Amosando publicacións coa etiqueta ODS-Coia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ODS-Coia. Amosar todas as publicacións

luns, outubro 20, 2014

No Día Internacional contra a riqueza iniciamos a campaña "Da RISGA á RBis"


O 17 de outubro Día Internacional para a Erradicación da Pobreza.


A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Vitoria, o Grupo de Axitación Social (GAS) e as xentes de Baladre saímos á rúa nesta data, que xa o ano pasado rebautizamos como Día contra a riqueza, para denunciar unha vez máis que a riqueza acumulada nas mans duns poucos non fai máis que medrar a costa dunha maioría de persoas cada vez máis ampla que padece a crecente precarización das súas condicións de vida.

Os datos, e mais aló dos datos a realidade cotiá coa que nos enfrontamos, non deixan lugar a dúbidas: seis de cada dez familias galegas seguen a ter dificultades para chegar a fin de mes; pola contra, o 10% máis rico dos fogares europeos acumula a metade da riqueza do continente, os dez magnates máis ricos de Europa posúen unha fortuna case dez veces maior ao gasto español previsto en desemprego para o 2015 e a fortuna de Amancio Ortega equivale ao 87% do PIB galego.

Fronte a esta realidade de inxustiza, precariedade e exclusión á que nos condena o capitalismo, nós queremos presentar publicamente neste Día contra a riqueza a campaña galega “Da RISGA á RBis”, que ten como obxectivo visualizar o inútil que resulta a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) como ferramenta de transformación social e de loita contra o empobrecemento, así como defender a necesidade de superar estes modelos asistenciais e de loitar pola Renda Básica das iguais (RBis), definida como o dereito individual, universal e incondicional a recibir unha cantidade periódica que cubra as necesidades elementais.

Moitas veces temos denunciado que a terrible situación de empobrecemento e precariedade que padecen tantas persoas e familias en Galicia está a ser agravada dun xeito intolerable pola resposta da Xunta, que pasa case exclusivamente por unha RISGA insuficiente e excluínte, que pouco axuda e nada transforma. Orzamentos que rozan a miseria, contías mínimas e escasa cobertura, longos tempos de espera que se prolongan ata os oito meses, burocracia excesiva, requisitos rigorosos que deixan sen acceso a moita xente, incompatibilidades absurdas, esixencias a modo de contraprestación de participar en proxectos de inserción sen seguimento e inútiles, e mesmo obstáculos para obter o resgardo de entrega da solicitude... son algúns dos problemas que evidencian que a Xunta de Galicia non está a cumprir coa súa obriga de dar unha solución real e eficaz para cubrir as necesidades básicas das galegas e galegos.

Sen dúbida, un dos aspectos máis crueis é o que ten que ver cos atrasos na concesión da RISGA, cunha demora totalmente inaceptable por tratarse dunha axuda dirixida a persoas e familias nunha situación de verdadeira emerxencia social. A finais de agosto, sen ir máis lonxe, a Xunta recoñecía que estaba a resolver as solicitudes de decembro do 2013, o que é o mesmo que recoñecer que está a incumprir o establecido pola lexislación vixente no que atinxe aos prazos de resolución desta axuda (a Xunta ten 2 meses para resolver dende a entrada de toda a documentación, mentres que os concellos teñen 1 mes para enviar a documentación completa á Xunta).

Tampouco se está a dar présa a administración autonómica en elaborar e publicar o decreto que debe desenvolver e aclarar a citada Lei de inclusión social, publicada o 31 de decembro de 2013. Aínda que na aprobación da mesma se falaba dun  prazo de 6 meses, pasaron xa dez sen que nada novo se saiba, o que contribúe a incrementar a incerteza e indefensión da que son vítimas as persoas solicitantes da RISGA. Por poñer un exemplo, no que ten que ver coa solicitude dos atrasos coa anterior lei, aínda que nun primeiro momento falaban de recoñecemento automático en casos de RISGA nova e tras solicitude na antiga, sempre con data do mes seguinte á petición da última documentación requirida, semella que a estas alturas non teñen nada claro aínda como van tramitalo.

Ante a grave situación referida, non podemos deixar de denunciar, en primeiro lugar, que menten cando dan por única resposta ás nosas críticas e demandas iso de que “non hai cartos”. Fronte os recortes sociais e a súa imposta “austeridade” mal entendida, basta un exemplo significativo que vén de ser denunciado publicamente: a Consellería de Traballo e Benestar malgasta mil euros diarios en pagar a un número esaxerado de asesores contratados a dedo e que están ao servizo exclusivo da conselleira Beatriz Mato.

E finalmente non podemos deixar de denunciar, unha vez máis, o insuficiente e inútil da Renda de Inclusión Social de Galicia en termos de transformación social e de loita contra o empobrecemento. Por iso nós, e moitos colectivos e persoas, defendemos a necesidade de superar estes modelos de “rendas ou salarios para pobres”, para dar paso á Renda Básica das Iguais, concibida como o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades elementais. Fronte a unha RISGA subsidiaria e restritiva, familiar e condicionada, a RBisten carácter universal, persoal e incondicional. A RBisé suficiente e digna; a RISGA, escasa e miserable. Finalmente, a RBis é un instrumento máis de xustiza e redistribución da riqueza, mentres a RISGA supón un instrumento de fiscalización, exclusión e perpetuación da esmola asistencial.

Porque temos dereito a vivir con dignidade: RENDA BÁSICA das iguais, XA!

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732
Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
17 de outubro de 2014 16:30
Debido ao mal tempo cancelamos onte os actos previstos para celebrarmos o Día contra a riqueza 2014. Malia non estar hoxe na rúa recollendo sinaturas da ILP pola Renda Básica, non queremos desaproveitar esta data para achegar o texto de presentación da campaña galega: “Da RISGA á RBis”. Achegamos o manifesto que tiñamos preparado para este mediodía.
___________________

venres, setembro 26, 2014

A RISGA e a Renda Básica: da esmola institucionalizada ao reparto da riqueza


Este verán, visitou Ferrol Terra a Caravana Baladre 2014. Unha escola social de verán organizada por esta rede internacional, que na ruta Barakaldo-Vigo, realizou aprendizaxe e intercambio de loitas e experiencias de construción de alternativas desde as comunidades. A xente de Baladre, convidou á Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra a ser a súa guía no seu paso por Ferrol, para intentar un intercambio de experiencias na construción de alternativas. Entre outras, foi a Renda Básica das Iguais, unha das reivindicacións básicas que se traían na mochila. As compañeiras e compañeiros da ODS-Coia, onde rematou a citada Caravana, forman parte deste movimento social en defensa d@s que menos teñen, pola xustiza social e o benestar do pobo. Agora queremos compartir con vós, esta análise e denuncia das políticas de inclusión social do Partido Popular desde o mal-goberno da Xunta de Galicia.


A RISGA e a Renda Básica: da esmola institucionalizada ao reparto da riqueza

Moitas veces temos denunciado que a terrible situación de empobrecemento e precariedade que padecen tantas persoas e familias en Galicia está a ser agravada dun xeito intolerable pola resposta insuficiente e precaria da Xunta, que pasa case exclusivamente por unha RISGA insuficiente e excluínte, que pouco axuda e nada transforma. Orzamentos que rozan a miseria, contías mínimas e escasa cobertura, longos tempos de espera que se prolongan ata os oito meses, burocracia excesiva, requisitos  rigorosos que deixan sen acceso a moita xente, incompatibilidades absurdas, esixencias a modo de contraprestación de participar en proxectos de inserción sen seguimento e inútiles, e mesmo obstáculos para obter o resgardo de entrega da solicitude... son algúns dos problemas que evidencian que a Xunta de Galicia non está a cumprir coa súa obriga de dar unha solución real e eficaz para cubrir as necesidades básicas das galegas e galegos.

Sen dúbida, un dos aspectos máis crueis é o que ten que ver cos atrasos na concesión da RISGA, cunha demora totalmente inaceptable por tratarse dunha axuda dirixida a persoas e familias nunha situación de verdadeira emerxencia social. A finais de agosto, sen ir máis lonxe, a Xunta recoñecía que estaba a resolver as solicitudes de decembro do 2013, o que é o mesmo que recoñecer que está a incumprir o establecido pola lexislación vixente no que atinxe aos prazos de resolución desta axuda (tres meses para as solicitudes feitas antes do 1 de xaneiro deste ano, data na que entrou en vigor a nova Lei de inclusión social de Galicia; dous meses para as solicitudes entregadas dende entón).

Tampouco se está a dar presa a administración autonómica en elaborar e publicar o decreto que debe desenvolver e aclarar a citada Lei de inclusión social, publicada o 31 de decembro de 2013. Aínda que na aprobación da mesma se falaba dun  prazo de 6 meses, pasaron xa oito sen que nada novo se saiba, o que contribúe a incrementar a incerteza e indefensión da que son vítimas as persoas solicitantes da RISGA. Por poñer un exemplo, no que ten que ver coa solicitude dos atrasos coa anterior lei, aínda que nun primeiro momento falaban de recoñecemento automático en casos de RISGA nova e tras solicitude na antiga, sempre con data do mes seguinte á petición da última documentación requirida, semella que a estas alturas non teñen nada claro aínda como van tramitalo.

Ante a grave situación referida, non podemos deixar de denunciar, en primeiro lugar, que menten cando dan por única resposta ás nosas críticas e demandas iso de que “non hai cartos”. Fronte os recortes sociais e a súa imposta “austeridade” mal entendida, basta un exemplo significativo que vén de ser denunciado publicamente: a Consellería de Traballo e Benestar malgasta mil euros diarios en pagar a un número esaxerado de asesores contratados a dedo e que están ao servizo exclusivo da conselleira Beatriz Mato.

E finalmente non  podemos deixar de denunciar, unha vez máis, o insuficiente e inútil da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) en termos de transformación social e de loita contra o empobrecemento. Por iso nós, e moitos colectivos e persoas, defendemos a necesidade de superar estes modelos de “rendas ou salarios para pobres”, para dar paso á Renda Básica das Iguais, concibida como o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades elementais. Fronte a unha RISGA subsidiaria e restritiva, familiar e condicionada, a Renda Básica ten carácter universal, persoal e incondicional. A Renda Básica é suficiente e digna; a RISGA, escasa e miserable. Finalmente, a Renda Básica é un instrumento máis de xustiza e redistribución da riqueza, mentres a RISGA supón un instrumento de fiscalización, exclusión e perpetuación da esmola asistencial.

Coia, setembro 2014

ODS-Coia e Parroquia Cristo da Vitoria.
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | dereitossociais@gmail.com |@odscoia | tel: 696 618 732 | Atendemos os luns de 17h00 a 19h00 nos locais da parroquia do Cristo da Victoria en Coia (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
25 de setembro de 2014 16:35

__________________

Rede Social de Ferrol Terra

Encontro | Foro | Rede de Apoio Mutuo | Arméria Soc. Coop. Galega

Directorio (Teléfonos, Correos, Sitios-e)

http://redesocialdeferrolterra.blogspot.com.es/

|||||||||||||||||||||||||||||||||
___________________________

domingo, decembro 15, 2013

Así foi a cadea humana deste domingo 15 de Decembro en Coia-Vigo: O diñeiro de todas para todas !


OS CARTOS DE TODAS PARA TODAS!


Hoxe 15 de decembro ás 13:15 horas centos de persoas, convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS), formaron unha cadea humana que saíu da Parroquia Cristo da Victoria e avanzou ao longo da Avenida Castelao baixo o lema “Os cartos de todas para todas!”, co obxectivo de esixir uns orzamentos xustos para Vigo e Galiza. A cadea humana culminou o seu percorrido coa lectura dun manifesto que adxuntamos con rogo de publicación.

ODS-Coia

Parroquia Cristo da Victoria de Coia

Grupo de Axitación Social (GAS)

Manifesto

Os cartos de todas para todas! O dicimos na rúa, o dicimos con razóns, o dicimos colectivamente e non pararemos ata que os poderes sintan que roubarnos as nosas vivendas, a nosa saúde, a nosa educación, as nosas pensións, os nosos dereitos, as nosas VIDAS... non lles vai ser doado. Só en Galiza hai máis de 650.000 persoas por baixo do limiar da pobreza, mentres unhas poucas familias acumulan a riqueza de todas de modo insultante. Pero a crúa realidade que vivimos pode ter outra cara se somos quen de aglutinar forzas que traballen arreo pola transformación radical deste sistema asasino.

Para dita transformación hai múltiples ferramentas que poden ser útiles, sen dúbida os orzamentos de Vigo e Galiza son mecanismos moi importantes para corrixir as desigualdades e redistribuír a riqueza. Se os cartos os levan compañías aéreas ou grandes construtoras, non os haberá para garantir o dereito á vivenda nesta cidade. Se os cartos se tiran en portos exteriores ou na cidade da Cultura, non os haberá para prestacións sociais ou para a saúde de todas.

Os orzamentos non son nin de Núñez Feijóo, nin de Abel Caballero. Son nosos, son das persoas. Por iso defendemos que se dediquen a cubrir as necesidades básicas de todas. Procuramos unha vida austera e digna para todas, e non podemos agardar máis.

Pouco din do que van facer cos nosos cartos, cando algo din amosan o afastados que están da crúa realidade. Dous exemplos:
  • O 29 de maio deste ano a conselleira de Traballo e Benestar no parlamento galego dixo que os cartos que a Xunta destina á RISGA fan que «ningún galego nin ningunha galega estean a pasar fame na nosa comunidade» 1. Nada dixo nesa sesión de que os tempos de agarda pola RISGA superan a legalidade chegando aos 8 ou 9 meses de agarda ou que a contía media de dita prestación por unidade familiar é inferior aos 400€/mes.
  • Esta semana o alcalde de Vigo declaraba que presentarán os orzamentos municipais de 2014 «cuando sea más conveniente para la ciudad» 2. Á cidadanía de Vigo úrxelle saber cantos cartos vai poñer o concello para por exemplo garantir o dereito á vivenda na cidade ou para eliminar a “pobreza enerxética” posto que as compañías eléctricas e os propietarios das vivendas non agardan para cortar a luz ou tramitar a orde de desafiuzamento.
Por todo isto volvemos a chamar á nosa xente para unirse nesta cadea humana coa que esixir uns orzamentos xustos para Vigo e Galiza. Temos moi claro que xuntas somos máis fortes e que precisamos con urxencia que os cartos de todas estean a disposición das persoas e das necesidades básicas para a vida.

Como hai un ano rematamos:

  • Porque é urxente, resposta inmediata ás situacións de emerxencia social das familias!
  • Porque é a súa obriga, incremento significativo do investimento social nos orzamentos!
  • Porque é de xustiza, respecto aos dereitos sociais de todas as persoas!

Coia, 15 de decembro de 2013

ODS-Coia, G.A.S. e Parroquia “Cristo da Victoria” - Coia

Imaxes da cadea humana:
http://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157638698478946/
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | dereitossociais@gmail.com |@odscoia | tel: 696 618 732
Atendemos os luns de 17h00 a 19h00 nos locais da parroquia do Cristo da Victoria en Coia (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
15 de dezembro de 2013 16:27

http://odscoia.arkipelagos.net/
_______________________

luns, setembro 30, 2013

Vivir dignamente é un dereito - Interesante Vídeo que nos envian desde Coia - Vigo


"Vivir dignamente é un dereito”, é o berro compartido que, desde a última imaxe do seguinte vídeo, nos fala do contido da campaña que desenvolvinmos a ODS-Coia e a Parroquia Cristo da Vitoria de Coia durante o 2013 cun dobre obxectivo: denunciar o crecente empobrecemento que padecemos unha gran parte da cidadanía e esixir ás administracións públicas que cumpran coa súa obriga de garantir os dereitos sociais de todas as persoas a través da implantación da renda básica.

Foi gravado durante a festa d'A Bouza 2013.

Agardamos que o disfrutedes!


Vivir dignamente - Bouza 2013
from arealidade on Vimeo.

O vídeo neste enlace: https://vimeo.com/74489629
---
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | dereitossociais@gmail.com |@odscoia | tel: 696 618 732
Atendemos os luns de 17h00 a 19h00 nos locais da parroquia do Cristo da Victoria en Coia (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
29 de setembro de 2013 23:41

_________________