Un ano máis, e xa van catro, “A.C. Lefre de Caldereta” organiza a súa cea aniversario por volta de finais de decembro. Coma nos anos precedentes, a asociación aproveita esta xuntanza de socias e socios, de amigos e amigas, para render honores, para homenaxear xentes da nosa contorna pola súa actividade.
[Para ammpliar clicar acima da imaxe]
Este ano a “caldereta de honra 2009” irá parar á asociación cultural decana da nosa cidade, o Ateneo Ferrolán. O Ateneo, fundado en 1879, foi e é, como di o seu lema actual, “un lugar de encontro para a cultura”. A sede do Ateneo está nun edificio histórico do barrio da Magdalena, restaurado polos arquitectos ferroláns Alfredo Alcalá e Francisco Iglesias, e sofre na actualidade un estado de abandono e de precariedade que pon en perigo o éxito da rehabilitación xa aprobada pero lamentablemente aínda non executada. A nosa distinción pretende, humildemente, urxir a intervención sobre as instalacións para defender o patrimonio de todos os ferroláns e de todos os amantes da cultura. Por outra banda, queremos que o noso recoñecemento chegue a todas e a todos os que participaron na recuperación da institución dende a chegada da democracia.
Desexamos que o día 19 sexa un día para que todos os que participamos como directivos, como socios, como colaboradores, como intervenientes... nos sintamos agasallados por termos cada un de nós achegado o noso gran de area para que esta institución cultural da comarca siga viva e producindo froitos. Xa que logo, os “lefres” convidamos a todos os “ateneístas” a que veñan á cea e a que se sintan parte desta merecida, aínda que sinxela e humilde, homenaxe.
Para a “caldereta do ano 2009” os lefres este ano reparamos na actual galardoada polo premio Xerais de narrativa 2009 e mais polo premio de literatura infantil e xuvenil da Fundación Caixa Galicia tamén deste ano que remata. Falamos da escritora e xornalista Rosa Aneiros. Nada en Meirás, no Concello de Valdoviño, Rosa leva anos destacando nas nosas letras e este ano por partida dobre. Para o xurado do Premio Xerais 2009, “Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza”. Nós, ademais, sentímonos máis dunha vez moi próximos ás terras que pisa Inverno, á súa aldea natal, Antes, e á súa contorna. A nosa comarca vese reflectida na comarca ficcional. Desexamos que Rosa sexa tamén profeta na súa terra e por iso para ela vai a nosa caldereta do ano.
Convidamos, polo tanto, o día 19 de decembro ás 21:30 horas a todos os “lefres”, a todos os “ateneístas”, a todos os “aneiristas”, en fin a toda a nosa xente a que comparta con nós o xa tradicional cocido lefre este ano no restaurante La Nueva Frontera na estrada da Cabana.
DÍA: Sábado, 19 de decembro de 2009. HORA: 21:30 h.
LUGAR: Restaurante “La Nueva Frontera “
PREZO: 25€ / persoa
RESERVAS: 619804677 • 69691593
Ferrol, 11 de decembro de 2009
Asdo: Alberte González Montañés
Presidente da A.C. Lefre de Caldereta
lefre@lefredecaldereta.com
____________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon