Amosando publicacións coa etiqueta Fraga de Menáncaro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fraga de Menáncaro. Amosar todas as publicacións

domingo, agosto 23, 2009

Menáncaro



Por Yolanda Díaz
22.08.2009



Menáncaro non ten quen lle escriba. E a escritura é a maneira adecuada de amosar interese real en salvagardar a súa fraga, a fraga de todos nós. Na escritura atópase a chave da protección de Menáncaro. As verbas voan e os papeis aprobados permanecen. Mais semella que ninguén do Goberno Municipal sabe escribirlle a Menáncaro o que é de xustiza. Levamos xa consumido a metade do actual mandato municipal sen que os responsables de urbanismo e o alcalde elaboren o escrito xusto e necesario; escrito que debe contemplar a modificación puntual do plan para deste xeito impedir definitivamente que se poida especular e facer negocio contra o valor desa fraga. A elección é ben simple, ou cementar para beneficio duns poucos, ou pola contra apostar pola conservación da carballeira, dos ameneiros, do prado húmido, todo en beneficio da colectividade. Elección que non debería suscitar dúbidas no Goberno Municipal, que nembargantes vai deixando morrer o tempo, alongando o impasse sobre o espazo. Esquerda Unida segue a facer de Menáncaro unha esixencia indeclinable, ao punto de incorporar este compromiso no acordo asinado para apoiar os orzamentos de 2009. Por isto reclamamos do Goberno que sexa dilixente e cumpridor, que deixe de amolar con desculpas e que elabore xa a modificación puntual do plan, proceso que non necesita máis de tres meses, e que neste outono as árbores celebren a cerimonia da natureza protexidas polas letras da cidade.

Yolanda Díaz é voceira do grupo municipal de EU

Publicado no Diario de Ferrol
__________________________

Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/

Correio-e da Comunidade Menáncaro:

menancaro@gmail.com

_______________________________

mércores, agosto 19, 2009

Esquerda Unida e a proteción efectiva da Fraga de Menáncaro

INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

Ferrol, 19 de agosto de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA AMOSA A SÚA PREOCUPACIÓN POLO RETRASO E DESINTERESE QUE MANIFESTA O GOBERNO MUNICIPAL PARA PROTEXER MENÁNCARO
  • YOLANDA DÍAZ INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A FACER EFECTIVA A MODIFICACIÓN PUNTUAL PARA GARANTIR A MÁXIMA PROTECCIÓN Á FRAGA DE MENÁNCARO
Esquerda Unida lamenta a tardanza do Goberno Municipal para facer efectiva a clásula recollida no acordo sobre os orzamentos do concello de Ferrol para 2009, que contén a condición de acadar a protección efectiva da fraga de Menáncaro, mediante a modificación puntual, proposta incorporada a instancia do Grupo Municipal de Esquerda Unida.

Mediado o mandato municipal, a nosa organización non entende a falla de ritmo e de vontade política que trasluce o Goberno para impulsar os trámites necesarios para facer realidade a protección de Menáncaro. Desleixo e desinterese semellan presidir o non facer do Goberno Municipal no que atinxe a Menáncaro.

A Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, subliñou que non pode ser que unha modificación puntual que debe realizarse en tres meses acumule un retraso de case dous anos. A masa forestal situada no val de Aneiros ou da Sardiña, coñecida como fraga de Menáncaro, ten unha singularidade certa para o noso concello polo valor das carballeiras que acubilla, o seren unha especie pouco presente no noso termo municipal. A nosa organización entende que hai que acelerar os traballos que lle corresponden o concello para achegar a tan esperada protección.

Aínda no Pleno de novembro do ano pasado, o Goberno Municipal voltou a esquivar a cuestión e trouxo a elaboración dun estudo e a suspensión de licenzas de urbanización nun área que xa deixaba fóra a zona das Regueiras. Esquerda Unida subliñou entón que a fórmula boa, a que garante que a fraga de Menáncaro quede a salvo de calquera ataque urbanístico é a da aprobación da modificación puntual, a cal o Goberno demora sine die.

Esquerda Unida considera que o reforzamento da protección de Menáncaro cobra unha particular urxencia diante do cambio de Goberno na Xunta, cun Goberno que defende unha política marcada pola flexibilización ou aceptación do todo vale en materia de urbanización, como xa están a evidenciar as primeiras medidas adoptadas nese eido.

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
19 de agosto de 2009 13:53

Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo un informacións de EU demandando a modificación puntual para a fraga de Menáncaro. Grazas pola vosa atención.
Saúdos, Ramiro Marier

_____________

Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/

Correio-e da Comunidade Menáncaro:

menancaro@gmail.com

_________________

mércores, novembro 26, 2008

A Asemblea Xeral de Ártabra 21, acordou acudir ao Pleno, para apoiar coa nosa presencia a nosa demanda de proteción integral para a Fraga de Menáncaro


[Documentario Editado por SGHN e ADEGA, Novembro 2005 Feito por Yosy (c)]

PLENO MUNICIPAL O 27 DE NOVEMBRO
O vindeiro xoves, día 27 de Novembro de 2008, vai ter lugar un maratoniano pleno municipal do Concello de Ferrol, cargado de pontos na orde do día e un sinfín de mocións. Mais o que nos trae ao caso é que no ponto 16 da orde do día, pode que se resolva unha fase máis na proteción da Fraga de Menáncaro, ao ser incluida na proposta do "Grande Anel Verde", segundo o concelleiro de urbanismo, Ángel Mato, que levará ao pleno a prosta de suspensión de concesión de licenzas de obras, parcelamento, demolición e edificación na zona da contorna proposta para recalificar, así como o acordo de solicitar un estudo para a delimitación dun espazo protexido e a conseguinte modificación do PXOM [Plano Xeral de Ordenación Municipal], para recalificar a zona delimitada como zona verde de especial proteción.

A ACTITUDE OPORTUNISTA DO GRUPO VOZ
Merece una mención aparte a nova actitude oportunista do "Grupo Voz" que sen nengún tipo de autocrítica, do papel xogado neste asunto, nas noticias publicadas nestes días sobre o tema limitan-se [por fin] a informar do asunto, até reproduce informes da Dirección Xeral da Conservación da Natureza, destacando as excelencias do paraxe natural, logo da actitude carroñeira, de desvirtuar durante máis de dous anos, as demandas veciñais e ecoloxistas de proteción do espazo natural de Menáncaro, posicionando-se sempre do lado dos especuladores, até desinformando repetidas veces sobre o proxecto, situando a proxectada urbanización de chales e hotel, nas "inmediacións ou ao lado da Fraga de Menáncaro" cando esta estaba proxectado facé-la no mesmo corazón da carballeira [Mais seguro que isto non acaba aquí].

A IMPORTANCIA DA LOITA VECIÑAL E ECOLOXISTA
A loita veciñal e ecoloxista, levada pola propia Comunidade Menáncaro e as organizacións ecoloxistas, ADEGA, VERDEGAIA e SGHN, foi intensa que data de cando se elaborou o actual PXOM, ao que se presentaron alegacións para a súa proteción o 16/11/1999, por parte de Antón Fortuna, daquela membro de ADEGA, hoxe de VERDEGAIA. Posteriores agresións foron denunciadas e combatidas polas organizacións ecoloxistas, mais desde o verán de 2005 cando a ameaza da proxectada construción da urbanización con luxo e hotel e 79 chalés, a loita pola proteción da Fraga adquireiu maior relevancia, mesmo en internet, a busca da palabra "Menáncaro" non daba nengún resultado, hoxe en calquer buscador dá "5.880" resultados e pola palabra "Menáncara" daba "4" resultados e hoxe son "469". Isto dá unha ideia do importante da loita veciñal e ecoloxista.

APOIO DE ÁRTABRA 21
Na última Asemblea Xeral de Ártabra 21, acordou-se acudir ao Pleno, para apoiar coa nosa presencia a nosa demanda de proteción integral para a Fraga de Menáncaro.
________________

Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/

Correio-e da Comunidade Menáncaro:

menancaro@gmail.com
____________________

O "Grande Anel Verde", do Concello de Ferrol incluirá a "Fraga de Menáncaro", segundo Angel Mato, Concelleiro de Urbanismo

A Comunidade Menáncaro e as organizacións ecoloxistas veñen mantendo contactos coa Concellería de Urbanismo desde hai tempo e de forma periódica, nun exercicio de controlo democrático da marcha da execución dos acordos plenarios e compromisos electorais e de goberno, referidos a protexer a Fraga de Menáncaro das mans especuladoras e conserva-la como espazo natural de alto valor ecolóxico e pasaxístico. O pasado Xoves, 19 de Novembro foi a última reunión mantida, onde se informou dos pasos que se ían a dar, de propor o estudo para a limitación dun espazo protexido e a conseguinte modificación do PXOM [Plano Xeral de Ordenación Municipal]. Hoxe sae no medios a noticia, polo que pola importancia da mesma, a transcribimos a continuación.

Menáncaro, carvallo centenario [Miguel Angel Fernández]

O Concello de Ferrol propón unha zona verde de 110.000 metros cadrados na fraga que PP e IF querían urbanizar

O BNG xa votou a favor do proxecto na Comisión de Urbanismo, pero o PSdeG necesita de máis apoios para sacalo adiante no pleno

FERROL, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

O goberno local de Ferrol, presidido en minoría polo PSDEG, levará ao pleno municipal a paralización durante un ano da concesión de licenzas de parcelamiento, edificación e derriba nun área de 110.000 metros na contorna da Fraga de Menáncaro, como paso previo á modificación do plan urbanístico para preservar a zona e crear un "gran anel verde".

O PSdeG levou á Comisión de Urbanismo de hoxe a paralización da concesión de licenzas e o estudo sobre o ámbito urbanístico dun "eixo verde" que se estenderá desde a ensenada da Malata ata o Val de Mandiá, con ramificacións cara aos lugares da Bailadora e de Pazos, seguindo o río Sardiña, un das últimas contornas fluviais respectados polo crecemento urbanístico.

A Fraga de Menáncaro, que se incluirá no "anel verde" anunciado hoxe polo concelleiro de Urbanismo, Anxo Mato, converteuse nun dos principais conflitos cidadáns para a anterior coalición municipal formada por PP e Independentes por Ferrol. O seu proxecto de urbanización da zona con 80 chalés e un hotel de luxo provocou airadas protestas veciñais e foi finalmente anulado en agosto de 2007, tras as eleccións municipais e a vitoria dos socialistas, polos votos do PSOE, de EU e do BNG.

O valor da fraga está avalado por informes da Consellería de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Patrimonio, que constatan a presenza de ata 12 especies en perigo de extinción -sobre todo anfibios e réptiles-, de aves como falcóns peregrinos, de carballos e castiñeiros centenarios, e de elementos patrimoniais como muíños e mámoas ou castros en vías de catalogación.

NECESIDADE DE APOIOS

A suspensión de licenzas durante un ano e a aprobación do estudo sobre o "eixo verde" foron votados a favor na Comisión de Urbanismo polo PSOE e o BNG. Os outros tres grupos políticos, PP, EU e IF, reserváronse para o pleno. Os socialistas precisarán o apoio dalgunha destas formacións ante a súa situación en minoría, con nove concelleiros de 25, que non liquida o apoio dos nacionalistas, con só dous edís.

Os dous puntos serán abordados no pleno municipal desta semana, como paso previo á modificación puntual do Plan Urbanístico para a zona e a súa adaptación á Lei do Só de Galicia. Anxo Mato fixa o prazo de 12 meses para concretar, co visto e prace da Consellería de Política Territorial, uns cambios que permitirán crear "espazos públicos de esparexemento e lecer" con rutas peonís ou para bicicletas, similares aos que existen nas contornas fluviais de Ourense ou Lugo.

O goberno local confía en dispor de investimentos procedentes do Ministerio de Medio Ambiente ou da Unión Europea, para avanzar nun proxecto de "urbanismo compatible coa preservación da contorna" co que se aproveitará a "oportunidade" que para a Administración supón o chegar a tempo de evitar un prexuízo que sería irreparable", segundo afirmou Anxo Mato.

O Concello encargará tamén unha valoración sobre as indemnizacións ás que terá que facer fronte debida ao cambio de cualificación puntual do chan. En todo caso, Mato sostén que, como na contorna da Fraga de Menáncaro "a propiedade do chan non vai cambiar", a Administración local tan só tería que facerse cargo dos traballos técnicos realizados no proxecto de urbanización.

Enlace coa noticia orixinal
______________

Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/

Correio-e da Comunidade Menáncaro:

menancaro@gmail.com
______________

martes, setembro 09, 2008

O BNG insta a PSOE-IU a aclarar o seu posicionamento sobre a urbanización de Menáncaro

De: Ferrol BNG -bng@ferrol.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 9 de setembro de 2008 10:08
Asunto: Informacion BNG


O BNG insta a PSOE-IU a aclarar o seu posicionamento sobre a urbanización de Menáncaro

O grupo municipal do BNG instou hoxe ao alcalde da cidade a aclarar o posicionamento do goberno do concello a respecto da urbanización de Menáncaro logo da contratación como asesora do equipo de goberno dunha das redactoras do Plan de Sectorialización que contempla a destrución da carballeira para levantar vivendas unifamiliares e un hotel.

O portavoz municipal do BNG, Xoán Xosé Pita, amosou a súa preocupación polo retraso que o goberno municipal acumula na tramitación do expediente de paralización da urbanización de Menáncaro que pode concluír na invalidez do acordo adoptado pola Corporación municipal hai máis dun ano asi como que os promotores deste proxecto teñan vía libre para acometer o mesmo.

O BNG quer saber como vai influir no posicionamento da equipa de goberno local, PSOE-IU, o feito de que unha persoa vinculada directamente á redacción deste Plan forme parte do plantel de persoal de confianza do Goberno Local e máis traballando directamente como asesora do departamento de urbanismo.

O portavoz nacionalista, Xoán Xosé Pita, advertiu que o BNG vai estar vixiante aos movementos de PSOE-IU co fin de evitar que unha urbanización totalmente irracional se desenvolva na carballeira de Menáncaro.

Ferrol a 8 de setembro de 2008
_______________

mércores, xaneiro 30, 2008

Outra volta na Defensa da Fraga de Menáncaro

A Comunidade Menáncaro e as organizaçons ecologistas ADEGA, SGHN e VERDEGAIA, mantivémos umha reuniom o passado 17 de Janeiro, nos locais da delegaçom ferrolám da SGHN, para analisar a situaçom na que está o processo para a proteçom definitiva da Fraga de Menáncaro.

As organizaçons ecologistas e a Comunidade, venhem mantendo reunions de seguimento, entre elas e também co Concelheiro de Urbanismo, Sr. Mato.

A reuniom de mais calado, foi no mês de Julho do passado ano, onde participou o Alcalde, Sr Irisarri e vários concelheiros. Reuniom onde os representantes do Governo Municipal formulárom o seu plano de actuaçom, despois de que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, através da DIRECCIÓN XERAL DE CALIDADE E AVALIACIÓn AMBIENTAL [11.06.2007] e da DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE [06.07.2007], requerira ao Concelho, no praço dum mês desde a última notificación, a anular ou revogar o acordo de aprobaçon definitiva adoptado na sessom plenária extraordinária do 20 de abril de 2007. Cousa que ocurreu, por acordo plenario, o dia 3 de agosto de 2007, onde se aprovou a "proposta de iniciación do expediente de revison de ofício do acordo citado de data 20 de abril de 2007", para a sua anulaçom. Por motivos de índole administrativo o Concelho deixou transcurrir o praço máximo de três meses, para elevar ao "Consello Consultivo de Galicia" a proposta citada, polo que nom lhe queda mais remédio que iniciar de novo o procedimento, comezando pola convocatória dum pleno extraordinário, cousa que até agora nom se fixo.

No requerimento da DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE, do 6 de Julho de 2007, na sua parte final, manifestava que o citado requerimento ten carácter de "dilixencia preliminar á presentación dun recurso contencioso-administrativo entre dúas administracións públicas, segundo dispón o artigo 44.1 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa", polo que exigimos à Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que apresente o citado RECURSO.

Muitos son os motivos polos que no se tinha que ter aprovado o "Plano de Sectorización de Menáncaro-Serantes", mas a razom pola que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, considera que o acordado polo Pleno do Concello de Ferrol o 20 de Abril de 2007, é nulo de pleno direito, é que o proxecto urbanístico non cumprimentou o trámite de someter a "Avaliación de impacto ambiental", procedemento de avaliaçom ambiental estratégica exigido pola Lei 9/2006, de 28 de abril.

Pola importáncia da notícia publicada no dia de hoje no jornal comarcal Diario de Ferrol, transcrevemos a mesma a continuaçom, assim como publicamos a nota de prensa enviada pola SGHN, no nome da Comunidade Menáncaro e as já mencionadas organizaçons ecologistas da Comarca.

DIARIO DE FERROL
30.01.2008
Presentan un contencioso contra a aprobación do proxecto de chalés na zona de Menáncaro
En abril do pasado ano, co grupo de PP e IF á fronte do goberno local e nun polémico pleno no que a oposición non estivo presente, aprobouse o plan de sectorización de Menáncaro. O proxecto de urbanización incluía a construción de 69 chalés de luxo e un hotel nas inmediacións dunha fraga centenaria.

REDACCIÓN > FERROL
A zona de Menáncaro conta cunha fraga centenaria que debe ser conservada

A pesar de que a Xunta informou desfavorablemente sobre o proxecto, a coalición PP-IF acolleuse a que este ditame foi presentado fóra de prazo para esgrimir a figura do silencio administrativo e dar o visto e prace ao plan.

O cambio de goberno (PSOE-EU) supuxo para o proxecto un novo xiro e así se anunciou que levaría a pleno a revogación do acordo do plan de Menáncaro, algo que respondía a un compromiso electoral e de pacto de goberno. O pleno da corporación aprobou, deste xeito, o 3 de agosto o inicio do procedemento de revisión de oficio de actos nulos de pleno dereito do acordo plenario de 2007, pero desde entón non se volveu a saber nada do tema. O único que se deu a coñecer, e non precisamente positivo, é que o expediente referido á urbanización de Menáncaro, resultado do acordo de agosto e que debería ser remitido ao Consello Consultivo da Xunta, caducou en novembro.

Ante esta situación, os colectivos opositores ao proxecto urbanizador da fraga de Menáncaro -Comunidade Menáncaro, Verdegaia, SGHN e Adega-Trasancos- acordaron nunha reunión mantida o rexeitamento á aplicación do silencio administrativo para a aprobación do proxecto, recordando que as resolucións de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de urbanismo expuxeron no seu día que o plan non respondía á lexislación vixente, polo que non se lle podía aplicar o silencio administrativo.

Así mesmo, un dos propietarios afectados pola urbanización presentou un recurso contencioso contra a aprobación definitiva do proxecto, tendo en conta que o pasado 21 de xaneiro finalizaba o prazo establecido para tal fin. Así mesmo, reclámase das administracións competentes que se recalifiquen os terreos como chan rústico de especial protección, xa que a cualificación actual non respecta, a xuízo dos afectados, a Lei de Ordenación do territorio, Lei de Augas, Lei de Montes e Lei do Só, ademais de non adaptarse ao PXOM por non incluír un Catálogo de Bens Protexidos, non contar con tres hectáreas para edificación e non dispor de terreos regulares e de pendentes reducidas.

Estas medidas, segundo o colectivo opositor á urbanización, responden a un incumprimento dos seus compromisos por parte do goberno ao "non anular a aprobación definitiva do plan de sectorización de Menáncaro-Serantes e de protexer legalmente a carballeira existente nesa zona". Ante esta situación, que, segundo as entidades ecoloxistas e veciños da zona que integran a plataforma, limítase a ser unha declaración de intencións pero que non queda de manifesto en ningún documento legal, os afectados piden, ademais, unha entrevista urxente co alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, co obxectivo de que se lles explique o motivo do que consideran un deixamento municipal.

Desde o colectivo explícase que están dispostos a retirar o contencioso aberto se o Concello toma as medidas oportunas, pero, de non ser así, deben ser as entidades as que fagan fronte a esta situación para intentar salvar unha zona de máximo interese natural e que, polo menos deuse a entender, tamén interesaba ao goberno, aínda que aínda non fixo nada respecto diso.

Enlace coa noticia orixinal
________________________


De: SGHNFERROL -sghnferrol@teleline.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 29 de janeiro de 2008 11:50
Asunto: Nota de Prensa


Nota de Prensa
Prégase a súa publicación

@s afectad@s polo Plan de Sectorización de Menáncara-Serantes presentan un Recurso Contencioso contra a aprobación definitiva de dito proxecto.

Denuncian o incumprimento dos compromisos adquiridos polo Governo local de anular a aprobación definitiva de dito plan e de protexer a Carvalleira de Menáncaro.

Os colectivos opositores ao proxecto urbanizador da fraga de Menáncaro (Plan de Sectorización de Menáncara-Serantes); nomeadamente a Comunidade Menáncaro, Verdegaia, SGHN-Ferrol e ADEGA-Trasancos, mantiveron a semana pasada unha xuntanza na que se analizou a actual situación e se acordaron as seguintes accións a emprender:

- Rexeitar unha vez mais a aplicación do silenzo administrativo para tentar validar a aprobación do proxecto, dado que a Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galiza, no seu artigo 89.3 establece que non se aplicará o silenzo administrativo estimatorio cando os planos ou instrumentos contivesen determinacións contrarias á lei, aos planos de superior xerarquía ou ás directrices de ordenación. As resolucións prescriptivas da Consellería de Medio Ambiente e mais da Dirección Xeral de Urbanismo xa expresaron, no seu día, que o Plano de Sectorización de Menáncaro non se atiña á lexislación vixente, polo que non se lle pode aplicar o silenzo administrativo. Calquera actuación que desestime as prescripcións sinaladas levaría ao Concello a incurrir en graves infraccións urbanísticas.

- Presentación dun Recurso Contencioso contra a aprobación definitiva do devandito plan por parte dun dos veciños afectados polo proxecto, tendo en conta que o pasado 21 de xaneiro remataba o prazo establecido.

- Continuar esixindo ás administracións competentes o restablecimento da legalidade. Un dos requerimentos é que os terreos afectados se recalifiquen como Solo Rústico de Especial Proteción, dado que a cualificación actual (solo urbanizable non delimitado) non respecta as prescripcións da Lei de Ordenación do Territorio e infrinxe varios artigos da Lei de Augas, da Lei de Montes e da Lei do Solo, ademais de non adaptarse ao PXOM en varios aspectos:

a) O Plano Xeral inclúe esta zona no seu Catálogo de Bens Protexidos.

b) A superficie mínima establecida no PXOM para a edificación en cidade xardín é de tres hectáreas, superficie non existente no caso de respectar a carvalleira e máis o río e o seu bosque de ribeira.

c) Tamén se dispón que os terreos deben ser regulares e de pendentes reducidas, condicións que tampouco se cumpren.

O motivo polo que nos leva a emprender novas accións débese a que o actual Governo local incumpriú os seus compromisos de anular a aprobación definitiva do Plan de Sectorización de Menáncara-Serantes e de protexer legalmente a Carvalleira de Menáncaro. Por esta razón solicitamos, ademáis, unha entrevista urxente co Alcalde ferrolán para que nos explique o motivo deste desleixo.


*Máis información: 981352820 (SGHN) e 616039268 (Verdegaia).
________________

649779774 [ADEGA]
630287900 e 645158113 [Comunidade Menáncaro]
________________
Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/
Correio-e da Comunidade Menáncaro:
menancaro@gmail.com

sábado, agosto 04, 2007

Comeza o proceso para protexer a Fraga de Menáncaro de futuros intentos de especulación urbanística

Pola importancia do asunto, transcribimos estas novas que publican hoxe Lorena Bustabad no xornal "El País" e a redacción do "Diario de Ferrol", sobre o resultado do Pleno do Concello de Ferrol, celebrado onte, 3 de agosto, ás 11 da mañá, no ponto sobre a Fraga de Menáncaro.

Menáncaro, carvallo centenario [Miguel Angel Fernández]

O goberno de Ferrol blinda a fraga de Menáncara para impedir que se urbanice
Socialistas e EU anulan definitivamente os orzamentos para 2007 herdados do PP
LORENA BUSTABAD - Ferrol - 04/08/2007

Dunha plumada, o goberno local de Ferrol tombou onte dous dos proxectos impulsados pola anterior corporación municipal, ao iniciar os trámites para impedir a urbanización de Menáncara e rexeitar os orzamentos deseñados polo PP para o 2007. A coalición de socialistas e EU no goberno local argumenta que quere redeseñar as contas públicas e reestablecer a legalidade urbanística na fraga de Serantes para protexela de futuras ambicións inmobiliarias. Desde a oposición, PP e Independentes por Ferrol (IF) interprétano como un desquite político.

Entre abrazos e aclamacións, veciños e ecoloxistas aplaudiron onte a decisión do goberno local de Ferrol de iniciar os trámites administrativos para revogar o acordo plenario que autorizaba a urbanización da fraga de Menáncara, aprobado o 20 de abril pola anterior coalición PP-IF. Nos últimos meses, asistiron a practicamente todos os plenos da corporación portando pancartas que denunciaban a destrución dun bosque centenario na contorna do río Sardiña, na parroquia de Serantes. "Levamos dous anos loitando e reclamando" manifestou Ramón Regueiro, un dos veciños afectados, "para nós isto é un éxito". A alegría dos veciños chocaba coas manifestacións da oposición municipal. "Nada lles vale, nin os soldos" replicaba un edil popular para referirse ás últimas decisións do goberno de paralizar as obras da praza de España e modificar á alza as táboas salariais dos edís.

A proposta para anular o Plan de Sectorialización de Menáncara aprobouse onte en pleno extraordinario cos votos a favor do executivo local e o respaldo do BNG, a abstención popular e a oposición de IF. O líder da formación, Juan Fernández, que figura como propietario de gran parte dos terreos que ambicionaba a promotora Bros Noroeste, ausentouse durante o debate aínda que permaneceu apostado na porta do salón de plenos seguindo o desenvolvemento dunha sesión non exenta de polémica.

O edil de Urbanismo, Anxo Mato, do PSDEG, defendeu a necesidade de protexer canto antes un espazo natural único que desde o 2000 figura na achaiadura urbanística como chan rústico urbanizable. Desde os bancos da oposición, o independente Francisco Pita Romeu, impulsor do proxecto na súa etapa á fronte da concellaría de Urbanismo, cuestionou a validez xurídica do proceso de anulación, mentres os populares responsabilizaron do agravio ao goberno autonómico. "Se os informes da Xunta chegasen a tempo, hoxe non estariamos aquí", manifestou o popular Guillermo Evia.

Este arquitecto, a quen Juncal sitúo como responsable de Urbanismo no lugar de Pita Romeu, aprobou o Plan de Sectorialización de Menáncara por silencio administrativo a despeito do criterio de Medio Ambiente e Política Territorial, que emitiron, fóra de prazo, ata tres informes desfavorables en contra dun proxecto que pretendía edificar 69 chalés encostados e pareados sobre o corazón da fraga. A Xunta advertiu que o impacto da urbanización sería "irreversible" e en xullo requiriu formalmente a revogación dun plan, que segundo Anxo Mato, aprobouse sen o correspondente informe de avaliación de impacto ambiental.

A decisión do goberno de Irisarri de rexeitar os orzamentos da anterior corporación para 2007 tampouco sentou nada ben nas filas populares. Desde os bancos da oposición acusaron ao executivo local de servirse dun "capricho" para "dilapidar" varios meses de traballo na área económica do concello cunha política de "terra queimada". O anterior alcalde, Juan Juncal, defendeu o "realismo" dunhas contas que superaban os 48 millóns de euros e que se aprobaron inicialmente a principios de maio, vinte días antes dos últimos comicios. Juncal acusou a Irisarri de pretender "demonizar todo o que ten que ver co goberno anterior" mentres o concelleiro de Facenda, Ramón Veloso, responsabilizou ao executivo anterior de reflectir nas contas públicas "un falso crecemento" orzamentario.

O edil socialista sostén que o documento económico elaborado polo PP era unha "prórroga encuberta" das contas do 2006. Denunciou, ademais, que no último mandato non houbo "un control exacto do gasto público" e recordou que o municipio está abonando os intereses de varios créditos aínda sen investir. O goberno finalizará o presente exercicio cunha nova prórroga sobre os orzamentos do ano anterior para iniciar o deseño doutro documento económico para 2008, previsto para outubro.

Enlace coa noticia orixinal en "El País"
____________


Diario de Ferrol

Ferrol | Sábado, 4 de Agosto de 2007

Inicio dos trámites para a recualificación e protección da Fraga de Menáncaro

O tema de Menáncaro tamén suscitou un amplo debate no pleno de onte, sobre a proposta de iniciou do procedemento de revisión de oficio de actos nulos de pleno dereito do acordo plenario de 2007 que estableceu a aprobación definitiva do Plan de Sectorización de Menáncaro por silencio administrativo. A proposta de PSOE e EU contou co respaldo do BNG e o voto contrario de IF, cuxo portavoz ausentar do debate.

O edil de Planificación e Coordinación de Urbanismo, Anxo Mato, explicou que o goberno municipal adoptou esta decisión para dar cumprimento ao principio de legalidade que a Administración debe garantir. Destacou, así mesmo, o indubidable valor ecolóxico da fraga de Menáncaro e recordou as resolucións emitidas pola Xunta que establecen a existencia de causas de nulidade de pleno dereito. Nesta liña, e ante a insistencia do PP en que os informes de Medio Ambiente chegaran fóra de prazo, por iso é polo que o anterior goberno aprobase o Plan pola vía do silencio administrativo, Anxo Mato asegurou que "a extemporalización dun informe non legaliza algo que é ilegalizable".

O anterior edil de Urbanismo, Guillermo Evia (PP) manifestou que non ía ser el quen defendese a sectorización de Menáncaro, pero incidiu en que cando se aprobou a clasificación de chan rústico tipo A apto para o desenvolvemento urbanístico foi no ano 2000, cando ostentaba a Alcaldía o BNG, co apoio do PSOE. "Se os informes da Xunta chegasen ao seu debido tempo non estariamos agora debatendo isto", manifestou, momento no que xurdiu un pequeno incidente, cando alguén do público díxolle que os paralizou el.

Despois de que o alcalde, Vicente Irisarri, puxese orde na sala, Evia continuou dicindo que el actuara en base a eses informes e que lle gustaría que o goberno recoñecese onte que se trataba dunha decisión política.

Desde IF indicouse que o que se estaba sometendo a aprobación era o inicio dun expediente "que poida que acabe na revogación do acordo",animando ao goberno a que "inicie de verdade a recualificación, porque isto só é culpar ao goberno anterior".

A portavoz de EU, Yolanda Díaz, cualificou a xornada de onte de "un día de ledicia para Ferrol, porque se vai poñer freo a un problema ambiental".

Pita, do BNG, precisou que o problema está "na vontade que tivo un goberno de facer aí unha urbanización, que nós sempre rexeitamos" e non na modificación do Plan Xeral no ano 2000.

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
_______________

MENÁNCARO
Blog da Comunidade Menáncaro
Fraga de Menáncaro Formación Senlleira
Expresso de Menáncaro
Artigos publicados no Blog da PA21

_________________

Menáncaro, Gaiteir@s cruzando o río Aneiros [Miguel Angel Fernández]
___________________