadá.-


Publicado por Participación Cidadá de Ferrol para PARTICIPACIÓN CIDADÁ-FERROL el 12/24/2009 12:03:00 AM

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
24 de dezembro de 2009 16:03

______________________________

mércores, outubro 14, 2009

Mércores 14 de Outubro nova Xuntanza Cidadá sobre os orzamentos participativos


Convocatoria reunión Orzamentos Participativos

Estimados/as veciños/as,

Continuamos co traballo nesta nova fase de achega de propostas cidadás dentro dos Orzamentos Participativos 2009. Polo cal, convocamos unha reunión para o próximo mércores 14 de outubro de 18,00 a 20,00 horas no Teatro Jofre, 2º andar (entrada pola porta principal). O cambio de lugar débese a que neste edificio imos poder custodiar (ordenar e traballar) coas propostas.

Esta xuntanza vai dirixida aos representantes das Mesas de Propostas (rural e urbana), ao Grupo Motor e ao GAP. É un bo momento para coñecernos e, sobre todo, aproveitar e intercambiar o coñecemento e experiencia das persoas que xa levan máis tempo vivindo o proceso. Trataremos os seguintes puntos:
  • Valoración do proceso asembleario: organización, resultados, participación, etc.
  • Accións para reforzar o proceso.
  • Datas das seguintes reunións e prazos.
  • Mesa de Propostas: obxectivos, xuntanzas e posibles dúbidas a resolver.
Atentamente,

Área de Participación Cidadá E DEPORTES
Maica Rodríguez Freire, técnica en Participación Cidadá
Praza de Armas, s/n. 1º andar. 15402 Ferrol
Tel.: 981.944.015 / Móbil: 696.112.691
participacion@ferrol.es

Enviado por:
Participación Cidadá
-participacion@ferrol.es-
9 de outubro de 2009 13:40

__________________

 
Enlaces relacionados:


Venres, 28 de agosto de 2009
O edil Manuel Santiago dá conta dos acordos adoptados polo Grupo Motor e o GAP na súa última reunión de traballo. As charlas para difundir este proceso continuarán hoxe, no local da Xunta Veciñal de Doniños, a partir das 19 horas

Orzamentos participativos


Documentos interesantes:

Blog que informa sobre:

_______________________

luns, agosto 24, 2009

Convocatoria reunión sobre Orzamentos Participativos, para o 26 de Agosto no local social de Valón

Estimados/as veciños/as,

Continuamos co traballo relativo ao proceso de orzamentos participativos; como sabedes na última reunión do Grupo Motor e o Grupo de Análise e Proposta, acordamos manter unha nova xuntanza este mércores 26 de agosto; será no local social da A.VV. do Cruceiro de Valón, ás 19,00 horas.

Trataremos os seguintes puntos:
  • Validar os acordos da última reunión e pechar o borrador do regulamento de orzamentos participativos 2009, determinando quen valida o documento (Grupo Motor e GAP) e/ou asemblea.

  • Datas da planificación ou plan de traballo.

Unha aperta,

Área de Participación Cidadá E DEPORTES
Maica Rodríguez Freire, técnica en Participación Cidadá
Praza de Armas, s/n. 1º andar. 15402 Ferrol
Tel.: 981.944.015 / Móbil: 696.112.691
participacion@ferrol.es

Enviado por:
Participación Cidadá
-participacion@ferrol.es-
24 de agosto de 2009 11:47

______________

Documento interesante:

Poden-se baixar dos Arquivos Ártabros [en formato -pdf- 14 páxinas] o Borrador de Regulamento do proceso piloto para a elaboración de Orzamentos Participativos. Concello de Ferrol 2009: Baixar
__________________________

martes, xuño 09, 2009

Asemblea de Barrio no Inferniño para presentar e debatir sobre o Regulamento de Participación Cidadá

Esta Asociación Veciñal O ROSARIO- INFERNIÑO, con representación no GAP (Grupo de Análise e Proposta), queremos iniciar unha ASEMBLEA DE BARRIO co obxecto de presentar e explicar a veciñanza o proceso do REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ, este vindeiro xoves, día 11 de xuño as 7 h da tarde no Centro Cultural Municipal CARVALHO CALERO.

O principal fin é informar e difundir a toda a cidadanía o verdadeiro significado da PARTICIPACIÓN CIDADÁ así como involucrar as diferentes entidades socio- culturais e deportivas do barrio.

Trataremos de contar coa presenza de varios membros do GAP coa intención de informar respecto a este proceso , analizar e debater o auténtico alcance da DEMOCRACIA PARTICIPATIVA

Esta mesa estará composta por varios membros do GAP:
  • Alberto Saavedra, Presidente da A.Veciñal de Ferrol- Vello.
  • Magdalena Gonzalez da Asociación Prioriño.
  • Miguel López, Presidente da Asociación Veciñal de FONTELONGA.
  • Pilar Venancio, Presidenta da A. V. de Caranza.
  • Maica Rodriguez, Asesora de Participación Cidadá,
  • Manuel Santiago, CONCELLEIRO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ.
  • Moderando esta presentación o membro do GAP, Xosé Manuel Sanxoán da Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño.
Lembramos que os ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS ( 2 MILLÓNS de € ano 2009-10) requerirán dun exercico do máximo consenso social e a participación directa de todas as entidades do barrio do Ensanche , no Inferniño, as cales serán expresamente convidadas a este acto.


Saúdos veciñais.

Asdo. Xosé M. Sanxoán - Secretario
e Ana J. López - Presidenta

ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO
CIF-G70006473
correo-e: avvorosario@gmail.com
blog : orosario-inferninho.blogspot.com

_______________

mércores, maio 06, 2009

O Colectivo Ártabra 21, organiza un Foro Cidadán de Reflexión e Debate sobre Deporte, Lecer e Tempo Libre, no Concello de Ferrol

O Colectivo Ártabra 21, organiza un Foro Cidadán de Reflexión e Debate sobre Deporte, Lecer e Tempo Libre, no Concello de Ferrol, este Xoves, 7 de Maio, ás 7 da Tarde no Ateneo Ferrolán, onde están previstas as seguintes intervencións:
  • Xan Ramírez que participa na asociación "Ferrol Deporte" como membro do "Clube de Montaña de Ferrol"
  • Mel Sanxoán que participa na "Escola Deportiva Inferniño"
  • Miguel López Pérez que preside a "Asociación Veciñal -Fontelonga- de Esteiro"
  • Juán Martínez Montero que participa na ANPA do "Colexio Público Recimil"
  • Manuel Santiago Pérez que é o Concelleiro de Deportes e Participación Cidadán
  • Inácio Martínez Orero do "Colectivo Ártabra 21" como coordenador do foro.
O acto consistirá en respostar as seguintes preguntas:
  • Pensas que en Ferrol faltan infraestruturas deportivas e de lecer ?
  • Pensas que hai unha demanda social destas infraestruturas deportivas e de lecer ?
  • Que é o que lle falta a Ferrol, no campo deportivo e de lecer, segundo a túa opinión ?
  • Pensas que as instalacións d'O Montón deberían estar abertas a toda a veciñanza en xeral ?
  • Pensas que hai unha infrautilización das instalacións deportivas dos centros públicos de ensino ?
  • Pensas que é necesario a contrución do proxectado "Centro Deportivo e de Lecer da Praza de España" e por que ?
Exposición dos motivos:

Desde o Colectivo Ártabra 21 queremos facer un pequeno foro de debate e reflexión sobre deporte, lecer e tempo libre no Concello de Ferrol, partindo dun feito polémico como é o proxectado "Centro Deportivo e de Lecer da Praza de España".

Nos últimos tempos, tanto con este goberno municipal como no anterior, e mesmo desde o conxunto da oposición política, apoiados co voto ou abstendo-se, percebe-se un apoio total a unha costosa infraestrutura que supostamente responde a unha demanda cidadá. Estamo-nos referindo ao "Centro Deportivo na Praza de España", de 5.325,40 m2, de superficie a construír, segundo anteproxecto aprobado. Unha infraestrutura soterrada de dúas plantas, dentro das cais están previstos espazos para actividades deportivas [entre as que o goberno municipal destaca salas de musculación e de exercicios cardiovasculares] e 897,70 m2 para unha piscina de 25X12 m, spa e relax. A maiores trata-se dunha infraestrutura deportiva e de lecer que a súa xestión e explotación vai ser privatizada, será unha empresa privada a que faga, supostamente, negocio coa prestación deste servizo.

Desde o Colectivo Ártabra 21, isto leva-nos a unha reflexión que queremos trasladar a sociedade e debater neste foro cidadán:

As obras de construción e remodelación da Praza da Porta Nova [Praza de España], comezadas en Maio de 2002 foron todo un cúmulo de despropósitos, dun proxecto inicial que parecía cumprir todas as espectativas de mellora da contorna, dedicando unha maior superficie da praza a zona peonil, soterramento do tránsito rodado, ..., pasou-se ao intento de facer un grande centro comercial "plantificado" nun edifio de 21 m de altura no medio da Praza. Pasou de todo perante este proceso: tres gobernos municipais, intervencións da inspección da Xunta, tres ou catro proxectos, denuncias xudiciais con imputacións graves, mobilizacións, ... O asunto foi toda unha "epopeia" e o das obras pasan xa de seis anos [Maio de 2002]. Podemos falar do túnel toda unha obra-despropósito que "aos dous días" da súa inauguración tivo que ser pechado, para súa reforma ... e pechado de novo por inundacións e outra vez máis, e sigue e seguirá ... ao facer o centro de "Lecer e Deportivo", esta-se hipotecando a posibilidade futura de reformar o túnel e regular o tránsito soterrado, como estaba deseñado todo o conxunto nun principio dentro dun modelo de cidade. Está iso reflexionado ou este asunto vai-se pechar en falso ? ... E ao final cos cartos de tod@s [a cidadanía] indemnizamos con varios millóns de euros á empresa ABECONSA, cando tiña que ser esta xunto aos concelleiros responsábeis de semellante despropósito os que pagaran co seu patrimonio tanta irresponsabilidade. Mais agora o que nos interesa non é o asunto da remodelación en superficie que parece ser que o que se vai facer é o mellor posíbel nas circunstancias actuais cunha praza case rematada a nivel estrutural. O que nos interesa é o proxectado "Centro Deportivo e de Lecer da Praza de España".

En primeiro lugar, desde o noso ponto de vista non entendemos os elevados gastos en infraestruturas de "lecer e deportivas" soterradas baixo cemento!, nos tempos de crise, non haberá outros investimentos necesarios ?. Nunha cidade coa poboación tan envellecida como a de Ferrol [*], non haberá que pensar en infraestruturas de atención as persoas maiores ? O deporte e o lecer pode-se praticar nas múltiples instalacións deportivas infrautilizadas que hai nas escolas e institutos, nas praias e parques. Ese proxecto que nós non compartíamos nen compartimos, mais dentro da súa [a deles] lóxica do imaxinario do pensamento único, era para tempos de bonanza económica, mais agora que aínda non se sabe o alcance da crise, pensamos que compre unha maior reflexión ao respecto, pois non cremos que estexamos para malgastar os fondos que haxa, independentemente de quem poña o diñeiro, nen para hipotecar-se ... Tampouco estamos de acordo coas privatizacións dos servizos públicos, ... Fai falta un seguimento e unha posición do movimento social e veciñal ao respecto. Consideramos que non hai que ter tanta presa ...

En segundo lugar, non entendemos que se pode falar de déficit en infraestruturas deportivas e de lecer, claro está que ao mellor é que non se teñen en conta a cantidade de medios que hai na cidade, os dos centros escolares, os privados dos diferentes clubes como os do "club del Campo" ou os públicos de uso clasista, exclusivista e privado como son os d'O Montón con canchas de Tenis, Baloncesto, Fútbol, Mini-golf, Ximnasios, Squash, Padel, Piscinas [no número de 6], Aulas Multiusos, Embarcacións, discotecas, restaurantes, cafeterías, lavado de Vehículos, porto deportivo, ... e un sinfín de servizos, con miles de metros cuadrados pagados co diñeiro de tod@s, mais que só poden utilizar uns poucos. Isto vai seguir sendo así ?

En terceiro lugar, consideramos que se confunde "progreso" con construír máis, máis crecimento, máis productividade, ter máis, e máis, ... ao principio do su mandato o Alcalde Sr. Irissarri soñaba cunha cidade de máis de 100.000 habitantes como obxectivo, aínda teñen que estar esas palabras nas hemerotecas, Sr. Alcalde, progreso non será aumentar a calidade de vida das persoas, acadar un maior benestar, ter saúde, ser mais feliz, ... ter máis convivencia entre a veciñanza, aprender a vivir mellor con menos, aprender a gozar da natureza, da nosa contorna, da nosa Ría. ..., progresar en relacións humanas, en convivir, en compartir, en benestar social, en saúde, en solidariedade, en vivenda digna para tod@s, en traballo digno para tod@s, en atencións ás persoas maiores, nunha cidade con menos coches, con menos contaminación, con máis transporte público: suficiente, ecolóxico e eficaz ...

En cuarto e último lugar, saudamos a política do Concello pola instalación de parques biosaudábeis, polo servizo de bicis públicas, pola construción de paseos saudábeis, ... mais falta un apoio decidido a mellorar e reparar as infraestruturas deportivas existentes nos centros educativos e abrir estas á cidadanía fora de horario escolar, reparar e reformar as prazas públicas lugar de reunión e lecer, que esta non sexa unha política transversal, senon a principal.

O Colectivo Ártabra 21, convida a participar neste Foro, en especial, ás persoas vinculadas ao movimento asociativo e veciñal da cidade, ainda que está aberto a todas as persoas interesadas no tema sobre o que debatiremos e reflexionaremos.

[*] Algúns datos Estatísticos:
  • En 2007 índice de envellecemento: 151,9.
  • Por cada 100 persoas de menos de 15 anos hai 152 maior de 6.
  • En 2008 a poboación de Ferrol era de 74.696 persoas, das cais maiores de 65 anos eran: 16.920 persoas.
  • O 22,65 % dos habitantes de Ferrol teñen máis de 65 ano.
Fonte: Instituto Galego de Estátistica
____________________

sábado, decembro 27, 2008

A Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga ", sobre a cantidade pactada para orzamentos participativos entre os grupos municipais de PSOE e BNG

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 26 de dezembro de 2008 17:51
Asunto: Na defensa da participación cidadá




Na defensa da participación cidadá

Na última xuntanza do pasado luns a Asociación veciñal de Esteiro " Fontelonga", acordamos facer pública unha nota de prensa que exprese a nosa disconformidade co acordo de Orzamentos Municipais do 2009 subscrito entre os grupos municipais BNG e o PSOE no referente a Presupostos Participativos. Como se recolle nos xornais acordaron unha cantidade de 100.000 euros para o concepto de Participación Cidadá no referente a Orzamentos Participativos, cantidade absolutamente ridícula e que amosa pouco interese, aínda que se manifeste o contrario, pola Participación Cidadá .

O Foro Cívico celebrado no Campus de Esteiro no que participaron 70 entidades asociativas de Ferrol, acordamos unha experiencia piloto para o ano 2009 en canto a orzamentos participativos.

Na xuntanza mantida co alcalde de Ferrol e o concelleiro de Participación Cidadá o Grupo de Análise e Proposta(GAP) lle trasladamos a necesidade de consignar a orzamentos participativos cando menos un millón de euros ( no concello de Fene teñen 240.000 euros e mesmo en San Sadurniño superan a cantidade que propoñen os grupos municipais do PSOE e BNG para Ferrol).

Non sabemos se tamén se pactou en que barrio ou parroquia se vai poñer en marcha a experiencia piloto dos 100.000 euros ou vai ser esta unha decisión colectiva de participación cidadá.

Recordar que a posteriori da xuntanza mantida co Alcalde, Sr Irisarri, a Ferrol lle tocou a lotería de 13 millóns de euros máis aportados polo Goberno do Estado e malia todo se acordan 100.000 euros que e o que custa calquera reparación de fochas ou calquera pequena obra que se fai nun barrio ou parroquia

Facemos un chamamento a tódalas entidades asociativas de Ferrol, especialmente ás que participaron no Foro Cívico e no Grupo de Análise e Proposta para acordar, se así o estiman, un documento conxunto que rexeite esa cantidade acordada de 100.000 euros, por insuficiente, ridícula e que expresa pouca vontade de desenvolvemento da Participación Cidadá.

Como diciamos no Pleno onde interviñemos, malia que se diga o contrario, a Participación Cidadá está en serio perigo, non hai máis que ver que imos rematar o ano 2008 e o novo Regulamento de Participación Cidadá, dous meses despois de rematado, segue pendente do informe xurídico do Secretario do Concello para poder ir á Comisión correspondente e ser aprobado, se así o estima, polo Pleno do Concello de Ferrol para poder logo abrir o prazo de alegacións pertinentes antes da súa posta en vigor.

Tamén queremos recordar que en dito Pleno manifestamos que non iamos quedarnos quedos si se pretendía parar o proceso de Participación Cidadá, agardamos que os grupos municipais do PSOE e BNG, reconsideren a súa decisión.

Ferrol a 24 de decembro de 2008.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro “Fontelonga”.

Asdo./Xosé Miguel López Pérez, presidente

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

_____________________

Enlaces relacionados:

O BNG apoiará ao PSOE de Ferrol para aprobar os orzamentos Diario dixital de información sobre Galiza e resto do Mundo. Tamén Seccións de Opinión, o tempo, deportes, etc.

El BNG apoya al PSOE de Ferrol para aprobar los presupuestos ...Romper la coalición con Izquierda Unida está poniendo en más de un aprieto al alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri. El regidor criticó ayer la "extraña ...

Galicia | Pacto económico de PSOE y BNG contra el "torpedeo" de la ... 21 Dic 2008 ... ferrol convulso. Pacto económico de PSOE y BNG contra el "torpedeo" de la oposición. Irisarri logra el apoyo nacionalista a unos ...

Borrador de regulamento de participación veciñal
__________________

mércores, marzo 28, 2007

Defenden a centralidade da democracia participativa na vida dos concellos

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 28 de marzo de 2007 15:56
Asunto: Defenden a centralidade da democracia participativa na vida dos concellos


ESQUERDA UNIDA-IU defende a centralidade da democracia participativa na vida dos concellos


ESQUERDA UNIDA-IU considera fundamental desenvolver nos anos vindeiros un esforzo sostido no eido da participación cidadá para devolver o oxíseno das demandas populares ao cerne da vida municipal. Esforzo que terá que desenvolverse de xeito transversal en todas as áreas municipais e que requerirá tanto dun importante desplegue no eido da toma de conciencia e a educación, canto nos recursos humanos e económicos para pór en funcionamento a democracia participativa.

Democracia participativa que para a nosa organización supón un fabuloso trasvase de coñecementos e participación público ( asociacións, particulares, técnicos e responsbles políticos ) á cotidianeidade municipal, que ten que permitir traballando arreo e ao longo dos anos, involucrar a milleir@s de cidadáns e cidadás na codirección da cousa pública. Un mecanismo chave para conquerir esta participación son os orzamentos participativos. E a ferramenta para botalos a andar, e que nós demandaremos irrenunciablemente será a concellaría de Participación Cidadá.

Para Esquerda Unida-IU hai algúns eixos que nos parecen pertinentes pór enrriba da mesa para artellar a andaina da nosa proposta de democracia participativa. A solidariedade da cidadanía co conxunto da cidade, de maneira que arbitre os mecanismos e criterios que teñan como finalidade o reequilibrio social e territorial.

A universalidade, como expresión da vontade política de que non haxa un só cidadán que non participe nalgún eido da trama social organizada. Os orzamentos tamén concebidos como unha escola de participación e cidadanía, como o exercicio que supera a escisión entre gobernantes – con poder – e gobernados – desprovistos del. A corresponsabilidade na xestión da cousa pública, de todo aquello que é patrimonio e responsbilidade de tod@s. O control e o seguimento do proceso, para avaliar e correxir os erros que xurdan no mesmo. O fomento do tecido asociativo como expresión da madureza dunha sociedade capz de avanzar na autorregulación. O impulso decidido á participación das mulleres e da mocedade en especial neste proceso de profundización da democracia.E, por último, un enfoque global de cidade, artellando os intereses territoriais e sectoriais.

ESQUERDA UNIDA-IU quere manifestar o seu compromiso moral e, xa que logo, político ( facetas ambod dunha praxe transformadora que se quere participativa ), cos acordos e decisións adoptados no seo do proceso. ESQUERDA UNIDA-IU respectará a levará adiante os resultados froito da codecisión participativa nada no proceso.

Nós temos o convencemento de facer coa nosa proposta unha achega importante para facer de Ferrol a primeira cidade que lance a nivel galego a fórmula da democracia participativa, como unha das ferramentas para a superación da crise desta democracia de baixa intensidade, que lonsa e desengana á cidadanía.