Amosando publicacións coa etiqueta Estrela Gómez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estrela Gómez. Amosar todas as publicacións

sábado, marzo 03, 2018

Sae á luz o libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”, coordinado por Lídia Senra - Inclúe 15 artigos de diferentes autoras na defensa dos dereitos das mulleres e distribuirase de forma gratuíta en versión dixital e impresa - A deputada reclama a necesidade de que as mulleres ocupemos os espazos que nos coresponden para avanzar na loita polos nosos dereitos - Acceso ao libro en formato dixital (140 páxinas en pdf)


Sae á luz o libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”, coordinado por Lídia Senra. | Inclúe 15 artigos de diferentes autoras na defensa dos dereitos das mulleres e distribuirase de forma gratuíta en versión dixital e impresa. | A deputada reclama a necesidade de que as mulleres ocupemos os espazos que nos coresponden para avanzar na loita polos nosos dereitos.


A eurodeputada galega Lídia Senra defende a necesidade de que as mulleres sigamos reuníndonos, reflexionando e encontrándonos en foros para que poida avanzar a loita pola igualdade e poder facerlle fronte aos machismos que continúan presentes na nosa sociedade. Así o asegurou este sábado durante a presentación, en rolda de prensa en Santiago de Compostela, do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”, que sae á luz editado e prologado e coordinado por ela mesma, e que inclúe unha quincena de artigos de diferentes autoras que teñen en común a defensa dos dereitos femininos. A publicación recolle textos de mulleres que participaron na xornada de formación organizada pola propia Senra en novembro do 2016 en Ourense baixo o mesmo título que o libro, e tamén de mulleres que participaron na xornada organizada no Parlamento Europeo en novembro do 2015 sobre o nesgo machista co que actúa moitas veces o estamento xudicial.

Na rolda de prensa, na que tamén participaron a concelleira de Marea Marín, Sandra Pesqueira, e a Coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), Estrela Gómez Viñas, a eurodeputada afirmou quepublicacións como esta son moi importantes para divulgar a loita feminista e máxime tendo en conta como “reaccionan moitas veces os partidos políticos, incluso da esquerda, fronte aos machismos, que parece que queren crear alterantivas para as mulleres pero sen as mulleres”, denunciou. “As mulleres debemos ocupar os espazos que nos corresponden como única forma para facer avanzar incluso aquelas leis que están aprobadas para protexer o dereito das mulleres pero se están aplicando con nesgo machista”, denunciou. Así, reclamou "a necesidade de artellar programas exhaustivos de formación en xénero para todos os funcionarios e funcionarias que traballen aplicando a lexislación. É unha priodidade e debemos seguir traballando neste sentido”, dixo.

Neste sentido, Sandra Pesqueira agradeceu a Lídia Senra o apoio que esta eurodeputada “nos presta sempre ás concelleiras que traballamos en pequenos municipios”. “Este tipo de publicacións parécennos moi importantes para difundir a loita feminista e para as mulleres que estamos nas vilas e ás que moitas veces nos é dificultoso acceder a este tipo de iniciativas”, declarou.

Estrela Gómez, pola súa banda, tamén transmitiu o seu agradecemento a Lídia Senra e dixo que sen o seu apoio non tería sido posible presentar a demanda que se rexistrou na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre a mala aplicación das normativas europeas que está levando a cabo na praxis xudicial no Estado español no que ten que ver coa violencia de xénero e coas nenas e nenos que sofren maltrato. “Poder ter un documento escrito como é este libro, que recolla as ponencias da xornada na que participou AGAMME no 2015 en Bruxelas é fundamental porque necesitamos asentar un debate e un discurso para que se visibilice o problema das nenas e nenos que sofren violencia no ámbito familiar e para apoiar ás mulleres que se atreven a denunciar violencia na súa casa”, afirmou. Así, Gómez denunciou que “a muller que decide denunciar está nunha situación non todo o defendida que debería estar” e ante iso, “é de agradecer unha política como Lídia Senra que leva estes temas aos espazos públicos”.

Así, na primeira parte do libro recóllense artigos de por exemplo a feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.

Xa na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización pretendida do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.

O libro está dispoñible xa en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia Senra e tamén conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares impresos que se distribuirán de xeito gratuíto por toda Galiza.


Apoio á folga do 8 de marzo e viaxe ao Parlamento Europeo dunha delegación de 24 galegas

Na rolda de prensa de hoxe, Lídia Senra tamén aproveitou para amosar o seu total apoio á convocatoria de folga feminista prevista para este 8 de marzo e á manifestación convocada polo feminismo para este domingo, 4 de marzo, que sairá de Urzaiz ás 12:00 horas da mañá, en Vigo, e á que ten previsto asistir. “Todas debemos participar para poñer en evidencia os problemas aos que nos enfrontamos todos os días. É necesario un cambio para todas as mulleres e facemos desde aquí un chamamento a secundar tanto a folga de consumo, como a estudiantil, a de coidados e a laboral”, dixo Sandra Pesqueira. “Se nós, as mulleres, paramos, o mundo tamén para”, zanxou, animando tamén a secundar as actividades que estes días se están a organizar igualmente nas pequenas localidades galegas como pode ser o caso de Marín, onde xa o venres pasado houbo unha charala e o vindeiro 8 de marzo ás 20:30 horas terá lugar unha manifestación para reivindicar os dereitos das mulleres.

Así mesmo, a eurodeputada avanzou que a próxima semana un grupo formado por 24 galegas, integrantes de diferentes colectivos feministas, viaxarán ao Parlamento Europeo, a iniciativa dela, para participar nas actividades do Foro Internacional FeministaFeminismo sen fronteiras’ que organiza este ano o Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e que se desenvolverá os días 6, 7 e 8 de marzo en Bruxelas.

Santiago, 3 de marzo de 2018. 


Cortes de audio de Lídia Senra:

http://bit.ly/2FjUogB

http://bit.ly/2tdD9ZD


Audio de Sandra Pesqueira:

http://bit.ly/2F9B3zy


Audio de Estrela Gómez:

http://bit.ly/2tggKei


Adxuntamos tamén a versión dixital completa do do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”,| En formato PDF de 140 páxinas. | Acceder/Baixar.
_________

 Máis información ou entrevistas:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu . | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
_________________