mércores, decembro 16, 2009

A nova faciana do Galicia Confidencial


A nova faciana do GC
Galicia confidencial inicia unha nova etapa. Mudou de faciana para presentarlle á sociedade galega un novo producto informativo que fai das noticias sensibles, das suxeitas a censuras nos medios tradicionais ou das que moitos non queren contar o seu principal sustento.

Por Xurxo Salgado [*]
14.12.2009


Non cambiamos de filosofía, cambiamos a roupa. Xa hai tempo que se viñan facendo necesarias novas ferramentas e novas seccións, así como certa profesionalización dos seus contidos. O vello formato encorsetaba as necesidades informativas e o progresivo aumento da audiencia --andamos polos 2.000 lectores diarios-- facía necesaria unha renovación.

Non queremos ser pretenciosos. Coñecemos as nosas limitacións. Sabemos dos problemas aos que nos enfrontamos. Os que nos seguides habitualmente sabedes que durante estes últimos seis anos tentamos informar de todo e de todos, sen importarnos ideoloxías ou correntes políticas. Fomos críticos con Fraga, continuamos no bipartito e mantemos o mesmo espírito co Goberno de Núñez Feijóo. A nosa visión da actualidade, aínda que crítica, pretende ser constructiva. Non queremos destruir, senón construir unha mellor sociedade, e a única arma que temos é a información.

Nesta nova etapa tamén queremos abrir portas, queremos demostrar que a sociedade e os movementos civís de todas as tendencias, ademais das formacións políticas, tamén teñen voz. GC sempre será unha fiestra aberta a todos, a Galicia e ao mundo. Por iso, ampliamos o abano de colaboradores. Ademais de políticos, haberá xente da cultura, da comunicación, do deporte ou dos movementos sociais. Abrimos tamén novos espazos á información local, a máis próxima a nós e a que mellor coñecemos, e queremos potenciar a participación do lector a través dos foros e das redes sociais.

Este é o novo GC, o de sempre ainda que mellor vestido. Tentaremos seguir facendo o mesmo traballo, evitando erros, que tamén os temos, e agardando poder contar con vós. ADIANTE...
[*] Xurxo Salgado Tejido é Xornalista. Traballou en prensa, radio, televisión, gabinetes de prensa, axencias de noticias e Internet. Participou en varios proxectos de xornalismo electrónico. É o coordinador de GC
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon