Desde Ártabra 21 consideramos moi interesante todo este proceso e o exercicio do "Dereito a decidir" por parte do pobo escocés, este 18 de Setembro de 2014. "Dereito a decidir", que se exerceu baixo fortes presións da oligarquía do Reino Unido e do "Deus Mercado", mais que foi un exercicio do Dereito de Autodeterminación Nacional que xa de por si supón gañar en democracia, gañar en soberanía. Neste artigo, transcribimos os primeiros apuntes no xornal dixital 'Praza Pública' sobre o resultado e o proceso no referendum de autodeterminación escocés. 'Praza Pública' anuncia que seguira ampliando a información sobre o tema, polo que recomendamos entrar na seu sítio-e. 'Sermos Galiza' tamén contribúe á información con moi bos e amplos reportaxes e opinións, polo que tamén recomendamos acceder ao sitio-e do xornal galego.
Na foto, publicada en RadioFusión, representantes de nacións sen estado en Edimburgo, de organizacións integradas na Alianza Libre Europea [*]
Escocia queda no Reino Unido, pero terá máis autogoberno
Escocia seguirá no Reino Unido. O "non" á independencia escocesa impúxose no referendo celebrado este xoves, segundo os resultados oficiais, co 55,5% dos votos fronte a preto dun 44,5% do si, unha vez publicados os datos das 32 circunscricións rexionais nas que está dividida Escocia.
Segundo eses datos, preto do 85% dos máis de catro millóns de escoceses chamados ás urnas participaron no referendo sobre a independencia. Unha vez coñecidos os datos da circunscrición de Highland, a derradeira en rematar o escrutinio, os votos a favor de seguir no Reino Unido foron 2 millóns e 1,6 apostaron pola independencia.
O si logrou imporse en só catro das áreas electorais, aínda que levou Glasgow, a maior de todas. Alí os independentistas lograron un 53% dos votos. Na capital, Edimburgo, o non obtivo o 61% dos sufraxios. Aberdeen, outra das grandes cidades escocesas, tamén caeu ao lado unionista.
Cameron, satisfeito pola unión das "catro nacións"
Tras coñecer que o resultado era definitivo, o primeiro ministro británico, David Cameron, expresou a súa satisfacción pola decisión do pobo escocés de "manter xuntas ao catro nacións", tras a vitoria do non á independencia de Escocia. "Son un apaixonado do Reino Unido, pero tamén son un demócrata; podería ter prohibido o referendo, pero preferín que o pobo escocés falase", di, nun contexto no que, lembra, esta decisión partiu do "respecto" á elección do Scottish Nacional Party en 2011, en cuxo programa se incluía "un referendo de independencia". "Respectamos a maioría do SNP e démoslle ao pobo escocés o dereito de falar" nunha votación que "será lembrada como unha poderosa manifestación da fortaleza e vitalidade da nosa vella democracia".
Nunha declaración ante a porta da residencia oficial de Downing Street, Cameron sinalou que o "resultado foi claro" e é unha "oportunidade" de cambiar "para mellor" a forma en que a unión é gobernada tras unha votación que, ao seu xuízo, pecha o debate da independencia escocesa para unha "xeración". Neste contexto Cameron diríxese tamén aos "escoceses escépticos" coas súas promesas de maior autogoberno. "O pobo escocés vai ter máis poder" en áreas como a xestión dos impostos e dos orzamentos e tamén dos servizos públicos nun proceso que, reitera, comezará de inmediato.
Pola súa banda, o ministro principal escocés Alex Salmond asegurou que acepta "o veredicto" do pobo escocés, á vez que instou a facer o mesmo aos partidarios do 'si'. Nun acto en Edimburgo no que foi recibido cunha ovación, Salmond agradeceu a Escocia "os centos de miles de votos a favor da independencia" e expresou a súa satisfacción polo bo ton no que se desenvolveu a campaña e a normalidade da xornada electoral.
Unha observadora galega como garante dun proceso "limpo e transparente": Ir a web.
Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
Sitio-e do referendum sobre a independencia de Escocia (Scotland), onde se pode acceder aos resultados e outras informacións:
http://scotlandreferendum.info/
[*] Organizacións integradas na Alianza Libre Europea:
Alands Framtid | Aralar | Autonomie - Liberté - Participation – Écologie (ALPE) | Bayernpartei | Bloque Nacionalista Galego (BNG) | Chunta Aragonesista (Cha) | Die Friesen | Eusko Alkartasuna (EA) | Enotna Lista (EL) | Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) | Fryske Nasjonale Partij (FNP) | Lausitzer Allianz (LA) | Lista Za Rijeku | Liga Veneta Repubblica (LVR) | Magyar Kereszténydemokrata Szövetség | Mebyon Kernow (MK) | Moravané | Mouvement Région Savoie (MRS) | Nieuw-Vlaamse Alliantie (N-VA) | Omo Ilinden Pirin (Omo) | Partido Andalucista (PA) | Partit Occitan (PÒc) | Plaid Cymru | Partitu di a Nazione Corsa (PNC) | Partito Sardo d’Azione (PSd’Az) | Federació PSM-Entesa Nacionlista (PSM-Entesa) | Rainbow | Ruch Autonomii Slaska (RAS) | Slovenska Skupnost (SSK) | Scottish National Party (SNP) | Südschleswigschen Wählerverbands (SSW) | Schleswig Partei (SP) | Süd-Tiroler Freiheit | Union Démocratique Bretonne (UDB) | Unitat Catalana (UC) | Unser Land
___________