Amosando publicacións coa etiqueta Marzo do 72. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marzo do 72. Amosar todas as publicacións

mércores, marzo 09, 2022

A CIG convoca manifestación nacional en Ferrol para este xoves 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega 'Somos clase, somos nación. A loita continúa', lema escollido polo 50º aniversario das loitas de 1972


En 2022, 50 anos despois, a loita continúa, coas mesmas reivindicacións nun momento crítico, como o que estamos a vivir

Este ano cúmprense os 50 anos das loitas o 1972 desde as que construímos a historia contemporánea do movemento obreiro galego, por iso nesta data celebramos o Día da Clase Obreira Galega. Con tal motivo a CIG vai realizar unha manifestación nacional de delegadas e delegados o próximo xoves, que sairá ás 12:00 horas da porta de Navantia no Esteiro e rematará no monumento ao 10 de Marzo.

Conmemoramos o 50 aniversario dunhas loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo, continuadas meses despois en Vigo, e que tiveron no asasinato pola policía franquista dos traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel, a maior expresión da represión vivida nesas datas. Son os mártires dunha loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.

No ano 2022, 50 anos despois, a loita continúa, coas mesmas reivindicacións nun momento crítico, como o que estamos a vivir.

A entrada en vigor da nova reforma laboral, da reforma das pensións e doutras reformas que afectan á clase traballadora, teñen lugar cando a carestía da vida chega a cifras históricas, con altísimos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos.

Son reformas nas que nin recuperamos dereitos nin avanzamos en novos dereitos. En verdade estamos ante a consolidación das peores reformas aprobadas polos Gobernos de PSOE e PP na crise financeira, as que se engaden as que están executando o Goberno de PSOE/Unidas Podemos.

A desigualdade de xénero non rematou, continúa e mesmo vai a máis, sen que os gobernos asuman a súas responsabilidades para garantir os dereitos das mulleres.

É inaceptábel que, habendo maioría parlamentaria e un manifesto clamor popular e obreiro, se aposte por enterrar os dereitos, a través do diálogo social, e non se derroguen estas leis inxustas, non se aproben novas leis coas que se remate coa precariedade, a pobreza laboral, se pare a inflación e se garantan a xeración de empregos, salarios e pensións dignas.

Todas estas políticas son novos instrumentos que veñen favorecer as nefastas políticas do PP e de Feixoo en Galiza, sendo a peor solución para poder afrontar de xeito xusto a crise social e industrial que temos en Galiza, a destrución de emprego e aumento da emigración, e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización, e que todo isto está a ter graves consecuencias na destrución de emprego e de precariedade laboral.

A solución non pode ser máis neoliberalismo, máis recortes para satisfacer as duras esixencias impostas pola UE para acceder a uns fondos europeos que están a utilizar para salvar as grandes empresas e non o conxunto das maiorías sociais.

Neste contexto, e con máis dureza, estamos a confrontar na negociación colectiva, facendo fronte a toda esta situación, así como para impedir que nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, decidindo nós de forma directa e democrática sobre as nosas condicións de traballo e non o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO desde Madrid.

Hoxe, máis que nunca, reivindicamos as orixes de onde vimos, co orgullo de formarmos parte dunha historia colectiva e dunha tradición sindical de loita, que ao longo destes anos nos ten levado a ser o que somos, a primeira forza sindical en representación sindical, afiliación e iniciativa social en Galiza. Se o 10 de Marzo é sempre unha data combativa para a CIG, 50 anos despois son moitos os motivos e as razóns para que así sexa. Reforzando a mobilización nas empresas e nas rúas para aumentar a nosa capacidade de confrontar, de avanzar nunha saída galega xusta da crise e para facer real o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra.

Publicado en Avantar. | 08.03.2022

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de março de 2022 13:01

_______

Podemos Ferrol súmase aos actos conmemorativos do 10 de marzo institucionais e á manifestación convocada por CCOO

O vindeiro xoves 10 de Marzo, “Día da Clase Obreira Galega”, Podemos Galicia e Podemos Ferrol, sumarémonos á Manifestación convocada por CCOO, que sairá da porta de Navantia, ás 11:30 h, para chegar ao Monumento do Dez de Marzo, onde terá lugar a ofrenda floral, acto institucional do Concello de Ferrol.

Ferrol, 08 de marzo de 2022

O vindeiro xoves 10 de marzo, data na que se cumpren 50 anos da fatal represión contra a clase obreira ferrolá e galega, Podemos únese os actos convocados polas centrais sindicais e o Concello de Ferrol, asistindo a manifestación que sairá as 11:30 horas da porta de Navantia e que rematará no monumento do Dez de Marzo, onde nos uniremos á ofrenda floral.

O portavoz de Podemos Ferrol, Xosé Iglesias, reclama o concello que se teña en conta a petición lanzada dende as asociacións Memoria Histórica Democrática e a Asociación Cultural Fuco Buxán, para o traslado do Monumento de Xoán Braxe desde o emprazamento marxinal no que se atopa na actualidade ao verdadeiro lugar onde o fatal suceso produciuse, o inicio da Avenida das Pías, e que deberá levar o nome de Praza do Dez de Marzo: “desde o Concello debe facerse un esforzo para que a memoria da nosa cidade teña un lugar predominante, para que os valores que representan o 10 de marzo perduren nas novas xeracións, pola memoria de Amador e Daniel, pero tamén como recoñecemento á loita dos traballadores e traballadoras da cidade durante décadas”.

Os valores do 10 de marzo deben prevalecer máis que nunca, no presente pero tamén no futuro. A loita polos dereitos e a solidariedade deben ser pilar na nosa sociedade” indica Xosé Iglesias ante a conmemoración de esta data. “O recoñecemento da loita e sacrificio de Amador Rey e Daniel Niebla deben ser prioritarios. Non se entende que a petición de recoñecemento deste dous traballadores non saíra adiante nin no Concello nin no Parlamento Galego polo veto do BNG. Non se entende” , engade o portavoz de Podemos Ferrol.

Dende Podemos Ferrol animan a todos os militantes e simpatizantes a que se unan os actos conmemorativos celebrados polas distintas centrais sindicais así como as asociación da cidade ou o propio Concello de Ferrol.

Foto da visita do noso Secreario Xeral de Podemos Galicia e deputado por Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, xunto co portavoz de Podemos Ferrol Xosé Iglesias e o noso compañeiro Rafael Pillado.

Comunicación Podemos Ferrol
Susana López – contacto@ferrol.podemos.info

Portavoz Municipal Podemos Ferrol
Xosé Iglesias - ferrol@circulospodemos.info

Enviado por:
contacto@ferrol.podemos.info
-contacto@ferrol.podemos.info-
8 de março de 2022 12:48

_______

As asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, promotoras da conmemoración do 50 aniversario de Marzo do 72, acordaron participar na manifestación convocada por CCOO e no acto institucional do Concello de Ferrol



Manifestacion 10 de Marzo

O vindeiro xoves 10 de marzo, “Día da Clase Obreira Galega” conmemorando o 50º aniversario daquela data de 1972, as asociacións culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, sumarémonos á Manifestación que convocada por CCOO, sairá da porta de Navantia (porta das áncoras), ás 11,30 h, para chegar ao Monumento do Dez de Marzo, onde terá lugar a ofrenda floral, acto institucional do Concello de Ferrol.

Convidamos aos amigos e amigas, socias e socios a participar destes actos e vos recordamos que tamén estaremos nese punto recollendo firmas para o traslado do Monumento desde o emprazamento marxinal que agora ocupa ao verdadero lugar onde aquel suceso se produxo, a praza contigua que deberá levar o nome de Praza do Dez de Marzo.



10 de Marzo de 1972
50 Aniversario
Memoria e Dignidade


Achegamos: Manifesto. Relación de Adhesións. Logotipo.

Contacto:
10m72.50aniversario@gmail.com

Facebook:
Dez de Marzo Cincuenta Aniversario.

Documentos:

✔ Selo Logotipo 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Apoios ao Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

[*] Contactos:

✔ Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-

✔ Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática -memoriahistoricademocratica@gmail.com-

Relacionado:


Memorábel concerto conmemorativo do 50 aniversario do 10 de Marzo de 1972 - Interpretado polo quinteto de vento metal 'Hércules Brass' - Estrea da peza sinfónica 'Ferrol 1972' - Intevencións Juán Durán, Rafael Pillado e Angel Mato - Dez de Marzo Sempre !! - Memoria e Dignidade - Vídeo e fotos. | Ir a Ártabra 21.

Enviado por:
10M72 50Aniversario
-10m72.50aniversario@gmail.com-
7 de março de 2022 20:36

_______

venres, marzo 04, 2022

Acto na universidade en conmemoración do 50 aniversario de Marzo do 72 - O mércores 9 de marzo, ás 7 da tarde na Facultade de Ciencias do Traballo (Campus de Esteiro - Ferrol)



Acto na universidade en conmemoración do 50 aniversario de Marzo do 72

1972 - 2022
50 Aniversario das Mobilizacións Operarias (e sucesos) de Ferrol


No Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Traballo
Mércores 9 de marzo de 2022, ás 7 da tarde.

Coa participación de:

✅ María Jesús Movilla Fernández
Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsablilidade Social.

✅ Eliseo Fernández Fernández
Documentalista e historiador.

✅ Uxío-Breogán Diéguez Cequiel
Profesor da UCD e director da Cátedra de Memoria Histórica.

✅ José Gómez Alén
Catedrático de EE.MM. e historiador. Vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco.

✅ Bernardo Máiz Vázquez
Doutor en Historia.

Testemuños de Marzo do 72 (represaliados polo seu activismo sindical):

✅ Rafael Pillado Lista

✅ Sari Alabau Albors

✅ Alfonso Tellado Sande

Pechara-se o acto coa actuación do gaiteiros: Roberto Rama Castroagudín e Bernardo Máiz Bar.
_______

Roteiro histórico para conmemorar o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega e lembrar os sucesos e a loita obreira de marzo do 72 na nosa cidade, organizado polo BNG


O BNG PROPÓN UN ROTEIRO HISTÓRICO PARA LEMBRAR O 50 ANIVERSARIO DO DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol invita a participar o vindeiro domingo, 6 de marzo, nun roteiro histórico para conmemorar o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega e lembrar os sucesos e a loita obreira de marzo do 72 na nosa cidade.

Iván Rivas, portavoz do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.

O BNG deseñou un roteiro histórico que, partirá ás 11:30 horas da porta de “Bazán” e repasará diversos aspectos relacionados cos sucesos de marzo do 72: a loita obreira, a represión policial, a solidariedade até o significado desta data e os seus logros. Esta actividade estará guiada polo historiador Joam Lopes e contará, ademais, coa participación de persoas que foron protagonistas destes feitos como: Alfonso tellado, Francisco Rodríguez ou Anxo Ferreiro.

Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, indicou que con esta actividade o BNG quere contribuír a que as conmemoracións do 10 de marzo do 72 non se convertan nun muro das lamentacións e sexan uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza.

O BNG lembra que a tráxica data do 10 de Marzo, as folgas de Vigo desde mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
1 de março de 2022 12:44

_______

xoves, marzo 03, 2022

Acto no Ateneo Ferrolán: 'A última trincheira do 72: vivenzas de muller e de clase', este venres 4 de marzo ás 19,30 h, organizado dende o núcleo do PCG en Ferrolterra


Acto “A ÚLTIMA TRINCHEIRA DO 72: VIVENZAS DE MULLER E DE CLASE
Terá lugar no Ateneo Ferrolán organizado dende o núcleo do PCG en Ferrolterra.

Venres 4 de marzo ás 19,30 h.

A través da voz e experiencias de Sari Alabau, Manuela López, Fina Varela e María Alarcón.

Camaradas que na súa triple condición de muller, obreiras e comunistas foron o sostén dunha xornada de loita e solidariedade de clase que fixo tremer ao país.

Presenta o acto a camarada Belén Aneiros.

#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
3 de março de 2022 12:44

_______

Presentación en Ferrol do trailer promocional do filme '10 de Marzo', de Roi Cagiao, este venres 4 de marzo ás 12 do mediodía


O VENRES 4 DE MARZO ás 12:00 horas presentase no Ateneo Ferrolán o trailer promocional do filme 10 DE MARZO, que aborda por primeira vez en formato de longametraxe documental os acontecementos do 10 de Marzo de 1972 en Ferrol, os feitos máis icónicos da loita polas liberdades e os dereitos sociais no noso país no tramo final do franquismo.
 
Unha presentación que se enmarca dentro dos actos do 50 aniversario do 10 de marzo en Ferrol que contará coa presenza do director Roi Cagiao e o produtor executivo Emilio J. Fernández para a presentación do trailer oficial.
 
O filme narra, cronoloxicamente, dende a elección do xurado de empresa en 1972, a negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo e a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado “Proceso dos 23” no que os principais protagonistas foron xulgados tres anos máis tarde.
 
A través de entrevistas aos protagonistas dos feitos, materiais de arquivo fotográficos e documental de época e secuencias dramatizadas sobre algún dos
momentos máis importantes da trama, o filme reconstrúe os acontecementos. Roi Cagiao e a produtora Arthur Gordon, despois da exitosa ‘Vigo 1972’
volven a afondar na historia social galega contemporánea con este novo filme que se estreará en salas de cine a finais de 2022.
 
10 DE MARZO conta co patrocinio do Concello de Ferrol, o Sindicato Nacional de CCOO Galicia e Navantia, e coa participación de Fuco Buxán, Fundación 10 de Marzo, Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia e Witland Centro Negocios.

#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
3 de março de 2022 11:56

_______