Amosando publicacións coa etiqueta Inmigrazón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Inmigrazón. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 10, 2011

Acto de Solidariedade, o sábado 17 de Decembro, con Lazos Pro Solidariedade Comité Anti Sida de Ferrol Terra, no véspera do Día de Acción Global contra o racismo e polos dereitos das persoas migrantes, refuxiadas e desprazadas


As asociacións abaixo asinantes CONVOCAN un acto de solidariedade co Comité Antisida de Ferrol LAZOS PRO SOLIDARIEDADE. Esta asociación sen ánimo de lucro, de persoas afectadas polo VIH, fundada en novembro de 1995 en Ferrol, ven denunciando que os recortes nas prestacións sanitarias están afectando a sectores desfavorecidos da nosa comarca, entre eles o colectivo de inmigrantes.

Denuncian ademais que, no caso das persoas afectadas polo VIH, que se encontran en situación máis vulnerable, estase a detectar unha falta de cobertura sanitaria básica, repercutindo directamente na súa calidade de vida, na súa precaria economía e favorecendo a exclusión social, por motivos de saúde.

Na nosa comarca acollemos cada ano un pequeno número de persoas inmigrantes. Entre elas, moitas orixinarias de Senegal. Un 17% da poboación senegalesa padece hepatite. O comité Lazos, leva nos últimos anos enfrontando desde a solidariedade e a axuda mutua, as dificultades que todas estas persoas que se achegan a nosa comarca, encontran para sobrevivir. Agora, cando sopran ventos desfavorábeis para os dereitos, o respecto e as liberdades, precisan do noso apoio. Para mostrarllo, celebraremos, no véspera do Día Internacional das Persoas Inmigrantes, un acto lúdico e reivindicativo onde dar a coñecer todas estas realidades e unir vontades para resolvelas. Agardamos todas as mans, todas as vontades, todos os apoios.

A.C. Fuco Buxán | Asociación Cultural Lefre de Caldereta | Asociación Veciñal de Esteiro | Ateneo Ferrolán | Colectivo Ártabra 21 | Colectivo Opaii - Rádio Filispim | Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos | Comité AntiSida de Ferrol Terra - Lazos Pro Solidariedade | Consello Local do Foro Social de Ferrol Terra | Foro Galego de Inmigración | Médicos do Mundo

[Aberto a calquer asociación que queira apoiar e participar]
Día 17 de Decembro de 2011, Sábado,
desde as 11hs até as 17hs (aproximadamente),
música, poesía, petiscos, callos solidarios...
Intervención de Xosé Carlos Varela Fernández,
presidente de LAZOS pro Solidariedade - Comité anti-sida de Ferrol
Micrófono Aberto
Programa en directo de Rádio Filispim.
Traseira do Mercado de Caranza, rúa Cuco Ruíz de Cortázar s/n

comiteantisidaferrol@gmail.com
http://comitelazos.blogspot.com/
____________________________

venres, novembro 04, 2011

Foro Galego de Inmigración e Médicos do Mundo rexeitan as restricións ao acceso ao sistema sanitario público establecidas pola Consellería de Saúde da Xunta de Galicia


Comunicado de prensa do Foro Galego de Inmigración e Médicos do Mundo

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración rexeitan as restricións ao acceso ao sistema sanitario público establecidas pola Consellería de Saúde da Xunta de Galicia

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración mostran o seu rexeitamento frontal ás actuacións devidas da Orde do 5 de setembro da Consellería de Saude da Xunta de Galicia pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e desempregadas. A Orde limita o acceso á asistencia sanitaria a persoas sen recursos económicos suficientes e condiciónao a unha antigüidade de 183 días antes de autorizar o cartón sanitario, indispensable para toda consulta ou receita médica.

O articulado da normativa autonómica establece trabas ao acceso ao cartón sanitario para os estranxeiros. A partir do próximo 1 de xaneiro, o Sergas esixirá unha antigüidade mínima no padrón de 183 días antes de autorizar o cartón sanitario, indispensable para toda consulta ou receita médica. Esta condición para acceder ao cartón vai limitar o acceso á atención primaria nos centros de saúde. O novo regulamento, en vigor desde o 29 de setembro, vén incrementar as barreiras que atopan as persoas estranxeiras en acceder ao dereito á saúde e expón rebaixar un dereito en lugar de garantilo.

A Orde da Consellería de Saude vulnera o propio marco legal español, que recoñece e garante o principio de universalidade do dereito á saúde e é contraria a leis estatais como a Lei Xeral de Sanidade 14/1986 e da Lei Orgánica sobre Dereitos e Liberdades dos Estranxeiros en España e a súa Integración Social (decembro 2009) que establece no seu artigo 12: "Os estranxeiros que se atopen en España, inscritos no padrón do municipio no que teñan o seu domicilio habitual, teñen dereito á asistencia sanitaria nas mesmas condiciones que os españois" sen incluír período mínimo de empadroamento como agora fai intenta o Servizo Galego de Saúde.

Ademais, contravene normas internacionais ao establecer criterios limitantes que rompen o principio de equidade como queda establecido no artigo 12 do Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais (1966) e o artigo 25 da Declaración de Dereitos Humanos (1948).,

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración reivindican o dereito á saúde como un dereito universal e sobre o que non pode establecerse unha limitación por vía administrativa como se establece na Orde da Consellería de Saúde da Xunta de Galicia ao establecer, ademais do empadroamento, unha antigüidade de 183 días de residencia en España

O argumento esgrimido polos valedores da iniciativa en relación a un suposto abuso por parte das persoas inmigrantes como xustificación para instaurar o presente regulamento non pode servir como coartada para menoscabar o dereito fundamental á saúde das persoas máis vulnerables.

Non é certo que as persoas inmigrantes veñan a Galicia ou a España para aproveitarse dos sistemas de cobertura socio-sanitaria. Numerosos estudos conclúen que, en xeral, as persoas estranxeiras utilizan menos os servizos sanitarios que a poboación española. O último exemplo témolo no estudo desenvolvido na Xerencia de Atención Primaria da Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid que conclúe que, a igual idade e enfermidade, os estranxeiros que proveñen de países con rendas baixas acoden menos ao médico de familia.

Tampouco é verdade que as persoas inmigrantes xeren un custo económico ao sistema de saúde superior ao que achegan vía impostos. Debemos recordar que o Sistema Nacional de Saúde responde a un modelo de prestación non contributiva que se financia mediante os impostos no que cada persoa achega segundo os seus ingresos e recibe servizos sanitarios de acordo coas súas necesidades de saúde.

O que está constatado é que limitar o acceso exclusivamente aos servizos de urxencia, máis custosos que a atención primaria, pode levar a un agravamento ou cronificación da enfermidade por mor dun diagnóstico ou tratamento tardío. A atención de urxencias será moito máis custosa para o sistema da mesma forma que o sería o tratamento de patoloxías transmisibles que poderían ser atalladas cunha atención primaria adecuada.

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración reclaman o papel que as Administracións Públicas teñen que xogar en tempos de crises para garantir o acceso aos servizos de saúde. Ambas as organizacións van supervisar as consecuencias destas restricións ao dereito á saúde das persoas desempregadas, en situación de exclusión social, e inmigrantes, e exercerán as medidas ao seu alcance para a defensa deste dereito.

CONTACTOS DE PRENSA:
Foro Galego da Inmigración
Teléf de contacto: 662 307 019
Correo electrónico: foroinmigracionsantiago@yahoo.es

Médicos do Mundo
Teléf de contacto: 981 578 182
Correo electrónico: galicia@medicosdelmundo.org

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142

Enviado por:
Fernández Sixto, Juan - Monturas (FE)
-jefernandez@navantia.es-
4 de novembro de 2011 08:06
__________________

Enlaces relacionados:
Ártabra 21: Cando o delito é ser PSR -Persoas Sen Recursos Económicos Suficientes, ... Por Susana Alaníz González

O SERGAS aplica, ás persoas sen recursos, recortes no dereito á protección da saúde e á atención sanitaria - CIG-Saúde exixe que, de forma inmediata, se retire este protocolo e se garanta a prestación sanitaria universal.

Diario nº 173 de data 09.09.2011 ORDE do 5 de setembro de 2011 pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego.

Tamén pode-se descargar, a orde, en formato PDF:

Descargar PDF
__________________________

xoves, decembro 16, 2010

“Ninguén sobra nunha situación de Crise” . Manifesto do Foro Galego da Emigración para o Día Internacional das Persoas Migrantes

Manifesto
Día internacional das persoas migrantes

NINGUÉN SOBRA NUNHA CRISE!

A palabra migración, que foi desde a orixe da humanidade sinónimo da súa propia historia, chora hoxe a súa corrupción ata o loito, por todas as inxustizas acaecidas nun mundo no que o neocolonialismo usufrutúa con avidez os recursos de moitos pobos, entanto castiga cunha inxustiza que se contradí coas súas propias leis aos que chegan fuxindo da realidade na que transformaran os seus lugares de orixe.

As persoas migrantes vémonos obrigadas a ofrecernos como man de obra barata e desprotexida, moitas veces considerada ilegal, unicamente polo feito de termos nacido nun territorio concreto dun mundo en cuxas fronteiras os países ricos abren portas coa forza da súa economía ou das súas armas.

As noticias globais sobre os atentados contra as poboacións de moitos lugares do mundo, dos que se desprenden beneficios para os estados máis enriquecidos, así como a persecución aos migrantes son feitos cada día máis preocupantes.

Nunha recente entrevista concedida ao diario Público.es, o escritor uruguaio Eduardo Galeano recordaba que o racismo “produce amnesia. Porque todos somos africanos emigrados”. Denunciamos que esta amnesia está a ser a auténtica pandemia que sofre unha parte da sociedade, que as medidas de prevención aplicadas á Gripe A deberían trasladarse a este cancro de inxustiza que ataca á humanidade e á súa casa, a Terra.

Non debemos permitir un só espirro que contaxie doenzas tan graves como as acontecidas no último ano, como a expulsión de cidadáns de orixe romena e búlgara, maioritariamente pertencentes à secularmente maltratada etnia xitana; a “Lei Arizona”, que veu lexitimar a discriminación e o controle policíaco da inmigración nos Estados Unidos; o masacre de 72 migrantes en Tamaulipas, México; ou a aplicación de políticas xenófobas e do constante recorte de dereitos que veñen poñendo en marcha diferentes países da Unión Europea.

A crise económica está a empeorar as condicións de vida de toda a poboación e, en particular, das persoas inmigrantes: os seus contratos son cada vez máis precarios ou inexistentes; as posibilidades de regularización, máis remotas; os dereitos de reagrupación familiar, menos contemplados e, en liñas xerais, as persoas, máis discriminadas e desprotexidas.

Ademais do paro; das dificultades económicas, do temor a rematar a prestación de desemprego, do medo ao desaloxo polo impago da hipoteca ou a non chegar a fin de mes, as persoas inmigrantes debemos enfrontar o desasosego de atopar un control policial á volta da esquina, a incerteza dunha deportación expréss, a humillación de identificarse a calquera hora e lugar simplemente por ter unha cor de pel diferente.

A criminalización e persecución das persoas migrantes indocumentadas inoculan o medo e a fractura social entre conveciños e entorpecen a convivencia entre as persoas que habitamos un mesmo territorio, obstaculizando as posibilidades reais de que nos acomodemos e nos sintamos cidadás de pleno dereito desta sociedade que escollemos para desenvolver o noso proxecto de vida.

Ante todos estes síntomas, que xorden cada minuto no mundo, propoñemos vacinarnos contra os discursos demagóxicos que alertan sobre o carácter delincuencial e ameazante da inmigración, cuxo único propósito é desviar a atención dos auténticos responsábeis da crise económica, social e ambiental que estamos a vivir, ao tempo en que espertan sentimentos de competencia e desconfianza entre a poboación, deixando espazo para o rebrote de actitudes e comportamentos racistas que criamos enterrados.

Neste día 18 de Decembro, no que recordamos que as migracións forman parte do substrato de todos os pobos do mundo, antes que celebrar, tócanos lanzar un berro de repulsa e esixir o peche dos centros de internamento e detención de estranxeiros, a supresión das crecentes redadas, identificacións e deportacións de centos de miles de migrantes en países de tránsito e de destino, e o derrubamento dunha Lei de Estranxeiría que propicia e lexitima a desigualdade e a segregación social.

Toca denunciar os recortes sociais, a privatización dos servizos públicos, a reforma laboral e no sistema de pensións, en definitiva, todo o conxunto de medidas neoliberais que veñen facendo con que a vida da poboación en xeral –incluídas as persoas migrantes- vexase sometida a unhas doses cada vez maiores de precariedade, illamento e control por parte duns poderes públicos submisos aos intereses dos mais ricos e poderosos.

Proclamamos que en tempos de crise o único tratamento que pode debelar a pandemia de inxustiza, discriminación e violencia a que estamos expostas, é sumando, xentes de aquí e de acolá, todos os nosos esforzos, vontades e saberes, redescubrindo o potencial do colectivo e reatando os lazos de solidariedade e cooperación social capaces de poñer en marcha o proceso de transformación social necesario para conquistar a vida digna a que todas e todos temos dereito.

Foro Galego de Inmigración
Rede de asociacións e entidades de apoio ao inmigrante
foroinmigracionsantiago@yahoo.es
http://forogi.wordpress.com/

Enviado por:
AMARANTE Setem
-amarantesetem@amarantesetem.org-
16 de dezembro de 2010 01:22
www.amarantesetem.org
_____________________

Tod@s somos Inmigrantes !
Día internacional das persoas migrantes
Colectivo Ártabra 21
__________________________________

Tod@s Somos inmigrantes: 18 de Decembro "Día Mundial das Persoas Migrantes" - Manifesto Sindical do Colectivo Inmigrante

Foro Galego de Inmigración
"Ninguen sobra nunha situación de Crise"

O Foro Galego de Inmigración formado por máis de 80 asociacións e entidades de toda Galiza xunto coas centrais sindicais CIG e CUT presentaron en rolda de prensa a Campaña: “Ninguen sobra nunha situación de Crise” que inclue unha serie de actos e actividades a desenvolver en diferentes lugares de Galiza en relación coa celebración do Día Mundial das Persoas Migrantes, este 18 de Decembro.

Os principais eixos temáticos da Campaña serán:

1.- O rexeitamento da política de persecución policial das persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa que se ven incrementando nos últimos meses.

2.- O aumento tamén nos últimos meses das esixencias administrativas que as subdelegacións de goberno de Galicia veñen establecendo nas tramitacións de expedientes por parte das persoas estranxeiras, dificultando ou impedindo a resolución positiva das mesmas.

3.- Presentación dunha Proposta cos sindicatos CIG e CUT para flexibilizar os requisitos para as renovacións de autorizacións de traballo nestes tempos de crise económica e impedir así que persoas con varios anos de residencia legal en España queden en situación de irregularidade administrativa.

Para máis información: Miguel Fernández (981-580506-662-307019) ou Rocio Rodríguez (981-580506-600-876480)

Foro Galego de Inmigración
Rede de asociacións e entidades de apoio ao inmigrante
foroinmigracionsantiago@yahoo.es
http://forogi.wordpress.com/

MANIFESTO SINDICAL COLECTIVO INMIGRANTE

O sistema en crise esperta hoxe debates encol dos supostos perigos da inmigración. Debates superficiais con reaccións provocadas de antemán, populistas e xenófobas. Serven como un mecanismo máis de agochamento da verdadeira natureza da crise, mais non só, tamén erguen fronteiras no propio interior da clase obreira, que veñen enfraquecer as nosas loitas e garantiren a pervivencia da orde social existente.

As persoas migrantes, lonxe de seren un colectivo cunhas problemáticas illadas que deban ser respondidas por vías caritativas, representa un dos elos máis febles na cadea do modelo socioeconómico, é dicir, son clases oprimidas do mesmo, e cando este entra en crise sofren as súas consecuencias coa violencia lóxica para a súa subalternidade. Pensemos, por exemplo, nas destrutivas consecuencias que traerá a privatización dos servizos sociais co desmantelamento da sanidade pública e a implantación dos sistema de copago na atención, como a UE vén demandando.

O sindicalismo combativo debe facer súas as problemáticas das e dos inmigrantes e espir perante toda a cidadanía galega o trato que o noso sistema lles infrinxe. Co obxectivo de contribuírmos neste traballo, desexamos reflectir aquí as seguintes denuncias de irregularidades administrativas, violacións de dereitos e inxustizas sociais das que tivemos coñecemento nos últimos tempos, acompañadas das nosas pertinentes demandas ao respecto:
  • Denunciamos os inconvenientes nas solicitudes de Arraigo Social. Na actualidade, en virtude dunha nova circular virtual, non coñecida polas persoas interesadas, a caducidade do Certificado de Antecedentes Penais pasa a considerarse de tres meses desde a expedición no país de orixe (até o de agora eran tres meses desde o último selo en Madrid). Esta cuestión non é baladí dado que a tramitación deste documento por vía diplomática demora nalgúns países máis de 1 mes. Asistimos, ademais, á denegación destas solicitudes por caducar os Penais, obrando xa no Negociado de estranxeiría.
  • Denunciamos que no Arraigo Social, con frecuencia excesiva, as solicitudes son denegadas por causas alleas á traballadora ou traballador inmigrante: por ter a empresa débedas coa AEAT e/ou coa TXSS. Antes, no Recurso de Reposición existía a posibilidade de presentar un novo contrato de traballo, hoxe obrigan a reiniciar o expediente coa nova presentación da documentación obrante nos Negociados de Estranxeiría. - Denunciamos a extrema lentitude de resolución nas renovacións de Autorizacións de Residencia e Traballo, o que implica a perda do subsidio de desemprego por caducidade da tarxeta. Alén disto, ante unha realidade de taxas de desemprego desmesuradas, o límite de 6 meses de cotización á Seguridade Social para a renovación de tarxetas tórnase unha barreira excesivamente ríxida e antisocial. Reclamamos a aplicación de criterios de flexibilidade por parte das Subdelegacións de Goberno.
  • Denunciamos a explotación, hoxe con máis crueza, das empregadas de fogar, nomeadamente das internas. A existencia de ETT adicadas ao servizo doméstico supoñen, na maior parte dos casos, un empeoramento das condicións laborais.
  • Denunciamos, novamente, a Directiva do Retorno, directiva da vergoña, que fai fincapé na consideración da inmigración como man de obra barata que é regulada segundo os intereses da Patronal.
  • Denunciamos as mutuas de seguros que obrigan a ocultar os accidentes de traballo como enfermidades comúns.
  • Denunciamos a existencia de visados de estudantes de 6 ou menos meses, sen correspondencia coa duración dos estudos que veñen realizar, denegándolles a posibilidade de documentarse e imposibilitando a renovación, ao obrigar aos afectados a solicitar nos seus países de orixe un novo visado.
  • Denunciamos a normativa de familiar comunitario e os seus ascendentes, pois o ser cónxuxe de cidadán do Estado español empeora as condicións respecto de ser cónxuxe de cidadán da Unión Europea.
  • Solicitamos ao Goberno do Estado que amplie o prazo de solicitude de nacionalidade española para netas e netos, pois esta opción péchase o 27 de decembro.
  • Denunciamos a redución de axudas e subvencións ás entidades inmigrantes por parte da Xunta de Galiza e a nula política da Xunta en materia de Emigración de Retorno da que Galiza ten competencia plena.

Denunciamos, en resumo, un futuro crítico para un colectivo de presente moi precario. Compartindo esta mirada co proletariado de Galiza, sexa autóctono ou estranxeiro, manifestamos: primeiro, que o actual contexto non é un accidente no capitalismo senón que é a súa esencia mesma, na cal as/os inmigrantes ou ben sobran, ou ben son reducidos a man de obra escrava; e segundo, que vale moito a pena traballar na loita transformadora xa que, dunha mirada profunda ao colectivo migrante, aprendemos que baixo o actual sistema económico non existe ningunha saída real da crise.

Fonte: Susete'70

Tod@s somos Inmigrantes !

Colectivo Ártabra 21

Información baseada na enviada por:
Juan Fernández Sixto
16 de diciembre de 2010 a las 7:11
__________________

domingo, maio 30, 2010

Video e Galería de Fotos da Marcha da Asemblea do Foro Galego de Inmigración, celebrada en Ferrol este Domingo 30 de Maio de 2010

Este 30 de Maio de 2010, baixo o lema "Repensar a nosa práctica asociativa", celebrou-se en Ferrol, a V Asemblea Anual do Foro Galego da Inmigración e da Emigración de Retorno. O vídeo e as fotos son dunha Marcha realizada dentro do encontro, despois dos debates de pola mañá. As persoas que participaban na Asembleia, e outras persoas que se sumaron, partiron desde a Avenida de Vigo até ao Cantón Ferrolán. A cidade, nun Domingo, pouco despois do mediodía estaba baleira, a crise demográfica e económica que sofre Ferrol esta-se facendo notar. Logo houbo un Acto Público neste lugar céntrico da cidade, onde interviron representantes dalgunhas das organizacións convocantes.

Ausencias

Ao baleiro da cidade de Ferrol, hai que somar a deriva da esquerda sindical e política desta cidade e do resto das comarcas do noroeste galego. Só así se entende o porqué @s inmigrantes marcharan um pouco máis en soeidade. Ausencia absoluta de representantes municipais, de sindicalistas, activistas políticos, sociais, veciñais, culturais, ... Iso, unha ausencia que dá que pensar.

Tod@s somos Inmigrantes !
Colectivo Ártabra 21




Nota.- O video, aindaque se pode ver até o final ten un pequeno problema de interferencias que intentaremos resolver en poucas horas

Carrusel de Diapositivos en alta resolución


[Para entrar clicar acima da imaxe]
Álbum: picasaweb.google.com/inaciogz

Enlaces de interese:
______

sábado, maio 29, 2010

Baixo o lema "Repensar a nosa práctica asociativa", celebra-se en Ferrol a V Asemblea Anual do Foro de Inmigración de Galiza


Por Mabel Charquero [*]
29.05.2010

ACTIVIDADES PARA MAÑÁ DOMINGO 30 DE MAIO

Mañá é un día importante para todos os inmigrantes pois se realizará a V Asemblea Anual do Foro de Inmigración de Galiza, como anfitrións debemos mostrar a nosa maior dedicación para que todo funcione ben, así que esperamos a presenza de vostedes. Hai varias actividades durante o día, se non poden ir a unha podran ir a outras. Pásolles os horarios e as actividades que estan abertas a tod@s:

O Programa da Asemblea é o seguinte:
  • 10:00 h: Benvida (CEIP de Esteiro): Sáudo do grupo de Ferrol, Sáudo en varias linguas do Foro e Dinámica de Presentación.

  • 10:30h-12:45h: Traballo por grupos.

  • 12:45h: Descanso e Preparación da Marcha cara ao Acto Público.

  • 13:00/13:15h: Marcha cara ao Cantón Ferrolán e Acto Público neste lugar céntrico da cidade.

  • 14:30h: Xantar (nunha zona próxima ao Cantón)

  • 15:45/16:00h (Auditorium Universitario do Campus de Esteiro) Plenario e posta en común do traballo por grupos.

  • 17:00 h (Auditorium Universitario do Campus de Esteiro): Festival Intercultural

  • 19:00 h: Remate da Asemblea.

Haberá Servizo de Gardería e a Asemblea é aberta a participación de calquera persoa interesada.

A Asemblea baixo o lema: Repensar a nosa práctica asociativa pretende analizar a realidade do asociacionismo inmigrante en Galicia, a participación social deste colectivo, para propoñer propostas e alternativas utís para as persoas e as asociacións de migrantes. Ademáis unha Declaración do Foro, recollerá as principais demandas e propostas traballadas no último ano: Loita contra o cambio da Lei de Estranxeiria; contra a persecución das persoas inmigrantes en situación irregular; apoio á despenalización do top-manta; alternativas a actual política en temas de inmigración da Xunta de Galicia; denuncia de actuacións discriminatorias contra o colectivo ou posicionamento contra a tentativa de limitar o empadroamento de persoas en situación de irregularidade administrativa.

[*] Mabel Charquero da  Rede de Inmigrantes de Ferrol Terra.
________________________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Presentación da V Asemblea Galega de Inmigración e emigración de retorno que se vai celebrar en Ferrol

Foro Galego de Inmigración - Rede de asociacións e entidades de apoio ao inmigrante
______________________________

mércores, maio 19, 2010

Presentación da V Asemblea Galega de Inmigración e emigración de retorno que se vai celebrar en Ferrol


Venres 21 de Maio, ás 8 da tarde  no Ateneo Ferrolán (Magdalena 202, Ferrol) o Foro Galego de Inmigración e Emigrantes Retornados, fará a presentación á prensa da Asemblea Anual de devandito Foro que se realizará o domingo 30 de maio na Universidade de Ferrol e Colexio de Esteiro.

Estan todos convidados, o tema a tratar é: Movemento Asociativo, vantaxes e problemas das asociacións de inmigrantes.

V ASEMBLEA GALEGA DE INMIGRACIÓN E EMIGRACIÓN DE RETORNO

Domingo 30 de Maio de 2010

CEIP de Esteiro e UDC Campus de Esteiro en Ferrol (Avda de Vigo s/n CP 15403) entre as 10:00 - 19:00 horas.

REPENSANDO A NOSA PRÁCTICA ASOCIATIVA

Aberta a participación de calquera persoa e entidade interesada despois de cubrir e mandar, se podedes, as inscricións individuais no tríptico ou grupais na folla de inscrición.

Programa da V Asemblea
  • 10:00 - 10:30 horas: Benvida
  • 10:30 - 12:45 horas: Traballo por Grupos.
  • 12:45 horas: Descanso e preparación da marcha para o acto público.
  • 13:00 - 13:15 horas: Marcha e Acto Público.
  • 14:30 horas: Xantar (Hai que traer a comida para compartila).
  • 16:00 horas: Plenario e Posta en Común do Traballo por grupos.
  • 17:00 horas: Festival Intercultural
  • 19:00 horas: Remate da Asemblea.
Haberá Servizo de Gardería durante a celebración da Asemblea e recordade que, nesta ocasión, hai que levar a comida para compartila.

Autobuses gratuitos para persoas interesadas:
  • Santiago: Contactar con Miguel (Cáritas) ou Rocio (CasaLatinoamericana) (981576142 - 662307019 - 981580506 - 600876480)
  • Vigo: Manolo Sordo (GAPE) 986213453 e Hortance (Aida) 606986031.
  • A Coruña: Miriam Pantoja (Amespa) 669305907 e Nicanor (Propolis)  698137876.
  • Ourense: Silvia (Galicia Terra de Acollida) 637853105 e Sonia (Asociación de Venezolanos)  687575532
  • Tamén no Email: foroinmigracionsantiago@yahoo.es
Grupos ou persoas interesad@s en participar con actuacións para o Festival Intercultural Contactar con: Miguel (Cáritas) ou Rocio (Casa Latinoamericana) (981576142 - 662307019 - 981580506 600876480)

Tamén no Email: foroinmigracionsantiago@yahoo.es

Para calquer suxerencia, aportación, pregunta:

Pódese contactar en cada zona coas persoas indicadas nos grupos anteriores.

En Ferrol sede da Asemblea, persoas de contacto: Silvia 687941036 e Mónica 670066852.

O prazo para realizar as inscricións remata o día 20 de Maio, aínda que se poden mandar despois se non vos da tempo. É moi importante que as persoas interesadas en participar se inscriban con anterioridade para organizar o traballo por grupos.

Información baseda na enviada por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
19 de maio de 2010 21:12
_____________________