O portavoz de EU Narón asina co tripartito o acordo para apoiar mañá no pleno os orzamentos municipais deste ano
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuniuse a última hora desta mañá co concelleiro de Xestión Orzamentaria e portavoz municipal do BNG, Pablo Villamar, e cos portavoces de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo; PSOE, Catalina García, e EU, André Abeledo, para asinar o documento no que se contempla o respaldo do portavoz de EU aos orzamentos que se someterán mañá a aprobación no pleno que dará comezo ás 12:00 horas. André Abeledo explicou que “entendemos que unha parte das nosas propostas están recollidas neste orzamento e EU é un partido que está aquí para construír dende a oposición, non para andar a pedradas”.
O tripartito naronés e o representante de EU adoitaron coa sinatura do documento “o compromiso de seguir traballando conxuntamente dende o diálogo e a vontade de chegar a acordos polo ben da veciñanza e o avance da nosa cidade en tódolos eidos”. Abeledo recoñeceu e valorou o “esforzo do equipo de goberno por manter un diálogo constante en todos aqueles temas importantes para o noso concello”, e puxo como exemplo o respaldo do tripartito a moitas das mocións presentadas no pleno por EU.
Pola súa banda, o equipo de goberno naronés destacou “a oposición constructiva e o traballo serio que máis alá das diferencias ideolóxicas tenta sempre colaborar e participar na mellora de Narón”. O tripartito naronés e EU coincidiron en desenvolver o vindeiro ano propostas como avanzar na mellora de accesibilidade, incrementar o número de parques biosaudables, instalar novos puntos de luz na zona rural, realizar un estudo de necesidade de vivenda na cidade e continuar fomentando o cooperativismo, entre outras propostas abordadas na xuntanza mantida esta mañá.
Trala sinatura do acordo, os representantes do goberno local e o portavoz de EU coincidiron tamén no feito de que “estes orzamentos priorizan a atención ás necesidades da veciñanza de Narón, ofrecéndolle servizos de calidade e incrementándoos na medida do posible”. Así mesmo, desde o tripartito naronés valoraron o respaldo que ofreceu Abeledo ao documento contable, que se aprobará mañá nun pleno extraordinario.
O orzamento do Concello de Narón ascende este ano a 31, 8 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,4% con respecto ao ano anterior. Así mesmo, no apartado de investimentos destaca unha partida de 2,8 millóns de euros, da que 2,1 se reservan para servizos públicos básicos. A contención do gasto, a minuciosa xestión realizada, a redución da débeda e a priorización de políticas culturais, deportivas, educativas, sociais e de emprego centrarán as liñas de traballo a seguir durante o presente exercicio, tal e como recalcou a alcaldesa, Marián Ferreiro.
O Voceiro de EU Narón André Abeledo presentou ademais unha serie de propostas nacidas das aportacións da veciñanza e a militancia da nosa organización que o Goberno Local asume, entre outras propuxemos:
- Adquisición para a zona do rural de máis contedores de reciclaxe do lixo.
- Entre as rúas Virxe do Carme e Mariña Española a veciñanza solicita que se coloquen no parque aparatos biosaludables, unha mesa e dous bancos.
- Colocación de puntos de luz na zona da S-116 (Mondouro, Nelle, Castro).
- O estudo da posibilidade e ampliar o “Punto Limpo”.
- Continuidade do traballo e a inversión en fomento do Cooperativismo.
- Reparación de beirarrúas tomando en conta a adaptación para persoas con mobilidade reducida.
- A realización do “estudo de necesidade de vivenda en Narón” xa proposto anteriormente por EU Narón.
- O compromiso de seguir avanzando na recuperación da Memoria Histórica.
Narón, 18 de abril de 2018.
GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN
Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
18 de abril de 2018 15:35
___________________