Amosando publicacións coa etiqueta Lefre de Caldereta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lefre de Caldereta. Amosar todas as publicacións

mércores, decembro 16, 2009

Cea Cuarto Aniversario da Asopciación Cultural Lefre de Caldereta

Un ano máis, e xa van catro, “A.C. Lefre de Caldereta” organiza a súa cea aniversario por volta de finais de decembro. Coma nos anos precedentes, a asociación aproveita esta xuntanza de socias e socios, de amigos e amigas, para render honores, para homenaxear xentes da nosa contorna pola súa actividade.



[Para ammpliar clicar acima da imaxe]

Este ano a “caldereta de honra 2009” irá parar á asociación cultural decana da nosa cidade, o Ateneo Ferrolán. O Ateneo, fundado en 1879, foi e é, como di o seu lema actual, “un lugar de encontro para a cultura”. A sede do Ateneo está nun edificio histórico do barrio da Magdalena, restaurado polos arquitectos ferroláns Alfredo Alcalá e Francisco Iglesias, e sofre na actualidade un estado de abandono e de precariedade que pon en perigo o éxito da rehabilitación xa aprobada pero lamentablemente aínda non executada. A nosa distinción pretende, humildemente, urxir a intervención sobre as instalacións para defender o patrimonio de todos os ferroláns e de todos os amantes da cultura. Por outra banda, queremos que o noso recoñecemento chegue a todas e a todos os que participaron na recuperación da institución dende a chegada da democracia.

Desexamos que o día 19 sexa un día para que todos os que participamos como directivos, como socios, como colaboradores, como intervenientes... nos sintamos agasallados por termos cada un de nós achegado o noso gran de area para que esta institución cultural da comarca siga viva e producindo froitos. Xa que logo, os “lefres” convidamos a todos os “ateneístas” a que veñan á cea e a que se sintan parte desta merecida, aínda que sinxela e humilde, homenaxe.

Para a “caldereta do ano 2009” os lefres este ano reparamos na actual galardoada polo premio Xerais de narrativa 2009 e mais polo premio de literatura infantil e xuvenil da Fundación Caixa Galicia tamén deste ano que remata. Falamos da escritora e xornalista Rosa Aneiros. Nada en Meirás, no Concello de Valdoviño, Rosa leva anos destacando nas nosas letras e este ano por partida dobre. Para o xurado do Premio Xerais 2009, “Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza”. Nós, ademais, sentímonos máis dunha vez moi próximos ás terras que pisa Inverno, á súa aldea natal, Antes, e á súa contorna. A nosa comarca vese reflectida na comarca ficcional. Desexamos que Rosa sexa tamén profeta na súa terra e por iso para ela vai a nosa caldereta do ano.

Convidamos, polo tanto, o día 19 de decembro ás 21:30 horas a todos os “lefres”, a todos os “ateneístas”, a todos os “aneiristas”, en fin a toda a nosa xente a que comparta con nós o xa tradicional cocido lefre este ano no restaurante La Nueva Frontera na estrada da Cabana.

DÍA: Sábado, 19 de decembro de 2009. HORA: 21:30 h.

LUGAR: Restaurante “La Nueva Frontera “
PREZO: 25€ / persoa
RESERVAS: 619804677 • 69691593  
Ferrol, 11 de decembro de 2009




Asdo: Alberte González Montañés
Presidente da A.C. Lefre de Caldereta   
lefre@lefredecaldereta.com
____________________________

martes, outubro 13, 2009

"Últimas iniciativas en intervención institucional na violencia contra as mulleres", este Martes 13 de Outubro, da man da A.C. Lefre de Caldereta


A.C. Lefre de Caldereta. Q tes na Caldereta?.
(13/10 ás 20.30 horas. Borsalino)

Ola a todas e todos,

O martes 13/10 ás 20.30 horas no Pub Borsalino continuamos como tódolos 2º martes de cada mes coas nosas charlas-tertulias na actividade Q tes na Caldereta?. Esta vez contamos cunha muller de grande traxectoria, tanto en experiencia profesional a nivel docente, coordinadora, asesora, educadora e traballadora social, como en experiencia vital.

Estará con nós Mª Jesús Olivares Rodríguez, máis coñecida como Chus que actualmente é Traballadora Social do Concello de Ferrol (Dirección da Casa de Acollida de mulleres); Achegarémonos da man de Chus a que nos conte máis sobre as últimas iniciativas en intervención institucional na violencia contra as mulleres, as políticas, obradoiros etc que se estan a levar a cabo hoxe en día e os recursos das mulleres contra a violencia machista.

Agardamos por todas e todos vos. Non faltedes.

Difundide.

Saúde
A.C. Lefre de Caldereta

Enviado por:
A.C Lefre de Caldereta
-lefre@lefredecaldereta.com-
12 de outubro de 2009 20:25
_______________________

domingo, xuño 07, 2009

Tertulia de xuño co Concelleiro Manolo Santiago sobre participación cidadán

Tertulia co Concelleiro Manolo Santiago sobre Participación Cidadá este Martes 9 de Xuño ás 9 da Noite no Pub Borsalino

O concello de Ferrol, desde o comezo deste mandato ven traballando na promoción de procesos de participación cidadá. O truncado goberno PSOE-EU, foi o responsable desta iniciativa representada, nomeadamente, por Jabier Galán (EU). Logo da ruptura do goberno, e tras dun importante receso, o PSOE recollía o testigo da man de Manolo Santiago, actual concelleiro de participación cidadá.


O camiño andado semella non ter volta atrás, e todo o asociacionismo e o conxunto da cidadanía ferrolá dispoñemos dun instrumento vital para afondar na democracia participativa. De vós depende, de nós depende e… por nós non vai ser.

O pasado ano elaborábase de forma participada un novo Regulamento de Participación Cidadá co que se pretende regrar toda unha chea de mecanismos que faciliten a participación de asociacións e cidadanía no devir do concello.

Este Regulamento vía a luz, nun “Foro Cidadán” no que se aprobaba por unanimidade o traballo que previamente fixeran moitos dirixentes veciñais, de asociacións ecoloxístas e outras persoas de forma individual desde unha Comisión de estudo (GAP-Grupo de Análise e Proposta).

A día de hoxe, logo dos preceptivos —e paralizantes— informes xurídicos, este Regulamento será aprobado nun Pleno en próximas datas.

Naquel Foro Cidadán, no que Lefre de Caldereta tamén participou, demandabase do concello un novo impulso, poñendo en marcha un proceso de orzamentos participativos que, logo de varios meses, parece que tamén se poñerá en marcha por medio dunha experiencia piloto.

Destas cuestións e doutros proxectos municipais relacionados coa participación é do que falaremos na nosa tertulia do segundo martes de xuño, coa participación de Manuel Santiago Pérez, actual concelleiro de participación cidadá.

Seguimos a falar no Borsalino.

A.C Lefre de Caldereta
http://lefredecaldereta.com/
______________________________

xoves, febreiro 05, 2009

Que tes na Caldereta?: Martes día 10 de Febreiro - "Boas prácticas de convivencia"

Ola a todas e todos,

Este martes día 10/02/09 ás 20.30 horas no Pub Borsalino, na actividade que vimos realizando dende fai máis dun ano, Que tes na Caldereta?, contaremos con dúas representantes do Colexio Público San Xoán de Filgueira que veñen de levar o 1º premio do Ministerio de Educación e Ciencia no concurso "Boas prácticas de convivencia".

Contamos con vós.

Saúde

Xuntamos cartel para que fagades pegada polo voso barrio e bares.

A.C. Lefre de Caldereta
lefre@lefredecaldereta.com

_________

martes, setembro 09, 2008

Martes 9 de setembro ás 20:30 hrs no pub Borsalino á charla-tertulia Que tes na caldereta?, que contará coa coordinadora de Ferrol da Marcha Mundial

De: Patricia Sáez Pérez -patriciasp_3@hotmail.com-
A. C. Lefre de Caldereta
lefre@lefredecaldereta.com
Para: artabra21@gmail.com
Data: 8 de setembro de 2008 22:43
Asunto: Martes 9 de setembro ás 20.30 horas no pub Borsalino á charla-tertulia Que tes na caldereta?, que contará coa coordinadora de Ferrol da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza.



A Asociación Cultural Lefre de Caldereta quere convidarvos o martes 9 de setembro ás 20.30 horas no pub Borsalino á charla-tertulia Que tes na caldereta?, que contará coa coordinadora de Ferrol da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza.

O motivo desta charla-tertulia non é outro que o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres que se celebrará os vindeiros 18 e 19 de outubro en Vigo. O lema deste encontró será: "Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres".

Será un espazo para que todas as delegadas dos cinco continentes debatan e organicen futuras accións mundiais. Nestes dous días haberá un foro sobre Soberanía Alimentaria e unha feira; farase un milladoiro como símbolo da unión e da forza de tódalas mulleres no mundo para camiñar cara a nosa liberdade e rematará coa marcha polas rúas de Vigo.

[Clicar acima do cartaz para ampliar]

www.feminismo.info
marchagaliza@feminismo.info
tlf: 986 442 194 / 671 695 968

Non faltedes o martes 9 de setembro ás 20:30 horas.
Xuntamos cartel.
Gracias pola difusión

A.C. Lefre de Caldereta
lefre@lefredecaldereta.com
http://www.lefredecaldereta.com/
_____________