Solicitamos a reacción da Alta Representante da UE no caso do profesor universitario indio GN Saibaba. | Ao longo da lexislatura Senra dirixiuse varias veces á CE para denunciar a situación na que se atopa este profesor universitario e referente social. | Mogherini ten trasladado a súa preocupación polo tratamento do Goberno indio contra este home que ademais ten mobilidade reducida.
Lídia Senra dirixiuse hoxe á Alta Representante da UE e Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, para trasladar a súa preocupación pola negativa do Tribunal Supremo de Nagpur de conceder a liberdade baixo fianza ao profesor universitario indio GN Saibaba, no cárcere por avogar publicamente a favor dos dereitos dos pobos adivasis e dalits e denunciar a “Operación Green Hunt”. A carta enviada hoxe por Senra dá continuidade ao diálogo aberto con Mogherini dende o ano 2016 ao respecto da represión contra defensores e defensoras de dereitos humanos na India.
A Alta Representante respostou no 2017 que a CE estaba estaba á expectativa do resultado do recurso interposto polo activista indio ante o Tribunal Supremo de Nagpur, finalmente rexeitado. “Habida conta do seu estado de saúde, empeorado logo de tantos meses illado no cárcere, a cadea perpetua ratificada polo TS de Nagpur é na práctica unha condena de morte”, alerta a eurodeputada galega na comunicación emitida hoxe.
Ao longo da presente lexislatura, Lídia Senra dirixiuse á CE a través de dúas preguntas parlamentarias escritas [1p/2p] e dúas cartas asinadas con outras deputadas/os [1c/2c], incidindo na estratexia de persecución do Goberno indio contra este profesor que padece a parálise do 90% do seu corpo, condición empeorada nos últimos meses con novas afeccións na súa saúde.
A gravidade desta situación foi tamén denunciada polas Nacións Unidas en xuño do ano pasado, instando ao Goberno indio á liberación deste profesor universitario e a proporcionarlle a atención médica precisa. Nese momento a ONU subliñou ademais en que o illamento penitenciario non debía ser aplicado a persoas con mobilidade reducida, xa que é unha medida que empeora significativamente este padecemento.
“A Comisión Europea non debe permanecer impasíbel e ser cómplice dunha nova violación dos dereitos humanos do profesor GN Saibaba. Esiximos á Comisión Europea todas as medidas necesarias para a súa liberación inmediata, así como doutros e doutras activistas polos dereitos humanos represaliados e represaliadas na India, como Surendra Gadling, Sudha Bharadwaj, Varavara Rao, Vernon Gonsalves, Arun Ferreira, Shoma Sen, Sudhir Dhawale, Rona Wilson e Mahesh Raut ”, conclúe a deputada galega.
Bruxelas, 5 de Xaneiro, de 2019.
Oficina de LÍDIA SENRA EURODEPUTADA GALEGA. | Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura. Comisión de Pesca. | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE. | 0034 609 845 861 Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas). | Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo). | lidia.senra@europarl.europa.eu
| http://lidiasenra.gal/ | twitter Facebook
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
5 de abril de 2019 12:33
_____________