Foro Galego de Inmigración
"Ninguen sobra nunha situación de Crise"
O Foro Galego de Inmigración formado por máis de 80 asociacións e entidades de toda Galiza xunto coas centrais sindicais CIG e CUT presentaron en rolda de prensa a Campaña: “Ninguen sobra nunha situación de Crise” que inclue unha serie de actos e actividades a desenvolver en diferentes lugares de Galiza en relación coa celebración do Día Mundial das Persoas Migrantes, este 18 de Decembro.
Os principais eixos temáticos da Campaña serán:
1.- O rexeitamento da política de persecución policial das persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa que se ven incrementando nos últimos meses.
2.- O aumento tamén nos últimos meses das esixencias administrativas que as subdelegacións de goberno de Galicia veñen establecendo nas tramitacións de expedientes por parte das persoas estranxeiras, dificultando ou impedindo a resolución positiva das mesmas.
3.- Presentación dunha Proposta cos sindicatos CIG e CUT para flexibilizar os requisitos para as renovacións de autorizacións de traballo nestes tempos de crise económica e impedir así que persoas con varios anos de residencia legal en España queden en situación de irregularidade administrativa.
Para máis información: Miguel Fernández (981-580506-662-307019) ou Rocio Rodríguez (981-580506-600-876480)
Foro Galego de Inmigración
Rede de asociacións e entidades de apoio ao inmigrante
foroinmigracionsantiago@yahoo.es
http://forogi.wordpress.com/
O sistema en crise esperta hoxe debates encol dos supostos perigos da inmigración. Debates superficiais con reaccións provocadas de antemán, populistas e xenófobas. Serven como un mecanismo máis de agochamento da verdadeira natureza da crise, mais non só, tamén erguen fronteiras no propio interior da clase obreira, que veñen enfraquecer as nosas loitas e garantiren a pervivencia da orde social existente.
As persoas migrantes, lonxe de seren un colectivo cunhas problemáticas illadas que deban ser respondidas por vías caritativas, representa un dos elos máis febles na cadea do modelo socioeconómico, é dicir, son clases oprimidas do mesmo, e cando este entra en crise sofren as súas consecuencias coa violencia lóxica para a súa subalternidade. Pensemos, por exemplo, nas destrutivas consecuencias que traerá a privatización dos servizos sociais co desmantelamento da sanidade pública e a implantación dos sistema de copago na atención, como a UE vén demandando.
O sindicalismo combativo debe facer súas as problemáticas das e dos inmigrantes e espir perante toda a cidadanía galega o trato que o noso sistema lles infrinxe. Co obxectivo de contribuírmos neste traballo, desexamos reflectir aquí as seguintes denuncias de irregularidades administrativas, violacións de dereitos e inxustizas sociais das que tivemos coñecemento nos últimos tempos, acompañadas das nosas pertinentes demandas ao respecto:
- Denunciamos os inconvenientes nas solicitudes de Arraigo Social. Na actualidade, en virtude dunha nova circular virtual, non coñecida polas persoas interesadas, a caducidade do Certificado de Antecedentes Penais pasa a considerarse de tres meses desde a expedición no país de orixe (até o de agora eran tres meses desde o último selo en Madrid). Esta cuestión non é baladí dado que a tramitación deste documento por vía diplomática demora nalgúns países máis de 1 mes. Asistimos, ademais, á denegación destas solicitudes por caducar os Penais, obrando xa no Negociado de estranxeiría.
- Denunciamos que no Arraigo Social, con frecuencia excesiva, as solicitudes son denegadas por causas alleas á traballadora ou traballador inmigrante: por ter a empresa débedas coa AEAT e/ou coa TXSS. Antes, no Recurso de Reposición existía a posibilidade de presentar un novo contrato de traballo, hoxe obrigan a reiniciar o expediente coa nova presentación da documentación obrante nos Negociados de Estranxeiría. - Denunciamos a extrema lentitude de resolución nas renovacións de Autorizacións de Residencia e Traballo, o que implica a perda do subsidio de desemprego por caducidade da tarxeta. Alén disto, ante unha realidade de taxas de desemprego desmesuradas, o límite de 6 meses de cotización á Seguridade Social para a renovación de tarxetas tórnase unha barreira excesivamente ríxida e antisocial. Reclamamos a aplicación de criterios de flexibilidade por parte das Subdelegacións de Goberno.
- Denunciamos a explotación, hoxe con máis crueza, das empregadas de fogar, nomeadamente das internas. A existencia de ETT adicadas ao servizo doméstico supoñen, na maior parte dos casos, un empeoramento das condicións laborais.
- Denunciamos, novamente, a Directiva do Retorno, directiva da vergoña, que fai fincapé na consideración da inmigración como man de obra barata que é regulada segundo os intereses da Patronal.
- Denunciamos as mutuas de seguros que obrigan a ocultar os accidentes de traballo como enfermidades comúns.
- Denunciamos a existencia de visados de estudantes de 6 ou menos meses, sen correspondencia coa duración dos estudos que veñen realizar, denegándolles a posibilidade de documentarse e imposibilitando a renovación, ao obrigar aos afectados a solicitar nos seus países de orixe un novo visado.
- Denunciamos a normativa de familiar comunitario e os seus ascendentes, pois o ser cónxuxe de cidadán do Estado español empeora as condicións respecto de ser cónxuxe de cidadán da Unión Europea.
- Solicitamos ao Goberno do Estado que amplie o prazo de solicitude de nacionalidade española para netas e netos, pois esta opción péchase o 27 de decembro.
- Denunciamos a redución de axudas e subvencións ás entidades inmigrantes por parte da Xunta de Galiza e a nula política da Xunta en materia de Emigración de Retorno da que Galiza ten competencia plena.
Denunciamos, en resumo, un futuro crítico para un colectivo de presente moi precario. Compartindo esta mirada co proletariado de Galiza, sexa autóctono ou estranxeiro, manifestamos: primeiro, que o actual contexto non é un accidente no capitalismo senón que é a súa esencia mesma, na cal as/os inmigrantes ou ben sobran, ou ben son reducidos a man de obra escrava; e segundo, que vale moito a pena traballar na loita transformadora xa que, dunha mirada profunda ao colectivo migrante, aprendemos que baixo o actual sistema económico non existe ningunha saída real da crise.
Fonte: Susete'70
Información baseada na enviada por:
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon