Coordinador de 'Os nomes do terror'
Dionisio Pereira: "O verdugo non é só quen apunta e preme o gatillo”
Dionisio Pereira é unha das referencias da historiografía galega contemporánea. Autor dos primeiros traballos sobre o sindicalismo obreiro na Galiza anterior a 1936, é un dos pioneiros nos estudos sobre a represión franquista no país. Agora volve como coordinador de Os nomes de terror, un coleccionábel de Nós Diario sobre os verdugos na Galiza dos primeiros anos da ditadura que arranca o próximo 3 de novembro.
Os nomes do terror, o coleccionábel
O vindeiro 3 de novembro sae á rúa unha nova achega de Nós Diario arredor dos vitimarios. A publicación, que se vai distribuír co xornal de terzas a sextas feiras ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 34 traballos de 23 autores sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo. O coleccionábel Os nomes de terror vén ser continuación dun volume do mesmo título publicado por Sermos Galiza S.A. en 2017 e, como daquela, tenta deitar luz sobre un período da historia aínda hoxe incómodo ao poder e favorecer un debate público sobre unha cuestión que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.
A investigación achega a información sobre o operativo do terror en diversas comarcas e localidades galegas, pondo o foco naqueles actores que até agora teñen merecido menor atención nos estudos sobre a memoria e reparando na lóxica do conglomerado represor organizado polo réxime franquista. Ao longo do coleccionábel aparecen aqueles nomes que teñen ficado no imaxinario popular asociados ao terror fascista pero, sobre todo, os actores que o teñen feito posíbel, comezando polos militares e continuando polo poder económico, a xerarquía eclesiástica ou a militancia falanxista e doutros grupos da dereita. ✅ Primeiro foi o libro editado por Sermos Galiza S.A. Os nomes do terror, agora o coleccionábel co mesmo título. Que achega este novo traballo ao estudo dos vitimarios?
Vén sendo unha continuidade do libro editado por Sermos Galiza, aínda que baixo outros parámetros divulgativos e moito máis extensivos no territorial e tamén, nalgunha medida, no temático. É de sinalar o esforzo realizado para completar o mosaico local, aínda que continuamos a ter algúns baleiros que cómpre resolver. En todo caso, como afirma no seu traballo Xabier Buxeiro, non se trata de facer historia local senón desde o local, pondo o foco en realidades moi concretas para contribuír a explicar o “caso” galego.
✅ Polo que nos comenta trátase dun traballo que amplía o ámbito territorial do anterior, incorporando novas comarcas e localidades, e que repara no papel na represión da Igrexa, dos militares ou de determinados sectores empresariais. Que pautas de funcionamento comúns atopamos nos verdugos no conxunto da Galiza?
Aínda é un pouco cedo para tirar conclusións, porque non puiden ler todos os traballos. Porén, se acaso, poderíase apuntar que os vitimarios actúan durante e máis alá do propio período bélico e maiormente de maneira premeditada, lonxe de arroutadas pasionais froito dunha inicial e posíbel situación incontrolada. Tamén é de sinalar que, en cada territorio, adoita ficar no magoado imaxinario colectivo algún represor especialmente aborrecido e temido: Víctor Lis Quibén en boa parte da provincia de Pontevedra; o garda civil Rabioso, na contorna de Vigo; Fernando Salgueiro, na bisbarra de Monterrei e as Frieiras; Vitoriano Suanzes na ferrolá... Outro guieiro sería que represión e corrupción, mediante o roubo e a extorsión económica, adoitan ir xuntas.
A represión en boa parte da memoria popular ficou asociada ás milicias fascistas e nalgúns casos presentada como resultado de accións descontroladas cometidas á marxe das autoridades. Quen dirixiu a represión na Galiza e cal foi o nivel de improvisación na mesma? É certo que no territorio galego foi relevante a actuación de numerosas milicias e somaténs, algunhas propias da Falanxe, das JAP ou dos Requetés; outras de carácter cívico compostas polo que se deu en chamar “xentes de orde”. Mais a práctica totalidade foron argalladas e armadas polos delegados gobernativos e pola Garda Civil, sendo supervisadas e dirixidas pola militancia falanxista. Daquela, aínda que a Falanxe actuou ás veces con certa autonomía, na maioría dos casos o descontrol non foi tal e as Comandancias da Garda Civil, Gobernadores Civís e Delegados de Orde Pública, como representantes do Ministerio homónimo, están detrás das instrucións que logo seguiron as milicias e os falanxistas. Porque o verdugo non é só quen apunta e preme o gatillo.
✅ Estamos falando dunha publicación de 34 números, con autores de diversas xeracións, de formación e procedencia diferente. Por que o estudo dos vitimarios segue a ser un tema incómodo e por que merece tan pouca atención da historiografía?
Si, é outra das cuestións interesantes: servir de punto de encontro a persoas de xeracións distintas, desde os que levamos moitos anos nesta angueira até xente nova que comeza con forza e capacidade; ademais, tamén é de salientar a coincidencia de historiadores académicos con investigadores máis vinculados ao activismo social. En todo caso, é de lamentar a cativa presenza feminina. Esta temática é incómoda, e utilizo un termo acuñado con acerto por Lourenzo Fernández Prieto, a dúas bandas: para quen investiga, porque o fai con certa inseguridade xurídica e falta de transparencia por parte do aparato do Estado; e para sectores da sociedade, nos que aínda impera o eco do terror ou o temor á creba social. E todo, nun Estado edificado con alicerces franquistas, onde, maiormente, se rexeita o conflito, a crítica e a confrontación cos intereses creados.
✅ As investigacións sobre os vitimarios téñense amosado como unha actividade de risco, vostede mesmo foi procesado por un traballo sobre os verdugos na Terra de Montes, que problemas teñen hoxe este tipo de pesquisas e con que dificultades se atopan á hora de realizalas?
Basicamente a xudicialización de historiadores e historiadoras, investigadores e investigadoras e xornalistas serviu como aviso a navegantes e estendeu, se non medo, certa prudencia no ámbito da investigación desta temática. Falaba antes de inseguridade xurídica e non só relacionada coas querelas por delitos contra o honor, senón polo uso espurio que se está facer da lexislación en materia de protección de datos. En canto ás dificultades, non son menores os feitos de que arquivos relacionados coa Garda Civil e o antigo Ministerio de Orde Pública estean restrinxidos e que a lei franquista de secretos oficiais, unha das máis retrógradas de Europa, aínda continúe en vigor.
✅ Publican este conxunto de traballos nun momento en que o Goberno español vén de facer público o seu anteproxecto dunha nova lei de memoria. Que valoración fai da mesma e que consideración ten da súa utilidade?
Aínda non se coñece o texto definitivo do anteproxecto, polo que aínda pode mudar, mais de momento na miña opinión é que os avances que contén son pequenos de máis, logo de 14 anos de vixencia da anterior, e ineficaz, Lei de memoria histórica. A principal eiva, ao meu entender, é que nun contexto no que non se desmantela o franquismo no ámbito xurídico, aínda están vixentes 265 leis que datan de antes de 1977 e a influencia do réxime anterior é notoria en boa parte da xudicatura e se perpetúa esa norma de punto final que é a Lei de amnistía, a impunidade que se deriva invalida calquera boa intención que poida ter.
Un exemplo: un colectivo de memoria quere eliminar a simboloxía franquista dunha vila e o concello négase; vai a cousa ao xulgado e hai moitas probabilidades de que esta dea a razón ao concello en cuestión. A indefensión é patente, porque o árbitro está comprado: non falemos xa se pretendemos esixir responsabilidades a calquera crime cometido no franquismo e na transición, porque a única vía é facelo noutro país, vía xustiza universal. Hai aspectos positivos, como a anulación dos Consellos de Guerra ou a pretensión de incluír a memoria democrática no currículo escolar, mais no primeiro caso fican fóra outra volta os combatentes da guerrilla, e no segundo cabería apuntar a que, sen dotación orzamentaria, esa medida tan necesaria fica en papel mollado. Como moitos aspectos da Lei de 2006.
✅ Segundo dá a entender a chave do debate está na Lei de amnistía de 1977, un dos eixos sobre o que se articulou o actual réxime político. Ao tempo, hai institucións moi importantes cun papel chave na represión como exército, a Garda Civil ou o poder xudicial, que seguen sen pedir escusas pola súa participación nos crimes do franquismo. Que explicación fai disto?
En dúas palabras: porque o actual réxime erixido a partir da morte de Franco construíuse tras un pacto cos seus herdeiros, pacto que desbotou a legalidade republicana e posibilitou a continuidade estrutural de certa lexitimidade franquista non só no aparato do Estado, singularmente nas Forzas da Orde Pública, na administración de xustiza, no exército e na diplomacia, mais tamén nalgunhas capas da sociedade.
Publicado en Nós Diario. | Por Cilia Torna - 27 de outubro de 2020
https://www.nosdiario.gal/
_______________ _______