Amosando publicacións coa etiqueta FAO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta FAO. Amosar todas as publicacións

mércores, outubro 08, 2008

A FAO pide unha revisión das políticas e subvencións aos biocombustibles





A FAO pide unha revisión das políticas e subvencións aos biocombustibles

Un informe anual sopesa as oportunidades e riscos

7 de outubro de 2008, Roma - As políticas e subvencións dos biocombustibles deberían ser reconsideradas con urxencia para manter o obxectivo da seguridade alimentaria mundial, protexer aos campesiños pobres, promover un desenvolvemento rural de ampla base e asegurar a sustentabilidade ambiental, afirmou hoxe a FAO nunha nova edición da súa principal publicación anual O Estado Mundial da Agricultura e a Alimentación (SOFA, polas súas siglas en inglés) 2008.

"Os biocombustibles ofrecen oportunidades pero tamén expón riscos. O resultado dependerá do contexto específico do país e das políticas adoptadas", dixo Jacques Diouf, Director Xeral da FAO. "As políticas actuais -explicou- tenden a favorecer aos produtores dalgúns países desenvolvidos fronte aos da maioría dos países en desenvolvemento. O desafío reside en reducir ou xestionar os riscos compartindo ao mesmo tempo as oportunidades de forma máis ampla".

A produción de biocombustibles baseada en produtos agrícolas creceu máis do triplo entre 2000 e 2007, e agora supón case o dous por cento do consumo mundial de combustibles para o transporte. Espérase que este crecemento continúe, aínda que a contribución dos biocombustibles líquidos (principalmente etanol e biodiesel) para a enerxía do transporte, e, máis aínda, para o consumo enerxético mundial, seguirá sendo limitada.

A pesar da escasa importancia dos biocombustibles líquidos en termos da subministración enerxética mundial, a demanda de materias primas agrícolas (azucre, millo, sementes oleaginosas) para obtelos seguirá aumentando na próxima década e quizais máis adiante, incrementando a presión sobre os prezos alimentarios.


Oportunidades para os pobres

Se os países en desenvolvemento poden obter beneficios da produción de biocombustibles e estes poden chegar á poboación pobre, unha maior demanda de biocombustibles podería axudar ao desenvolvemento rural.

"As oportunidades para os países en desenvolvemento de beneficiarse da demanda de biocombustibles poderían aumentar mediante a supresión das subvencións agrícolas e aos biocombustibles e das barreiras comerciais, que crean un mercado artificial e benefician actualmente aos produtores dos países da OCDE á conta dos produtores dos países en desenvolvemento", afirmou Diouf.

Outras medidas políticas que impulsan o uso de biocombustibles líquidos, como a esixencia de que se mesturen con combustibles fósiles, así como os incentivos fiscais, deron lugar a un rápido crecemento artificial da produción de biocombustibles. Segundo o informe, estas medidas teñen elevados custos económicos, sociais e ambientais e deberían ser reconsideradas.


Seguridade alimentaria

A crecente demanda de biocombustibles e o consecuente aumento do prezo dos produtos agrícolas ofrecen grandes oportunidades para algúns países en desenvolvemento. A agricultura podería converterse no motor de crecemento para a redución do fame e a mitigación da pobreza. A produción das materias primas dos biocombustibles pode crear empregos e xerar ingresos, especialmente se os pequenos campesiños pobres reciben axuda para ampliar a súa produción e conseguir acceso aos mercados. Fomentar a participación dos pequenos agricultores na produción de cultivos, incluíndo os destinados a biocombustibles, require investimentos en infraestrutura, investigación, financiamento rural, información dos mercados e institucións e sistemas legais.

Con todo, entre os riscos existentes, predomina a preocupación pola seguridade alimentaria. Os elevados prezos dos produtos agrícolas xa están tendo un impacto negativo nos países en desenvolvemento que dependen en gran medida das importacións para satisfacer as súas necesidades alimentarias. Os consumidores pobres de zonas urbanas e os compradores netos pobres de alimentos das zonas rurais atópanse especialmente en perigo. Unha gran parte da poboación pobre mundial gasta máis da metade dos seus ingresos en comida. "As decisións sobre os biocombustibles deberían ter en conta a situación da seguridade alimentaria, pero tamén a dispoñibilidade de terra e a auga", segundo Diouf. "Todos os esforzos -engadiu- deberían encamiñarse a manter o principal obxectivo: liberar á humanidade do azoute do fame?.


Gases de efecto invernadoiro

Se analizamos a dimensión ambiental, o balance non sempre é positivo. "Unha maior produción e emprego de biocombustibles non contribuirá necesariamente a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro tanto como previamente se había suposto", revela o informe. Aínda que algunhas materias primas dos biocombustibles como o azucre poden xerar unhas emisións de gases de efecto invernadoiro considerablemente inferiores, non sucede o mesmo con moitas outras.

O maior impacto dos biocombustibles nas emisións de gases de efecto invernadoiro vén determinado polo cambio do uso da terra. "Os cambios no uso da terra - por exemplo a deforestación para satisfacer a crecente demanda de produtos agrícolas- son unha gran ameaza para a calidade do chan, a biodiversidade, e as emisións de gases de efecto invernadoiro", apuntou Diouf.

O informe afirma que os criterios de sustentabilidade baseados nas normas internacionais acordadas poderían axudar a mellorar o impacto ambiental dos biocombustibles, pero non deberían crear novas barreiras comerciais para os países en desenvolvemento.


Segunda xeración

A próxima xeración de biocombustibles atópase actualmente en desenvolvemento pero aínda non está dispoñible a nivel comercial. Utiliza materias primas como madeira, pastos altos, refugallos agrícolas e forestais, e podería mellorar o equilibrio da enerxía fósil e os gases de efecto invernadoiro dos biocombustibles.

"Parece ser que hai unha proposta para destinar unha maior porcentaxe do investimento en biocombustibles en investigación e desenvolvemento, especialmente en tecnoloxías de segunda xeración que, se son ben deseñadas e aplicadas terían un maior potencial en termos de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro cunha menor presión sobre a base de recursos naturais", afirmou Diouf.


Contacto:
Erwin Northoff
Oficina de prensa, FAO
erwin.northoff@fao.org
( 39) 06 570 53105
( 39) 348 252 3616 (móbil)

http://www.fao.org/index_es.htm
________________