Amosando publicacións coa etiqueta Denuncias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Denuncias. Amosar todas as publicacións

domingo, xaneiro 31, 2010

Incomprensíbel que o Ministerio de Defensa que é propietario do 20% de solo urbano na cidade pida a cesión dunha parcela municipal para edificar unha residencia


O BNG mantén na Xunta de Portavoces a súa negativa a ceder unha parcela municipal ao ISFAS


Para o BNG resulta incomprensíbel e, dunha caradura tremenda, que o Ministerio de Defensa que é propietario do 20% de solo urbano na cidade (163,63 hectáreas) pida a cesión dunha parcela municipal para edificar esta residencia. Hai que ter en conta que os beneficios dos que goza Defensa, como o estar exento de pagar tributos locais, unido a negativa a ceder gratuitamente á cidade ningunha das súas instalacións desafectadas provocan que esta decisión sexa de dificil entendemento para un sector importante da nosa sociedade.

Cremos totalmente xustificado o noso posicionamento se temos en conta que Defensa, ademais das parcelas que se nega a ceder ao concello, e que non figuran incluidas no futuro Convenio de cesión, se reserva para si mesmo: 2.466 m2 no ámbito do cuartelillo de Mariñeiría da rúa María, máis de 55.500 m2, de terreos edificábeis no Sánchez Aguilera, a demais dispón de 17.191m2 no Monton para levantar un novo edificio de usos culturais e deportivos, para uso exclusivo do persoal militar. Polo tanto fica demostrado as innumerábeis opcións que ten Defensa para acoller esta residencia sen ter que recorrer a unha parcela municipal.

O acordo tomado esta mañá na reunión da Xunta de Portavoces basea a decisión nos dous acordos plenarios que, a proposta de IF, pedían a maior colaboración municipal para traer esta infraestructura a Ferrol e que como se lembrará foran aprobados cos únicos votos en contra do BNG.

BNG-Ferrol


Enviado por:
BNG Comarca Ferrolterra
-sedenacional@bng-galiza.org-
31 de janeiro de 2010 03:42

___________________

martes, xaneiro 19, 2010

Denuncian verquidos reiterados na praia ferrolá de Cariño


  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU DENUNCIA  UN TERCEIRO  VERQUIDO   NA PRAIA DE  CARIÑO
  • EU INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL  A  ESCLARECER OS INCIDENTES E PROCEDER Á LIMPEZA DO AREAL
O Grupo Municipal de EU   quere denunciar  a reiteración duns verquidos -  até en tres ocasións -   acaecido na praia de Cariño, e que están a producir serios trastorno á veciñanza.

A nosa organización quérese facer eco deste malestar das e dos veciños diante duns verquidos que producen alomenos un terrible cheiro e sobre os que semella necesario cursar unha investigación acerca da súa procedencia. As impresións da veciñanza os relacionan con algunha das empresas instaladas no  Porto Exterior.

Obra no noso poder unha mostra do areal de Cariño que non deixa lugar á dúvidas acerca do inaceptable da situación, que imposibilita o emprego deste areal para a vida cidadá.

Esquerda Unida quere demandar da Concellería de Medio Ambiente  que esclareza  canto antes os repetidos incidentes medioambientais que están a producir trastornos na veciñanza e que comprometen o areal de Cariño.

No entanto, o no Grupo Municipal quere requerir do Goberno Municipal unha rápida acción de limpeza do devandito areal. O noso Grupo Municipal  interesarase por estes incidentes na vindeira Comisión de Medio Ambiente.

Ferrol, martes 19 de xaneiro de 2010

Informacións do Grupo Municipal de ESQUERDA UNIDA

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
19 de janeiro de 2010 15:08


Prezad@s amig@s: achegamos informacións do Grupo Municipal denunciando uns verquidos, reiterados, no areal de Cariño; asemade instamos ao Goberno Municipal a esclarecer as causas dos verquidos e a proceder a inmediata limpeza da zona. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier

____________________

martes, agosto 18, 2009

CIG-Ferrol reclama de novo o cese da Directora Xeral de Colocación e Formación por denuncias de irregularidades na contratación

Ademais da sentenza firme polo despedimento dunha traballadora que tiña sen contrato e Seguridade Social, este cargo da Xunta acumula varias demandas por impago de salarios e está involucrada en varios despedimentos

A CIG de Ferrol exixiu a semana pasada a demisión ou cese da Directora Xeral de Colocación e Formación da Xunta de Galiza, ao ser esta condenada polo Xulgado do Social Nº2 de Ferrol, en Sentenza Firme, solidariamente polo despedimento dunha traballadora que nen estaba dada de alta na Seguridade Social, nen posuía contrato de ningún tipo. Tamén son varias, aparte da sentenza firme reseñada, as demandas de cantidades que varias traballadoras teñen interposto diante da xustiza contra este cargo da Xunta.

Asi, desde a comarca de Ferrol da CIG critican as "escusas e falsos argumentos" aportados pola Conselleira para defenderse, xa que "queremos deixar ben claro, que a Directora Xeral, foi condenada en sentenza firme polo despedimento dunha traballadora que estaba a desenvolver as suas tarefas incumprindo totalmente a lexislación laboral, e que é esa mesma lexislación a que a Directora Xeral debe facer cumprir".

Sentenza e condena en firme

A sentenza é polo tanto firme e non foi recorrida no seu momento pola Directora Xeral, e engaden desde a CIG de Ferrol que "se pretende enganar por parte da Consellaria á cidadania, expresando nos medios que foi condenada subsidiariamente,é dicir, que faria frente aos pagos no caso de que non o fixese a empresa do seu pai e irmá".

A CIG-Ferrol lembra que "a sentenza ten condenado á Directora Xeral de xeito solidario, isto é que ten que pagar solidariamente coa empresa", e fica como feito probado que a Directora Xeral despediu persoalmente á traballadora, que estaba a traballar en fraude de Lei.

Sinalan que "a Conselleira pode disfrazar os feitos, mais os feitos están transcritos nunha sentenza xudicial sen recurso posíbel, e o resto son xustificacións inaceitábeis".

Nese sentido pregúntanse "que está a agardar o Sr. Feijoo que tanto se preza de ter un governo honesto a tomar as medidas oportuna coa Directora Xeral e mesmo cunha Conselleira que ampara no seu equipo a quen foi condenada por incumprir a lei".

A CIG-Ferrol insiste na petición do cese da Directora Xeral de Colocación e Formación da Xunta de Galiza, e da Conselleira de Traballo, que "absurdamente a ampara".

Varias demandas por cantidades contra a Directora Xeral

Tamén son varias, aparte da sentenza firme reseñada, as demandas de cantidades que varias traballadoras teñen interposto diante da xustiza contra este cargo da Xunta. A Directora Xeral, ten sido demandada por impago de salarios por duas traballadoras, a través dos organismos da propia Consellaria de Traballo, o SMAC (Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación).

A Directora Xeral non apareceu a súa cita no SMAC o 12 de agosto

A través do SMAC foron citadas as partes para o dia 12 de agosto ás 10:30h no citado servizo en Ferrol. A CIG Ferrol informa que "lamentabelmente, a demandada, a Directora xeral, facendo caso omiso da obrigatoriedade que a Lei establece respecto á asistencia a dito acto, non compareceu. Este semella ser o valor que lle dá á Lei a Directora Xeral. Agora o asunto pasará a engrosar os expedentes a tramitar por uns desbordados Xulgados do Social de Ferrol, ao non ter comparecido, nen procedido a abonar os salarios adebedados".

Esta nova denuncia á Directora Xeral é dunha traballadora que prestaba servizos a tempo parcial como Empregada do Fogar da mesma e ademais facíao na empresa que rexentan seu pai e mais seu irmán. Ao igual que outra traballadora, carecia de contrato e alta na Seguridade Social, sendo ambas despedidas verbalmente, despedimentos que xa foron declarados xudicialmente como improcedentes.

Petición de cese e demisión

Por último, desde a CIG de Ferrol subliñan que "unha Directora Xeral, condenada xa en sentenza firme, involucrada en varios despedimentos, e entendemos que claramente coñecedora de que a sua familia ven incumprindo a Lei reiteradamente, e que non só, non denuncie os feitos, senón que sexa probado xudicialmente que nun dos casos foi ela mesma quen efectuou o despedimento, despedimento dunha traballadora que desenvolvia o seu quefacer fóra da legalidade, unha Directora xeral, que adebeda salarios a unha traballadora, non é evidentemente, a persoa mais indicada para estar nunha consellaria defendendo o cumprimento da Lei que de feito ela mesma incumpriu. Quen poda defender esta actuación, non nos merece tampouco garantia nengunha, senón que entendemos é mesmo criadora de alarma social".

Avante
18.08.2009


Fonte: galizacig.com

Foto: A Directora Xeral [María Díaz López] - Detalle dunha foto de Xoán Crespo
_____________

Enlaces relacionados:
  • Condenan á directora xeral de Colocación da Xunta por ter unha empregada sen contrato
    Radio Fusión - 13.08.2009
    Traballaba na cafetería da Estación de Autobuses de Ferrol e non para a Directora Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, afirmaron esta mañá a Radiofusión dende o Gabinete de Prensa da Consellería de Traballo. As mesmas fontes indican que, en último caso, a ferrolana Ana María Diaz faráse cargo da indemnización por despido da empregada.
_________________________

mércores, agosto 12, 2009

Denuncian o peche de servizos de atención ó cidadá no Edificio Administrativo da Xunta en Ferrol

Comunicado de denuncia ós medios
[Revisado coa nova redacción]

A Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga", queremos denunciar o peche de servizos de atención ó cidadá no Edificio Administrativo da Xunta en Ferrol, o que reflicte unha falta de compromiso da Xunta de Galicia con Ferrolterra e coa cidadanía.

Cando se fala de facilitar os trámites burocráticos e de acercar á Administración Pública á cidadanía en Ferrol e no mes de agosto pechánse as oficinas de Vivenda e na de Pesca se reduce a atención unha hora diaria, obrigando a usuarios e usuarias, no caso de VIVENDA, a ter que desprazarse A Coruña para resolver temas que en materia de tramitación de axudas a vivenda e dado o amplo parque de vivendas públicas que existen en Ferrol, sobre todo en Esteiro e en Caranza, son moitos.

Se o que se pretende e reducir custos na Administración da Xunta de Galicia a conta de que os cidadáns e cidadás teñamos que pagar máis e perder máis horas de traballo, esa política supon unha moi mala xestión.

Nos próximos días , é posible, que tamén a oficina de Xuventude peche ás súas portas. En Dependencia a falla de persoal para facer os pagos motiva un retrasos no pagamento das axudas da Lei de Dependencia.

Hai que recordar que Ferrol é a única cidade de Galicia, segundo publica o DOG do 1 de Maio, que non conta con Delegado Territorial a pesar de ser a terceira comarca de Galicia en número de habitantes e priva de autonomía ó Edificio Administrativo de Ferrol que e un centro dependente da Coruña, a pesar de que máis de 1000 persoas acuden tódolos días a dito Edificio a realizar xestións administrativas

Demandamos que de xeito inmediato se contrate ó persoal necesario, para eso a Xunta de Galicia ten unhas bolsas de contratación, para abrir as oficinas de Vivenda e Pesca en horario completo e garantir que non se peche ningunha outra. A Administración da Xunta tamén ten que favorecer a creación de emprego.

Facemos un chamamento á cidadanía e a tódalas entidades veciñais, confrarías, etc a que presenten reclamacións por rexistro, por este feito discriminatorio con Ferrolterra, e esta Asociación tamén imos formular a oportuna reclamación en defensa dos veciños e veciñas do Barrio de Esteiro.

Demandamos do Alcalde de Ferrol e de tódolos grupos municipais que reclamen da Xunta un trato igualitario e non discriminatorio como o que se está a producir con toda a cidadanía de Ferrolterra a quen a Xunta de Galicia está tratando como cidadáns de segunda clase.

Tamén queremos recordar que temos solicitada, en tempo e forma, no mes de maio unha entrevista do Delegado da Xunta na Provincia da Coruña, D. Diego Calvo, para falar da Escola Infantil Pública de Esteiro, sen ningún resultado polo momento, case catro meses despois.

Ferrol a 11 de agosto de 2009.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro " Fontelonga"

Enviado por:
Asociacion Veciñal Fontelonga
-avvfontelonga@mundo-r.com-
11 de agosto de 2009 17:32

_________________

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Web veciñal
Blog veciñal

_____________________

mércores, xullo 08, 2009

Greenpeace denuncia que máis da metade dos espazos naturais protexidos da costa están ameazados

Greenpeace publicou onte 7 de Xullo, o seu Informe sobre a situación da costa no Estado "Destrución sen Reservas", dedicando 30 páxinas do mesmo a Galiza, informe que podes consultar e mesmo baixa-lo en formato -pdf- do seu servidor cun só clic ou acceder ao mesmo de forma interactiva.

Por primeira vez en todo o territorio do Estado analizáron-se 233 espazos litorais protexidos. Deles, 120 están acosados polo urbanismo, as infraestruturas ou a contaminación.

Greenpeace presenta a novena edición do informe "Destrución custe o que custe". Por primeira vez no Estado Español, analizouse a situación de 233 espazos litorais protexidos, repartidos nos máis de 8.000 quilómetros de litoral. O informe pon de manifesto que nin sequera os Espazos Naturais Protexidos [ENP] da costa, supostamente amparados pola lexislación, están a salvo da destrución do litoral que imperou os últimos anos. Máis da metade, 120, sofren algún tipo de ameaza por urbanismo, infraestruturas ou contaminación.

As cifras do informe constatan como o desenvolvemento inmobiliario consumiu inxentes cantidades de recursos naturais insubstituíbeis, acosando ao pouco territorio virxe que queda no litoral. Estado e comunidades autónomas son responsábeis dun desenvolvemento urbanístico depredador, cualificado mesmo polo Banco de España como "economía suicida". Os casos de corrupción urbanística seguen sendo unha constante na práctica totalidade das comunidades autónomas costeiras. O informe tamén realiza un detallado estudo dos graves problemas de contaminación presentes

"Poida que a declaración dun espazo protexido sírva-lles aos políticos para por-se medallas sobre a súa aposta por salvar a costa. Pero cando, anos despois, descobren que esa protección é incompatíbel con algún proxecto urbanístico, intentan saltar-se a norma que eles mesmos elaboraron, convertendo a estes espazos en 'parques de papel', en papel mollado", declarou Pilar Marcos, responsable da campaña de Costas de Greenpeace.

A situación en Galiza

Até época moi recente, en toda a historia dos 86 municipios da costa galega construíron-se 816.000 vivendas. Agora, os concellos están recalificando chan para poder edificar outras 680.000 máis en só 13 anos.

Galiza, con 17 Espazos Naturais Protexidos [ENP] ameazados aínda que, na teoría, a Xunta recoñece que ten máis da metade da súa costa protexida. Pero de nada serve protexer baixo un marco legal se, como no caso dos ENP da Costa da Morte, preténdese construír unha piscifactoría de 300.000 metros cadrados, en pleno espazo protexido que forma parte da Rede Natura 2000 europea.

Galiza posúe 1.698,6 quilómetros de costa, dos cales 889 están preservados baixo algunha figura de protección, é dicir o 52,3% do seu litoral está protexido.

Principalmente son espazos da Rede Natura 2000 que distingue as contornas naturais máis valiosos da Unión Europea. Logo de Cataluña (57,8%), é a segunda Comunidade Autónoma con máis costa protexida, polo menos sobre o papel.

As afeccións e ameazas directas aos espazos naturais costeiro-marítimos de Galiza son incontábeis. Aos poucos, o formigón e o cemento van gañando terreo a espazos de indubidábel valor, non só ambiental, polos bens e servizos que provén, senón tamén económico, porque dun bo estado ambiental dependen directamente moitas familias, xa que é nos esteiros e augas costeiras onde se reproducen e recrutan un sinnúmero de especies comerciais pesqueiras.

De nada serve protexer a costa baixo un marco legal se esa normativa non se pon en práctica.

Sobre estes espazos supostamente protexidos crúzan-se unha maraña de Plans (de acuicultura, de portos, eólicos...) iniciados algúns fai máis dunha década e que supeditan as infraestruturas e un mal entendido crecemento económico de Galiza sobre o valor real dos Espazos Naturais Protexidos [EPN].

Fonte: greenpeace.org
____________

xoves, xullo 02, 2009

Non é unha novidade, mais temos un cínico e tramposo de Presidente na Xunta de Galicia

[Garaxe no que a Xunta almacena os coches da marca alemá. En primeiro termo, o que que usaba Touriño]


Feijóo vende os Audi de Fraga
Esperanza Aguirre rexeita imitar ao presidente galego e non de desfará do seu coche blindado

MARIOLA MORENO - A Coruña - 01/07/2009 21:30

Feijóo repetiuno ata a saciedade. O líder do PP galego e actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, insistiu durante a campaña electoral en que colgaría o cartel de "véndese" ao coche oficial que empregaba o entón titular do goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, a quen acusou de gastar "480.000 euros en período de crise" nun Audi A8.

O que Feijóo, con todo, non dixo é que o vehículo do "malgasto" é idéntico aos dous adquiridos pola Xunta baixo o mandato de Manuel Fraga e polos que o goberno autonómico pagou no seu momento o primeiro vehículo foi matriculado o 13 de setembro de 2001 e o segundo, apenas un ano despois, o 14 de novembro de 2002, 600.000 euros da época (perto de 800.000 euros, unha vez aplicado o IPC).

Alérxico como se mostrou Feijóo aos Audis oficiais nos últimos meses aos dous días de gañar as eleccións anunciou que se desprazaría nun Citroën, houbo un tempo no que o presidente galego tamén viaxaba nun coche da marca alemá a costa do diñeiro dos contribuíntes.
Touriño só comprou tres dos 23 audis que a Xunta vai a enajenar

Tal e como fixo público onte o PSdeG-PSOE, dos 32 Audis que integran nestes momentos o parque móbil da Xunta, 29 foron adquiridos polo PP, "19 dos cales compraron cando Núñez Feijóo era vicepresidente".

[Clicar acima da imaxe para ampliar]

"Incluído o A8 que el mesmo empregaba cando exercía no cargo e antes de que lle desen coche gratis para pasear", asegurou a este xornal a secretaria de Coordinación, Acción Electoral e Política do PSDEG, Mar Barcón, en alusión ao vehículo que Citroën prestoulle a Feijóo durante tres anos tal e como desvelou Público.


Adquiridos en funcións

Os populares non se conformaron, no entanto con renovar o parque móbil público nos 16 anos que permaneceron no goberno da Xunta. Dos 29 coches da marca Audi adquiridos polos populares galegos, dous foron comprados en xullo de 2005, tras a derrota electoral e nun momento no que Manuel Fraga exercía como presidente en funcións.


19 dos coches foron comprados con Alberto Núñez Feijóo no Goberno de Manuel Fraga

Así as cousas e a pesar de que Feijóo fixo dos coches oficiais o seu cabalo de batalla, segundo os datos que obran en poder deste xornal, durante o goberno bipartito de Touriño unicamente compraron tres dos 32 Audis propiedade do Executivo autonómico galego, mentres que se deron de baixa cinco. É dicir, o bipartido "nin sequera repuxo todos os que deixaron de circular", insisten desde o PSdedG.

En palabras de Barcón, "van vender os coches que eles mesmos [o PP] compraron simplemente por un malentendido exercicio de soberbia e para xustificar a súa campaña electoral". Non sen antes insistir en que "a campaña xa terminou", a secretaria de Política dos socialistas galegos reclamou a Feijóo que, unha vez gañadas as eleccións, o que debe facer é "gobernar e tomar decisións en lugar de facer o paripé e buscar a foto como está facendo nestes momentos".

Esperanza Aguirre, presidenta da Comunidade de Madrid, non seguirá o exemplo de Feijóo e non venderá os seus audis, incluído o blindado que utiliza para os seus desprazamentos. Fontes do goberno madrileño subliñaron que Aguirre foi pioneira en medidas de aforro ao conxelar o soldo de todos os seus conselleiros, viceconsejeros e altos cargos, entre outros membros do executivo rexional, durante 2009 e 2010. Alegan que esta só é unha das medidas do plan austeridade que están levando a cabo e que tan necesarias son en tempos de crises, informa Miguel Ángel García.

Fonte: publico.es

Noticias relacionadas:
_______________________

mércores, xullo 01, 2009

Os libros non serán de balde, pero as taxas para os Yates dos ricos baixarán grazas á Xunta do PP

Xunta do PP baixará taxas portuarias a proprietarios de Yates

Mentres o Conselleiro de Cultura anuncia por unha banda que os libros para a educación xa non serán de balde [Até agora os libros eran de balde mediante un sistema de prestamo por cuso e alunn@], pola outra o presidente de Portos de Galicia anuncia rebaixa nas taxas de amarre para os Yates dos ricos.


Publicado en "El País" 01-07-2009


Portos de Galicia anuncia un "alivio fiscal" para os propietarios de iates

Despois do verán estará fixada unha rebaixa nas taxas de amarre

O presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campá, anunciou onte unha rebaixa nas taxas portuarias, aínda non cuantificada pero que estará definida xunto con outras actuacións despois do verán. Aínda que esta rebaixa de cargas diríxese a todo o tráfico portuario, terá unha incidencia especial no sector náutico de recreo, isto é, o de iates, cuxos propietarios pagarán menos taxas polo uso dos portos.

O PP está tratando de potenciar o sector náutico de recreo. O pasado día 18 o senador Miguel Pérez de Juan presentou unha moción no Senado para liberalo de cargas impositivas aducindo que estas fan que en España sexa un 40% máis caro comprar un iate que en Italia. Non prosperou con todo a súa moción para eliminar o imposto de matriculación dos iates (do 12% para os de máis de oito metros de eslora e uso particular). "Nunha situación como a que estamos vivindo, presentar unha moción para axudar a aquel que ten algo máis de 300.000 euros, como mínimo, para comprar unha embarcación de recreo, parece de vergoña", respondeulle a senadora catalá Judith Alberich. "Vostedes pretenden crear un paraíso do luxo en España", baixando impostos "ao lecer e a suntuosidad", denunciou Anxo Luís Lacueva (PSOE), que terminou por cualificar a proposta de "inmoral".

As medidas anunciadas onte polo presidente de Portos de Galicia, con todo, abaratarán e facilitarán os trámites dos movementos portuarios dos Yates de calquera porte. A revisión das taxas dos portos guiaranse, segundo Álvarez-Campá, "pola premisa dun alivio fiscal, buscando o axuste e redución dos montantes e cargas polas diferentes operacións a efectuar nos espazos de dominio público portuario; polo fomento da actividade e usos dos portos e, finalmente, por unha simplificación administrativa e burocrática que dea axilidade e comprensión ao usuario sobre o sistema de tramitación administrativa".

A comparecencia do presidente de Portos de Galicia na Comisión de Economía do Parlamento estivo motivada na iniciativa do deputado do PP José Manuel Balseiro, que se interesou polas previsións, redución e adecuación do modelo fiscal en materia de taxas de Portos de Galicia. Álvarez-Campaña subliñou sinalou que "a Consellería do Mar e Portos de Galicia están traballando na revisión das estruturas das taxas e demais requisitos administrativos co fin de simplificar, remodelar e adaptar á realidade" a normativa económico-administrativa dos portos. Despois do verán, subliñou, xa haberá unha serie de actuacións definidas e que se poderán ver como resultado en 2010.

Fonte: El País

Enviado por:
Damch GZ -damchgz@gmail.com- 1 de julho de 2009 13:21

___________